DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 28 de decembro de 2010 Páx. 21.003

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Mediante Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 61, do 31 de marzo) abriuse convocatoria pública para a selección de parques eólicos na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o procedemento establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo.-No prazo de presentación, iniciado o 19 de abril e rematado o 19 de xullo de 2010, recibíronse noventa e tres solicitudes.

Terceiro.-Nos termos do previsto no artigo 9º da orde, o conselleiro de Economía e Industria, mediante Resolución do 13 de xullo de 2010 (DOG nº 135, do 16 de xullo) nomeou os membros da comisión de valoración encargada da comprobación dos requisitos e da avaliación dos criterios de selección que estivo presidida polo director do Instituto Enerxético de Galicia. O 21 de setembro de 2010 produciuse a substitución do vogal designado en representación da consellería con competencias en materia de ambiente.

Cuarto.-Consonte o establecido na orde, a tramitación pola comisión de valoración comezou coa fase de emenda das solicitudes presentadas, continuou coa comprobación das capacidades legal, técnica e económica dos solicitantes, coa verificación dos requisitos técnicos e ambientais mínimos dos anteproxectos de parques eólicos e concluíu coa avaliación e selección das solicitudes mediante a baremación dos criterios establecidos no artigo 8º da orde. A tramitación exposta levouse a cabo nas concretas actuacións que, por orde cronolóxica, constan nas actas das distintas reunións e demais documentación incorporada ao expediente administrativo, debéndose destacar os seguintes antecedentes de feito.

Quinto.-O 2 de agosto de 2010, revisada inicialmente a documentación presentada ao abeiro da convocatoria, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, por instancia da comisión de valoración, requiriu oito dos participantes por falta de presentación dos lapis de memoria 1 e 2 ou por ausencia do arquivo informático denominado Parques 2010, citado no anexo III da orde.

Sexto.-O 17 de setembro de 2010, examinada a documentación relativa ás capacidades legal, técnica e económica así como a comprendida nos anteproxectos, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a pedimento petición da comisión de valoración, instou para emenda oitenta e nove solicitantes.

Sétimo.-O 27 de setembro e o 13 de outubro de 2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, á demanda da comisión de valoración, requiriu catro dos participantes para a presentación de documentación aclaratoria.

Oitavo.-O 18 de outubro de 2010 a comisión de valoración formulou informe relativo ás exclusións de parques eólicos por incumprimento de requisitos técnicos. O documento leva por título Informe de exclusións de posicións de aeroxeradores e parques eólicos con respecto ao incumprimento dos requirimentos mínimos dos parques eólicos.

Noveno.-O 9 de novembro de 2010 a comisión de valoración emitiu informe pormenorizado en que se bareman os anteproxectos presentados en atención aos criterios de valoración identificados coas letras A), B), C), E), F) e G). O documento denomínase Valoración dos criterios A-B-C-E-F-G das solicitudes presentadas con base na Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos de Galicia. No informe consta, desagregada por criterios e subcriterios, a puntuación obtida por cada un dos anteproxectos.

Décimo.-O 16 de novembro de 2010, concluíndo as actuacións desenvolvidas desde o primeiro momento da tramitación para a comprobación das capacidades e requisitos mínimos dos solicitantes, a comisión de valoración formulou informe en que se recollen os participantes excluídos por non acreditar a capacidade económica. O documento titúlase Capacidade económica.

Décimo primeiro.-O 17 de novembro de 2010, rematando as actuacións levadas a cabo desde o inicio da instrución, co obxecto de comprobar as capacidades e requisitos dos participantes, a comisión de valoración emitiu informe detallado en que se recollen os solicitantes excluídos por non acreditar a capacidade legal ou técnica e os requisitos relativos ao depósito de fianzas e pagamento das taxas. O documento leva por título, Emendas de documentación xeral, capacidade legal e técnica das solicitudes.

Décimo segundo.-O 17 de novembro de 2010 a comisión de valoración emitiu o informe final sobre a avaliación dos plans industriais.

Décimo terceiro.-O de 18 de novembro de 2010 a comisión de valoración eleva á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas proposta de resolución en que se recollen os anteproxectos de parques eólicos excluídos, a relación de parques eólicos seleccionados e a listaxe de suplencias.

Décimo cuarto.-O 19 de novembro de 2010 presentáronse publicamente os resultados da comisión de valoración e entregouse un cadro resumo desagregado por cada empresa seleccionada no cal se consignaron o investimento e os empregos proporcionais que cada empresa está obrigada a desenvolver, coincidindo esta información cos datos contidos no anexo V desta resolución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.- Con fundamento no artigo 28º do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se determina a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, de conformidade co artigo 35º.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental e en virtude do sinalado no artigo 13º.1 da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia, a Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas é a competente para resolver este procedemento e correspondelle ao seu director xeral ditar a resolución de selección dos anteproxectos e de asignación de potencias.

Segundo.-Consonte o artigo 10º da orde, logo da presentación e exame das solicitudes, a dirección xeral competente en materia de enerxía, por petición da comisión de valoración, requiriu os interesados para que, de ser o caso, corrixisen os defectos de natureza emendable e presentasen a documentación que lles fora requirida, coa advertencia de que, de non o facer así, se lles tería por desistidos das súas solicitudes.

Os requirimentos foron cumpridos polos solicitantes, polo que non procede declaralos desistidos das súas solicitudes.

Terceiro.-O artigo 32º da Lei 8/2009 dispón a necesidade de verificar, con carácter previo á continuación do procedemento, que as solicitudes presentadas cumpran cos requisitos de capacidade exixibles aos solicitantes, debendo recaer o oportuno pronunciamento ao respecto na resolución de selección que se notifique aos interesados. En similar sentido pronúnciase o artigo 11º da orde ao sinalar que, logo da emenda das solicitudes e previamente ao inicio do proceso de avaliación, se debe realizar a comprobación das capacidades legal, técnica e económica dos solicitantes, téndose por excluídos aqueles que non acrediten debidamente algunha destas capacidades.

Nesta fase procedemental resulta tamén necesario comprobar o cumprimento dos requisitos esenciais de presentación das garantías reguladas no artigo 5º da orde e do pagamento das taxas de presentación de anteproxectos.

Cumpridos os preceptos normativos citados, analizada a documentación achegada polos interesados, examinados os informes emitidos e constatada a falta de acreditación das capacidades e demais requisitos mencionados no parágrafo anterior, débese acordar a exclusión do procedemento dos solicitantes que figuran no anexo I desta resolución polas concretas causas que neste se especifican.

Cuarto.-O artigo 6º e o anexo II da orde establecen as características técnicas que deberán observar os anteproxectos de parques eólicos solicitados, resultando por iso obrigado un exame dos anteproxectos co obxectivo de excluír, con carácter previo e sen entrar na súa valoración, aqueles parques que non cumpran os requisitos técnicos mínimos exixidos.

Por aplicación análoga do exposto no artigo 12º.3 da orde que, aínda que referido ao suposto de solapamento entre distintos parques, rexeita aqueles anteproxectos que non acaden o 75% da potencia inicialmente solicitada, non poden ser tidos en conta, para efectos de valoración, aqueles parques eólicos que, en virtude do exame técnico efectuado, visen diminuída a súa potencia en máis dun 25 % da solicitada.

Examinados os anteproxectos de parques eólicos, vistos os informes formulados e constatado o incumprimento dos requisitos técnicos mínimos, débese acordar a exclusión dos parques eólicos relacionados no anexo II desta resolución.

Quinto.-Dado que a suma das potencias das solicitudes que cumpren os requisitos previamente comprobados (13.437, 57 MW) é superior á potencia máxima prevista na orde (2.325 MW), dedúcese ineludible abrir unha fase de selección competitiva, en que resultarán elixidos os anteproxectos mellor avaliados de acordo cos criterios establecidos no artigo 8º da orde e concretados no seu anexo V.

Sexto.-Con respecto ao criterio D), Compromiso firme e periodificado dun proxecto de desenvolvemento de natureza industrial, a comisión de valoración, en uso da súa función de avaliación e para acoutar obxectivamente o seu contido, establece como actuacións non avaliables as seguintes:

1. En xeral, todas aquelas actuacións iniciadas con anterioridade á publicación da orde de convocatoria, no entendemento de que non son consecuencia e compromiso da adxudicación de potencia eólica neste concurso.

2. En xeral, todas aquelas actuacións nas cales non se acredite a realización de investimentos en activos fixos tanxibles ou a creación de empregos.

3. Os parques eólicos experimentais, pola incerteza respecto da súa autorización derivada da inexistencia de normativa estatal ou autonómica.

4. As actuacións que, precisando autorización ou concesión administrativa, obtivesen con anterioridade á publicación da orde de convocatoria, no entendemento de que non son consecuencia e compromiso da adxudicación de potencia eólica neste concurso.

5. As actuacións que, precisando autorización ou concesión administrativa, estean suxeitas a un réxime de pública concorrencia.

6. Os reforzos de infraestruturas de distribución eléctrica para a evacuación dos parques eólicos que se vaian construír como resultado da actual convocatoria, dado que se trata de infraestruturas necesarias e imprescindibles para o normal funcionamento dos parques eólicos.

7. Os investimentos derivados da construción de parques eólicos que proveñan tanto de anteriores convocatorias como desta, por non ser plan industrial asociado ao formar parte do propio proxecto eólico.

8. A repotenciación de parques eólicos anteriores ao ano 2001 e a repotenciación de parques eólicos posteriores ao ano 2001 se a repotenciación aumenta a potencia e, polo tanto, queda suxeita a esta orde de convocatoria.

9. As actuacións que impliquen instalacións de biomasa clasificadas no grupo B6, por estar suxeito o seu outorgamento a un réxime de pública concorrencia, segundo determina o Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

10. As anualidades daquelas actuacións que excedan os dez primeiros anos da súa periodificación, debido á incerteza respecto da súa viabilidade, en concordancia coa exixencia mínima de presentación das contas anuais provisionais do proxecto cunha proxección mínima de dez exercicios, contida no artigo 7º.1 número 6 da orde con motivo da regulación dos requisitos exixibles aos plans de natureza industrial.

Con respecto ao terceiro punto anteriormente enunciado relativo a parques eólicos experimentais, o 23 de novembro publicouse no BOE o Real decreto 1565/2010, do 19 de novembro, polo que se regulan e modifican determinados aspectos relativos á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial; tampouco ao abeiro deste regulamento resultarían avaliables estas instalacións, por careceren de recoñecemento outorgado pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, tal e como dispón o devandito regulamento, o que dá lugar á incerteza da súa realización.

Sétimo.-Nos termos do establecido nos artigos 33º.1 da Lei 8/2009 e 12º.3 da orde, se logo de efectuada a avaliación dos parques eólicos, se producen solapamentos de dous ou máis parques, deberá prevalecer aquel que resulte mellor avaliado consonte os criterios de valoración.

A existencia de solapamentos explica que dentro dunha mesma zona eólica fosen seleccionados parques eólicos con menor puntuación que outros mellor valorados pero incursos en solapamentos e, polo tanto, automaticamente desprazados polos que, coincidindo sobre igual espazo físico, resultasen mellor avaliados.

Polo exposto, na listaxe de suplentes por zonas a obtención dunha puntuación superior por parte dun parque non significa necesariamente a automática e inmediata incorporación á lista de seleccionados no suposto de existir unha renuncia ou revogación, debéndose constatar con carácter previo a inexistencia de solapamentos cos parques que figuren xa seleccionados nesa zona.

Oitavo.-Como cláusula de peche para a asignación íntegra da potencia máxima ofertada pola orde, na actual resolución adóptase a solución proposta pola comisión de valoración dentro da súa función de avaliación das solicitudes e da plena compatibilidade cos criterios establecidos pola orde de convocatoria.

De acordo co artigo 1º.2 da orde establécese unha distribución en dez zonas da potencia máxima que se tramitará. Pola súa parte a cada unha destas zonas asígnaselle unha potencia para desenvolver dentro das ADE que a integran.

Cómpre indicar que para a zona 5 a orde prevé unha potencia de 245 MW para adxudicar entre os parques que se presentan nas distintas ADE que se integran nela. Logo de examinados os anteproxectos de parques e por mor dos solapamentos existentes entre as súas poligonais, só é posible seleccionar un máximo de 222 MW, polo que quedarían sen outorgar 23 MW.

O exiguo da dita cifra supón que o incremento de potencia en calquera das restantes zonas non leve consigo problemas significativos no que concirne á posibilidade de evacuación da totalidade da enerxía producida na zona.

Por isto, a comisión de valoración propón como solución incrementar en 23 MW a potencia que se adxudicará nalgunha das restantes zonas. A dita posibilidade baséase no feito de que en todas elas o último parque seleccionado non o foi pola potencia total solicitada, senón pola residual ata completar o máximo de potencia ofertada.

Polo mesmo, considérase viable que os 23 MW sobrantes da zona 5 pasen a incrementar a potencia daquela zona en que se integre o parque que alcanzase unha maior puntuación total de entre todos os que estean na situación anteriormente exposta.

Ao ser o anteproxecto de Eólica Galenova S.L. denominado Outes, cunha puntuación de 80,29 puntos, o mellor cualificado da relación, debería ser adxudicado ao dito anteproxecto situado na zona 7 o incremento de 23 MW, ao darse tamén a circunstancia de que a potencia solicitada neste, ao ser de 50 MW, excede esta contía.

A listaxe dos últimos anteproxectos seleccionados en cada unha das zonas coa correspondente puntuación obtida inclúese no anexo IV desta resolución.

Noveno.-Avaliadas as solicitudes, constatados os solapamentos e axustada a potencia residual consonte o criterio mencionado no fundamento anterior, a comisión de valoración determina a relación de parques eólicos seleccionados por cada unha das dez zonas, con indicación dos promotores, das potencias asignadas a cada parque e das puntuacións obtidas en cada un dos criterios de valoración. Igualmente elabora unha lista de anteproxectos suplentes por zonas incorporada no anexo III desta resolución.

Décimo.-De conformidade co sinalado no artigo 34º.1.d) da Lei 8/2009 e do tamén previsto no artigo 7º.2 da Orde, os titulares de proxectos seleccionados que asociasen á súa solicitude un plan de natureza industrial quedan comprometidos á execución do plan avaliado, compromiso que se executará conforme a regra xeral de proporcionalidade sinalada no penúltimo parágrafo do artigo 7º.1 da orde.

O desenvolvemento íntegro do plan industrial mencionado no artigo 7º.2. b) da orde, refírese á integridade resultante da proporcionalidade sinalada na regra xeral.

Aos titulares dos anteproxectos seleccionados incursos no suposto do artigo 7º.2.c) da orde, no caso de que non exercesen a facultade de opción mencionada neste precepto, élles de aplicación subsidiaria a regra xeral do penúltimo parágrafo do artigo 7º.1 referente á execución e desenvolvemento proporcional do seu plan industrial.

En virtude do exposto, en cumprimento da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Primeiro.-Excluír por falta de acreditación das capacidades legal, técnica e económica e por incumprimento dos requisitos de presentación de garantías e pagamento de taxas, os solicitantes relacionados no anexo I desta resolución.

Segundo.-Excluír por falta de acreditación dos requisitos técnicos mínimos as solicitudes de parques eólicos relacionadas no anexo II desta resolución.

Terceiro.-Aprobar a seguinte relación de parques eólicos seleccionados por zonas, con indicación do promotor, das ADE en que se localizan, as potencias asignadas e as puntuacións obtidas por cada parque.

Ver referencia pdf "24800D008P027.PDF"

Consonte o exposto no fundamento de dereito sétimo, cómpre salientar que a relación de parques eólicos seleccionados ten en conta a existencia de solapamentos.

Cuarto.-Aprobar a relación de parques eólicos suplentes por zonas, con indicación das potencias asignadas e as puntuacións obtidas por cada parque, que se inclúe no anexo III desta resolución.

Quinto.-Consonte o indicado no artigo 34º.1.d) da Lei 8/2009 e no parágrafo primeiro do artigo 7º.2 da orde, os titulares de anteproxectos seleccionados que asociasen á súa solicitude un plan de natureza industrial quedan comprometidos á execución periodificada do plan avaliado. Sen prexuízo de que os seleccionados desenvolvan a totalidade do plan, se o consideran conveniente, a execución e desenvolvemento do plan industrial avaliado concretarase na materialización, no prazo establecido no cronograma presentado na solicitude, do importe do investimento en activos fixos tanxibles e do número de empregos que, en termos de proporcionalidade, menciona o artigo 7º.1, penúltimo parágrafo, da orde, que textualmente indica: «Tras a selección dos mellores proxectos presentados, o titular quedará comprometido a executar, no desenvolvemento do seu plan industrial, uns investimentos en activos fixos tanxibles resultantes de multiplicar a potencia eólica que se lle seleccionou pola súa proposta

en euros/MW solicitados, así como a crear un número de empregos resultantes de multiplicar a potencia que se lle seleccionou pola súa proposta en empregos/MW solicitados».

Sexto.-Conforme o sinalado no artigo 7º.2.b) da orde, cando a potencia asignada a un solicitante supere a potencia mínima de compromiso consignada na súa petición o titular seleccionado desenvolverá integramente, e en termos de proporcionalidade, o seu plan avaliado nos prazos previstos na súa solicitude.

Esta mesma regra aplicarase ao suposto de que a potencia asignada sexa igual á potencia mínima de compromiso consignada na solicitude, por se definir no artigo 7º.2 a) a potencia mínima de compromiso como a potencia mínima de megavatios a partir da cal o solicitante se compromete ao desenvolvemento íntegro do plan industrial.

Sétimo.-Consonte o sinalado no artigo 7º.2.c) da orde, cando a potencia asignada a un solicitante sexa menor á potencia mínima de compromiso consignada na súa solicitude, o solicitante poderá optar, como un dereito subsidiario da obriga principal prevista no artigo 7º.1, penúltimo parágrafo, entre renunciar á súa solicitude ou monetarizar o seu plan industrial. O prazo para exercer a facultade de opción, que se materializará mediante comunicación escrita dirixida ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas, iniciarase o día seguinte ao da publicación da actual resolución e rematará o día 31 de xaneiro de 2011.

Transcorrido o dito prazo sen que se conforme a potestade nel indicada, ao titular do anteproxecto seleccionado seralle de aplicación a regra xeral de execución da obriga principal prevista no punto quinto desta resolución.

Oitavo.-Co obxecto de concretar a obriga de execución do plan avaliado consonte a regra xeral de proporcionalidade contida no penúltimo parágrafo do artigo 7º.1 da orde, os titulares dos anteproxectos seleccionados disporán dun prazo, que comezará a contar o día 1 febreiro de 2011 e rematará o día 15 do mesmo mes, para remitir á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas proposta de reaxuste do importe proporcional do investimento en activos fixos tanxibles, así como de creación de empregos. A proposta manterá aquelas actuacións que recollan unha execución do investimento máis pronta no tempo, respectando, en todo caso, o cronograma proposto na solicitude inicial e a proporcionalidade do importe en activos fixos tanxibles e creación de empregos.

No caso de titulares de anteproxectos seleccionados que tendo a posibilidade de optar consonte ao previsto no artigo 7º.2.c) non a exercesen, o transcurso do anterior prazo sen ter realizado a proposta de reaxuste entenderase como unha renuncia á súa solicitude.

Noveno.-A mora e/ou o incumprimento do desenvolvemento e da execución das diferentes actuacións do plan industrial conforme o cronograma presentado, así como a inobservancia das características técnicas, ambientais e socioeconómicas vinculadas ao proxecto e á solicitude, implicará a omisión dos distintos compromisos ofertados e propostos na dita solicitude e poderá dar lugar, logo da intimación por parte da Comisión de Seguimento que para o efecto se constitúa e logo de expediente contraditorio, á perda da potencia eólica asignada no proceso de selección e das garantías presentadas.

Décimo.-Consonte o establecido no artigo 5º da orde, procederase á inmediata devolución das garantías provisionais depositadas a aqueles solicitantes que non resultaron seleccionados. Aos solicitantes seleccionados as garantías seranlles retidas ata o inicio da fase do procedemento de autorización.

Décimo primeiro.-Esta resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria, sen prexuízo da súa notificación individual a cada un dos solicitantes.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114º e 115º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2010.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXOS I-II-III-IV

Da resolución pola que se aproba a relación de anteproxectos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos de Galicia.

Ver referencia pdf "24800D008P027.PDF"

ANEXO V

Da resolución pola que se aproba a relación de anteproxectos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos de Galicia. Plan industrial das empresas seleccionadas. Indicación do importe proporcional de investimentos en activos fixos tanxibles e número de emprego que se crearán.

Ver referencia pdf "24800D008P027.PDF"