DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2010 Páx. 19.682

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 17 de novembro de 2010 pola que se conceden os Premios da Cultura Galega 2010.

A Orde do 24 de setembro de 2010 creou os Premios da Cultura Galega e convocounos para o ano 2010. O seu obxecto é distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do capital intelectual tanto na nosa comunidade autónoma como no exterior.

De conformidade co disposto no artigo 7º da devandita orde, a decisión do xurado en que resolva o outorgamento dos premios farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Polo tanto, vista a decisión do xurado e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Conceder os Premios da Cultura Galega 2010 ás seguintes candidaturas:

Premio Cultura Galega das Letras: ao escritor Agustín Fernández Paz, en recoñecemento á súa traxectoria vencellada á escrita galega.

Premio Cultura Galega das Artes Plásticas: á artista Menchu Lamas Pérez, polo seu traballo creativo, desenvolvemento de recursos expresivos e investigación de linguaxes propias.

Premio Cultura Galega das Artes Escénicas: a Eduardo Alonso Rodríguez, polo seu traballo a prol da dramaturxia galega.

Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural: á Fundación Barrié de la Maza, polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais.

Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia: á Editorial Galaxia, pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e a súa difusión no exterior.

Premio Cultura Galega de Música: á Orquestra Sinfónica de Galicia, pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior.

Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual: á produtora Vaca Films, pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, a prol dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2010.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo