DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Mércores, 03 de novembro de 2010 Páx. 18.023

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

DECRETO 180/2010, do 21 de outubro, polo que se establecen axudas sociais de carácter extraordinario a favor de pensionistas de xubilación e invalidez, na súa modalidade non contributiva, a favor de persoas perceptoras do fondo de asistencia social e de persoas beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 18.1º c) inclúe as prestacións económicas orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias no catálogo de servizos sociais e o artigo 21.1º establece que son prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as achegas en diñeiro, de carácter periódico ou de pagamento único, que teñan por finalidade, entre outras, paliar situacións transitorias de necesidade.

Con base na referida habilitación legal, a disposición adicional novena da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2010, recolle a creación dun fondo extraordinario de axudas económicas con destino ás persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, ás de pensións do fondo de asistencia social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).

A referida disposición normativa habilita o Consello da Xunta de Galicia, logo de proposta do departamento competente en materia de benestar social e logo do informe da Consellería de Facenda, para a aprobación das normas de desenvolvemento necesarias para a determinación do importe, recoñecemento do dereito e pagamento das axudas que se establecen para este ano 2010.

En cumprimento do previsto na disposición adicional citada, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia entende que as persoas beneficiarias das pensións non contributivas da Seguridade Social de invalidez e de xubilación, as do fondo de asistencia social (FAS) e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM) se encontran nunha situación xeneralizada de precariedade económica, tendo en conta a contía da prestación que perciben e o seu baixo nivel de renda.

Por todo iso, e coa finalidade de contribuír á mellora da súa renda, considérase oportuno o establecemento de axudas sociais de carácter extraordinario e anual para as persoas que perciban en Galicia as devanditas pensións. Esta axuda será distinta das do Sistema da Seguridade Social e das que poida outorgar a Administración xeral do Estado, e será compatible con elas.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, e logo de deliberación co Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto o establecemento de axudas sociais extraordinarias a favor das persoas beneficiairas de pensións de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas, do fondo nacional de asistencia social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).

Artigo 2º.-Carácter.

Estas axudas sociais, persoais e intransferibles, teñen carácter extraordinario e non se consolidarán para o futuro.

Artigo 3º.-Contía e pagamento.

A contía individual destas axudas fíxase en 206 euros, que se aboarán mediante un pagamento único, que se realizará de oficio, sen que se precise solicitude da persoa interesada. Este pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria na conta onde teñan as persoas beneficiarias domiciliado o percibo ordinario da súa prestación.

Artigo 4º.-Financiamento.

As obrigas que se recoñezan como consecuencia da aplicación deste decreto serán financiadas co cargo á aplicación orzamentaria 2010.12.02.312A.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Requisitos.

Serán persoas beneficiarias destas axudas sociais de carácter extraordinario as que perciban pensións de invalidez e xubilación na súa modalidade non contributiva, as do fondo nacional de asistencia social (FAS) e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM), en que concorran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de alta na data de entrada en vigor deste decreto.

b) Ter a residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia na data de entrada en vigor deste decreto.

Artigo 6º.-Suspensión e perda.

A suspensión e perda do dereito á percepción destas axudas de carácter extraordinario producirase nos mesmos supostos previstos para as pensións a que se refire o artigo 1º, correspondendo á persoa titular do correspondente Departamento Territorial da Consellería de Traballo e Benestar a declaración das ditas situacións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto, dentro do ámbito das súas competencias.

Segunda.-Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar