DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 24 de decembro de 2010 Páx. 20.822

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 207/2010, do 10 de decembro, polo que se crea o Arquivo de Galicia.

O artigo 27º.18 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva da comunidade autónoma en materia de arquivos de interese e que non sexan de titularidade estatal. A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, concibe a existencia do sistema de arquivos de Galicia como a necesaria estrutura administrativa para organizar, xerarquizar e facilitar o cumprimento dos fins que os arquivos teñen encomendados e o patrimonio documental de Galicia demanda. No seu artigo 78º, esta lei sinala que o sistema se configura como o conxunto de órganos, centros e servizos encargados da protección, custodia, enriquecemento, comunicación e difusión do patrimonio documental de Galicia.

O Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se establece o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, sinala no seu artigo 21º que o Arquivo Xeral da Administración de Galicia se creará mediante a oportuna disposición legal na cal se recollerán as funcións, competencias, situación e medios persoais e materiais.

Na actualidade, existe adscrita á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo unha unidade administrativa, con categoría de sección e carácter de arquivo intermedio, denominada Arquivo Xeral da Administración, que vén exercendo funcións de recepción e tratamento documental da documentación producida e acumulada polas consellerías e outros órganos dependentes da Xunta de Galicia.

Unha parte da documentación acumulada no Arquivo Xeral da Administración, e os fondos que se conservan en locais xestionados polas distintas consellerías e outros órganos administrativos, ten adquirido xa, transcorridos vinte e oito anos desde a creación da Xunta de Galicia, carácter histórico. Por isto, debe ser transferida a un arquivo de carácter histórico.

Pero entre a voluminosa masa de documentos producidos e acumulados pola Administración de Galicia neses case trinta anos, existen outros moitos expedientes que deben ser eliminados, unha vez acadada a súa caducidade administrativa, pois a súa conservación indefinida orixina un gasto de difícil xustificación e dificulta a xestión e conservación das series documentais que posúen valor permanente.

Identificar e valorar con criterios científicos os documentos producidos pola Administración para determinar aqueles que merecen conservarse de forma indefinida por formaren parte do patrimonio documental é unha das misións que atinxen o sistema de arquivos.

No seo do sistema, é necesario que exista un arquivo que culmine a súa organización e reciba aqueles documentos que teñan carácter histórico procedentes dos restantes arquivos -administrativos e intermedios- do sistema, unha vez identificados, valorados e seleccionados. Un centro que reúna as adecuadas condicións construtivas e funcionais para asegurar a súa conservación, tratamento e posta á disposición dos cidadáns e da Administración, e que ao tempo posúa a necesaria dignidade arquitectónica para transmitir adecuadamente a relevancia da súa función.

A creación do Arquivo de Galicia, no cal se integrará o denominado Arquivo Xeral da Administración de Galicia, responde a esta finalidade.

Pero, ademais de cumprir esta misión de racionalización documental imprescindible, o Arquivo de Galicia está chamado a representar a unidade do patrimonio documental de Galicia. Un patrimonio notable caracterizado pola súa antigüidade, diversidade de orixe, dispersión espacial e invisibilidade. A creación deste centro especializado permitirá difundir a súa existencia e darlles a visibilidade que merecen a uns bens ligados á existencia mesma da cultura de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Arquivo de Galicia como cabeceira e centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia, con carácter intermedio e histórico, adscrito á consellería competente en materia de cultura a través do centro directivo competente en materia de patrimonio documental, como unidade administrativa sen personalidade xurídica.

Para os efectos deste decreto, enténdese por arquivo intermedio o arquivo de carácter público que ten como funcións fundamentais as de recibir toda a documentación depositada nos arquivos centrais unha vez que esta acadou unha determinada antigüidade ou cando a súa consulta por parte dos organismos produtores é esporádica; identificar, valorar e seleccionar os documentos susceptibles de seren conservados definitivamente, en función do seu valor administrativo, legal ou histórico, despois de transcorrido o prazo de validez administrativa; e transferir os documentos así seleccionados a un arquivo histórico para a súa conservación definitiva con fins de estudo, investigación e difusión xeral. E enténdese por arquivo histórico o arquivo de carácter público que recibe, para a súa conservación permanente, tanto os documentos que lle transfire un arquivo intermedio, unha vez seleccionados, como os doutras procedencias por calquera outro título que se acorde depositar nel.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións do Arquivo de Galicia as seguintes:

a) Recibir os documentos procedentes dos diferentes órganos da Xunta de Galicia ou das entidades públicas dependentes dela cun ámbito territorial superior a unha provincia.

b) Recibir os documentos procedentes de organismos, institucións e entidades públicas de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade, e calquera outro fondo de carácter público ou privado de interese xeral para a comunidade autónoma que se acorde depositar nel.

c) Programar, coordinar e dirixir a identificación, valoración e selección documental de todos os arquivos do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia.

d) Organizar e describir os fondos documentais que custodie.

e) Conservar os fondos documentais que custodie.

f) Coordinar os programas de reprodución con fins de conservación de fondos do patrimonio documental de Galicia.

g) Facilitar o acceso aos documentos que custodie e á información contida neles nos termos que establece a lexislación.

h) Difundir por calquera medio os fondos documentais que custodie e, en xeral, o patrimonio documental de Galicia.

i) Establecer e desenvolver normas técnicas arquivísticas para o Sistema de Arquivos de Galicia.

j) En xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia.

Artigo 3º.-Sede.

O Arquivo de Galicia terá a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

Artigo 4º.-Estrutura e funcionamento.

1. O Arquivo de Galicia estrutúrase en dúas áreas de carácter transversal, nas cales se integran as súas funcións como arquivo intermedio e histórico: área de xestión documental e área de comunicación e difusión.

2. A área de xestión documental agrupará as seguintes funcións:

a) A recepción de fondos documentais.

b) A identificación, valoración e selección de fondos documentais.

c) A organización e descrición de fondos documentais.

d) A conservación de fondos documentais do Arquivo de Galicia e a coordinación da reprodución con fins de conservación do patrimonio documental de Galicia.

3. A área de comunicación e difusión agrupará as seguintes funcións:

a) A comunicación dos fondos documentais facilitando o acceso aos documentos e á información contida neles.

b) A difusión por calquera medio dos fondos documentais do Arquivo de Galicia e o patrimonio documental de Galicia.

c) O establecemento e desenvolvemento de normas técnicas de carácter arquivístico para o Sistema de Arquivos de Galicia.

4. Os arquivos centrais das consellerías da Xunta de Galicia dependerán funcionalmente do Arquivo de Galicia.

Artigo 5º.-Medios persoais e materiais.

Adscríbense ao Arquivo de Galicia os medios persoais e materiais do Arquivo Xeral da Administración da Xunta de Galicia e do Servizo do Subsistema de Arquivos de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para ditar as disposicións necesarias en cumprimento e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, dez de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo