Por iniciativa das correspondentes asociacións poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións.
Os expedientes foron instruídos de conformidade co previsto no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública, e neles consta a documentación e os informes previstos na citada norma.
O Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións, asigna estas funcións á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecendo que será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da instrución do procedemento polo órgano correspondente.
De conformidade cos informes favorables de declaración de utilidade pública, emitidos polos instrutores dos expedientes,
RESOLVO:
Primeiro.-Declarar de utilidade pública as seguintes asociacións inscritas no Rexistro Central de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia:
Denominación: Asociación Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).
Nº de rexistro: 2004/7644-1ª.
Denominación: Asociación Galega de Hemofilia.
Nº de rexistro: 2003/6348-1ª
Segundo.-Declarar de utilidade pública a seguinte asociación inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Lugo
Denominación: Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Monforte (Afamon).
Nº de rexistro: 2001/2425-1ª.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administratiovo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2010.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

