DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2010 Páx. 19.677

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 193/2010, do 18 de novembro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Ferrol.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece, no seu artigo 97º, que a modernización do sistema require a introdución de modelos de xestión que dinamicen o servizo público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuado, a fin de obter a maior rendibilidade social.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se establece a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, regula esta como instrumento de organización, sen personalidade xurídica, no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde, e sinala ao mesmo tempo os elementos básicos en que debe apoiarse a organización.

É necesario, pois, adaptar a estrutura organizativa do Servizo Galego de Saúde existente en Ferrol á organización establecida no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, homoxeneizando as denominacións e as funcións da estrutura directiva existente.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34º.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos correspondentes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaoito de novembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a creación da estrutura de xestión integrada de Ferrol, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2º.-Alcance.

O ámbito de actuación da estrutura organizativa de xestión integrada de Ferrol é o que se establece no anexo deste decreto.

Artigo 3º.-Estrutura directiva.

1. A estrutura de xestión integrada estará formada por órganos unipersoais e órganos colexiados.

2. Órganos unipersoais.

Son os seguintes:

a) Xerencia de xestión integrada.

b) Dirección de procesos asistenciais.

c) Dirección de recursos económicos.

d) Dirección de recursos humanos.

3. O órgano colexiado da estrutura de xestión integrada será a comisión de dirección.

Poderán constituírse as comisións necesarias para asesorar sobre a xestión clínica, xestión por procesos, docencia e investigación, calidade, seguranza e atención á cidadanía, ou calquera outra que se considere de interese.

Artigo 4º.-Funcións, requisitos e réxime de suplencias.

As funcións de cada órgano directivo, unipersoal e colexiado, así como os requisitos necesarios que deben cumprir os titulares dos órganos respectivos, réxime de suplencias e organización, serán os establecidos no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se crean as estruturas organizativas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional

En todo o non regulado expresamente neste decreto observarase o disposto no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Disposición transitoria

As comisións de asesoramento que na actualidade estivesen constituídas e en funcionamento continuarán coa súa actividade ordinaria, en canto non se regule a súa denominación e composición, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto e, en particular, o Decreto 15/2005, do 3 de febreiro.

Disposición derradeira

Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, dezaoito de novembro do dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Xerencia de Ferrol.

1. Xerente de xestión integrada.

2. Director/a de procesos asistenciais.

2.1. Director/a de procesos de enfermaría.

2.2. Director/a de procesos con ingreso.

2.3. Director/a de procesos sen ingreso e de urxencias.

2.4. Director/a de procesos de soporte.

3. Director/a de recursos económicos.

4. Director/a de recursos humanos.

Esta estrutura xestionará todos os servizos sanitarios (atención primaria, especializada e sociosanitaria) dos seguintes concellos:

Ares, Cabanas, Capela (A), Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontes (As), Pontedeume, San Sadurniño, Somozas (As), Valdoviño.