DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 19 de novembro de 2010 Páx. 19.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 18 de novembro de 2010 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 75 millóns de euros.

Con base no artigo 34º da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá tamén autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 25 de xuño de 2010 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Esta orde ten por obxecto realizar unha emisión de débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia (o emisor) por un importe nominal de 75 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións senior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia (as obrigacións), representadas mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe nominal da emisión: setenta y cinco (75) millóns de euros.

Data de emisión e desembolso: 22 de novembro de 2010.

Data de vencemento: 22 de novembro de 2028, con suxeición á convención de día hábil.

Prezo da emisión por obrigación: á par, (100% do importe nominal de cada obrigación), libre de gastos para o subscritor.

Importe nominal de cada obrigación: cen mil (100.000) euros.

Subscrición: a emisión das obrigación está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión o día 22 de novembro de 2010, coa intervención do Banco de España de acordo cos procedementos que este ten establecidos para os membros do mercado de débeda pública en anotacións.

Cupón: as obrigacións devengarán e o emisor pagará un cupón anual por anos vencidos, cada 22 de novembro, a partir do 22 de novembro de 2011 e ata a data de vencemento (ambas inclusive), ao tipo de xuro e conforme os períodos de devengo de cupóns referidos a continuación.

Cada período de devengo de cupóns vai desde a data de pagamento de cupóns (inclusive), á seguinte (excluída), no entendemento de que o primeiro período de devengo de cupóns comezará na data de emisión e desembolso e o último finalizará na data de vencemento.

Convención do día hábil: cando calquera data de pagamento teña a consideración de inhábil no sistema Target, ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e o reembolso pola amortización das obrigacións efectuarase o día hábil seguinte segundo o calendario do devandito sistema.

O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia deste atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño.

Cotizacións: as obrigacións estarán representadas mediante anotacións en conta e inscritas na Sociedade de Xestión dos Sistemas de Rexistro, Compensación e Liquidación de Valores, S.A. (Iberclear) e solicitarase a súa admisión a negociación no mercado de débeda pública en anotacións na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Ley 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización: dunha soa vez, á par (100% do importe nominal de cada obrigación), na data de vencemento (aos 18 anos da data de desembolso).

Tipo de xuro: durante os tres primeiros anos contados desde a data de emisión e desembolso (é dicir desde a data de emisión e desembolso, incluída, ata o 22 de novembro de 2013, excluído), as obrigacións devengarán un tipo de xuro fixo de 5,35%. A partir do cuarto ano e ata a data de vencemento (é dicir, desde o 22 de novembro de 2013, incluído ata o 22 de novembro de 2028, excluído), o tipo de xuro será variable e resultará de engadir ao tipo base (conforme este termo se define a continuación) a marxe do 3,05%.

Os xuros calcularanse sobre a base cálculo 30/360, sen ningún axuste de cada período de devengo de cupóns como resultado da convención de día hábil. Para tales efectos, 30/360 ten o significado que se lle asigna nas definicións ISDA 2006 publicadas pola International Swaps and Derivatives Association.

Tipo base ou índice: será o incremento porcentual relativo non revisado interanual, en tanto por cento, do mes de decembro do índice xeral nacional de prezos de consumo de España non revisado (IPC), incluíndo tabaco, base 2006, ou outro que o substitúa, calculado e publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) a través da súa páxina web, ou organismo oficial que o substitúa, cun mínimo do 0,0% e redondeado a un único décimal.

O tipo base será o que publique o Instituto Nacional de Estatística mediante certificado baixo petición, e a primeira publicación ou anuncio dun nivel do devandido índice será definitiva e concluínte, e as revisións que con posterioridade poidan realizarse do devandito nivel non se utilizarán en ningún cálculo.

Se o índice non estiver dispoñible por vía do correspondente certificado, calcularase segundo apareza na pantalla Bloomberg baixo a mención en Bloomberg. O índice así calculado estará suxeito a un mínimo do 0,00% e redondeado a un único decimal.

Inflacióni-1: [(SPIPC (i-1) - SPIPC (i-2))/SPIPC (i-2)].

SPIPCi-1: SPIPC (i-1) significa o nivel do índice (SPIPC) en relación co mes de decembro, 11 meses antes de que finalice o correspondente período de devengo de cupóns.

SPIPCi-2: SPIPC (i-2) significa o nivel do índice (SPIPC) en relación co mes de decembro, 23 meses antes de que finalice o correspondente período de devengo de cupóns.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda serán realizados polo Banco de España, consonte o establecido no convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Lei aplicable: as obrigacións e todas as cuestións que deriven ou garden relación coas obrigacións rexeranse e interpretaranse de conformidad coas leis españolas.

Xurisdición: os tribunais da cidade de Madrid teñen xurisdición exclusiva para resolver calquera disputa que xurda ou estea relacionada coas obrigacións.

Notificacións: as notificacións aos titulares das obrigacións serán válidas se se publican no Diario Oficial de Galicia e nun diario de gran circulación en España.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda