DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2010 Páx. 16.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 159/2010, do 9 de setembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Carnota.

O Concello de Carnota, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a aprobación definitiva desta.

A compentencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único-. Aprobar a bandeira do Concello de Carnota, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

No pano de azul unha banda ondeada de branco da parte alta da hasta ata a baixa da batente, acompañada dunha estrela de seis puntas de marelo no oco da batente e de dúas torres de prata mazonadas de negro na da hasta.

As dúas torres aluden ás fortificacións medievais San Jurgium e Canetu, situadas nos lugares hoxe coñecidos como Penafiel (monte Pindo) e Castelo, que se edificaron para defensa e protección da comarca; a onda representa o río Ézaro ou Xallas coa súa fervenza e o océano Atlántico para salientar a importancia que o mar ten entre a poboación do municipio; a estrela alude a un antigo medallón de bronce atopado no citado monte arredor do ano 1875, interpretado polo arqueólogo Lehmann Nitsche como a representación popular da constelación sideral Pléiades.

Santiago de Compostela, nove de setembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "18800D005P009.PDF"