DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 25 de novembro de 2010 Páx. 19.556

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se ordena a publicación do acordo asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a paga extraordinaria por antigüidade na empresa.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de novembro de 2010, autorizou a sinatura do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a paga extraordinaria por antigüidade na empresa.

Procede, xa que logo, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010.

José Manuel Pinal Rodríguez

Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre a paga extraordinaria por antigüidade na empresa

Por Resolución da Dirección Xeral de Traballo do 28 de decembro de 2006 (BOE do 17 de xaneiro de 2007), publícase o V convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos. No artigo 61º do dito convenio establécese a percepción dunha paga extraordinaria ao profesorado que cumpra 25 anos de antigüidade na empresa, equivalente a unha mensualidade extraordinaria por cada quinquenio cumprido.

Así mesmo, a disposición adicional oitava do referido convenio, en relación co seu artigo 1º, establece que nas comunidades autónomas se poderán acadar acordos, entre outras materias, en relación co procedemento e calendario de aboamento da paga extraordinaria por antigüidade na empresa. Tamén sinala que os posibles calendarios de aboamento que se pacten nos ámbitos autonómicos coas respectivas administracións educativas respecto do persoal en pagamento delegado, poderán superar o ámbito temporal fixado no convenio, logo de acordo entre as organizacións empresariais e sindicais que acaden a maioría da súa representatividade.

Con este acordo establécese o procedemento e calendario de aboamento da paga extraordinaria por antigüidade na empresa, nun contexto económico e financeiro que vén claramente marcado por unhas circunstancias económicas excepcionais, tendo en conta as dispoñibilidades dos recursos orzamentarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co previsto no citado convenio colectivo.

Por todo o que antecede, de conformidade co establecido no parágrafo cuarto do artigo 52º da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, logo da negociación levada a cabo na comisión tripartita do ensino privado concertado, con autorización do Consello da Xunta na súa reunión do día 18 de novembro de 2010, adóptase o seguinte

ACORDO:

Primeiro.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comprométese ao aboamento da paga extraordinaria por antigüidade na empresa, establecida no artigo 61º, en relación co previsto na disposición adicional oitava.3) e a disposición transitoria primeira do V convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, nas condicións que se determinan neste acordo.

2. A paga extraordinaria aboarase ao profesorado de centros privados concertados do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que estea en pagamento delegado o día 1 de xaneiro de 2009 e estea nalgunha das seguintes circunstancias:

a) Que acrediten unha antigüidade na empresa igual ou superior a 25 anos entre o día 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2010.

b) Que o día 1 de xaneiro de 2009 tivese feitos 56 anos de idade e ata o 31 de decembro de 2010 acade polo menos, 15 anos de antigüidade na empresa e menos de 25.

c) Que se recolocase en aplicación dos acordos de mantemento de emprego no sector, asinados entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado, ao cal a Administración educativa lle recoñeceu a antigüidade xerada con anterioridade no centro no que prestaba servizos, mediante un complemento persoal transitorio e reúna as condicións das alíneas a) ou b) anteriores. Isto non supón o recoñecemento dunha antigüidade maior na empresa que a que lle corresponda coa efectiva alta nela, segundo a súa vixente relación contractual.

Segundo.

1. Este acordo non será de aplicación a aquelas traballadoras e traballadores que, en aplicación do acordo publicado por Resolución do 1 de abril de 2005 (DOG do 15 de abril) ou en execución de sentenza firme, xa percibisen a paga extraordinaria por antigüidade na empresa.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria non aboará esta paga ao profesorado que non acredite as condicións que se establecen neste acordo.

3. No suposto de que a empresa educativa fixese efectiva a referida paga ao profesorado que cumpra os requisitos exixidos no punto primeiro deste acordo, poderá solicitar o seu reintegro á Administración educativa, para o que achegará a documentación que acredite o aboamento, así como o anexo deste acordo cos datos do profesor ou profesora afectado/a.

Terceiro.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboaralle ao profesorado que reúna os requisitos do punto primeiro unha paga extraordinaria única cuxo importe será equivalente a unha mensualidade extraordinaria por cada quinquenio que teña cumprido na data de publicación deste acordo no DOG.

Cuarto.

1. Para o cálculo do importe da paga que aboará a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terase en conta a xornada laboral en pagamento delegado e a mensualidade que corresponda ao/á traballador/a na data de publicación deste acordo no DOG.

2. Para o cálculo da paga extraordinaria de antigüidade computaranse os quinquenios, trienios e cargos directivos (exclusivamente director/a e xefe/a de estudos), así como os trienios destes cargos que o profesorado acredite, segundo os datos que consten na nómina de pagamento delegado elaborada polos departamentos territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Para o profesorado en situación de excedencia forzosa ou especial, reguladas respectivamente nos artigos 45º e 46º do V convenio, así como o acollido á xubilación parcial, terase en conta a xornada na data do cambio de situación.

4. No caso de que o profesorado extinguira a relación laboral coa empresa, terase en conta a xornada na data de extinción do contrato.

Quinto.

1. A paga extraordinaria por antigüidade aboarase ata o límite do crédito existente na seguinte partida orzamentaria:

Concepto Aplicación Importe

Concertos educativos 09.05 422A.482 1.000.000,00 €

2. As solicitudes tramitaranse sempre segundo a orde da súa entrada na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata ao límite do importe sinalado no parágrafo anterior.

Respectando a regra anterior, cando as instancias se reciban de forma conxunta tramitaranse atendendo, por esta orde, á data de rexistro e á do devengo.

3. As solicitudes presentadas e non tramitadas ao abeiro deste acordo substanciaranse no marco do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a paga extraordinaria por antigüidade na empresa que se formalizará no ano 2011 segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Sexto.-Para poder acollerse a este acordo, o profesorado que formulase demanda xudicial de aboamento da paga extraordinaria por antigüidade na empresa deberá desistir expresamente da acción exercida na xurisdición social, no trámite procesual oportuno. Deberá achegar a acreditación da desistencia formulada ante o xulgado correspondente.

Sétimo.

1. O profesorado que reúna as condicións pactadas deberá solicitar a paga segundo o modelo normalizado que figura como anexo deste acordo.

As solicitudes dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e demais documentación presentaranse, necesariamente de forma individualizada, a partir do día seguinte ao da publicación do acordo no DOG, no Rexistro Único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, edificio administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Coa solicitude achegará copia dos seguintes documentos:

-Declaración xurada ou promesa de non ter percibido a paga.

-Declaración xurada ou promesa de que non formulou solicitude en vía xudicial ou, se é o caso, copia da desistencia da demanda.

-No caso do profesorado que rematase a súa relación laboral, fotocopia do documento de identificación (DNI, NIE) e certificado bancario.

Oitavo.-Para a interpretación e seguimento deste acordo constituirase unha comisión integrada por representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das demais partes asinantes.

Noveno.-A vixencia deste acordo rematará o 31 de decembro de 2010.

Ver referencia pdf "22700D005P012.PDF"