DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 18 de novembro de 2010 Páx. 18.886

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Preámbulo

Galicia conta, ademais de cun territorio integrado en concas hidrográficas de xestión do Estado, cunha propia conca hidrográfica integramente incluída no seu territorio, coñecida como Galicia-Costa. No ámbito territorial desta conca, a Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencia exclusiva (artigo 27º.12 do Estatuto de autonomía) e, polo tanto, co axeitado fundamento xurídico de acadar unha regulación que responda aos seus propios intereses. Neste senso, a Comunidade Autónoma levou a cabo ata o momento unha tarefa de regulación en materia de augas, aínda que as normas ditadas se centraron fundamentalmente no plano organizativo.

Por outro lado, a política de augas require tamén das infraestruturas imprescindibles para levala a cabo. A política de augas de Galicia oriéntase fundamentalmente a dar satisfacción á cidadanía nas súas necesidades de auga potable de calidade, o que implica asemade a depuración e o saneamento das residuais que resulten do consumo urbano. A consecuencia é a necesidade de dispoñer de sistemas eficaces de abastecemento (o cal inclúe adución, potabilización e distribución) e de depuración e saneamento de augas residuais (o cal inclúe redes de sumidoiros, colectores, depuradoras e conducións de vertedura). Todo iso explica un esforzo continuado, e que deberá proseguir, de construción e mantemento de infraestruturas, para o que se requiren os recursos financeiros e económicos suficientes. Diso deriva a necesidade de dispoñer dun marco xurídico que regule un sistema tributario mediante o cal os beneficiarios dos servizos de abastecemento e de depuración cooperen á súa construción e ao seu

mantemento.

Asemade, na política medioambiental son cada vez máis normas con orixe supranacional as que determinan o contido dos dereitos e das obrigas da cidadanía, o que é o mesmo que dicir as competencias e a maneira de as exercer dos poderes públicos. Non sucede de xeito distinto ao indicado no ámbito da auga, no que, en particular, o dereito comunitario ten unha relevancia crecente de día en día. E trátase dun dereito comunitario que presenta, ademais, exixencias moi específicas no ámbito dos obxectivos ambientais por acadar e das técnicas axeitadas para iso; moitas veces enmarcadas as súas decisións pola afirmación de dereitos dos cidadáns e das cidadás á información e á participación na formación das decisións públicas, como demostra a Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas. Esta directiva xa foi obxecto de sucinta transposición ao ordenamento xurídico

español polo artigo 129 da Lei 62/2003, pero debe así mesmo quedar reflectida nesta lei.

Deste xeito resúmense os motivos que impulsan esta lei, aos que se debe engadir a convicción de que desta maneira se coopera á prestación do mellor servizo á cidadanía no marco da consecución da eficacia, principio constitucional que ha ser directriz da actuación de todas as administracións públicas (artigo 103º.1 da Constitución española).

Estatutariamente, a maiores do xa mencionado artigo 27º.12º, cómpre ter en conta outros títulos xurídicos que serven para avalar o contido da lei. Así e no tocante ás normas de creación e organización da Administración hidráulica de Galicia, a entidade Augas de Galicia, o artigo 28º.1 do Estatuto de autonomía, que lle atribúe a esta comunidade a competencia de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado no relativo ao «réxime xurídico da Administración pública de Galicia e réxime estatutario dos seus funcionarios», así como o seu artigo 39º: «Correspóndelle á Comunidade Autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado». Polo que respecta ao réxime económico-financeiro previsto nesta lei, coa creación do canon da auga, o seu fundamento reside no artigo 44 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Esta lei consta de noventa e tres artigos, divididos en sete títulos, con catorce disposicións adicionais, seis disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras, así como tres anexos. As rúbricas dos títulos fan referencia a «Disposicións de carácter xeral» (título I, artigos 1º-6º), «Da Administración hidráulica de Galicia» (título II, artigos 7º-23º), «Do abastecemento de poboacións e do saneamento e a depuración das augas residuais» (título III, artigos 24º-39º), «Da política de recuperación dos custos dos servizos» (título IV, artigos 40º-74º), «Da planificación hidrolóxica» (título V, artigos 75º-79º), «Do réxime especial de protección da calidade das augas das rías de Galicia» (título VI, artigos 80º-83º) e «Do réxime de infraccións e sancións» (título VII, artigos 84º-93º).

O título I (artigos 1º a 6º) dedícase a fixar o obxecto e a finalidade da lei (artigo 1º), levar a cabo unha serie de definicións (artigo 2º), construír os principios de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de auga e obras hidráulicas (artigo 3º), enumerar as competencias desta Comunidade (artigo 4º) e dos entes locais (artigo 5º) e a especificar cales son as demarcacións hidrográficas en Galicia (artigo 6º).

Os dous primeiros preceptos teñen unha clara vocación instrumental ou auxiliar en relación co conxunto da lei e coa súa lectura e interpretación. O artigo dedicado á enumeración dos principios de actuación da Comunidade Autónoma (artigo 3º) pretende situar esta actuación dentro do conxunto do que xenericamente, pero con fórmula ben acertada no concreto da súa descrición, veu en chamarse o desenvolvemento sustentable. Ante todo, a auga é un recurso natural e, polo tanto, débese aplicar ao seu aproveitamento o principio xeral de utilización racional dos recursos naturais ao que se refire o artigo 45 da Constitución española, sintonizando tamén coa devandita Directiva 2000/60/CE. Por outra parte, tamén se deixa claramente sentado o respecto á unidade de conca como territorio no que levar a cabo a xestión das augas, o que implica a existencia dunha previa planificación hidrolóxica, así como o papel que ten que ter a participación dos cidadáns e das cidadás e das persoas usuarias na

xestión da auga.

Canto á regulación das competencias de Galicia (artigo 4º), son as cuestións das augas e obras hidráulicas as de tratamento xeral, ás que se engaden as obrigadas mencións á planificación, a organización e a relación coas comunidades de persoas usuarias incluídas nas concas internas; namentres que nas concas atribuídas á xestión do Estado as competencias da Comunidade Autónoma se moven fundamentalmente no plano da participación na adopción de decisións, sen prexuízo da posibilidade de adopción de medidas adicionais de protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos (artigo 27º.30 do Estatuto de autonomía). As competencias da Comunidade Autónoma non se esgotan coas mencionadas, senón que se deberán engadir as que teña no plano do abastecemento e o saneamento e no marco do réxime económico-financeiro.

Regula tamén o texto legal as competencias dos entes locais (artigo 5º) e faino mediante a referencia expresa ao que indica a lexislación básica en materia de réxime local: mencións, entón, ao abastecemento de auga potable ou á rede de sumidoiros, ao tratamento de augas residuais e ao seu control sanitario, demostrando deste xeito a lei a súa vontade de respecto aos principios fundamentais do ordenamento xurídico, entre eles o principio constitucional de autonomía municipal.

Conclúe o título I cunha enumeración das demarcacións hidrográficas en Galicia, como concepto proveniente da Directiva 2000/60/CE e como expresión dos ámbitos territoriais diferenciados nos que se poderán desenvolver as competencias e as técnicas de intervención reguladas na lei.

En canto ao título II, en Galicia o aparato organizativo en materia de augas e obras hidráulicas estivo ata agora constituído polo organismo autónomo de carácter administrativo Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, ambas as dúas creadas pola Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia. Esta lei pretende rematar con esta dicotomía organizativa, insuficientemente fundamentada, e para iso créase a entidade Augas de Galicia como ente público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e competencias, co que se dispón a supresión daquelas dúas entidades.

A natureza de entidade de dereito público para Augas de Galicia (artigo 9º) busca outorgarlle as máximas posibilidades e flexibilidade de funcionamento. Iso leva como consecuencia que a entidade axustará regularmente a súa actuación ao dereito privado, agás as excepcións que prevé esta lei. Trátase, xa que logo, da regulación dunha entidade de dereito público das referidas no artigo 12º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Aquela estará adscrita á consellaría que en cada momento dispoña das competencias en materia de augas.

No que se refire a competencias, a vontade da lei é facer da entidade Augas de Galicia a administración única e ordinaria da política de augas en Galicia (descontando, obviamente, a que lles corresponda nas concas intercomunitarias aos órganos do Estado), atribuíndolle (artigo 11º) as competencias xerais que no ámbito das augas e as obras hidráulicas foron establecidas no título I, e engadindo as competencias propias da política de abastecemento e de saneamento, así como a intervención na planificación territorial e urbanística que lle corresponde á Administración da Comunidade Autónoma. Faise tamén unha particular mención no ámbito das verteduras coa referencia das competencias da nova entidade, que, en xeral, lles confire a lexislación aplicable nesta materia aos organismos de conca.

Canto á organización de Augas de Galicia, o seus órganos de goberno son a presidencia, o consello de administración e a dirección, e como órgano de participación o Consello para o Uso Sustentable da Auga. A presidencia será desempeñada pola persoa titular da consellaría competente en materia de augas. O consello de administración é, ademais dun órgano de goberno, aquel no que se fai visible unha participación das persoas usuarias e das entidades locais. E a dirección é órgano de goberno e ordinario de execución das funcións administrativas de Augas de Galicia. Por outra banda, o Consello para o Uso Sustentable da Auga é o órgano de participación das distintas entidades públicas e privadas con competencias e intereses vinculados á auga así como dos cidadáns e das cidadás de Galicia (artigo 16º). Desenvolve as súas actividades fundamentais no ámbito da planificación hidrolóxica e, en xeral, ten recoñecidas facultades informativas e de proposta.

O título III da lei dedícase á regulación das políticas de abastecemento e de saneamento que deberán desenvolver a Administración da Comunidade Autónoma a través de Augas de Galicia e as entidades locais. Esas políticas teñen o fundamento claro (artigo 24º) de garantir a subministración de auga en cantidade e calidade axeitada a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos no marco do que indique a planificación hidrolóxica aplicable (no caso do abastecemento), e contribuír a acadar o bo estado ecolóxico das augas e dos seus ecosistemas asociados mediante o cumprimento dos obxectivos que nesta materia fixe a lexislación aplicable (no caso do saneamento e da depuración de augas residuais).

Trátase aquí das competencias da Comunidade Autónoma en materia de abastecemento e de saneamento (artigo 26º); entre elas faise referencia á elaboración dos instrumentos de planificación regulados no mesmo título III, así como á elaboración e a aprobación dos proxectos de obras e á súa execución cando se trate de actuacións declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia. En correspondencia coas competencias da Comunidade Autónoma, regúlanse as das entidades locais (artigo 27º), onde, de novo, a mención aos conceptos da lexislación básica de réxime local é imprescindible como punto de partida da regulación dunhas funcións específicas, entre as que se contan os proxectos de obra da súa competencia e a súa execución así como a explotación dos seus servizos.

Cabe destacar a declaración de interese da propia Comunidade Autónoma (artigo 28º), que abrangue a xeneralidade das actuacións previstas na planificación de abastecemento e de saneamento, comprendendo integramente o servizo de depuración de augas residuais urbanas. Esa declaración significa a asunción de competencias sobre elas, o que arrastra facultades de elaboración e execución de proxectos e ten consecuencias financeiras tamén. Diso deriva a regulación do réxime xurídico das obras de interese da Comunidade Autónoma, en consonancia coa normativa vixente sobre esta materia. Na disposición adicional oitava esténdense eses efectos a outras obras hidráulicas para os efectos de garantir un tratamento homoxéneo, como, por exemplo, no caso de actuacións urxentes que non foran incluídas na planificación.

A lei contén tamén disposicións específicas no ámbito do abastecemento e o saneamento, entre as que se deben sinalar moi especialmente as facultades de regulamentación xeral de ambos os servizos -como técnica harmonizadora das ordenanzas locais- e as da súa correspondente planificación. Para eses efectos establécense dous instrumentos básicos de planificación: o Plan xeral galego de abastecemento e o Plan xeral galego de saneamento, cuxo contido mínimo se atopa especificado nos artigos 36º e 37º, respectivamente.

No título IV asúmese o principio comunitario de recuperación de custos dos servizos relacionados coa auga (artigo 9º da directiva marco) por parte de todas as administracións intervenientes no ciclo da auga (artigo 40º). Galicia faino mediante a creación do canon da auga, como tributo propio afectado aos programas de gasto da Comunidade Autónoma de Galicia en materia do ciclo da auga, como se sinala no artigo 44º da lei, e coa do coeficiente de vertedura a sistemas de depuración, como taxa específica para a prestación deste servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia.

O novo réxime económico-financeiro queda informado polos principios de suficiencia financeira, recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, practicabilidade, solidariedade intraterritorial e xustiza tributaria. En relación co contido destes principios débese indicar, en primeiro lugar e verbo do principio de suficiencia financeira, que cómpre buscar a sustentabilidade do sistema, de xeito que teña capacidade real de dar cobertura aos programas de gastos executados pola Comunidade Autónoma de Galicia no que respecta ao ciclo da auga. Inmediatamente relacionado co anterior principio atópase o de recuperación de custos, cuxos últimos fundamentos se deben buscar, como xa foi adiantado, na Directiva marco da auga. O canon da auga tende ao sostemento de programas de gasto que son ineludibles e que en España están asumindo as comunidades autónomas en canto que son da súa competencia. Sen fórmulas realistas que permitan a recuperación dos custos sobre aqueles que se benefician

destes programas, as políticas non terán a oportunidade de se despregar en toda a súa potencialidade.

Enumérase como un terceiro principio o de practicabilidade, en función da execución real de competencias por cada nivel de goberno e ofertando moita claridade no tocante ás relacións entre os diversos instrumentos económicos propios de cada unha das administracións afectadas. Supérase así a concepción estritamente finalista do canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, de xeito que o canon da auga é una figura que, por se configurar cunha certa independencia das accións concretas de depuración das augas residuais, pode convivir coas taxas locais, prevéndose, iso si, o establecemento dun coeficiente específico destinado á recuperación dos custos asumidos pola Comunidade Autónoma pola prestación directa do servizo de depuración, declarado de interese de Galicia.

A razón de ser entre o canon e o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración é dobre: por unha banda, esa dualidade serve para recuperar os custos medioambientais aos que se refire a Directiva marco da auga e, por outra, para permitir a realización de principios como o de solidariedade intraterritorial e o de xustiza. O principio de solidariedade intraterritorial pretende, respectando o exercicio das súas competencias por aqueles entes locais que queren e son capaces de as levar a cabo, que a Comunidade Autónoma exerza a súa responsabilidade de acometer accións en áreas nas que outras fórmulas non son sustentables: alí onde actúe a Comunidade Autónoma as tarifas que exixirá polos servizos prestados ás persoas usuarias serán uniformes.

Di a Constitución española que todos contribuirán ao sostemento dos gastos xerais mediante un sistema tributario xusto, acentuando a relevancia do principio de capacidade económica como criterio básico que define a capacidade de contribuír e mencionando ademais a igualdade e a progresividade como principios básicos da fiscalidade. Pois ben, a lei quere estender o ámbito de aplicación das medidas fiscais da Comunidade Autónoma sobre as persoas usuarias da auga que ata agora se atopaban excluídas delas. A repartición que se efectúa entre os colectivos de persoas usuarias, fundamentada no volume da auga usada ou consumida pero tamén na contaminación real ao medio líquido, reflicte axeitadamente a capacidade de contribuír de cada un.

A definición positiva do aspecto material do elemento obxectivo do feito impoñible do canon fai referencia ao uso e ao consumo real ou potencial da auga con calquera finalidade, por razón da súa potencial afección ao medio (artigo 45º.1 da lei), co que se lle está a dar paso ao cumprimento dos mencionados principios da directiva marco, sen prexuízo do establecemento dunha serie de usos exentos ou non suxeitos, segundo os casos, como os usos da auga por entidades públicas para a alimentación de fontes, bocas de rega de parques e xardíns e máis limpeza de rúas, os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios e, en xeral, o abastecemento en alta doutros servizos públicos de distribución de auga potable. Son supostos que habitualmente aparecen nas figuras impositivas autonómicas que recaen sobre a auga e se xustifican no interese social dos referidos usos. Tamén se declaran non suxeitos os usos agrícolas, forestais e gandeiros, aínda que se introduce unha excepción para

aqueles casos nos que exista contaminación especial ou ben no caso de que se produzan verteduras ás redes públicas de saneamento.

Canto aos obrigados tributarios (artigo 46º), a lei considera suxeitos pasivos a título de contribuíntes aos que usen a auga. Pero, no suposto de abastecemento de auga por entidade subministradora, tómanse por suxeitos pasivos a título de substitutos do contribuínte ás propias entidades subministradoras, segundo vén sendo tamén técnica habitual nestes tributos.

No que respecta á cuantificación do canon para as persoas usuarias domésticas (artigos 52º a 54º), está previsto que a cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte proporcional polo consumo efectivo. A novidade reside na tributación por tramos de consumo e en función do número de residentes en cada vivenda, o cal non constitúe senón unha plasmación dun dos obxectivos básicos xa proclamados na lei, como é a incentivación ao aforro da auga e ao consumo responsable. Neste senso, e para evitar que nun período inicial de aplicación do tributo un contribuínte doméstico poida quedar sometido a unha tarifa que non lle corresponde de acordo co número de habitantes da vivenda, na disposición adicional décimo terceira establécese unha norma específica a este respecto. Cómpre ter en conta que da cota íntegra así calculada pode practicarse a dedución do 50% para as familias numerosas.

No que respecta aos usos non domésticos, o seus elementos de cuantificación atópanse nos artigos 55º e 56º da lei. A base impoñible coincidiría coa prevista para os usos domésticos (prevese doutra banda o suposto de concesións de uso ou captacións propias, en cuxo caso o volume será o autorizado ou concedido ou captado), pero o tipo de gravame difire, como é lóxico. Este non é soamente máis elevado, senón que se establece a posibilidade -aplicable tanto de oficio coma por instancia de parte- de que sexa afectado por un coeficiente corrector de carácter complexo, que toma en consideración a contaminación producida, a relación entre o volume consumido e o volume vertido, así como o uso da auga e o medio receptor, mediante a aplicación de fórmulas específicas.

Finalmente, especialízase o gravame correspondente a certas actividades singulares: usos de refrixeración, usos non consuntivos de produción de enerxía hidroeléctrica, actividade termal e balnearia e máis instalacións deportivas, fixándose tipos de gravame máis reducidos que os previstos para os usos industriais, á vista das características das explotacións. Canto aos usos de produción de enerxía hidroeléctrica prevese un sistema alternativo de determinación obxectiva da cota en función do réxime ordinario ou especial de produción de enerxía.

Atópase regulado (artigos 66º a 70º) o xa mencionado coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, como taxa destinada concretamente a atender os gastos derivados da asunción como servizo de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, da depuración de augas residuais urbanas, e cuxa aplicación se restrinxe a aqueles municipios nos que efectivamente a Administración hidráulica de Galicia estea prestando aquel servizo, coa consecuencia, por unha parte, de que o suxeito pasivo beneficiario do servizo se atopa sometido a un novo tributo, pero, por outra, que no devandito ámbito territorial deixan de se aplicar as taxas municipais por ese concepto que estiveran vixentes.

Neste título inclúese tamén un capítulo específico referido ao réxime sancionador aplicable no ámbito tributario (artigos 71º a 74º), separado do réxime sancionador xeral aplicable en materia de dominio público hidráulico e marítimo-terrestre, contido no título VII. Finalmente cómpre mencionar a disposición adicional décimo cuarta, que recolle a posibilidade de anulación de débedas de recadación antieconómica, en liña coa norma xeral xa establecida para o resto de tributos da Xunta de Galicia.

O título V é breve, pois só ten cinco artigos (75º-79º), dado que non se pretendeu regular por enteiro a institución da planificación hidrolóxica senón, soamente, aqueles principios que serven para facilitar a regulación da planificación hidrolóxica propia de Galicia, é dicir, a relativa á Demarcación Hidrolóxica de Galicia-Costa, e, igualmente, para conter algúns principios relativos á participación de Galicia na elaboración da planificación hidrolóxica das demarcacións hidrolóxicas correspondentes a concas intercomunitarias. Por iso o texto limítase a lembrar determinados principios, como o da participación pública, centrando no Consello para o Uso Sustentable da Auga as competencias máis importantes nesa materia. Igualmente preocúpalle á lei a regulación dos contidos dos programas de medidas e os efectos dos instrumentos de planificación, cuestión singularmente importante no relativo aos plans urbanísticos e de ordenación do territorio.

Ben que un dos propósitos da lei consiste en actualizar a vixente normativa en materia de augas e obras hidráulicas de Galicia, e que, polo tanto, nela se derrogan expresamente tanto a Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, coma a Lei 8/2001, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas, malia isto, considerouse conveniente o mantemento dos preceptos desta última lei referidos a un ámbito tan propio e específico de Galicia como son as súas rías, cuxas masas de auga deben seguir sendo obxecto de especial protección. A iso dedícase o título VI do proxecto, o cal recolle aqueles preceptos ata agora vixentes, actualizando, porén, os seus anexos referidos aos obxectivos de calidade e aos valores límite de emisión, por efecto da aplicación de novas normas relativas á calidade das augas mariñas.

O último dos títulos da lei (o VII) dedícase a regular o réxime de infraccións e sancións (artigos 84º-93º). Un dos problemas que se deben resolver é o ámbito de aplicación deste réxime tendo en conta a ampla tipificación de infraccións que debe facerse, correspondente, igualmente, á amplitude das competencias da Comunidade Autónoma e que xogan necesariamente, ademais, de diverso xeito nas concas intercomunitarias (de xestión do Estado) e na intracomunitaria de xestión da Comunidade Autónoma. Por iso o artigo 84º.3 fai a correspondente advertencia de que nas concas intercomunitarias se aplicarán só as infraccións e as sancións relativas ao ámbito do abastecemento, o saneamento e a depuración de augas residuais, en consonancia coas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia nelas.

Polo demais, o criterio fundamental para distinguir entre as infraccións leves, graves ou moi graves é o do dano que, hipoteticamente, se poida causar coa comisión da infracción; criterio do dano que tamén se ten en conta para os efectos de graduar o importe da sanción (artigos 85º e 86º). Aínda que non sempre é necesaria a concorrencia deste elemento para integrar o tipo do ilícito, como, por exemplo, sucede coas verteduras ilegais de augas residuais cando se consideren infraccións leves.

A lei dedica unha atención especial á reparación do dano causado e á reposición das cousas ao seu estado primitivo (artigo 87º), aspectos que poden ser materialmente tan importantes coma a mesma tipificación da infracción e a determinación da sanción aplicable. Igualmente hai un apoderamento referido á potestade sancionadora das entidades locais (artigo 92º), o cal servirá para a configuración das correspondentes ordenanzas locais e facilitará o cumprimento do principio de legalidade.

Entre as disposicións adicionais do proxecto, merecen ser destacadas aquelas que regulan o proceso de entrada en funcionamento de Augas de Galicia e o da integración nesta do persoal ao servizo da actual Administración hidráulica de Galicia (disposicións primeira a sétima). Procurouse establecer aquí un réxime sinxelo de sucesión tanto institucional coma persoal, determinando concretamente as etapas que se han seguir ata a efectiva entrada en funcionamento de Augas de Galicia como entidade pública e regulando os diferentes réximes de integración do persoal en función da súa diversa procedencia.

Polo seu lado, as disposicións adicionais décimo primeira e décimo segunda proveñen da Lei 8/2001 e deben manterse.

O réxime transitorio refírese fundamentalmente á vixencia da actual planificación de actuacións de abastecemento e de saneamento, así como, loxicamente, ao vixente réxime económico-financeiro do canon de saneamento, o cal seguirá a recadarse mentres tanto non entren en vigor as normas regulamentarias que, para a aplicación do canon da auga, exixe esta lei.

O anteproxecto desta lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia, que o emitiu na data do 12 de maio de 2010.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24ºda Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de de augas de Galicia.

Título I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade da lei.

1. Esta lei ten por obxecto:

a) Ordenar as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes locais galegos en materia de auga e obras hidráulicas.

b) Regular a organización e o funcionamento da Administración hidráulica de Galicia.

c) Ordenar o ciclo integral da auga de uso urbano e establecer as bases para unha xestión eficiente dos servizos de abastecemento, de saneamento e de depuración.

d) Regular as bases do exercicio da planificación hidrolóxica en Galicia.

e) Establecer o réxime económico-financeiro da auga en Galicia co obxectivo de preservar, protexer e mellorar o recurso e o medio hídrico.

f) Regular o réxime de infraccións e sancións.

2. Esta lei ten por finalidade garantir as necesidades básicas de uso de auga da poboación, favorecendo o desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e compatibilizándoo coa preservación do bo estado dos ecosistemas acuáticos e dos ecosistemas terrestres asociados.

3. As augas minerais e termais regularanse pola súa propia lexislación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta lei, enténdese por:

1. Acuífero: unha ou máis capas subterráneas de rocha ou doutros estratos xeolóxicos suficientemente porosos e permeables para permitiren xa sexa un fluxo significativo de augas subterráneas ou a extracción de cantidades significativas de augas subterráneas.

2. Augas continentais: todas as augas na superficie do solo e todas as augas subterráneas que se encontran cara á terra desde a liña que serve de base para medir a largura das augas territoriais.

3. Augas costeiras: as augas de superficie que se encontran cara á terra desde unha liña cuxa totalidade de puntos se atopa a unha distancia dunha milla náutica mar adentro desde o punto máis próximo da liña de base que serve para medir a largura das augas territoriais e que se estenden, de ser o caso, ata o límite exterior das augas de transición.

4. Augas de transición: as masas de auga de superficie próximas á desembocadura dos ríos que son parcialmente salgadas como resultado da súa proximidade ás augas costeiras, pero que reciben unha notable influencia de fluxos de auga doce.

5. Augas subterráneas: todas as augas que se encontran baixo a superficie do solo na zona de saturación e en contacto directo co solo ou co subsolo.

6. Augas de superficie: as augas continentais, con excepción das augas subterráneas, as augas de transición e as augas costeiras, e, no que se refire ao estado químico, tamén as augas territoriais.

7. Bo estado cuantitativo: o estado definido no cadro 2.1.2 do anexo V da Directiva 2000/60/CE.

8. Bo estado das masas de augas subterráneas: o estado acadado por unha masa de augas subterráneas cando tanto o seu estado cuantitativo coma o seu estado químico son, polo menos, «bos».

9. Bo estado das augas de superficie: o estado acadado por unha masa de augas de superficie cando tanto o seu estado ecolóxico coma o seu estado químico son, polo menos, «bos».

10. Bo estado ecolóxico: o estado dunha masa de augas de superficie, que se clasifica como tal consonte as disposicións pertinentes do anexo V da Directiva 2000/60/CE.

11. Bo estado químico das augas subterráneas: o estado químico acadado por unha masa de augas subterráneas que cumpre todas as condicións establecidas no cadro 2.3.2 do anexo V da Directiva 2000/60/CE.

12. Bo estado químico das augas de superficie: o estado químico necesario para cumprir os obxectivos medioambientais para as augas de superficie establecidos na letra a) da alínea 1 do artigo 4º da Directiva 2000/60/CE, ou sexa, o estado químico acadado por unha masa de augas de superficie na que as concentracións de contaminantes non superan as normas de calidade medioambiental establecidas no anexo IX e consonte a alínea 7 do artigo 16º da Directiva 2000/60/CE, así como en virtude doutra normativa que fixe normas de calidade medioambiental que lle sexan aplicables.

13. Captación propia: é a realizada polas persoas usuarias sen utilizar redes de subministración municipal ou supramunicipal.

14. Captación subterránea e captación de superficie: denomínanse así en función de que a orixe do recurso se encontre ou non baixo a superficie do solo, independentemente de que se trate de augas continentais, de transición ou litorais.

15. Caudal ecolóxico ou ambiental: aquel caudal ou, de ser o caso, volume de recurso hídrico que é capaz de manter o funcionamento, a composición e a estrutura que os ecosistemas acuáticos presentan en condicións naturais.

16. Ciclo da auga: é o conxunto de actividades que conforman os servizos relacionados co uso doméstico da auga nos núcleos de poboación e que comprenden:

a) O abastecemento de auga en alta ou adución, que inclúe a captación, o nacemento e a represa dos recursos hídricos e a súa xestión, incluído o tratamento de potabilización, o transporte por arterias principais e o abrollamento en depósitos reguladores de cabeceira dos núcleos de poboación.

b) A subministración da auga en baixa ou distribución, que inclúe o almacenamento intermedio e a subministración de auga potable ata as instalacións propias para o consumo por parte das persoas usuarias finais.

c) A recollida de augas residuais ou da rede de sumidoiros dos núcleos de poboación a través das redes municipais ata o punto de intercepción cos colectores xerais.

d) A intercepción e o transporte das augas residuais a través dos colectores xerais.

e) O tratamento e a depuración das augas residuais.

f) A condución do efluente ao medio receptor.

17. Contaminación: a introdución directa ou indirecta, como resultado da actividade humana, de substancias ou de calor na atmosfera, na auga ou no solo que poidan ser prexudiciais para a saúde humana ou para a calidade dos ecosistemas acuáticos, ou dos ecosistemas terrestres que dependen directamente dos ecosistemas acuáticos, e que causen danos aos bens materiais ou que deterioren ou dificulten o gozo e outros usos lexítimos do medio ambiente.

18. Contaminante: calquera substancia que poida causar contaminación, en particular as substancias enumeradas no anexo VIII da Directiva 2000/60/CE.

19. Conca hidrográfica: a superficie de terreo cuxo escorremento de superficie flúe na súa totalidade a través dunha serie de correntes, ríos e, eventualmente, lagos cara ao mar por unha única desembocadura, estuario ou delta.

20. Demarcación hidrográfica: a zona mariña e terrestre composta por unha ou varias concas hidrográficas e polas augas subterráneas, de transición e costeiras asociadas ás devanditas concas.

21. Entidades subministradoras de auga: as persoas físicas e xurídicas de calquera natureza que, mediante instalacións de titularidade pública ou privada, ben sexa con carácter oneroso ou gratuíto, efectúen unha subministración en baixa de auga, con independencia de que a súa actividade estea ao abeiro dun título administrativo de prestación de servizo.

22. Estado cuantitativo: unha expresión do grao no que unha masa de augas subterráneas é afectada polas extraccións directas ou indirectas.

23. Estado das augas subterráneas: a expresión xeral do estado dunha masa de augas subterráneas, determinado polo peor valor do seu estado cuantitativo e do seu estado químico.

24. Estado das augas de superficie: a expresión xeral do estado dunha masa de augas de superficie, determinado polo peor valor do estado ecolóxico e do seu estado químico.

25. Estado ecolóxico: unha expresión da calidade estrutural e funcional dos ecosistemas acuáticos asociados ás augas de superficie, que se clasifica consonte o anexo V da Directiva 2000/60/CE.

26. Lago: unha masa de auga continental superficial quieta.

27. Masa de auga artificial: unha masa de augas de superficie creada pola actividade humana.

28. Masa de auga moi modificada: unha masa de auga superficial que, como resultado de alteracións físicas producidas pola actividade humana, experimentou un cambio substancial na súa natureza.

29. Masa de augas subterráneas: un volume claramente diferenciado de augas subterráneas nun acuífero ou máis acuíferos.

30. Masa de augas de superficie: unha parte diferenciada e significativa de augas de superficie, como un lago, un encoro, unha corrente, río ou canle, unha parte dunha corrente, río ou canle, unhas augas de transición ou unha faixa de augas costeiras.

31. Obra hidráulica: enténdese por tal as actuacións necesarias para a restauración e a consecución do bo estado ecolóxico das masas de auga, do seu contorno e dos ecosistemas asociados, a construción de bens que teñan natureza inmoble destinada á captación, a extracción, o desalgamento, o almacenamento, a regulación, a condución, o control e o aproveitamento das augas, así como ao saneamento, a depuración, o tratamento e a reutilización das aproveitadas, e as que teñan como obxecto a recarga artificial de acuíferos, a actuación sobre canles, a corrección do réxime de correntes e a protección fronte a asolagamentos, así como aqueloutras necesarias para a protección do dominio público hidráulico.

32. Redes básicas de abastecemento: o conxunto de instalacións afectadas ao abastecemento de auga en alta, e que inclúen as infraestruturas de captación, potabilización, estacións de bombeo, conducións xerais, depósitos reguladores e outros elementos que, no seu conxunto, sexan susceptibles de levar auga ata os depósitos de cabeceira ou puntos de conexión dun ou máis sistemas urbanos de subministración de auga en baixa, con independencia da súa titularidade e da súa xestión.

33. Reutilización: o uso posterior das augas residuais logo dun tratamento adicional necesario e a súa condución ata os sistemas de subministración para os usos admisibles, de acordo coa lexislación vixente.

34. Rías: as masas de augas costeiras cuxos límites exteriores se indican no anexo I desta lei e cuxos límites interiores se sitúan no extremo interior da zona de dominio público marítimo-terrestre, tal e como se define na vixente normativa en materia de costas.

35. Río: unha masa de auga continental que flúe na súa maior parte sobre a superficie do solo, pero que pode fluír baixo terra en parte do seu curso.

36. Servizos relacionados coa auga: todas as actividades relacionadas coa xestión das augas que posibilitan a súa utilización, tales como a extracción, o almacenamento, a condución, o tratamento e a distribución de augas de superficie ou subterráneas, así como a recollida e a depuración de augas residuais, que verten posteriormente nas augas de superficie. Así mesmo, entenderanse como servizos as actividades derivadas da protección de persoas e bens fronte aos asolagamentos.

37. Sistema público de saneamento e depuración de augas residuais: o conxunto de bens de dominio público interrelacionados composto por unha ou máis redes locais de sumidoiros, colectores, estacións de bombeo, conducións de verteduras, estación depuradora de augas residuais e outras instalacións de saneamento asociadas, co obxecto de recoller, conducir ata a estación e sanear, de maneira integrada, as augas residuais xeradas nun ou máis municipios ou en parte dun ou máis municipios.

38. Subconca: a superficie de terreo cuxo escorremento de superficie flúe na súa totalidade a través dunha serie de correntes, ríos e, eventualmente, lagos cara a un determinado punto dun curso de auga (polo xeral un lago ou unha confluencia de ríos).

39. Substancias perigosas: as substancias ou grupos de substancias que son tóxicas, persistentes e poden causar bioacumulación, así como outras substancias ou grupos de substancias que suscitan un nivel de risco análogo.

40. Substancias prioritarias: substancias identificadas nos termos da alínea 2 do artigo 16º e enumeradas no anexo X da Directiva 2000/60/CE. Entre estas substancias atópanse as substancias perigosas prioritarias, substancias identificadas nos termos das alíneas 3 e 6 do artigo 16º da Directiva 2000/60/CE para as que se deban adoptar medidas de conformidade coas alíneas 1 e 8 do artigo 16º desta norma.

41. Usos da auga: as distintas clases de utilización do recurso, así como calquera outra actividade que teña repercusións significativas no estado das augas. Para os efectos da aplicación do principio de recuperación de custos, os usos da auga deberán considerar, cando menos, o consumo para uso doméstico, os usos industriais e os usos agrarios.

42. Usos domésticos da auga: os usos particulares que corresponden co uso da auga para beber, para sanitarios, para duchas, para cociña e comedor, para lavados de roupa e de vaixelas, para limpezas, para regas de parques e xardíns, para refrixeración e para acondicionamentos domiciliarios sen actividade industrial e mais con outros usos da auga que se poidan considerar consumos inherentes ou propios da actividade humana non industrial, nin comercial, nin agrícola, nin gandeira, nin forestal.

43. Usos non domésticos da auga: os correspondentes ás actividades incluídas na Clasificación nacional de actividades económicas, aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, agás que se asimilen a usos domésticos. O cambio na consideración dun uso da auga como non doméstico ou asimilado a doméstico por razón do volume usado terá efectos a partir do ano natural seguinte a aquel no que o caudal utilizado acade ou resulte inferior ao límite de consumo establecido no parágrafo seguinte. No caso de que o primeiro ano de uso ou consumo se inicie con posterioridade ao 1 de xaneiro, extrapolaranse os datos de uso ou consumo ao ano enteiro.

Asimílanse a usos domésticos os usos non domésticos da auga indicados no parágrafo anterior que usen un volume total de auga nun ano natural inferior aos 2.000 metros cúbicos, a non ser que da súa carga contaminante vertida resulte unha cota do canon da auga nesta modalidade superior nun 20% da resultante de o aplicar na modalidade de volume.

44. Dentro dos usos non domésticos, os usos agrarios, gandeiros e forestais son os correspondentes ás actividades incluídas na sección A, divisións 01 e 02, da Clasificación nacional de actividades económicas, aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril. Entenderase que o uso destinado á rega de campos de golf non é un uso agrícola.

45. Persoas usuarias da auga: son persoas usuarias da auga as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35º.4 da Lei xeral tributaria que usen ou consuman auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación. Para estes efectos, entenderase que é usuario da auga:

a) No suposto de abastecemento de auga por entidade subministradora, a persoa titular do contrato de subministración.

b) As comunidades de usuarios que estean legalmente constituídas.

c) No resto dos casos, quen adquira a auga ou realice o seu uso para o seu consumo directo ou quen figure como titular do aproveitamento desde o que se realiza a captación da auga inscrito no Rexistro de Augas e, en defecto de autorización, concesión ou inscrición, a persoa titular da instalación desde a que se realice a captación, así como tamén os titulares das instalacións desde as que se realicen as verteduras.

46. Valores límite de emisión: a masa, expresada como algún parámetro concreto, a concentración e/ou o nivel de emisión, cuxo valor non debe superarse dentro dun ou varios períodos determinados. Tamén se poderán establecer valores límite de emisión para determinados grupos, familias ou categorías de substancias.

Os valores límite de emisión das substancias aplicaranse polo xeral no punto de toma de mostras á saída das emisións da instalación, e na súa determinación non se terá en conta unha posible dilución. No que se refire ás verteduras indirectas na auga, poderase ter en conta o efecto dunha estación depuradora de augas residuais á hora de determinar os valores límite de emisión da instalación, baixo condición de que se garanta un nivel equivalente de protección do medio ambiente no seu conxunto e de que non orixine maiores niveis de contaminación no medio ambiente.

47. Zonas húmidas ou brañais, lameiros e tremos: as marismas, os conxuntos pantanosos ou encharcadizos, de lodos, de turbas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, onde as augas estean estancadas, remansadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, calquera que sexa o seu contido en sales. Así mesmo, cualifícanse tamén como zona húmida os conxuntos de augas mariñas cuxa profundidade a marea baixa non exceda de cinco metros.

48. Son comunidades de usuarios as definidas no capítulo IV do título IV do vixente texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

Artigo 3º.-Principios.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as súas competencias en materia de auga e obras hidráulicas de conformidade cos seguintes principios:

a) Utilización sustentable e racional da auga e contribución á preservación e mellora do medio ambiente e, en particular, dos ecosistemas acuáticos.

b) Compatibilidade da xestión pública da auga coa ordenación do territorio, a actividade económica, a conservación e a protección do medio ambiente.

c) Unidade de xestión e planificación da súa propia demarcación hidrográfica.

d) Participación das persoas usuarias, transparencia e información ao público en xeral.

e) Garantía da calidade da subministración da auga urbana en defensa da saúde dos cidadáns e das cidadás.

f) Garantía de eficacia na prestación dos servizos públicos de abastecemento, de saneamento e de depuración.

g) Recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, incluídos os custos medioambientais, para acadar a suficiencia financeira do sistema no marco dun prezo accesible.

h) Solidariedade territorial nos investimentos en infraestruturas e de equidade social nas políticas tarifarias na prestación dos servizos da auga.

i) Coordinación e cooperación entre as administracións públicas con competencias en materia de auga e obras hidráulicas.

2. O indicado neste precepto enténdese sen prexuízo dos principios que esta lei regula especificamente en relación coas competencias en materia de abastecemento, de saneamento e de depuración de augas residuais.

3. Constitúen obxectivos medioambientais en materia de auga:

a) Acadar un uso racional e respectuoso co medio ambiente, que asegure a longo prazo a subministración necesaria de auga en bo estado, de acordo co principio de prudencia e tendo en conta os efectos dos ciclos de seca e as previsións sobre o cambio climático.

b) Previr a deterioración do estado de todas as masas de auga, de superficie, subterráneas e das zonas protexidas, e, se for o caso, restauralas co obxecto de acadar o bo estado ecolóxico delas. Para isto definiranse, implementaranse e garantiranse os caudais ambientais necesarios para a conservación ou a recuperación do bo estado ecolóxico das masas de auga.

c) Reducir progresivamente a contaminación procedente das verteduras ou dos usos que prexudiquen a calidade das augas na fase superficial ou subterránea do ciclo hidrolóxico.

d) Compatibilizar a xestión dos recursos naturais coa salvagarda da calidade das masas de auga e dos ecosistemas acuáticos.

Artigo 4º.-Competencias da Comunidade Autónoma.

No marco da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Nas augas incluídas nas concas hidrográficas intracomunitarias a competencia exclusiva, que inclúe:

a) A ordenación administrativa, a planificación e a xestión das augas de superficie e subterráneas, dos usos e aproveitamentos hidráulicos, así como das obras hidráulicas que non estean cualificadas de interese xeral.

b) A planificación e a adopción de medidas e instrumentos específicos de xestión e protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos e terrestres vinculados á auga.

c) As medidas extraordinarias no caso de necesidade para garantir a subministración de auga.

d) A organización da Administración hidráulica de Galicia.

e) O control e a tutela das comunidades de usuarios incluídas nas devanditas concas.

2. En relación coas augas incluídas nas concas hidrográficas intercomunitarias:

a) A participación na planificación.

b) A participación nos órganos estatais de xestión das devanditas concas.

c) A adopción de medidas adicionais de protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos.

d) As facultades de policía do dominio público que lle atribúa a lexislación estatal.

3. En relación co dominio público marítimo-terrestre, a intervención e o control das verteduras de augas residuais producidas desde terra ao litoral galego, e especialmente ás rías de Galicia.

4. En xeral, a xestión das obras hidráulicas de interese xeral do Estado no marco do que indiquen os convenios que, se for o caso, se subscriban coa Administración xeral do Estado.

5. As competencias incluídas neste artigo enténdense sen prexuízo das especificamente reguladas nesta lei no ámbito do abastecemento, o saneamento e a depuración de augas residuais.

Artigo 5º.-Competencias dos entes locais.

1. Correspóndenlles aos entes locais, de conformidade co establecido na lexislación de réxime local, as competencias relativas ás seguintes materias:

a) O abastecemento domiciliario de auga potable e o seu control sanitario.

b) A rede de sumidoiros.

c) O tratamento das augas residuais, respecto das instalacións non comprendidas no ámbito do artigo 32º desta lei, ou ben respecto daquelas sobre as que os municipios non exerciten a opción prevista na disposición transitoria quinta.

d) O exercicio de calquera outra función establecida nesta lei ou no resto do ordenamento xurídico aplicable.

2. As entidades locais, no exercicio das competencias establecidas na alínea anterior, poderán executar obras hidráulicas, mesmo as de interese da Comunidade Autónoma, mediante o correspondente acordo.

3. As entidades locais participarán na entidade Augas de Galicia nos termos regulados por esta lei e nas súas normas de desenvolvemento, así como nos organismos de conca das demarcacións hidrográficas correspondentes a concas intercomunitarias nos termos que indique a súa lexislación específica.

Artigo 6º.-Das demarcacións hidrográficas en Galicia.

1. Para os efectos desta lei, o territorio de Galicia divídese en:

a) A Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que inclúe as concas hidrográficas dos ríos que discorren na súa totalidade polo territorio de Galicia.

b) A parte galega da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, que inclúe o territorio galego das concas hidrográficas dos ríos Miño e Sil.

c) A parte galega da Demarcación Hidrográfica do Douro, que comprende a parte galega da conca do río Támega.

d) A parte galega da Demarcación Hidrográfica do Cantábrico.

2. A Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa inclúe todas as augas subterráneas que se encontran baixo os límites definidos polas divisorias das concas, as correspondentes augas de transición e as augas costeiras delimitadas de acordo co que indica a normativa vixente.

Título II

Da Administración hidráulica de Galicia

Artigo 7º.-Administración hidráulica de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia exerce as súas competencias e funcións en materia de auga e obras hidráulicas a través dos seguintes entes e órganos que integran a súa Administración hidráulica:

a) O Consello da Xunta de Galicia.

b) A consellaría competente en materia de augas.

c) A entidade Augas de Galicia.

Capítulo I

Augas de Galicia. Disposicións xerais

Artigo 8º.-Creación.

Mediante esta lei créase e regúlase Augas de Galicia, ente público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica de seu e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e das competencias reguladas por esta lei.

Artigo 9º.-Natureza e adscrición.

1. Augas de Galicia é un ente de dereito público que se axusta á lei, á normativa regulamentaria de desenvolvemento e ao dereito privado.

2. Dentro da plena capacidade de obrar de Augas de Galicia compréndese a súa facultade de adquirir -mesmo e como beneficiaria, por expropiación forzosa-, posuír, reivindicar, permutar, gravar ou allear toda clase de bens e dereitos, establecer contratos, propoñer a constitución de consorcios, mancomunidades e outras modalidades asociativas de entes locais, formalizar convenios, executar, contratar e explotar obras e servizos, outorgar subvencións, obrigarse, interpoñer recursos e exercitar as accións que lle correspondan de acordo coa normativa de aplicación aos entes de dereito público.

3. Augas de Galicia está adscrita á consellaría competente en materia de augas. A devandita consellaría exercitará en relación con Augas de Galicia as competencias que regule esta lei ou o resto do ordenamento xurídico vixente.

Artigo 10º.-Principios xerais do réxime xurídico de Augas de Galicia.

1. Augas de Galicia está suxeita a esta lei e ás súas normas de desenvolvemento, ás normas do ordenamento xurídico galego que regulen a actuación dos entes de dereito público e mais ao seu propio estatuto.

2. A actividade de Augas de Galicia estará suxeita ao réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común cando exerza potestades administrativas.

3. Son actos administrativos, en particular:

a) Os actos de ordenación e de xestión do dominio público hidráulico.

b) Os actos ditados no exercicio da potestade sancionadora.

c) Os actos de xestión, inspección e recadación dos tributos sobre a auga e outros ingresos de dereito público.

d) Os actos derivados das relacións de Augas de Galicia con outros órganos e entes da Xunta e con terceiros que impliquen un exercicio de potestades públicas.

4. En todo caso, tanto en materia de persoal coma de contratación, Augas de Galicia axustará a súa actuación ao establecido na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e deberá observar os principios básicos que regulan a función pública e a contratación nas administracións públicas.

Artigo 11º.-Competencias.

Correspóndenlle a Augas de Galicia:

1. No ámbito da xestión das concas intracomunitarias, as competencias que o ordenamento xurídico vixente en materia de augas lles atribúe aos organismos de conca, así como as que especificamente se regulen nesta lei e no resto do ordenamento xurídico aplicable.

2. En relación coas concas intercomunitarias, a participación na planificación hidrolóxica, así como a representación da Comunidade Autónoma de Galicia nos organismos de conca do Estado na forma que fixe o ordenamento xurídico aplicable.

3. No ámbito das obras hidráulicas:

a) A planificación, a programación, o proxecto, a construción e a explotación de obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia polo Consello da Xunta.

b) A promoción perante a Administración xeral do Estado da declaración de obras de interese xeral deste.

c) A redacción de proxectos, a construción e a explotación de obras de interese xeral do Estado nas condicións que fixen os correspondentes convenios que se deberán subscribir entre Augas de Galicia e o órgano competente da Administración xeral do Estado.

d) A participación na construción e na explotación das obras hidráulicas de competencia das entidades locais galegas na forma regulada por esta lei.

4. No ámbito da planificación territorial e urbanística, correspóndelle a Augas de Galicia o exercicio da competencia mencionada no artigo 39º desta lei.

5. En materia de abastecemento e de saneamento de augas:

a) A ordenación dos servizos de abastecemento e de saneamento en alta.

b) A elaboración dos plans xerais galegos de abastecemento e de saneamento consonte o que indique o título III desta lei, os cales conterán os criterios para a coordinación das actuacións das entidades locais competentes en materia de abastecemento e de saneamento.

c) A promoción da constitución de consorcios e mancomunidades para a mellor prestación dos servizos de abastecemento e de saneamento.

6. En materia de verteduras:

a) A autorización e o control das verteduras de augas urbanas ou industriais ao dominio público hidráulico, así como da eventual reutilización dos efluentes, e, en xeral, as demais funcións que a lexislación lles atribúe aos organismos de conca.

b) A autorización das obras e das instalacións de verteduras desde terra ás augas do litoral galego e o exercicio das funcións de policía sobre elas.

7. A elaboración e a proposta á consellaría competente en materia de augas das normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta lei para a súa posterior elevación, de ser o caso, ao Consello da Xunta e o exercicio das actuacións que legal ou regulamentariamente lle sexan atribuídas.

8. En materia tributaria, actuar como suxeito activo en relación coa aplicación dos tributos en materia de augas regulados nesta lei conforme a normativa vixente.

Capítulo II

Organización de Augas de Galicia

Artigo 12.-Órganos.

1. Son órganos de goberno de Augas de Galicia a presidencia, o consello de administración e a dirección.

2. É órgano de participación o Consello para o Uso Sustentable da Auga.

3. O Estatuto de Augas de Galicia regulará as funcións dos órganos de goberno consonte o que determine esta lei e poderá prever a existencia doutros órganos complementarios aos indicados.

Artigo 13º.-Da presidencia.

1. A presidencia de Augas de Galicia correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de augas.

2. Correspóndelle á presidencia:

a) Exercer a representación legal de Augas de Galicia.

b) Presidir o Consello de Administración de Augas de Galicia, o Consello para o Uso Sustentable da Auga e calquera outro órgano colexiado no caso de que así estea previsto polo estatuto.

c) Exercer a potestade sancionadora das infraccións cualificadas como graves.

d) Exercer as facultades en materia de contratación da entidade sen prexuízo das delegacións que acorde na dirección.

3. Así mesmo exercerá as funciones propias da presidencia dos órganos administrativos colexiados reguladas na lexislación vixente.

Artigo 14º.-Do consello de administración.

1. O consello de administración estará integrado por representantes da Xunta de Galicia, da Administración xeral do Estado, das entidades locais e das persoas usuarias da auga da forma que indique o estatuto. A súa presidencia correspóndelle a quen a desempeñe na entidade e a vicepresidencia á dirección da entidade.

2. Correspóndelle ao consello de administración:

a) Aprobar e elevarlle ao Consello da Xunta, a través da consellaría competente en materia de augas, a proposta de planificación hidrolóxica da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e as súas revisións.

b) Aprobar o anteproxecto de orzamento de ingresos e gastos para a súa elevación á consellaría competente en materia de augas e a súa incorporación no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, de conformidade co procedemento establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

c) Exercer a potestade sancionadora das infraccións cualificadas como moi graves.

d) Aprobar o balance e outros documentos que resulten da aplicación da normativa contable.

e) Adoptar, legal ou regulamentariamente como corresponda, os acordos relativos a actos de disposición sobre bens do patrimonio de Augas de Galicia, así como emitir informe e propoñer os actos de desafectación dos bens de dominio público hidráulico; todo iso dentro do que determine a lexislación de patrimonio aplicable.

f) Declarar as masas subterráneas en risco de non acadaren o bo estado e establecer os perímetros de protección.

g) Aprobar a relación de postos de traballo do persoal ao servizo da entidade Augas de Galicia.

h) Cantas outras funcións que legal ou regulamentariamente se lle atribúan.

3. O Estatuto de Augas de Galicia regulará un comité permanente do consello de administración, que actuará como órgano preparador das súas reunións e poderá exercer ademais as competencias que o consello lle delegue.

Artigo 15º.-Da dirección.

1. A dirección é órgano de goberno e ordinario de execución das funcións administrativas da entidade.

2. A directora ou o director é nomeado pola Xunta de Galicia por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de augas e oído o consello de administración. Terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de dirección xeral.

3. Correspóndelle á dirección:

a) Outorgar as concesións e as autorizacións relativas ao aproveitamento e ao uso da auga e do dominio público hidráulico, en xeral, así como as autorizacións relativas á vertedura de augas residuais en canto sexan competencia da entidade Augas de Galicia.

b) Aprobar definitivamente os estudos de viabilidade, os anteproxectos e os proxectos construtivos e mais decidir as formas xurídicas de prestación dos servizos de competencia de Augas de Galicia.

c) Aplicar o réxime económico-financeiro da auga que lle corresponde a Augas de Galicia.

d) Autorizar os actos de afectación e de desafectación ao uso ou servizo público dos bens de dominio público non hidráulico adscritos á entidade; todo isto da forma que dispoñan os estatutos e a lexislación de patrimonio aplicable.

e) Presentarlle anualmente ao consello de administración o anteproxecto de orzamentos e máis os balances e a memoria correspondente.

f) Exercer as facultades de contratación de obras e servizos que lle sexan delegadas.

g) Substituír a presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

h) Autorizar os gastos e ordenar os pagamentos con cargo ao créditos orzamentarios de Augas de Galicia.

i) Exercer a dirección do persoal de Augas de Galicia.

j) Acordar a sanción das infraccións que estean cualificadas como leves.

k) Aprobar as ordenanzas e os estatutos das comunidades de usuarios nas concas intracomunitarias de Galicia.

l) Propoñer os convenios de encomendas de xestión a sociedades de construción e explotación de obras hidráulicas, que deberán ser autorizados polo Consello da Xunta.

m) Executar os acordos do consello de administración.

n) Exercer calquera outra función da entidade non atribuída expresamente a ningún outro órgano.

Artigo 16º.-Do Consello para o Uso Sustentable da Auga.

1. O Consello para o Uso Sustentable da Auga é o órgano de participación das distintas entidades públicas e privadas con competencias e intereses vinculados á auga, así como dos cidadáns e das cidadás de Galicia.

2. O consello estará integrado polos membros que fixe o estatuto, e nel asegúrase a representación das administracións públicas con competencias en materias relacionadas co uso e coa protección das augas, das persoas usuarias, das organizacións non gobernamentais de carácter medioambiental, das asociacións de veciños, das organizacións de consumidores, dos sindicatos e das organizacións empresariais intersectoriais, así como das universidades e das persoas expertas na materia. A representación das persoas usuarias non será inferior ao terzo do total dos seus membros.

3. Regulamentariamente establecerase a composición, a estrutura e o funcionamento do Consello para o Uso Sustentable da Auga.

4. Correspóndelle ao Consello para o Uso Sustentable da Auga, así que estea constituído:

a) Participar na elaboración da planificación hidrolóxica de competencia da Xunta de Galicia da forma que indique o ordenamento xurídico aplicable.

b) Emitir informe sobre os proxectos de lei e as disposicións de carácter xeral que afecten a auga ou as obras hidráulicas.

c) Formular propostas de actuación en materia de augas.

d) Cantas outras funcións dentro do ámbito da actividade deliberante ou consultiva lle outorgue a regulación regulamentaria.

Artigo 17º.-Estrutura territorial.

1. O Estatuto de Augas de Galicia regulará a estrutura territorial da entidade baixo o principio de desconcentración e proximidade á actuación que hai que realizar.

2. A estrutura territorial que se cree non poderá afectar en ningún caso a realización do principio de unidade de xestión da conca hidrográfica.

Artigo 18º.-Do persoal.

1. O persoal de Augas de Galicia rexerase polo dereito laboral, a non ser as prazas que, en relación coa natureza do seu contido, queden reservadas a funcionarios públicos.

2. A selección de persoal laboral de Augas de Galicia realizarase conforme os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

Augas de Galicia poderá contratar persoal propio, fixo ou temporal, de acordo co previsto na lexislación vixente.

3. Agás aquelas prazas que queden reservadas a funcionarios, correspóndelle a Augas de Galicia determinar o réxime de acceso aos seus postos de traballo, os requisitos e as características das probas de selección, así como a convocatoria, a xestión e a resolución dos procedementos de provisión e promoción profesional, conforme os principios de mérito e capacidade.

Tamén lle corresponderá o exercicio da potestade disciplinaria e cantas incidencias afecten o réxime do seu persoal e non estean atribuídas a outros órganos pola lexislación aplicable en materia de empregados públicos da Xunta de Galicia.

4. O persoal funcionario de carreira ou laboral fixo ao servizo das administracións públicas poderá entrar a formar parte de Augas de Galicia a través dun contrato laboral mentres dure a prestación de servizos e respectándolle a súa antigüidade, quedando na Administración de orixe na situación que determine a normativa de aplicación. De reingresar na antedita Administración, recoñeceráselle o tempo que permanecese prestando servizos en Augas de Galicia para os efectos de antigüidade.

5. A relación do persoal laboral propio de Augas de Galicia rexerase polo convenio colectivo do ente público, que non establecerá en ningún caso unhas condicións inferiores ás establecidas no convenio colectivo vixente en cada momento para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Réxime xurídico de Augas de Galicia

Artigo 19º.-Réxime patrimonial.

1. Constitúen o patrimonio de Augas de Galicia:

a) Os bens de dominio público hidráulico que lle sexan adscritos e que posteriormente sexan desafectados do uso ou o servizo público.

b) Os bens de dominio público ou patrimoniais que lle sexan adscritos ou cedidos.

c) Os bens que por calquera título xurídico reciba da Administración da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado, das entidades locais ou de calquera outra entidade pública ou privada, ou de particulares.

d) Os bens e os dereitos que adquira con cargo ao seu orzamento.

2. Os bens da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos ou cedidos a Augas de Galicia para o cumprimento das súas funcións conservarán a titularidade e cualificación xurídica orixinarias, correspondéndolle á entidade utilizalos, administralos e explotalos con suxeición ao ordenamento xurídico vixente.

3. Augas de Galicia poderalles ceder ás entidades locais interesadas o uso, a explotación ou a titularidade das obras e das instalacións afectadas a servizos de competencia local que fosen executadas pola entidade con cargo ao seu orzamento.

4. O réxime xurídico dos bens que constitúen o patrimonio de Augas de Galicia será o establecido para a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 20º.-Recursos económicos e réxime orzamentario.

1. Os recursos económicos de Augas de Galicia están integrados por:

a) Os ingresos, ordinarios e extraordinarios, derivados do exercicio das súas actividades.

b) Os ingresos procedentes da recadación dos tributos en materia de augas regulados nesta lei, así como, de ser o caso, dos previstos na normativa xeral en materia de augas.

c) As taxas e os prezos públicos que lle correspondan.

d) Os ingresos que procedan do exercicio da potestade sancionadora administrativa.

e) As indemnizacións establecidas como compensación de danos e perdas ao dominio público hidráulico.

f) As asignacións que se establezan nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

g) As achegas públicas da Administración xeral do Estado, das entidades locais ou doutras entidades públicas e as doazóns, os legados ou as achegas voluntarias de entidades privadas, así como de particulares, que, en xeral, se lle outorguen á entidade.

h) Os produtos e as rendas derivadas do seu patrimonio.

i) Os créditos, os préstamos e as demais operacións financeiras que concerte consonte o establecido no ordenamento financeiro e orzamentario vixente.

l) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Para o cumprimento das súas funcións, Augas de Galicia poderá:

a) Contraer préstamos con entidades financeiras públicas ou privadas, logo da obtención das autorizacións previstas nas normas financeiras e orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Obter da Xunta de Galicia garantías ou avais para as súas operacións de crédito.

c) Subscribir convenios con outras administracións públicas e empresas e institucións públicas e privadas, de conformidade coa lexislación vixente en materia de contratación ou, de ser o caso, en materia de subvencións.

3. Para o cobramento dos créditos que teñan a consideración de créditos de dereito público, poderase utilizar o procedemento de constrinximento segundo o regula a normativa tributaria e nos mesmos termos que a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Augas de Galicia, a través dos seus órganos competentes, elaborará e aprobará anualmente o anteproxecto de orzamentos e un programa de actuación, financiamento e investimentos que lle será remitido á Xunta, a través da consellaría competente en materia de augas, para a súa integración no Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. O réxime financeiro, contable e orzamentario da entidade axustarase ás regras que para as sociedades e as entidades de capital público estableza o ordenamento xurídico vixente nestas materias.

Artigo 21º.-Réxime de contratación.

Os contratos e as concesións que estableza Augas de Galicia serán con suxeición ao establecido na lexislación básica de contratos e concesións administrativas e, de ser o caso, á normativa de desenvolvemento que fose aprobada pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 22º.-Recursos contra actos de Augas de Galicia.

1. Os actos administrativos da Presidencia e do Consello de Administración de Augas de Galicia esgotarán a vía administrativa e serán impugnables directamente perante os órganos competentes da xurisdición contencioso-administrativa logo da interposición potestativa do recurso de reposición perante o mesmo órgano que os ditou.

Os actos administrativos da Dirección de Augas de Galicia poderán ser obxecto de recurso en alzada perante a presidencia.

2. Os actos de natureza tributaria poderán ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o órgano que ditase o acto obxecto de recurso. Contra a resolución do recurso de reposición ou contra o propio acto, se non se interpón aquel, poderase reclamar perante a Xunta Superior de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coas disposicións reguladoras desta.

3. Os actos da entidade sometidos ao dereito civil ou laboral serán susceptibles de impugnación perante a xurisdición competente. Antes desta impugnación deberase formular a pertinente reclamación previa perante a Presidencia de Augas de Galicia, todo iso de acordo co regulado na lexislación aplicable.

4. A representación e a defensa en xuízo de Augas de Galicia desenvolveranse de conformidade co Decreto 343/2003, modificado polo Decreto 120/2006, polo que se aproba o Regulamento da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 23º.-Da responsabilidade patrimonial.

A responsabilidade patrimonial derivada da actuación ou da omisión da entidade será exixible nos mesmos casos e mediante o mesmo procedemento que a responsabilidade da Administración da Xunta de Galicia.

Título III

Do abastecemento de poboacións e do saneamento e a depuración das augas residuais

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 24º.-Principios xerais.

1. A actuación da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais no ámbito do abastecemento de poboacións garantiralles a subministración de auga en cantidade e calidade axeitada a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos no marco do que indique a planificación hidrolóxica aplicable.

2. No ámbito do saneamento e a depuración das augas residuais, a actuación da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais terá como finalidade contribuír á consecución do bo estado ecolóxico das augas e dos seus ecosistemas asociados mediante o cumprimento dos obxectivos que nesta materia fixe a lexislación aplicable.

Igualmente propiciarase a reutilización das augas residuais xa depuradas cando iso sexa viable en función dos usos previstos, das condicións sanitarias exixibles e de conformidade cos estudos técnicos e económicos que se realicen.

Artigo 25º.-Dereitos e obrigas das persoas usuarias da auga de uso urbano.

1. As persoas usuarias dos servizos da auga comprendidos no ciclo integral da auga de uso urbano terán o dereito a:

a) Gozar dun medio hídrico de calidade.

b) Obter a prestación do servizo en condicións de garantía e regularidade e conforme os parámetros de calidade establecidos.

c) Coñecer as tarifas establecidas.

d) Dispoñer de contadores homologados e verificados para a medición dos seus consumos, que deberán ser instalados polas entidades subministradoras.

e) Ser informados, coa antelación suficiente, dos cortes de servizos programados por razóns operativas.

f) Acceder a toda a información dispoñible en materia de auga e, en particular, a referida ao estado das masas de auga de superficie ou subterráneas, nos termos previstos nesta lei e na normativa reguladora do acceso á información en materia de medio ambiente.

g) Participar activamente nas decisións de xestión e planificación do uso da auga, a través dos mecanismos de consulta establecidos nesta lei ou que en cada caso se establezan.

2. As persoas usuarias dos servizos da auga comprendidos no ciclo integral da auga de uso urbano terán a obriga de:

a) Utilizar a auga con criterios de racionalidade e sustentabilidade.

b) Contribuír a evitar a deterioración da calidade das masas de auga e dos seus sistemas asociados.

c) Reparar as avarías nas instalacións das que sexan responsables.

d) Contribuír á recuperación de custos da xestión da auga, incluídos os medioambientais e de recurso, mediante o pagamento de canons e tarifas establecidos legalmente, sen prexuízo de que poidan ser tidos en conta os efectos sociais, medioambientais e económicos.

e) Facilitar o acceso aos inspectores das entidades locais e subministradoras ás instalacións relacionadas co uso da auga, nos termos que se establezan nas correspondentes ordenanzas municipais.

f) Cumprir cantas outras obrigas se dispoñan nas ordenanzas municipais sobre xestión e uso eficiente da auga.

Capítulo II

Competencias das administracións públicas e réxime xurídico correspondente

Artigo 26º.-Competencias da Administración hidráulica da Comunidade Autónoma.

1. A Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia determinará a política en relación co ciclo integral de uso urbano da auga, así como a declaración de interese das obras e as actuacións cuxa transcendencia ou efectos exceda do marco municipal.

2. En particular, correspóndenlle á Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia as seguintes funcións:

a) A elaboración e a aprobación dos instrumentos de planificación regulados neste título.

b) A elaboración e a aprobación dos proxectos de obras e mais a execución delas cando se trate de actuacións declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

As competencias de elaboración e de execución poderán ser delegadas nas entidades locais correspondentes.

c) A elaboración, a aprobación e a execución de proxectos de obras de competencia das entidades locais, cando estas lle delegasen a competencia para iso.

d) A elaboración das normas de xestión e de explotación dos servizos da súa competencia e dos criterios de coordinación do exercicio das competencias das entidades locais.

e) O exercicio das funcións de inspección e control dos servizos de abastecemento, de saneamento e de depuración, en particular as relativas aos caudais circulantes, ás verteduras e á contaminación.

f) A elaboración dos plans de seca aos que se refire o artigo 27º da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, no ámbito das concas intracomunitarias e, en todo caso, a coordinación dos plans de emerxencia das entidades locais mencionados no devandito precepto.

g) A regulación e a xestión das situacións de contaminación extraordinaria dos sistemas de depuración ou de calquera outro estado de urxencia ou necesidade.

h) A adopción de medidas en relación coa substitución de caudais de adución ou de incorporación das augas residuais ás plantas de tratamento, así como o establecemento de limitacións de caudal e de contaminación nas redes de colectores xerais, consonte o establecido na normativa e na planificación hidrolóxica aplicables.

i) A xestión e a recadación, agás o procedemento de constrinximento, dos tributos regulados nesta lei, así como aqueloutros que lle correspondan, de acordo coa normativa vixente.

l) Calquera outra atribución que lle corresponda por determinación desta lei ou do resto do ordenamento xurídico.

3. En xeral, correspóndelle á Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia a coordinación da actuación das entidades locais nestes ámbitos e, igualmente, a regulación e o outorgamento de auxilios económicos ás devanditas entidades locais nas materias da súa competencia.

4. O exercicio das competencias enumeradas na alínea segunda deste artigo levarase a cabo por medio dos órganos indicados no artigo 7º desta lei e segundo a distribución que resulte do ordenamento xurídico aplicable en cada caso.

Artigo 27º.-Competencias das entidades locais.

1. É competencia das entidades locais, de acordo co que se establece na lexislación de réxime local, a subministración de auga potable, a rede de sumidoiros e o tratamento das augas residuais.

2. En particular, correspóndenlles ás entidades locais as seguintes funcións:

a) A elaboración e a aprobación dos proxectos de obras e a execución das infraestruturas correspondentes cando se trate de obras da súa competencia ou cando se actúe por delegación da Administración da Comunidade Autónoma.

b) A explotación dos servizos da súa competencia.

c) En materia de distribución e de rede de sumidoiros:

c.1. A planificación, que se levará a cabo a través dos instrumentos de ordenación urbanística axeitados segundo a lexislación urbanística aplicable e no marco da lexislación e da planificación autonómica aplicable nesta materia.

c.2. O proxecto, a construción, a explotación e o mantemento das redes de distribución e de sumidoiros.

c.3. O control das verteduras ás redes de sumidoiros no marco do que ordene a normativa de aplicación ao respecto.

3. As entidades locais poderán realizar a explotación dos servizos da súa competencia por si mesmas ou en unión doutras entidades locais dentro das posibilidades que prevé a lexislación aplicable de réxime local.

4. As entidades locais poderán delegar o exercicio das súas competencias en Augas de Galicia mediante os instrumentos xurídicos previstos na normativa vixente.

5. As deputacións provinciais, consonte o establecido na lexislación de réxime local, prestaranlles axuda ás entidades locais para a mellor execución das súas competencias.

6. Excepcionalmente, cando nos prazos e nas condicións establecidas na lexislación básica de réxime local se aprecie a imposibilidade por parte da entidade local do axeitado exercicio das súas competencias, a Administración hidráulica da Comunidade Autónoma poderá realizar por si mesma as actuacións que considere precisas de conformidade co artigo 33º.2 desta lei.

Artigo 28º.-Declaración de obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Decláranse de interese da Comunidade Autónoma de Galicia as obras incluídas no Plan galego de abastecemento e no Plan galego de saneamento, aos que se refire o artigo 35º desta lei, así como as incluídas no Plan hidrolóxico para a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, ao que se refire o artigo 71º desta mesma lei.

2. Se for o caso, para aquelas obras e actuacións non incluídas na planificación indicada na alínea anterior, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de augas, levará a cabo a declaración de interese da Comunidade Autónoma, logo da elaboración dun informe que xustifique a súa viabilidade económica e medioambiental, e logo do informe preceptivo da consellaría competente en materia de facenda.

3. As obras e as actuacións declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia financiaranse con cargo aos seus orzamentos, sen prexuízo dos convenios que, de ser o caso, se poidan subscribir con outras administracións públicas.

Artigo 29º.-Réxime xurídico das obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. A aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma conforme o indicado no artigo anterior levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e de adquisición de dereitos, para os fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente. Esta declaración referirase tamén aos bens e aos dereitos que se poidan incluír no replanteo do documento técnico correspondente e ás modificacións de obras e ás obras complementarias que, de ser o caso, poidan aprobarse posteriormente.

2. As obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma non precisarán licenza municipal, nin estarán sometidas a ningún outro acto de control preventivo municipal aos que se refiren a Lei de bases de réxime local e a Lei 5/1997, da Administración local de Galicia.

3. Para a aprobación técnica do proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar dunha obra hidráulica de interese da Comunidade Autónoma deberase contar cun informe preceptivo acerca da compatibilidade da actuación co planeamento urbanístico vixente, que será emitido pola Administración urbanística competente no prazo máximo dun mes desde a súa solicitude.

No caso de que se determine a súa incompatibilidade, Augas de Galicia aprobará tecnicamente o correspondente proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar, e deberao someter ao trámite de información pública durante un prazo de trinta días hábiles, na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Simultaneamente, remitiralles o proxecto, o anteproxecto ou o documento técnico correspondente ás administracións públicas afectadas, para que no prazo dun mes emitan informe. Logo de transcorrer o devandito prazo e un mes máis sen a súa emisión, entenderase que están conformes co proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar que corresponda. No caso de desconformidade, que necesariamente haberá ser motivada, o expediente seralle elevado ao Consello da Xunta de Galicia, que, de proceder, o aprobará.

Así que remate este procedemento, a aprobación definitiva do correspondente proxecto, anteproxecto ou documento similar levará aparellada a adaptación do planeamento urbanístico.

Artigo 30º.-Cooperación entre administracións.

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia colaborará con lealdade coa Administración xeral do Estado e coas entidades locais. Para eses efectos e sen prexuízo doutras técnicas de colaboración, subscribiranse os convenios que sexan precisos para acadar os obxectivos das políticas de abastecemento e de saneamento e depuración establecidos no artigo 24º.

2. As entidades locais poderán acordar con Augas de Galicia a redacción do proxecto e, de ser o caso, a execución de infraestruturas e a súa explotación, mediante o emprego dos instrumentos xurídicos de cooperación previstos na normativa vixente.

Artigo 31º.-Disposicións específicas no ámbito do abastecemento.

1. Augas de Galicia adoptará medidas para garantir o abastecemento dos municipios dentro dos límites e nos termos establecidos pola planificación hidrolóxica e o Plan xeral galego de abastecemento.

2. As redes básicas de abastecemento definidas no artigo 2º desta lei están suxeitas á supervisión de Augas de Galicia. Para eses efectos, o titular da rede deberá permitir o acceso ás instalacións e proporcionar a información procedente sobre caudais e calidades da auga subministrada.

3. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de augas, aprobará o Regulamento marco de prestación do servizo de abastecemento, no que deberá quedar fixado estritamente o prazo de adaptación das ordenanzas locais ás súas determinacións.

4. As entidades locais deberán aprobar a correspondente ordenanza municipal, que deberá respectar o previsto nesta lei, no resto do ordenamento xurídico aplicable e, en especial, no regulamento marco mencionado na alínea anterior, e tendo en conta o previsto na disposición adicional novena desta lei. Na ordenanza regularanse, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) O réxime de prestación do servizo, os supostos de suspensión na prestación e a previsión do abastecemento en situacións de emerxencia.

b) A rede pública de tomas de auga.

c) As características do réxime de contratación por parte das persoas usuarias.

d) O réxime de implantación e de funcionamento dos mecanismos de medición directa do consumo efectivo en alta e baixa.

Artigo 32º.-Disposicións específicas no ámbito do saneamento e da depuración de augas residuais.

1. Declárase de interese da Comunidade Autónoma de Galicia o servizo de depuración de augas residuais urbanas, cuxo ámbito material comprende a regulación, a planificación, a aprobación definitiva de proxectos, a construción e a xestión, a explotación e o mantemento das estacións depuradoras de augas residuais, as redes de colectores xerais e as conducións de verteduras que formen parte do Plan galego de saneamento, así como, de ser o caso, a reutilización das augas residuais depuradas.

2. En materia de saneamento e de depuración, a prestación dos servizos deberá respectar as condicións da correspondente autorización de verteduras e tender á consecución dos seguintes obxectivos:

a) Garantía de evacuación e de tratamento das augas residuais de xeito eficaz, co fin de preservar o estado das masas de auga e de posibilitar os seus máis variados usos, fomentando a súa reutilización.

b) Adecuación da calidade da auga dos efluentes das estacións depuradoras para lle dar cumprimento á normativa básica sobre depuración de augas residuais urbanas, sen prexuízo do respecto aos obxectivos ambientais establecidos na lexislación e na planificación hidrolóxica aplicables.

c) Prohibición de verter ás redes de sumidoiros e aos colectores augas residuais de orixe industrial, agrícola e gandeira, cuxas características incumpran o exixido na respectiva ordenanza ou regulamento ou poidan alterar o correcto funcionamento das instalacións afectas ao servizo.

d) Garantía por parte das entidades locais de que o conxunto das verteduras da súa rede de saneamento se adecúa ás características de deseño da correspondente instalación de depuración.

e) Xestión eficiente das instalacións, con especial atención á correcta xestión das augas pluviais.

f) Adecuación das autorizacións ás exixencias e aos requirimentos do progreso técnico, adecuación que non será indemnizable e cuxo incumprimento poderá dar lugar á suspensión e á revogación da autorización, que non terán carácter sancionador.

3. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de augas, aprobará o Regulamento marco de prestación do servizo de saneamento e de depuración de augas residuais, no que deberá quedar fixado estritamente o prazo de adaptación das ordenanzas municipais ás súas determinacións.

4. O réxime xurídico do servizo de saneamento e, de ser o caso, de depuración de augas regularase mediante a correspondente ordenanza municipal, que deberá respectar o previsto nesta lei, no resto do ordenamento xurídico aplicable e, en especial, o regulamento marco mencionado na alínea anterior, e tendo en conta o previsto na disposición adicional novena desta lei. Na ordenanza regularanse, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) A protección das instalacións de saneamento e de depuración e do medio receptor dos seus efluentes.

b) A determinación das verteduras prohibidas e toleradas ás redes municipais de sumidoiros e aos colectores, así como dos tratamentos previos exixibles antes da súa realización.

c) As características físicas e cualitativas, a forma de realización e os requisitos administrativos que deben cumprir as verteduras de natureza non doméstica que se realicen á rede de saneamento.

d) O réxime das verteduras accidentais potencialmente perigosas: obrigas dos seus responsables, medidas de minoración das súas consecuencias e valoración e formas de recuperación dos danos a persoas e bens.

e) O réxime das verteduras mediante camións cisterna.

f) O réxime de inspección, mostraxe, análise e control das verteduras, incluíndo formas que permitan a actuación da Administración en todo momento.

Artigo 33º.-Asunción da xestión e explotación das infraestruturas de abastecemento e de depuración.

1. Para os efectos do cumprimento do establecido no artigo 27º.6 desta lei, Augas de Galicia recibirá a delegación de competencias dos municipios afectados ou, se for o caso, subrogarase nas mesmas conforme os criterios establecidos na lexislación aplicable.

2. Entenderase que a prestación dos servizos non está garantida correctamente cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando os resultados analíticos da auga subministrada nos depósitos de cabeceira incumpran reiteradamente os parámetros establecidos na normativa, por causa imputable á entidade local titular do servizo.

b) Cando se produzan cortes periódicos nas subministracións ou redución ostensible da presión, por causa imputable á entidade local titular do servizo.

c) Cando as verteduras de augas residuais depuradas incumpran reiteradamente os parámetros establecidos, por causa imputable á entidade local titular do servizo.

d) Cando se incumpran os parámetros de calidade de servizos que se establezan regulamentariamente para os sistemas.

e) Cando a entidade local titular do servizo non realice as tarefas de conservación e mantemento axeitadas das infraestruturas e das instalacións.

3. Regulamentariamente desenvolverase o réxime de asunción por Augas de Galicia das funcións de xestión e explotación das infraestruturas de adución e depuración e a súa forma de financiamento, a temporalidade dela e as condicións para a súa restitución á entidade local titular do servizo.

Capítulo III

Da planificación sobre abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais

Sección primeira

Disposicións xerais en materia de planificación

Artigo 34º.-Dos diferentes plans e a súa natureza.

1. A actuación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas súas competencias sobre abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais urbanas estará suxeita a planificación, sen prexuízo do disposto no artigo 26º.2 c) desta lei.

2. Establécense como instrumentos de planificación: o Plan xeral galego de abastecemento e o Plan xeral galego de saneamento. Ambos os plans, de así se decidir neles especificamente, poderán subdividirse en plans de zona de abastecemento e plans de zona de saneamento.

3. Os plans aos que se fai referencia na alínea anterior deberán ser coherentes coa planificación hidrolóxica aplicable e no trámite da súa elaboración deberán ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica segundo regule o ordenamento xurídico existente.

Artigo 35º.-Relación entre instrumentos de planificación.

1. Os plans, tanto xerais coma zonais, de abastecemento e de saneamento deberán respectar as determinacións dos instrumentos de planificación que regulen os espazos naturais protexidos.

2. As actuacións derivadas dos plans xerais galegos de abastecemento e de saneamento prevalecerán sobre as actuacións derivadas dos instrumentos de planificación urbanística.

Sección segunda

Da planificación sobre abastecemento

Artigo 36º.-Do obxecto do Plan xeral galego de abastecemento.

1. O Plan xeral galego de abastecemento terá por obxecto:

a) Establecer os criterios xerais e os obxectivos para garantir axeitadamente o abastecemento de toda a poboación galega en coherencia coa lexislación e coa planificación hidrolóxica aplicable.

b) Regular os principios xerais polos que se deben rexer os servizos de abastecemento en coherencia co regulamento marco establecido no artigo 31 desta lei.

c) Dispoñer dun programa de accións específicas dirixidas á racionalización dos consumos de auga e o conseguinte aforro de recursos hídricos.

d) Conter os criterios xerais, en coherencia cos plans de seca, para a elaboración por parte das entidades locais afectadas dos seus plans de emerxencia.

e) Definir o marco xeral de financiamento das obras e das actuacións incluídas no plan.

f) Establecer os criterios e a organización necesaria para o seguimento e, de ser o caso, a revisión do plan.

g) Cantas outras determinacións sexan necesarias para os efectos da realización dos obxectivos previstos nesta lei.

2. Sen prexuízo da posibilidade de revisión, o plan dividirá as actuacións por realizar en dous períodos temporais de cinco anos cada un deles.

Sección terceira

Da planificación sobre saneamento e depuración

Artigo 37º.-Do obxecto do Plan xeral galego de saneamento.

1. O Plan xeral galego de saneamento ten por obxecto:

a) Establecer os criterios xerais e os obxectivos de calidade que se deben cumprir en coherencia coa lexislación e co contido da planificación hidrolóxica aplicable.

b) Regular os principios xerais polos que se deben rexer os servizos de saneamento e depuración en coherencia co regulamento marco establecido no artigo 32 desta lei.

c) Dispoñer dun programa de accións específicas dirixidas á prevención da contaminación.

d) Definir o marco xeral do financiamento das obras e das actuacións incluídas no plan.

e) Establecer as normas e a organización para o seguimento e a revisión do plan.

f) Cantas outras determinacións sexan necesarias para os efectos da realización dos obxectivos previstos nesta lei.

2. O plan programará as actuacións por desenvolver nun marco temporal que abranguerá, inicialmente, ata o ano 2015.

Sección cuarta

Outras disposicións

Artigo 38º.-Réxime xurídico da elaboración e a aprobación.

1. Os plans regulados neste capítulo serán formulados por Augas de Galicia e aprobados inicialmente polo conselleiro responsable en materia de augas.

2. O procedemento de tramitación e aprobación definitiva regularase mediante decreto do Consello da Xunta, tendo en conta as regras específicas desta lei, e asegurando a máxima transparencia no proceso así como a participación das persoas usuarias e do público en xeral. En particular, deberá existir un informe específico do Consello para o Uso Sustentable da Auga.

Artigo 39º.-Informe de Augas de Galicia dos plans territoriais e urbanísticos.

1. Deberanse someter a informe de Augas de Galicia os instrumentos de ordenación territorial e os plans xerais de ordenación urbana antes de que se proceda á súa aprobación inicial. Igualmente deberanse someter a informe de Augas de Galicia a aprobación e a modificación dos plans parciais e especiais que conteñan determinacións co mesmo obxecto que os plans regulados por esta lei.

2. O informe versará exclusivamente sobre aqueles aspectos relacionados coas competencias en materia de auga e obras hidráulicas da Comunidade Autónoma de Galicia e terá nese ámbito carácter vinculante. Especialmente tratarase no informe do respecto polos instrumentos territoriais e urbanísticos do contido da planificación hidrolóxica, así como dos plans de abastecemento e de saneamento, cando estes existan.

3. Os prazos e as condicións de emisión destes informes serán regulados pola normativa territorial e urbanística. No seu defecto, o prazo será de dous meses tras a remisión do proxecto de plan. A falta de notificación nese prazo do informe equivalerá á declaración de conformidade co contido do proxecto de instrumento territorial ou urbanístico. No caso de que non se lle entregase a Augas de Galicia un texto completo sobre o que emitir informe, o prazo interromperase cando Augas de Galicia solicite os documentos que falten e reiniciarase cando estes cheguen ao seu poder.

Título IV

Da política de recuperación dos custos dos servizos

Capítulo I

Disposicións comúns ao réxime económico-financeiro

Artigo 40º.-Principios xerais de actuación e normativa de aplicación.

1. As administracións titulares dos servizos de abastecemento e de saneamento e depuración exixirán os tributos que lles correspondan de acordo co previsto na normativa que lles sexa aplicable e tendo en conta o principio da recuperación dos custos dos servizos relacionados coa auga, incluídos os custos medioambientais, e, en particular, de conformidade co principio de que quen contamina paga.

2. Augas de Galicia estudará as fórmulas para que nos prazos exixidos pola normativa básica se lles poida dar cumprimento ás exixencias do principio de recuperación dos custos propios do ciclo da auga, incluídos os medioambientais, coa introdución de criterios que intensificando a progresividade promovan o aforro de auga e os comportamentos menos degradantes do medio hídrico.

3. A normativa de aplicación ao canon da auga e ao coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, creados por esta lei, vén constituída por esta lei e as súas normas de desenvolvemento, pola Lei xeral tributaria e as súas normas de desenvolvemento, así como polo texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. No caso do coeficiente de vertedura, resulta igualmente de aplicación a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 41º.-Relación con outros ingresos de dereito público vinculados coa Administración hidráulica.

1. O canon da auga creado nesta lei é compatible con calquera outro tributo relacionado coa utilización da auga. En particular, declárase a súa compatibilidade coas figuras tributarias previstas na lexislación estatal de augas e cos tributos nesta materia que poidan ser exixidos polas entidades locais.

2. O coeficiente de vertedura é incompatible cos tributos municipais destinados a sufragaren o servizo de depuración de augas residuais, e é compatible con aqueles destinados a sufragaren o servizo da rede de sumidoiros.

3. A aplicación de taxas pola prestación de servizos relacionados co ciclo da auga corresponderalle en cada caso á Administración que realice efectivamente o servizo.

4. Nos termos previstos na vixente normativa estatal e autonómica en materia de réxime local, Augas de Galicia instará dos órganos competentes da Xunta de Galicia en materia de Administración local o requirimento de anulación ou, de ser o caso, a impugnación perante a xurisdición contencioso-administrativa daqueles actos e acordos dos entes locais que incumpran o disposto nas alíneas anteriores.

Capítulo II

Canon da auga

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 42º.-Creación do canon da auga, ámbito e normativa de aplicación.

1. Mediante esta lei créase o canon da auga como tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia con natureza de imposto.

2. O canon da auga aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 43º.-Natureza e obxecto.

O canon da auga é un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia con natureza de imposto de carácter real e indirecto e de finalidade extrafiscal afectado ao destino que se indica no artigo seguinte, o cal grava o uso e o consumo da auga no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir.

Artigo 44º.-Afectación do produto do canon.

A recadación que se obteña co canon da auga queda afectada ao desenvolvemento de programas de gasto que promovan:

a) A prevención en orixe da contaminación e a recuperación e o mantemento dos caudais ecolóxicos.

b) A consecución dos obxectivos medioambientais fixados pola lexislación e pola planificación hidrolóxica aplicable, e particularmente a dotación dos gastos de investimento, explotación e xestión das infraestruturas que se prevexan.

c) O apoio económico ás administracións que dentro da Comunidade Autónoma de Galicia exerzan competencias no ámbito do ciclo urbano da auga.

d) Calquera outro gasto que xere o cumprimento das funciones que se lle atribúen a Augas de Galicia.

Sección segunda

Elementos do tributo

Artigo 45º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do canon da auga o uso ou o consumo real ou potencial da auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación, mesmo non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir, considerándose incluída dentro desta afección a incorporación de contaminantes nas augas, e sen prexuízo dos supostos de non suxeición e exención previstos no artigo 47º.

2. O canon exixirase segundo as seguintes modalidades:

a) Usos domésticos e asimilados.

b) Usos non domésticos.

c) Usuarios específicos.

3. O canon exixirase tanto polo uso ou o consumo da auga facilitada por entidades subministradoras coma polo uso ou o consumo da auga en réxime de concesión para abastecemento ou procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas, incluídos os consumos ou os usos de augas pluviais e mariñas que efectúen directamente os usuarios, sen prexuízo dos supostos de non suxeición e exención previstos no artigo 47º.

Artigo 46º.-Suxeito pasivo e outros obrigados tributarios.

1. Son suxeitos pasivos a título de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou as entidades do artigo 35º.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, que usen ou consuman real ou potencialmente a auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación, mesmo non consuntiva, por causa da afección ao medio que a súa utilización poida producir, incluída a incorporación de contaminantes nas augas.

2. Agás proba en contrario, considerarase como contribuínte a quen sexa considerado usuario da auga conforme a definición contida no punto 45 do artigo 2º desta lei en cada caso.

3. No suposto de abastecemento de auga por entidades subministradoras de auga, estas terán a consideración de suxeitos pasivos a título de substituto do contribuínte.

4. Son responsables solidarios: no caso de vivendas, a persoa titular do contrato de subministración, no caso de non ser contribuínte, e a propietaria da vivenda; no caso de captacións propias, as persoas titulares dos aproveitamentos, no caso de non seren contribuíntes, e as titulares das instalacións mediante as que ou desde as que se produzan as captacións ou se realicen as verteduras contaminantes; no caso de utilización da auga por parte dos comuneiros que pertenzan a unha comunidade de usuarios legalmente constituída, a comunidade de usuarios.

Artigo 47º.-Supostos de non suxeición e exencións.

1. Non están suxeitos ao canon da auga:

a) Os usos para abastecemento feito a través de redes básicas e, en xeral, o abastecemento en alta doutros servizos públicos de distribución de auga potable, cando a súa posterior distribución en baixa sexa obxecto de repercusión do canon.

b) Os usos de augas residuais reutilizadas, sempre que o seu gravame supoña dobre imposición respecto do mesmo volume de auga.

c) Os usos agrícolas, forestais e gandeiros, sempre que non exista unha contaminación de carácter especial en natureza ou cantidade por fertilizantes, pesticidas ou materia orgánica, comprobado polos servizos de inspección da administración competente. Regulamentariamente estableceranse os criterios ou os parámetros límites para a determinación do carácter especial da contaminación, tendo en consideración o disposto na disposición adicional quinta da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, no Código galego de boas prácticas agrarias recollido na Directiva do Consello 91/676/CEE e nas normas de desenvolvemento delas. Entenderase que se produce afección ao medio, e, polo tanto, estarán suxeitos os usos agrícolas, forestais e gandeiros, cando se efectúen verteduras ás redes públicas de saneamento.

2. Atópanse exentos do pagamento do canon da auga:

a) Os usos da auga por parte de entidades públicas para a alimentación de fontes, bocas de rega de parques e xardíns, limpeza de rúas e instalacións deportivas, agás os destinados á rega de campos de golf e ao enchido de piscinas.

b) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios ou os que coas mesmas características sexan efectuados ou ordenados polas autoridades públicas en situacións de necesidade extrema ou catástrofe.

c) Os suxeitos pasivos aos que lles resulte aplicable a Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

3. Para os efectos do establecido na alínea 1º c) deste artigo, nas comunidades de usuarios cuxas augas sexan destinadas na súa totalidade ou en parte a usos agrícolas, forestais e gandeiros, a base impoñible exenta virá determinada pola porcentaxe que se reflicta na concesión administrativa destinada a cada uso ou, no seu defecto, considerarase, agás proba en contrario, que a porcentaxe será a mesma para cada un dos usos que se establecen na citada concesión.

Artigo 48º.-Base impoñible e métodos de determinación da base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible o volume real ou potencial de auga utilizado ou consumido en cada mes natural, expresado en metros cúbicos. No caso dos usos non domésticos que dispoñan de contadores homologados de caudal de vertedura poderase considerar como base impoñible o volume de vertedura, nas condicións que se determinen regulamentariamente.

2. A determinación da base impoñible realizarase, con carácter xeral, en réxime de estimación directa, mediante contadores homologados. Para estes efectos, os usuarios están obrigados a instalar e manter pola súa conta un mecanismo de medición directa da auga efectivamente usada ou consumida.

3. Os usuarios que non dispoñan dun mecanismo de medición directa poderanse acoller a sistemas de estimación obxectiva. Para estes efectos, entenderase que un usuario se acolle ao sistema de estimación obxectiva cando logo de transcorreren seis meses desde a entrada en vigor do regulamento que desenvolva as previsións desta lei en materia de tributos non dispoña de mecanismo de medición.

4. O método de estimación obxectiva e indirecta aplicarase de conformidade co disposto na Lei 58/2003, xeral tributaria.

Artigo 49º.-Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación directa.

1. No caso de abastecementos por entidade subministradora, o volume de auga utilizado ou consumido será o subministrado pola devandita entidade, medido, de ser o caso, polo contador homologado instalado.

2. No caso de concesións de uso ou captacións propias, o volume será o medido polo contador homologado instalado, que será declarado polo contribuínte na forma e nos prazos que regulamentariamente se determinen.

Artigo 50º.-Determinación da base impoñible mediante o réxime de estimación obxectiva.

O cálculo da base impoñible do canon mediante o réxime de estimación obxectiva fixarase regulamentariamente en atención ás características e ás circunstancias do aproveitamento, tendo en conta a capacidade de extracción, adución ou almacenamento de auga dos mecanismos instalados polo suxeito pasivo, así como a información que conste no rexistro administrativo do aproveitamento. No caso dos usos domésticos, a base impoñible do canon mediante o réxime de estimación obxectiva poderase determinar a partir dos volumes de dotación básica de auga para vivendas que se establezan nos instrumentos de planificación hidrolóxica.

Artigo 51º.-Devengo.

1. O devengo producirase no momento no que se realice a utilización ou o consumo real ou potencial da auga de calquera procedencia, con calquera finalidade e mediante calquera aplicación.

2. Nos usos domésticos e asimilados, o tipo de gravame aplicarase sobre os consumos mensuais.

Subsección primeira

Cuantificación do canon para usos domésticos e asimilados

Artigo 52º.-Cota do canon.

1. A cota do canon para usos domésticos e asimilados resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable. Da cantidade resultante poderanse practicar as deducións previstas no artigo 54º desta lei.

2. A parte variable da cota será o resultado de aplicar sobre a base impoñible os tipos de gravame previstos no artigo 53º desta lei.

3. No caso de que os contadores, os aproveitamentos ou as medidas do caudal sexan colectivos, aplicarase a parte fixa da cota multiplicada polo número de vivendas, oficinas ou locais conectados. Cando este extremo non sexa coñecido, o número de abonados determinarase en función do diámetro do contador de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "22200D001P006.PDF"

2. Establécese unha cota fixa de 1,50 € por contribuínte e mes. No caso de que nese período o contribuínte non supere o volume establecido no primeiro tramo, a cota fixa será de 0,50 €.

3. A parte variable resulta de aplicar aos consumos mensuais os seguintes tipos de gravame:

a) Consumo realizado dentro do primeiro tramo: 0,00 €/m3.

b) Consumo realizado dentro do segundo tramo: 0,28 €/m3.

c) Consumo realizado dentro do terceiro tramo: 0,36 €/m3.

e) Consumo realizado dentro do cuarto tramo: 0,41 €/m3.

4. Agás proba en contrario, presúmese que unha vivenda está habitada por tres persoas. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para acreditar perante Augas de Galicia, por instancia do suxeito pasivo, un número diferente de habitantes por vivenda, así como os prazos para levalo a cabo e o período de permanencia no dato. As modificacións resultantes terán efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de fontes propias.

5. Nos supostos de usos asimilados a domésticos, o tipo de gravame será o correspondente ao establecido para unha vivenda de tres persoas, aplicándoselle ao consumo realizado dentro do primeiro tramo o tipo correspondente ao segundo tramo.

6. Nos supostos de os contadores, os aproveitamentos ou os aforos seren colectivos, o valor de «n» establecido na alínea 1 deste artigo será o resultado de multiplicar por 3 o valor obtido da aplicación da alínea 3 do artigo anterior. Nestes supostos non será aplicable o establecido na alínea 4 deste artigo.

7. Nos supostos de comunidades de usuarios legalmente constituídas, así como para as captacións propias nos usos domésticos definidos no artigo 2º.42 desta lei, os tipos de gravame indicados nas alíneas 2 e 3 serán afectados por un coeficiente igual a 0,1.

Artigo 54º.-Deducións da cota.

Aplicarase unha dedución do 50% sobre a cota íntegra do canon cando corresponda aos usos destinados a vivenda habitual das familias numerosas que acrediten formalmente tal condición, de acordo coa normativa de aplicación na materia. A dedución terá efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou ben no seguinte período de liquidación no caso de fontes propias.

Subsección segunda

Cuantificación do canon para usos non domésticos

Artigo 55º.-Cota do canon.

1. A cota do canon para usos non domésticos resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. A parte variable da cota resultará de aplicar sobre a base impoñible o tipo de gravame previsto no artigo seguinte.

Artigo 56º.-Tipo de gravame.

1. O tipo de gravame determinarase en función dunha das modalidades seguintes:

a) Na modalidade de volume, de acordo coa tarifa establecida na alínea 3 deste artigo sobre a base impoñible determinada por algún dos sistemas establecidos no artigo 48º desta lei.

b) Na modalidade de carga contaminante, naqueles casos en que Augas de Galicia, de oficio ou por instancia do suxeito pasivo, opte por determinar o tipo de gravame en función da contaminación producida. Augas de Galicia determinará de oficio o tipo de gravame por carga contaminante nos casos en que a cota resultante resulte superior á que se poida deducir da aplicación do tipo na modalidade de volume.

Ver referencia pdf "22200D001P006.PDF"

3. O tipo de gravame expresarase en euros/metro cúbico e será:

a) Na modalidade de volume, de 0,421 €/m3.

b) Na modalidade de carga contaminante será o determinado a partir dos seguintes valores dos parámetros de contaminación:

-Materias en suspensión: 0,246 €/kg.

-Materias oxidables: 0,493 €/kg.

-Nitróxeno total: 0,369 €/kg.

-Fósforo total: 0,740 €/kg.

-Sales solubles: 3,955 €/S/cm m3.

-Metais: 11,113 €/kg equimetal.

-Materias inhibidoras: 0,052 €/equitox.

4. Os tipos de gravame establecidos na letra b) da alínea anterior poderán ser afectados, segundo os casos, polos coeficientes establecidos nas alíneas seguintes, de conformidade cos seguintes criterios:

a) As achegas ou as detraccións de auga que efectúe o contribuínte, que se expresará mediante a relación existente entre o volume de auga vertido e o volume de auga consumido ou utilizado.

b) A dilución nas verteduras que se evacúen ao mar mediante instalacións de titularidade privada.

c) Os usos aos que se destina a auga.

d) A realización de verteduras a zonas declaradas sensibles.

5. Naqueles casos nos que o volume de auga vertido sexa distinto ao volume de auga consumido ou utilizado, o tipo de gravame na modalidade de carga contaminante verase afectado por un coeficiente corrector de volume (CCV), que expresará a relación existente entrambos os volumes.

Para a aplicación deste coeficiente corrector de volume é preciso, agás as excepcións que se determinen regulamentariamente, que o obrigado tributario dispoña de aparellos de medida nas fontes de abastecemento de auga e na vertedura. Noutro caso este coeficiente tomará o valor de 1.

No caso de que a base impoñible veña constituída polo volume vertido, este coeficiente tomará o valor de 1.

Ver referencia pdf "22200D001P006.PDF"

Sendo a relación de dimensionamento o valor resultante de multiplicar o volume anual, cuantificado por algún dos sistemas referidos no artigo 48º, expresado en metros cúbicos, pola superficie das balsas de cultivo, expresado en metros cadrados, e dividido entre a superficie das balsas de decantación multiplicada por 20.000, expresado en metros cadrados. Nos termos que regulamentariamente se establezan, cando a instalación dispoña de sistemas de filtración axeitados para o tratamento das verteduras, estes coeficientes serán afectados por un factor de 0,8.

8. Nas verteduras efectuadas mediante instalacións de saneamento privadas en zonas declaradas sensibles, de acordo co disposto no Real decreto lei 11/1995 no que concirne á declaración de zonas sensibles, os parámetros de contaminación veranse afectados polo seguinte coeficiente de zona sensible (CZS).

Ver referencia pdf "22200D001P006.PDF"

Subsección terceira

Cuantificación do canon para usuarios específicos

Artigo 57º.-Usos industriais de refrixeración e usos de produción de enerxía hidroeléctrica.

1. A cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. O tipo de gravame variable nas augas de refrixeración será de 0,0001 euros por metro cúbico.

4. Regulamentariamente fixaranse as condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas de refrixeración, para o que se terán en conta os seguintes criterios:

a) O seu uso non consuntivo.

b) Que retornen ao mesmo medio no que foron captadas.

c) O non incremento dos parámetros de contaminación.

5. Para os suxeitos pasivos concesionarios de auga para usos de produción de enerxía hidroeléctrica a cota variable do canon determínase consonte a seguinte fórmula:

Q = kWh producidos × euros/kWh

6. A cota variable (Q) calcularase en función dos tipos específicos de 0,0004 €/kWh ou 0,00025 €/kWh, en función de que o réxime de produción de enerxía hidroeléctrica sexa ordinario ou especial, respectivamente.

Artigo 58º.-Usos agrícolas, forestais e gandeiros suxeitos.

1. A cota do canon nos usos agrícolas, forestais e gandeiros que se atopen suxeitos consonte o establecido no artigo 47º desta lei resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. O tipo de gravame da parte variable será de 0,005 euros por metro cúbico.

Artigo 59º.-Usos de augas termais e mariñas na actividade balnearia.

1. A cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. O tipo de gravame da parte variable nas augas termais e mariñas destinadas a uso terapéutico será de 0,05 euros por metro cúbico.

4. Regulamentariamente fixaranse as condicións que deben cumprir as augas para que teñan a consideración de augas termais e mariñas na actividade balnearia.

Artigo 60º.-Usos de auga para a rega de instalacións deportivas.

1. A cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. Nos usos non exentos da auga para a rega de instalacións deportivas o tipo de gravame da parte variable será de 0,01 euros por metro cúbico, sempre que este uso de auga se leve a cabo de forma ambientalmente sustentable mediante acreditación da posesión de sistemas de certificación ambiental, de acordo coas condicións e cos requisitos que se establezan regulamentariamente.

4. Noutro caso, o tipo de gravame aplicable a estes usos da auga será de 0,1 euros por metro cúbico.

Artigo 61º.-Usos de auga en acuicultura de auga mariña e depuradores de molusco.

1. A cota do canon resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable.

2. A parte fixa da cota será de 2,50 euros por contribuínte e mes.

3. O tipo de gravame da parte variable nas augas mariñas en acuicultura será de 0,0005 euros por metro cúbico.

4. O tipo de gravame da parte variable nas augas mariñas en depuradores de moluscos será de 0,001 euros por metro cúbico.

Sección terceira

Normas de aplicación

Artigo 62º.-Competencias en canto á aplicación do canon.

1. A xestión, a inspección, a recadación en período voluntario e o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderalle a Augas de Galicia.

Para estes efectos, as entidades subministradoras de auga veñen obrigadas a subministrarlle a Augas de Galicia cantos datos, informes e antecedentes con transcendencia tributaria sexan precisos para as funcións que Augas de Galicia ten encomendadas, tendo a devandita subministración o carácter de comunicación indicado no artigo 11º.2 a) da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. A recadación na vía de constrinximento, incluíndo a concesión de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento en período executivo, corresponderalle ao órgano ou á entidade que desempeñe as competencias xerais en materia de aplicación dos tributos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O coñecemento das reclamacións interpostas contra os actos ditados en aplicación do canon corresponderalles aos órganos económico-administrativos da Xunta de Galicia.

4. A potestade sancionadora exercerase consonte o previsto no título IV da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 63º.-Repercusión do canon.

1. No suposto de abastecemento por entidade subministradora, esta deberá repercutir integramente o importe do canon sobre o contribuínte, quen queda obrigado a soportalo. O canon será exixible ao mesmo tempo que as contraprestacións correspondentes á subministración, agás nas subministracións que non sexan facturadas aos contribuíntes, mesmo os consumos propios das entidades subministradoras, que se liquidarán nos termos indicados na alínea seguinte.

2. Nos supostos de determinación da base impoñible polo volume da vertedura e de determinación do tipo por carga contaminante, Augas de Galicia poderalle liquidar directamente o canon ao suxeito pasivo, mesmo no caso de abastecemento por entidade subministradora. Nestes casos, e logo de comunicación de Augas de Galicia, a entidade subministradora quedará eximida da obriga de repercusión do canon.

3. Nos casos de abastecemento por entidade subministradora cuxa prestación non sexa obxecto de facturación, as entidades subministradoras veñen obrigadas a confeccionar nos dous primeiros meses naturais do ano unha factura-recibo en concepto de canon da auga coas especificidades que se establezan regulamentariamente en relación co volume subministrado no ano inmediato anterior. Nos supostos de consumos propios das entidades subministradoras o canon da auga referido aos devanditos consumos debe ser ingresado na correspondente autoliquidación en función do período do que se trate.

4. As entidades subministradoras deberanlles aplicar de oficio aos seus abonados as correspondentes cotas do canon que en cada momento se atopen vixentes, tanto no que se refire á parte fixa da cota coma á parte variable, agás nos supostos de determinación do canon por carga contaminante, nos que Augas de Galicia lles comunicará as tarifas aplicables.

5. A repercusión deberase facer constar de maneira diferenciada na factura ou no recibo que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos, cos requisitos que se establezan regulamentariamente, polo que queda prohibida tanto a súa facturación coma o seu cobramento de forma separada, sen prexuízo do que se estableza en relación cos consumos propios e os non facturados.

6. No caso de que non efectúen lecturas mensuais, as entidades subministradoras facturaranlles o canon da auga aos usuarios domésticos e asimilados repartindo o volume de modo proporcional ao número de meses que comprenda o período de lectura.

7. Establécese a obriga das entidades subministradoras de auga de presentaren autoliquidación das cantidades repercutidas ou que se debesen repercutir en concepto de canon da auga, no lugar, na forma e nos prazos que se determinen regulamentariamente.

8. O procedemento para o cobramento do canon da auga en período voluntario será unitario co seguido para a recadación dos dereitos que á entidade subministradora lle correspondan polo servizo de abastecemento de auga. O acto de aprobación do documento que faculta para o cobramento dos dereitos dimanantes do servizo de abastecemento de auga e o anuncio de cobranza virán referidos igualmente ao canon da auga.

9. Nos termos que regulamentariamente se establezan, se o importe do canon non se fixo efectivo ao substituto antes de finalizar o prazo para presentar a autoliquidación, permitiráselle ao substituto non ingresar as cantidades non cobradas. O anterior non se poderá levar a cabo se o substituto admite durante o período voluntario que o contribuínte non satisfaga o canon da auga e si o importe que supoña a contraprestación pola subministración da auga.

10. A xustificación das cantidades non cobradas ás que se refire a alínea anterior realizarase na forma e nos prazos que regulamentariamente se establezan, e nela conterase unha relación individualizada das débedas tributarias repercutidas aos contribuíntes e non satisfeitas por estes. A presentación desta relación exonera ás entidades subministradoras de responsabilidade en relación coas débedas tributarias contidas nela, agás que o procedemento recadatorio seguido non fose unitario co de recadación dos dereitos que correspondan pola subministración de auga.

Así que as entidades subministradoras xustifiquen estas cantidades, exixiráselle o cumprimento directamente ao contribuínte na vía executiva, agás no caso de que da xestión recadatoria seguida pola entidade subministradora non exista constancia da notificación da débeda ao contribuínte, en cuxo caso estas débedas serán notificadas aos contribuíntes por Augas de Galicia para o seu ingreso en período voluntario, antes de pasar, de proceder, á súa exacción na vía executiva.

Esta notificación para o seu ingreso en período voluntario poderase levar a cabo mediante publicación colectiva, outorgándose un prazo dun mes natural para que os interesados se presenten persoalmente perante Augas de Galicia para seren notificados por comparecencia dos importes repercutidos e non aboados.

11. As entidades subministradoras, como obrigados a repercutir, están suxeitas ao réxime de responsabilidades e obrigas establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións aplicables. En particular, as entidades subministradoras de auga están obrigadas ao pagamento das cantidades correspondentes ao canon que non repercutisen aos seus abonados cando viñeren obrigadas a facelo. Esta obriga será exixible desde a data de expedición das facturas ou dos recibos que se emitisen infrinxindo as obrigas previstas neste artigo, ou desde a súa non emisión no prazo que se determine regulamentariamente nos supostos de subministracións non facturadas ou consumos propios.

12. As infraccións administrativas por defectos na aplicación do canon e as súas sancións serán as contidas na Lei xeral tributaria e nas disposicións complementarias ou concordantes, sen prexuízo do réxime específico previsto no capítulo IV deste título.

Artigo 64º.-Habilitación á Lei de orzamentos xerais de Galicia.

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderá modificar os parámetros cuantitativos utilizables para o cálculo da cota do canon, así como realizar calquera outra modificación na regulación legal do tributo.

Artigo 65º.-Liquidacións e autoliquidacións.

1. Augas de Galicia liquidaralles o canon aos suxeitos pasivos usuarios da auga de fontes propias na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente, logo de tramitación do correspondente expediente. O prazo máximo para notificar a resolución que se dite nese procedemento, así como nos procedementos de determinación do canon da auga na modalidade de carga contaminante, será dun ano.

2. No suposto do canon xestionado a través de entidades subministradoras, estas teñen a obriga de presentar autoliquidacións perante Augas de Galicia nos termos que regulamentariamente estableza o Consello da Xunta, quen tamén fixará os períodos de declaración, nos que se incluirán as cotas facturadas durante estes.

Capítulo III

Coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais

Artigo 66º.-Creación do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais.

1. Mediante esta lei créase o coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais como tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia con natureza de taxa.

2. O coeficiente de vertedura aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As normas de aplicación do canon da auga previstas nos artigos 62º a 65º desta lei rexen igualmente para a aplicación do coeficiente de vertedura. A repercusión do coeficiente de vertedura por parte das entidades subministradoras nas súas facturas-recibo deberase levar a cabo de forma diferenciada da do canon da auga.

Artigo 67º.-Feito impoñible e afectación.

1. O feito impoñible do coeficiente de vertedura é a prestación do servizo de depuración das augas residuais urbanas efectuado pola Administración hidráulica de Galicia, por si ou por medio de calquera das formas previstas na lexislación administrativa para a xestión do servizo público.

2. O produto do coeficiente de vertedura será destinado ao financiamento dos gastos de explotación e, de ser o caso, de investimento das infraestruturas de depuración que xestione a Administración hidráulica de Galicia.

3. O coeficiente de vertedura creado neste capítulo será tamén percibido por aqueles consorcios nos que participe a Administración hidráulica de Galicia cando xestionen depuradoras de augas residuais urbanas, agás que o órgano reitor do consorcio estableza unha taxa propia destinada a sufragar os custos de depuración.

Artigo 68º.-Suxeito pasivo e devengo.

1. O coeficiente seralles aplicable aos suxeitos pasivos do canon da auga indicados no artigo 46 desta lei cuxas verteduras se realizan a un sistema de depuración xestionado pola Administración hidráulica de Galicia. De oficio ou por instancia de parte non se lles aplicará o coeficiente a aqueles usuarios que acrediten que as súas verteduras de augas residuais non están conectadas nas instalacións de depuración xestionadas pola Administración hidráulica de Galicia.

2. Nos supostos de transporte e baleirado de fosas sépticas nas instalacións de depuración ás que se refire este artigo, o xestor delas comunicará os datos relativos ao volume vertido e ao suxeito pasivo a Augas de Galicia, quen emitirá a liquidación correspondente.

3. O inicio da aplicación do coeficiente terá lugar ao mes seguinte do comezo da prestación do servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia.

4. O devengo do coeficiente de vertedura prodúcese nos mesmos termos que o devengo do canon da auga indicado no artigo 51º desta lei.

Artigo 69º.-Base impoñible.

A base impoñible do coeficiente de vertedura determínase de acordo coas regras establecidas nos artigos 48º a 50º desta lei.

Artigo 70º.-Cota tributaria.

A cota tributaria do coeficiente de vertedura resultará da adición dunha parte fixa e dunha parte variable, sendo o importe da parte fixa e variable igual ao importe da cota fixa e variable do canon da auga, respectivamente, determinadas consonte o previsto nos artigos 52º a 61º desta lei, correspondentes a cada suxeito pasivo.

Capítulo IV

Infraccións e sancións tributarias

Artigo 71º.-Réxime sancionador aplicable.

1. As infraccións tributarias referidas ao canon da auga ou ao coeficiente de vertedura a sistemas de depuración non contidas nos tres artigos seguintes cualificaranse e sancionaranse de acordo co previsto na normativa xeral tributaria.

2. Igualmente, o procedemento para a aplicación do réxime sancionador, así como o instituto da prescrición, serán os previstos na normativa xeral tributaria.

Artigo 72º.-Infracción tributaria por incumprir a obriga de repercutir o canon da auga ou o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración na factura da auga.

1. Constitúe infracción tributaria incumprir a obriga de repercutir o canon da auga ou o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos. Neste suposto inclúese o incumprimento da obriga de liquidar o canon da auga nas subministracións non facturadas aos abonados, mesmo os consumos propios das entidades subministradoras, nos termos que regulamentariamente se determinen.

2. A infracción tributaria será leve cando o importe non facturado do canon da auga ou do coeficiente de vertedura sexa inferior ou igual a 3.000 euros ou, sendo superior, o número de recibos de auga emitidos sen incluír o canon da auga ou o coeficiente de vertedura sexa inferior ou igual a 10.

3. A infracción tributaria será grave cando o importe non facturado do canon da auga ou do coeficiente de vertedura sexa superior a 3.000 euros.

4. A base da sanción será o canon da auga ou o coeficiente de vertedura non facturado como resultado da comisión da infracción.

5. A sanción por infracción leve consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do 25% da base.

6. A sanción por infracción grave consistirá nunha multa pecuniaria proporcional do 40% da base.

7. As sancións anteriores graduaranse incrementando a porcentaxe indicada nas alíneas anteriores conforme os criterios de comisión repetida de infraccións tributarias e de prexuízo económico para a facenda pública, cos incrementos porcentuais previstos para cada caso nas letras a) e b) da alínea 1 do artigo 187º da Lei xeral tributaria.

Artigo 73º.-Infracción tributaria por repercutir incorrectamente o canon da auga ou o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración con prexuízo económico para a facenda pública.

1. Constitúe infracción tributaria repercutir incorrectamente o canon da auga ou o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos, ou repercutilo en documento separado, cando desta repercusión incorrecta se produza ou se poida producir prexuízo económico para a facenda pública.

2. A base da sanción será a diferenza entre o canon da auga repercutido e o que procedía repercutir.

3. A cualificación da sanción como leve ou grave, así como a determinación da súa sanción, realizarase consonte o establecido nas alíneas 2 a 7 do artigo anterior.

Artigo 74º.-Infracción tributaria por repercutir incorrectamente o canon da auga ou o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración sen prexuízo económico para a facenda pública.

1. Constitúe infracción tributaria leve repercutir incorrectamente o canon da auga ou o coeficiente de vertedura a sistemas de depuración nas facturas ou nos recibos que emita a entidade subministradora para documentar a contraprestación dos seus servizos, ou repercutilo en documento separado, cando desta repercusión incorrecta non se produza ou non se poida producir prexuízo económico para a facenda pública.

2. A sanción será de 10 euros por cada documento incorrectamente expedido ou utilizado.

Título V

Da planificación hidrolóxica

Artigo 75º.-Principios xerais.

1. Toda a actuación administrativa sobre as augas e os bens obxecto de regulación por esta lei débese subordinar ao contido da planificación hidrolóxica. Os particulares, nos termos deducidos da lexislación estatal sobre augas, quedan suxeitos ao contido da planificación hidrolóxica.

2. Existirá un Plan hidrolóxico para a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

3. Igualmente deberase formar un programa de medidas para a antedita demarcación coa finalidade de acadar os obxectivos ambientais previstos na lexislación estatal de augas.

Artigo 76º.-Finalidade e obxectivos da planificación hidrolóxica.

1. A planificación hidrolóxica, no ámbito das augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ten como finalidade acadar o bo estado ecolóxico do dominio público hidráulico e das masas de auga, compatibilizándoo coa garantía sustentable das demandas de auga, sen prexuízo do establecido no artigo 40º.1 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, e nas normas básicas contidas no Regulamento da planificación hidrolóxica.

2. Para acadar esta finalidade a planificación ten como obxectivos:

a) Evitar a deterioración adicional das masas de augas.

b) Dar resposta á demanda de auga, con criterios de racionalidade e en función das dispoñibilidades reais, así que se garantan os caudais ou as demandas ambientais.

c) Garantir unha xestión equilibrada e integradora do dominio público hidráulico.

d) Recuperar os sistemas nos que a presión sobre o medio hídrico tivese producido unha deterioración.

e) Analizar os efectos económicos, sociais, medioambientais e territoriais do uso da auga, procurando a racionalización do seu uso e dos efectos da aplicación do principio de recuperación de custos ao beneficiario, así como o cumprimento dos principios de xestión da auga legalmente establecidos.

f) Velar pola conservación e o mantemento das masas de auga, das zonas húmidas e dos ecosistemas.

Artigo 77º.-Competencias.

1. A competencia para a elaboración do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e do programa de medidas correspóndelle a Augas de Galicia.

2. Na elaboración do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e do programa de medidas quedará asegurada:

a) A información e a participación do público no proceso de elaboración dos devanditos documentos nos prazos regulados na lexislación estatal de augas.

b) A participación no trámite do Consello para o Uso Sustentable da Auga.

c) Un acto final de aprobación polo Consello da Xunta. No caso do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, este trámite precederá ao envío do plan ao Goberno do Estado para a súa aprobación final no marco do disposto polo ordenamento xurídico aplicable.

3. A través de Augas de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia participará na elaboración e a aprobación da planificación hidrolóxica do resto de demarcacións hidrográficas existentes no territorio galego.

Artigo 78º.-Documentos e finalidades.

1. O plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica constará dos documentos enumerados na lexislación estatal de augas:

a) Memoria: incluiranse os seguintes contidos mínimos acompañados dos correspondentes anexos:

a.1. Descrición xeral da demarcación hidrográfica.

a.2. Descrición xeral dos usos, das presións e das incidencias antrópicas significativas sobre as augas.

a.3. Identificación e mapas de zonas protexidas.

a.4. As redes de control establecidas para o seguimento do estado das augas de superficie, das augas subterráneas e das zonas protexidas e mais os resultados dese control.

a.5. A lista de obxectivos medioambientais para as augas de superficie, as augas subterráneas e as zonas protexidas.

a.6. Un resumo da análise económica dos usos da auga.

a.7. Un resumo do programa de medidas.

a.8. Un rexistro dos programas e dos plans hidrolóxicos máis detallados relativos a subconcas, sectores, cuestións específicas e categorías de augas, acompañado dun resumo dos seus contidos.

a.9. Un resumo das medidas de información pública e de consulta tomadas, dos resultados e dos cambios conseguintes efectuados no plan.

a.10. A lista das autoridades competentes designadas.

a.11. Os puntos de contacto e os procedementos para obter a documentación de base e a información requirida polas consultas públicas.

b) Normativa: incluiranse os contidos do plan hidrolóxico con carácter normativo e que polo menos serán: identificación e delimitación de masas de augas de superficie, condicións de referencia, designacións de augas artificiais e augas moi modificadas, identificación e delimitación de masas de auga subterráneas, prioridade e compatibilidade de usos, réximes de caudais ecolóxicos, definición dos sistemas de explotación, asignación e reserva de recursos, definición de reservas naturais fluviais, réxime de protección especial, obxectivos medioambientais e deterioración temporal do estado das masas de auga, condicións para as novas modificacións ou alteracións, e organización e procedemento para facer efectiva a participación pública.

2. O programa de medidas establecerá aquelas que sexan necesarias para acadar os obxectivos medioambientais regulados na lexislación estatal. En particular, coidarase da súa coordinación cos plans galegos de abastecemento e de saneamento regulados nesta lei.

Artigo 79º.-Efectos dos instrumentos de planificación.

1. O Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa vinculará os plans de ordenación do territorio e urbanísticos, que se deberán adaptar ás súas determinacións.

2. O Plan hidrolóxico deberá recoller as zonas protexidas pola lexislación ambiental e de protección da natureza.

3. Poderán ser declaradas de protección especial determinadas zonas, concas ou tramos de concas, acuíferos ou masas de auga polas súas características naturais ou interese ecolóxico, de acordo coa lexislación ambiental e de protección da natureza. O Plan hidrolóxico recollerá a clasificación das devanditas zonas e as condicións específicas para a súa protección.

4. A aprobación do Plan hidrolóxico así como do plan de medidas determinará respecto dos seus estudos, traballos de investigación, actuacións, proxectos e obras previstas a declaración de utilidade pública para efectos de expropiación.

Título VI

Do réxime especial de protección da calidade das augas das rías de Galicia

Artigo 80º.-Obxecto e ámbito.

1. É obxecto deste título previr, minimizar, corrixir ou, de ser o caso, impedir os efectos prexudiciais que determinadas obras, instalacións e actividades públicas ou privadas poidan ter sobre a calidade das augas das rías de Galicia, a través das medidas que nel se establecen.

2. En particular, este título seralles aplicable ás verteduras, tanto líquidas coma sólidas, que, de xeito directo ou indirecto, se realicen desde terra ás rías de Galicia no ámbito territorial indicado na alínea 4 e sen prexuízo do disposto no artigo 83º.7.

3. Exclúense do ámbito de aplicación deste título as verteduras efectuadas desde buques e outras instalacións flotantes cuxa competencia corresponda á Administración do Estado.

4. O ámbito territorial ao que se refire a alínea 2 é a zona terrestre correspondente ás concas dos municipios ribeiregos vertentes ao interior das rías de Foz, Viveiro, O Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares-Betanzos, A Coruña, Corme-Laxe, Camariñas, Lires, Corcubión, Muros-Noia, Arousa, Pontevedra, Aldán, Vigo e Baiona. No anexo I desta lei indícanse os límites xeográficos exteriores das mencionadas rías.

Artigo 81º.-Verteduras de residuos.

1. Queda prohibido efectuar calquera tipo de vertedura de residuos ás augas das rías de Galicia, agás cando estes sexan utilizados como recheos e estean debidamente autorizados, logo de constatar a ausencia de afección á calidade das augas de acordo co previsto no anexo II desta lei.

2. Cando os recheos poidan afectar a conservación e a rexeneración dos recursos mariños requirirase informe preceptivo e vinculante da consellería competente en materia de pesca, sen prexuízo das competencias do Estado en materia de portos de interese xeral.

3. As autoridades competentes, e en particular os concellos e as demais entidades locais, denegarán as correspondentes licenzas de obras, de apertura e de actividades respecto daquelas que non estean debidamente autorizadas de acordo co previsto na alínea anterior.

Artigo 82º.-Obxectivos de calidade das augas.

1. Establécense como obxectivos de calidade das augas das rías de Galicia os indicados no anexo II desta lei. Estes obxectivos de calidade terán o carácter de mínimos.

2. Os métodos de análise de referencia para a determinación dos parámetros considerados nos obxectivos de calidade da alínea anterior, así como o procedemento para o seu control, serán determinados regulamentariamente.

3. En calquera caso, os anteriores obxectivos de calidade entenderanse modificados no caso de que por parte da Unión Europea ou do Estado se diten obxectivos de calidade máis estritos, ou ben referentes a novos parámetros, particularmente no relativo ás normas de calidade para as augas de baño, de calidade das augas para a produción de moluscos e outras especies mariñas, ou ben en relación coa vertedura de substancias perigosas desde terra ao mar.

Artigo 83º.-Normas sobre verteduras de augas residuais industriais.

1. No ámbito territorial indicado no artigo 80º.4 queda prohibido efectuar verteduras de augas residuais industriais ás rías de Galicia sen contar coa previa e preceptiva autorización, que lle corresponde outorgar a Augas de Galicia, logo de informe da consellaría competente en materia de pesca.

2. Non se poderán outorgar licenzas municipais de obras, de apertura e de actividades de natureza diferente á doméstica sen que, previa e expresamente, os seus promotores obtivesen a autorización á que se refire a alínea anterior.

3. As mencionadas autorizacións de vertedura outorgaranse de conformidade coa vixente lexislación en materia de costas e de protección ambiental e con esta lei, sen prexuízo da concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre se for necesaria, e de xeito que os límites impostos á calidade das augas residuais se adecúen aos obxectivos de calidade indicados no artigo anterior.

4. A autorización de vertedura non será efectiva, e polo tanto esta non se poderá levar a cabo, sen a comprobación previa das condicións impostas na devandita autorización, entre as que necesariamente se atoparán as relativas á adecuación dos sistemas de tratamento da vertedura aos límites que se impoñan.

5. En todo caso, o ente público Augas de Galicia poderá prohibir, no ámbito territorial ao que se refire o artigo 80º desta lei, aqueles procesos industriais cuxos efluentes, malia o tratamento ao que sexan sometidos, poidan constituír un risco de contaminación do dominio público superior ao admisible de acordo co establecido nesta lei, ben sexa no seu funcionamento normal ou no caso de situacións previsibles.

6. Igualmente, non se poderán autorizar verteduras de augas residuais industriais cuxa carga contaminante exceda dos valores límite de emisión establecidos no anexo III, que en ningún caso poderán ser acadados mediante dilución no punto de toma de mostras antes da súa incorporación á condución de verteduras. As mesmas previsións do artigo 82º.3 serán aplicables para estes límites. Os métodos analíticos de referencia para estes parámetros, así como o procedemento para o seu control, serán determinados regulamentariamente.

7. Os límites de emisión establecidos na alínea anterior poderanlle ser aplicables, así mesmo, a cada unha das verteduras que, xunto con outra ou outras verteduras dun mesmo ou outro establecemento, poidan conformar unha vertedura única final, mesmo no caso de que os anteditos establecementos se atopen fóra do ámbito establecido no artigo 80º desta lei. Neste último caso, as devanditas verteduras quedarán tamén suxeitas ao réxime de autorización previsto neste título, logo de motivación do seu risco de afección á ría da que se trate. Para estes efectos, a medición da contaminación dos efluentes realizarase no punto de saída da vertedura de cada un dos establecementos separadamente.

8. Nas autorizacións de vertedura, Augas de Galicia poderá motivadamente impoñer a instalación de sistemas de medición e de análise decontino dos efluentes, así como de transmisión de datos en tempo real.

Título VII

Do réxime de infraccións e sancións

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 84º.-Principios.

1. Constitúen infraccións administrativas as accións ou as omisións dos distintos suxeitos responsables tipificadas e sancionadas nos artigos seguintes.

2. As infraccións e as sancións reguladas neste título enténdense sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde nas que poidan incorrer o seus autores.

3. O regulado neste título é de plena aplicación no ámbito territorial definido no artigo 6º.1 a) desta lei. Nas concas intercomunitarias aplicaranse só as infraccións e as sancións relativas ao ámbito do abastecemento, o saneamento e a depuración de augas residuais, en consonancia coas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia nelas.

4. No non regulado por este título aplicarase o establecido na lexislación básica do Estado sobre o exercicio da potestade sancionadora.

Capítulo II

Infraccións e sancións

Artigo 85º.-Infraccións leves.

Considéranse infraccións leves:

a) As accións ou as omisións que lles causen dano ás augas de superficie, subterráneas, de transición ou costeiras e aos demais bens do dominio público hidráulico, sempre que a valoración do dano non exceda dos 15.000 euros.

b) O incumprimento das condicións impostas nas concesións e nas autorizacións administrativas reguladas na lexislación de augas e costas e mais nesta lei, así como o incumprimento das condicións da autorización de vertedura a sistemas de saneamento, sempre que non se lle causen danos ao sistema ou ben estes non sexan superiores a 15.000 euros.

c) A captación de augas de superficie ou subterráneas sen a correspondente concesión ou autorización cando sexa precisa, así como a realización de traballos ou mantemento por calquera medio que faga presumir a realización ou a continuación da captación das devanditas augas.

d) A execución de obras, traballos, sementeiras ou plantacións, sen a debida autorización administrativa, nas canles públicas ou nas zonas suxeitas legalmente a algún tipo de limitación no seu destino ou uso, nos supostos nos que non deriven de tales actuacións danos para o dominio público ou, de estes se produciren, a súa valoración non exceda dos 15.000 euros.

e) As verteduras que poidan alterar a calidade da auga ou as condicións ambientais ou hidráulicas do medio receptor, efectuadas sen contar coa autorización correspondente, cando non existan danos derivados para o dominio público ou ben cando estes non sexan superiores a 15.000 euros, así como as verteduras non autorizadas aos sistemas de saneamento cando non existan danos derivados para as obras hidráulicas ou ben cando estes non sexan superiores a 15.000 euros.

f) A invasión ou a ocupación das canles e dos leitos ou a extracción de áridos neles sen a correspondente autorización, cando non deriven danos para o dominio público ou, de estes se produciren, a valoración non exceda dos 15.000 euros.

g) O dano ás obras hidráulicas ou ás plantacións e a subtracción ou os danos aos materiais amoreados para a súa construción, conservación, limpeza e monda, nos supostos nos que a valoración de tales danos, ou do subtraído, non exceda dos 15.000 euros.

h) A corta de árbores, ramas, raíces, arbustos ou vexetación riparia ou acuícola nos leitos, nas canles, nas ribeiras ou nas marxes sometidas ao réxime de servidume ou policía sen autorización administrativa, agás para os supostos nos que a valoración do beneficio reportado pola infracción exceda dos 15.000 euros.

i) A non presentación de declaración responsable para a navegación en augas de competencia da Administración hidráulica de Galicia.

j) O cruzamento de canles ou leitos en sitio non autorizado por persoas, gando ou vehículos.

k) A desobediencia ás ordes ou aos requirimentos do persoal de Augas de Galicia no exercicio das funcións que ten encomendadas, así como a obstaculización do devandito exercicio.

l) O incumprimento dos deberes de colaboración.

m) O incumprimento de calquera prohibición establecida nesta lei, na lexislación de augas e de costas e mais nas leis medioambientais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a omisión dos actos a que obrigan, sempre que non estean considerados como infraccións graves ou moi graves.

n) O incumprimento do deber de instalar un contador homologado, nos supostos en que Augas de Galicia o exixa expresamente nas resolucións relativas a concesións ou autorizacións. A carencia de contador non será sancionable nos supostos de estimación obxectiva previstos na alínea 3 do artigo 48º.

ñ) O incumprimento das obrigas de medición directa dos consumos.

o) A apertura de pozos e a instalación neles de instrumentos para a extracción de augas subterráneas sen dispoñer da correspondente concesión ou autorización para a extracción de augas.

Artigo 86º.-Infraccións graves e moi graves.

1. Considéranse infraccións graves ou moi graves as enumeradas no artigo anterior cando dos actos e das omisións previstos deriven para o dominio público danos cuxa valoración exceda dos 15.000 e 150.000 euros, respectivamente. Da mesma forma, a infracción recollida na letra o) do artigo anterior terá a consideración de grave ou moi grave cando a cantidade endebedada exceda dos 15.000 e 150.000 euros, respectivamente.

2. Así mesmo, poderán ser cualificadas de graves ou moi graves, segundo os casos, as infraccións consistentes nos actos e nas omisións que supoñan un incumprimento desta lei e da demais lexislación vixente en materia de augas, de acordo cos criterios que se enumeran no artigo seguinte, en función dos prexuízos que deles deriven para as características ambientais e hidrolóxicas específicas da conca ou do contorno e para o réxime de aproveitamento do dominio público hidráulico no tramo de río ou de litoral, acuífero ou termo municipal onde se produza a infracción.

Artigo 87º.-Criterios para a determinación e a gradación da infracción.

1. Para a determinación da maior ou menor gravidade das infraccións definidas nos artigos anteriores, así como da sanción que se debe impoñer, teranse en conta os seguintes criterios, sen prexuízo dos xa previstos na normativa xeral sobre procedemento administrativo sancionador:

a) A repercusión na orde e no aproveitamento do dominio público.

b) A súa transcendencia na seguranza das persoas e dos bens.

c) A existencia de dolo.

d) O grao de participación do suxeito responsable e a cuantificación do beneficio obtido, se for o caso.

e) A deterioración producida no estado e nas funcións do recurso e do seu contorno.

2. Considerarase atenuante que a persoa infractora exprese o seu arrepentimento espontáneo e voluntario, cando este se manifeste no recoñecemento dos feitos e na dilixente adopción de medidas correctoras para mitigar o dano en principio causado, tendo igualmente en conta os criterios recollidos na alínea anterior.

3. Será agravante que na conduta da persoa infractora se aprecie unha especial vontade ou actitude tendente a agravar o dano inicialmente causado, ou que da falta de colaboración ou axuda para a súa reparación ou mitigación se orixine un dano maior do inicialmente previsto.

Artigo 88º.-Sancións.

1. Poderanse impoñer as seguintes sanciones:

a) Infraccións leves, multa de ata 30.000 euros.

b) Infraccións graves, multa desde 30.001 ata 300.000 euros.

c) Infraccións moi graves, multa desde 300.001 ata 600.000 euros.

2. En todo caso, o réxime previsto na alínea anterior acomodarase da forma regulada neste alínea para os supostos que se indican:

a) Poderanse sancionar con multa de ata 5.000 euros as infraccións leves do artigo 85 previstas nas alíneas d), f) e g), sempre que delas non derivasen danos para os bens de dominio público, así como as previstas nas alíneas i), j), k) e m) do devandito artigo.

b) No caso da infracción tipificada na alínea b) do artigo 85º, cando o incumprimento de condicións non dese lugar á declaración de caducidade ou de revogación da concesión ou autorización administrativa, a multa aplicable poderá tamén ascender ata 15.000 euros.

c) No caso das infraccións tipificadas nas alíneas a), d), f) e g) do artigo 85º, cando existan danos para o dominio público ou se obtivese un beneficio segundo o previsto na alínea h) do mesmo artigo, a multa non será inferior ao dobre dos anteditos importes, cun mínimo de 600 euros e un máximo de 30.000 euros.

d) No caso das infraccións tipificadas nas alíneas c) e e) do artigo 85º, a multa será superior en todos os casos a 1.500 euros, cun máximo de 5.000 euros de non se produciren danos, e non será inferior ao triplo dos danos que puidesen terse ocasionado ou do beneficio obtido coa infracción, cun máximo de 30.000 euros.

e) No suposto da infracción tipificada na alínea b) do mesmo artigo, cando o incumprimento de condicións dese lugar á declaración de caducidade ou de revogación da concesión ou autorización administrativa previamente outorgada, a multa aplicable será como mínimo de 15.001 euros e máximo de 30.000 euros.

3. A sanción poderá levar consigo a consecuencia accesoria consistente no comiso dos efectos provenientes da infracción, dos instrumentos con que se executase, dos obxectos que constitúan o seu soporte material e das ganancias derivadas dela, calquera que sexa a transformación que eles puidesen experimentar, agás que estas ou aqueles pertenzan a un terceiro de boa fe non responsable da infracción que os adquirise legalmente.

Capítulo III

Procedemento

Artigo 89º.-Procedemento e medidas cautelares.

1. A facultade de instruír os procedementos sancionadores e de os resolver correspóndelle a Augas de Galicia segundo a distribución funcional que se regula no título II desta lei. No caso de infraccións relativas aos sistemas de saneamento, será competente a administración xestora do sistema.

2. Mediante acordo motivado poderanse adoptar medidas cautelares dirixidas a aseguraren a eficacia da resolución final. Estas medidas consistirán fundamentalmente na suspensión temporal de actividades ou das concesións ou autorizacións e no establecemento de fianzas que garantan tanto o cobramento da sanción que poida recaer coma a reparación ou a reposición dos bens danados, así como calquera outra medida de corrección, control ou seguranza que impida a extensión do dano.

3. Igualmente, e con carácter excepcional, previamente á incoación do expediente sancionador, con audiencia da persoa interesada e mediante resolución fundada en dereito, o órgano competente para o exercicio da potestade sancionadora ou aquel ao que corresponda a función inspectora poderá adoptar e impoñerlle á persoa presuntamente responsable de calquera dos feitos tipificados como infraccións por esta lei medidas cautelares, cuxa asunción inmediata sexa necesaria para evitar o mantemento dos danos que poidan estar sendo ocasionados ou para mitigalos. Estas medidas poderán consistir na paralización da actividade ou das obras.

No caso de que as medidas cautelares sexan adoptadas por aquel ao que lle corresponda a función inspectora, estas medidas deberán ser ratificadas polo órgano competente para exercer a potestade sancionadora no prazo máximo de catro días naturais.

4. O prazo máximo para a tramitación e a resolución do procedemento sancionador será dun ano desde a data da súa iniciación. Se se excede do devandito prazo, producirase a caducidade do procedemento na forma prevista pola lexislación básica do Estado.

Artigo 90º.-Reparación do dano causado e reposición das cousas ao seu estado primitivo

1. Con independencia das sancións que se impoñan, poderáselles exixir ás persoas infractoras a reparación dos danos e perdas ocasionados ao dominio público, así como a reposición das cousas ao seu estado anterior, e cando isto non sexa posible fixaranse as indemnizacións que procedan.

2. A exixencia de repoñer as cousas ao seu primitivo estado obrigará a persoa infractora a destruír ou derrubar toda clase de instalacións ou obras ilegais e a executar cantos traballos sexan precisos para tal fin, de acordo cos plans, a forma e as condicións que fixe o órgano competente.

3. Naqueles supostos nos que se aprecie forza maior ou caso fortuíto e non exista unha infracción administrativa, pero nos que se produza un dano ao dominio público ou ás súas zonas de servidume e policía por mor do depósito ou da vertedura de obxectos, materiais ou substancias de calquera clase, a persoa causante do dano terá a obriga de repoñer as cousas ao seu primitivo estado, o que se concretará na retirada do obxecto, o material ou a substancia, así como na reposición do medio natural afectado. Esta obriga de repoñer non terá en ningún caso a consideración de sanción.

4. A reparación do dano poderase tramitar nun procedemento administrativo distinto do sancionador.

5. Se a persoa infractora ou causante do dano non executa as accións necesarias para reparar o dano causado, procederase á execución subsidiaria, logo de apercibimento á persoa infractora e do establecemento dun prazo para a execución voluntaria. Non será necesario o apercibimento previo cando da persistencia da situación poida derivar un perigo inminente para a saúde humana ou o medio ambiente.

6. A obriga de repoñer as cousas ao seu estado primitivo ou de reparar os danos causados ao dominio público prescribirá nun prazo de quince anos.

Artigo 91º.-Multas coercitivas e prohibición de obter subvencións.

1. Augas de Galicia poderá impoñer multas coercitivas para a execución das súas resolucións no caso de incumprimento, especialmente nos supostos de reparación dos danos causados no dominio público.

2. Estas multas poderanse impoñer de xeito sucesivo e reiterado. Impoñeranse cantas veces se incumpran os requirimentos efectuados, cunha periodicidade canto menos quincenal, ata o cumprimento do ordenado e por un importe igual ou inferior, en cada caso, ao 10% do custo da reparación ou da cantidade correspondente á infracción cometida. A contía de cada unha das multas coercitivas non superará o importe da sanción fixada pola infracción cometida.

3. As persoas ou as entidades que fosen sancionadas de xeito firme pola comisión de infraccións de carácter grave ou moi grave non poderán obter subvencións no ámbito das competencias de Augas de Galicia ata que non executasen as medidas correctoras pertinentes e satisfixesen a sanción.

Artigo 92º.-Da potestade sancionadora das entidades locais.

1. As entidades locais, comprendidos os consorcios e as mancomunidades, serán competentes para a incoación, a tramitación e a resolución dos procedementos sancionadores, en aplicación das súas ordenanzas locais.

2. As ordenanzas locais poderán regular un réxime de infraccións propio que desenvolva os seguintes criterios mínimos de antixuridicidade: o incumprimento do réxime regulador do abastecemento ou do saneamento segundo os principios previstos nesta lei e nas súas normas de desenvolvemento, así como o incumprimento dos condicionados ou das exixencias das autorizacións ou resolucións adoptadas pola entidade local na prestación dos servizos e no exercicio das súas competencias.

3. As sancións que establezan as ordenanzas locais por infraccións en materias de abastecemento e de saneamento da súa competencia serán dun máximo de 100.000 euros, agás que outra norma con rango de lei autorice un importe superior.

4. As ordenanzas locais tamén poderán establecer sancións pecuniarias, de suspensión de autorizacións, pechamento de instalacións ou prohibición de utilización de instalacións ou servizos públicos.

5. No exercicio das súas competencias, as entidades locais poderán adoptar as medidas cautelares reguladas no artigo 89 desta lei.

Artigo 93º.-Prescrición.

1. As infraccións reguladas neste título prescribirán nos seguintes prazos:

a) Un ano no caso das infraccións leves.

b) Tres anos no caso das infraccións graves.

c) Cinco anos no caso das infraccións moi graves.

O prazo contarase desde a comisión do feito ou desde a detección do dano, de este non ser inmediato.

2. As sancións ás que se refire este título prescribirán nos seguintes prazos:

a) As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano.

b) As sancións impostas por infraccións graves prescribirán aos dous anos.

c) As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución en vía administrativa pola que se impón a sanción.

Disposicións adicionais

Primeira.-Constitución do ente Augas de Galicia e entrada en funcionamento.

1. Augas de Galicia constituirase no prazo máximo de seis meses tras a entrada en vigor desta lei. A entidade Augas de Galicia quedará efectivamente constituída na data de entrada en vigor do seu estatuto á que se refire a disposición adicional terceira desta lei.

2. Augas de Galicia iniciará o exercicio da súa actividade dentro do prazo que regulamentariamente se estableza a partir da súa constitución efectiva.

3. Na mesma data de entrada en funcionamento da entidade consideraranse extinguidos o organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos.

4. Entre tanto non inicie a súa actividade Augas de Galicia manterase a actual configuración e regulación dos organismos públicos que se van extinguir e o persoal destes continuará exercendo as funcións que terá que asumir a nova entidade pública.

5. Ao se iniciar a actividade da entidade Augas de Galicia e no caso de que non estea nomeada a dirección, a presidencia do extinto organismo autónomo Augas de Galicia exercerá provisionalmente as funciones que esta lei lle atribúe á dirección.

6. Mentres os órganos colexiados da entidade Augas de Galicia non estean constituídos efectivamente, en especial o Consello de Administración, a propia presidencia da entidade Augas de Galicia asumirá as funcións dos órganos correspondentes que lle sexan precisas para garantir o funcionamento do ente público.

Así mesmo, en tanto non se produza o inicio efectivo da actividade da nova entidade, a súa presidencia quedará habilitada para ditar os actos e as disposicións que sexan necesarios para a posta en funcionamento do ente.

Segunda.-Subrogación nos dereitos e nas obrigas e mais na titularidade de bens.

1. Na data da súa entrada en funcionamento, Augas de Galicia subrogarase nos dereitos e nas obrigas de todo tipo que teña o organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos.

2. Os bens de titularidade dos organismos mencionados na alínea anterior consideraranse na mesma data de titularidade de Augas de Galicia, entendéndose esta como a entidade que exerce as competencias correspondentes en relación cos bens adscritos ou cedidos aos devanditos organismos.

Terceira.-Estatuto de Augas de Galicia.

1. O Estatuto de Augas de Galicia desenvolverá desde o punto de vista organizativo e de funcionamento as disposicións desta lei de acordo cos principios de desconcentración de funcións e participación das administracións competentes, das persoas usuarias e doutras entidades representativas de intereses no territorio de Galicia.

2. No prazo de seis meses a partir do día da publicación desta lei no Diario Oficial de Galicia, o conselleiro competente en materia de augas deberá presentar, para a súa aprobación polo Consello da Xunta, o Estatuto de Augas de Galicia.

Cuarta.-Persoal do organismo autónomo Augas de Galicia.

1. O persoal funcionario de carreira ou laboral fixo que preste os seus servizos, con independencia da situación administrativa na que se atope, no organismo autónomo Augas de Galicia pasará a depender da entidade Augas de Galicia e a prestar servizos nela coa condición de persoal funcionario ou laboral de orixe, con efectos desde a data da entrada en funcionamento de Augas de Galicia e con recoñecemento dos trienios perfeccionados ao momento da integración na entidade.

Ao persoal ao que se refire o parágrafo anterior recoñéceselle na entidade Augas de Galicia o tempo e a situación na que permaneza nela para efectos de antigüidade, carreira profesional e demais dereitos inherentes á súa condición, de conformidade co que se estableza na normativa de aplicación para cada persoal.

2. O persoal funcionario interino que preste servizos no organismo autónomo Augas de Galicia cesará como tal por amortización do posto de traballo.

Non obstante, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior pasará a se incorporar no cadro de persoal laboral da nova entidade Augas de Galicia como persoal laboral temporal dela, con efectos desde a data da entrada en funcionamento de Augas de Galicia e con recoñecemento da antigüidade que teña recoñecida na administración.

Quinta.-Persoal da Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos.

O persoal laboral fixo que preste servizos na Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos, con independencia da súa situación administrativa, integrarase no cadro de persoal laboral de Augas de Galicia como persoal laboral fixo dela, con efectos desde a data da entrada en funcionamento da entidade e con recoñecemento das condicións retributivas que deriven da súa situación de orixe e dos trienios perfeccionados ata a extinción do ente na contía establecida con anterioridade ao momento da integración.

Para os efectos do persoal da entidade de dereito público ao que se refire o parágrafo anterior, entenderase que existe sucesión de empresas entrambos os organismos públicos de acordo coa subrogación establecida na disposición adicional segunda desta lei.

Sexta.-Persoal laboral temporal ou indefinido.

O persoal laboral temporal ou indefinido que preste servizos no organismo autónomo Augas de Galicia ou na Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos cesará como tal por amortización do posto de traballo, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria décima do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia en relación co persoal laboral indefinido do organismo autónomo Augas de Galicia.

Non obstante, o persoal ao que se refire o parágrafo anterior pasará a se incorporar no cadro de persoal laboral de Augas de Galicia coa mesma condición que tiña nos mencionados organismos, con efectos desde a data da entrada en funcionamento da nova entidade e con recoñecemento da antigüidade que teña recoñecida no organismo autónomo Augas de Galicia ou na Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos.

Sétima.-Cadro de persoal de Augas de Galicia.

A integración ou a incorporación do persoal ao que se refiren as disposicións adicionais cuarta, quinta e sexta desta lei axustarase á estrutura, ás características e á organización do cadro de persoal de Augas de Galicia que no seu momento se aprobe e realizarase conservando os dereitos recoñecidos nesta lei ao persoal afectado.

No cadro de persoal de Augas de Galicia os postos de traballo estruturaranse baixo os principios de eficacia e eficiencia organizativa e nel garantirase o mesmo réxime salarial por categorías, sen prexuízo das peculiaridades específicas do posto, dentro dos límites que en todo caso se establezan na Lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Oitava.-Obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia

O réxime xurídico regulado nos artigos 28º e 29º desta lei en relación coa declaración e cos efectos xurídicos da declaración, respectivamente, das obras hidráulicas de interese xeral no ámbito do abastecemento, o saneamento e a depuración de augas residuais, así como no da conservación e a mellora do dominio público hidráulico, é aplicable ao resto de obras hidráulicas segundo a definición de obra hidráulica que se contén no artigo 2º desta lei.

Novena.-Adaptación de ordenanzas municipais.

En tanto non aparezan os regulamentos marco aos que se refiren os artigos 31º e 32º desta lei, o prazo de adaptación das ordenanzas municipais ao previsto nesta lei será dun ano, contado desde a súa entrada en vigor.

Décima.-Informe previo de Augas de Galicia.

Augas de Galicia emitirá informe previo en cantas actuacións das distintas consellerías da Xunta garden relación coa utilización da auga e a realización de obras hidráulicas, especialmente nos ámbitos de abastecemento, de saneamento e de depuración de augas residuais.

Décimo primeira.-Ría de Ribadeo.

O Consello da Xunta de Galicia promoverá, de común acordo co Goberno do Principado de Asturias, a regulación correspondente para a protección da calidade das augas da ría de Ribadeo.

Décimo segunda.-Autorización de verteduras de augas residuais municipais de natureza urbana ou doméstica.

Enténdese que contan con autorización administrativa as verteduras de augas residuais municipais de natureza urbana ou doméstica, producidas no ámbito territorial previsto no artigo 6º.1 a) desta lei e tamén as producidas desde terra ao litoral galego, que se integren na programación de actuacións de saneamento da Administración hidráulica de Galicia.

Todo isto sen prexuízo de que Augas de Galicia, logo de audiencia das correspondentes entidades locais, dite as condicións nas que se deban realizar as mencionadas verteduras.

Décimo terceira.-Validez da primeira declaración de habitantes de vivenda.

A primeira declaración de habitantes nas vivendas que presenten os usuarios domésticos da auga de acordo co previsto no artigo 53º.4 desta lei, cumprimentada cos requisitos que se establezan regulamentariamente e sempre que se presente nos dous primeiros meses tras a entrada en vigor desa norma, terá efectos desde o inicio de aplicación do canon da auga, sempre e cando os datos que nela se conteñan queden suficientemente probados para ese período.

Décimo cuarta.-Autorización para non liquidación e anulación de débedas.

Autorízase o conselleiro competente en materia de augas para dispoñer a non liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas en concepto de canon da auga e de coeficiente de vertedura cando a súa execución resulte antieconómica. Para estes efectos, a mencionada consellaría determinará o límite cuantitativo no que se considere que se produce aquel efecto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Obras de interese da Comunidade Autónoma e ausencia de planificación de abastecemento e de saneamento e depuración.

Con independencia do preceptuado nos artigos 36, 37º e 38º desta lei, poderanse declarar obras hidráulicas como de interese da Comunidade Autónoma en tanto non estean aprobados os plans xerais galegos de abastecemento e de saneamento.

Segunda.-Recadación do canon de saneamento.

1. Mentres non se diten as normas de desenvolvemento do canon da auga creado nesta lei, e ata o momento do inicio da súa efectiva aplicación, declárase a continuidade da aplicación do canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, así como a das normas que conforman o seu réxime xurídico, cuxos expedientes de xestión, liquidación e recadación se tramitarán de conformidade co disposto na devandita lei e na súa normativa de desenvolvemento ata a total extinción das débedas correspondentes.

2. Declárase a aplicación retroactiva do coeficiente de piscifactorías establecido no artigo 40º.8 da Lei 8/1993 aos períodos de liquidación correspondentes aos anos 2006, 2007 e 2008 que se atopen pendentes de liquidar ou que non teñan adquirido firmeza.

3. As familias numerosas que, no momento do inicio da aplicación do canon da auga, teñan recoñecida a dedución prevista no artigo 34º.3 da Lei 8/1993 non terán que presentar ningunha declaración posterior para os efectos de que lles sexa recoñecida a dedución prevista no artigo 54º desta lei, sempre que se manteña a situación que deu lugar ao recoñecemento daquela dedución.

Terceira.-Vixencia da actual planificación de abastecemento e de saneamento.

En tanto non sexan aprobados os plans de abastecemento e de saneamento previstos nos artigos 37º e 38º desta lei, continuará a aplicarse a planificación vixente no momento da entrada en vigor dela.

Cuarta.-Convenio colectivo.

O persoal laboral propio da entidade Augas de Galicia rexerase no que sexa aplicable polo convenio colectivo vixente en cada momento para o persoal laboral da Xunta de Galicia, en tanto non sexa aprobado o convenio colectivo de Augas de Galicia, respectando en todo caso os dereitos que se lle recoñecen nesta lei, o previsto para a selección de persoal no artigo 18 dela, a opción do devandito persoal a alongar con carácter voluntario a súa permanencia na situación de servizo activo ata, como máximo, os setenta anos de idade e o dereito do citado persoal ao cómputo dos servizos prestados e non perfeccionados con anterioridade á súa integración ou incorporación na nova entidade nos organismos Augas de Galicia e Obras e Servizos Hidráulicos, para os efectos de antigüidade. En relación co réxime de axudas do fondo de acción social, rexerá na nova entidade para o seu persoal laboral propio o que vén aplicándose na Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos mentres non sexa aprobado o

convenio.

Quinta.-Servizos de depuración prestados polas entidades locais.

Para os efectos do previsto no artigo 32º desta lei, regulamentariamente determinaranse as condicións para que as entidades locais que á entrada en vigor desta lei presten servizos de depuración de augas residuais urbanas poidan solicitar de Augas de Galicia a asunción dos devanditos servizos e mais para o traspaso efectivo da súa xestión.

Sexta.-Regularización de instalacións de tratamento de augas.

As instalacións de tratamento de augas sen licenza municipal ou sen autorización urbanística autonómica pero que formen parte das redes públicas de abastecemento ou de saneamento, existentes ou que se atopen en execución no momento da entrada en vigor desta lei, e cuxos proxectos fosen aprobados pola administración pública competente que corresponda, poderán continuar a súa actividade aínda que non estean amparadas nestas preceptivas autorizacións administrativas.

Disposición derrogatoria

Única.

1. Queda derrogada a Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, coas súas modificacións posteriores, así como a Lei 8/2001, do 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas, sen prexuízo do sinalado na disposición transitoria segunda respecto da vixencia do canon de saneamento.

2. Igualmente quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta a ditar cantas normas sexan precisas para efectuar o desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos trinta días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Anexo I

Ámbito territorial das rías de Galicia

Indícanse para cada ría os puntos xeográficos que, unidos mediante unha liña recta imaxinaria, definen o seu límite exterior, xunto coas súas coordenadas UTM (fuso 29).

1.1. Ría de Foz.

Punta de Prados-punta do Cabo:

(642650, 4825750)-(641850, 4826100).

1.2. Ría de Viveiro.

Punta Fociño do Porco-punta do Faro:

(612300, 4841700)-(614200, 4841100).

1.3. Ría do Barqueiro.

Punta Muller Mariña-punta As Laxes:

(607800, 4848200)-(609900, 4845550).

1.4. Ría de Ortigueira.

Punta da Escada-punta da Barra de Ladrido:

(592750, 4841400)-(594550, 4841000).

1.5. Ría de Cedeira.

Punta Chirlateira-punta do Carreiro:

(573250, 4835450)-(574650, 4835600).

1.6. Ría de Ferrol.

Punta do Segaño-punta de San Cristovo:

(555800, 4811800)-(556800, 4812500).

1.7. Ría de Ares-Betanzos.

Punta Torrella-punta Coitelada:

(556250, 4806350)-(555400, 4810600).

1.8. Ría da Coruña.

Punta Herminia-punta do Seixo Branco:

(548650, 4804500)-(552750, 4805300)

1.9. Ría de Corme-Laxe.

Punta da Insua-punta Roncudo:

(499050, 4786950)-(500750, 4791650).

1.10. Ría de Camariñas.

Punta da Barca-punta do Costado:

(482350, 4773750)-(483500, 4775400).

1.11. Ría de Lires.

Confluencia do seo de Nemiña coa ría de Lires:

(479100, 4761250)-(479130, 4761470).

1.12. Ría de Corcubión.

Cabo de Cee-punta Galera:

(485200, 4751750)-(486800, 4751400).

1.13. Ría de Muros-Noia.

Punta Queixal-punta do Castro:

(493700, 4732050)-(497400, 4727250).

1.14. Ría de Arousa.

Punta de Laño-punta do Castelo:

(498200, 4707400)-(505200, 4703300).

1.15. Ría de Pontevedra.

Punta de Cabicastro-cabo Udra:

(513400, 4692650)-(513450, 4687660).

1.16. Ría de Aldán.

Punta Couso-cabo Udra:

(512000, 4684400)-(513450, 4687600).

1.17. Ría de Vigo.

Punta da Meda-punta Subrido (Plan):

(512550, 4667400)-(511350, 4677350).

1.18. Ría de Baiona.

Punta da Meda-punta do Castelo de Monte Rei:

(512650, 4666600)-(512350, 4664200).

Ver referencia pdf "22200D001P006.PDF"