DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2010 Páx. 21.470

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2010 pola que se procede á convocatoria pública das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas ás persoas titulares e ás inquilinas das vivendas arrendadas no marco do Programa Aluga, no exercicio 2011.

O Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 103, do 2 de xuño, corrección de erros DOG nº 114, do 17 de xuño), establece o réxime xurídico do citado programa coa dobre finalidade de fomentar o alugamento de vivendas de titularidade privada en Galicia e, pola súa vez, facilitarlles o acceso á vivenda aos sectores de poboación con menor nivel de ingresos.

Para tal efecto, recolle un marco de subvencións públicas dirixidas aos titulares e ás persoas inquilinas de vivendas arrendadas no marco do citado programa, introducindo como novidade nesta convocatoria unha nova modalidade de axuda dirixida aos titulares das vivendas, a subvención de gastos derivados do alugamento (artigo 42º do Decreto 84/2010) en contía equivalente a unha porcentaxe do recibo do imposto de bens inmobles (IBI) da última anualidade vencida e proporcional ao tempo que a vivenda estivese arrendada no ano 2010.

Pola súa vez, o Decreto 84/2010, do 27 de maio, establece un minucioso réxime transitorio co fin de posibilitar a incorporación ao Programa Aluga daquelas vivendas incorporadas ao extinguido programa de vivenda en alugamento (PVA) regulado polo derrogado Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, evitando, dese xeito, que se produza descontinuidade e interrupción entre ambos os dous programas, mantendo as expectativas e situacións amparadas no PVA, en particular e entre outras, no que respecta ao réxime de subvencións.

Neste senso, esta convocatoria tamén recolle o financiamento das situacións amparadas nas disposicións transitorias segunda e terceira do citado decreto, así como as solicitudes de subvención non atendidas por falta de dispoñibilidade orzamentaria no exercicio 2010, de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Esta convocatoria suxeitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, así como ao establecido no Decreto 84/2010, do 27 de maio, e tramítase ao amparo da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2011, habilítanse créditos para o financiamento das axudas do Programa Aluga.

De conformidade co establecido no artigo 7º da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 36º do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e co artigo 4º do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a competencia correspóndelle ao presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o que determina que a convocatoria anual se realice por medio de resolución.

No uso da referida autorización,

RESOLVO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Bases reguladoras.

As bases reguladoras das subvencións previstas nesta convocatoria están reguladas no título IV e, cando sexa de aplicación, no previsto no réxime transitorio do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 103, do 2 de xuño; corrección de erros DOG nº 114, do 17 de xuño).

Artigo 2º.-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto proceder á convocatoria no exercicio 2011 en réxime de concorrencia non competitiva das seguintes liñas de axuda:

a) Axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda, regulada nos artigos 43º ao 46º do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

b) Subvención de obras e actuacións de reforma nas vivendas, regulada nos artigos 38º ao 41º do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

c) Subvención de gastos derivados do alugamento, regulada nos artigos 38º e 42º do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

2. Esta convocatoria tamén será de aplicación ás solicitudes de axuda presentadas ao abeiro do establecido nas disposicións transitorias segunda e terceira do Decreto 84/2010, do 27 de maio, así como na disposición adicional quinta do citado decreto.

Artigo 3º.-Orzamento.

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para os exercicios 2011 e 2012 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda, así como o importe máximo das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2011 e a contía máxima que se poderá imputar ao exercicio orzamentario 2011 e ao de 2012, son as seguintes:

Ver referencia pdf "25000D009P206.PDF"

2. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2011 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as solicitudes da subvención para obras e actuacións de reforma nas vivendas, así como o importe ou contía máxima das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2011, é a seguinte:

Ver referencia pdf "25000D009P206.PDF"

3. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2011 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as solicitudes da subvención de gastos derivados do alugamento, así como o importe máximo das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2011, é a seguinte:

Ver referencia pdf "25000D009P206.PDF"

4. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

5. O importe máximo das subvencións obxecto desta convocatoria poderá incrementarse en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias nas citadas aplicacións, sempre que concorra algún dos supostos previstos no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De producirse un incremento do crédito destinado á concesión destas subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo II

Axuda ás persoas inquilinas

Artigo 4º.-Beneficiarias.

Serán beneficiarias da axuda ás persoas inquilinas as unidades familiares ou de convivencia que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo 43º.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Artigo 5º.-Contía da axuda.

A contía desta axuda determinarase de acordo co establecido no artigo 44º do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I desta resolución nas oficinas do Rexistro do IGVS, das súas áreas provinciais ou dos seus servizos centrais ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude deberá entregarse, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Declaración do IRPF de todos os membros da unidade familiar ou de convivencia, referida ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

De non presentar declaración de IRPF, declaración responsable de todos os ingresos da unidade familiar ou de convivencia, debidamente xustificados documentalmente, e referida ao último período impositivo con prazo de presentación vencido.

No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar presentada no estranxeiro, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular en España e, de ser o caso, o certificado de correspondencia a euros do importe declarado.

b) Declaración responsable da composición da unidade familiar e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas (no modelo anexo IB). Para o caso de que se denegue expresamente a autorización ao IGVS para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, deberá presentarse a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma.

c) Para o caso de que non conste no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga e de non autorizar a consulta telemática da Administración, DNI ou NIE e certificado de empadroamento de todos os integrantes da unidade familiar ou de convivencia.

d) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 43º.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio (no modelo de solicitude).

Para o caso de que variasen as circunstancias que constan no expediente da unidade familiar ou de convivencia do Programa Aluga, deberá entregarse a correspondente documentación, conforme ao sinalado no artigo 28º.2 e 3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

e) Declaración responsable das subvencións, axudas, recursos ou ingresos solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade polas administracións públicas competentes, entes públicos ou privados. Ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu outra subvención, axuda, ingreso ou recurso para a mesma finalidade (no modelo anexo IC).

f) No caso de solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, ademais do anterior, deberán presentarse os xustificantes de pagamento dos últimos doce meses dos recibos de auga, electricidade e/ou gas.

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberán presentarse antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberá presentarse antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do período inicial ou da correspondente prórroga do contrato de arrendamento.

Artigo 8º.-Procedementos de concesión.

De conformidade co establecido no artigo 47º do Decreto 84/2010, do 27 de maio, fíxanse para o exercicio 2011 procedementos mensuais de concesión. Por cada procedemento de concesión ditarase a correspondente resolución, que conterá a contía das subvencións que se concedan na mensualidade, cos seguintes importes máximos:

Ver referencia pdf "25000D009P206.PDF"

Finalizado cada un dos períodos de concesión e de non esgotarse o crédito máximo, por resolución do director xeral do IGVS trasladarase a contía non aplicada ao período seguinte.

Capítulo III

Subvención de obras e actuacións de reforma

Artigo 9º.-Beneficiarias.

Serán beneficiarias da subvención de obras e actuacións de reforma as persoas físicas titulares dunha vivenda arrendada no marco do Programa Aluga, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos no artigo 38º do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e se trate de obras subvencionables de acordo co establecido no seu artigo 39º. Tamén poderán optar a esta modalidade de axuda as persoas xurídicas nos supostos previstos nas disposicións transitorias segunda e terceira do citado decreto.

Artigo 10º.-Contía da subvención.

A contía desta subvención determinarase de acordo cos criterios e límites establecidos no artigo 40º do Decreto 84/2010, do 27 de maio, sen prexuízo do establecido nas disposicións transitorias citadas no artigo anterior.

Artigo 11º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo II desta resolución nas oficinas do Rexistro do IGVS, das súas áreas provinciais ou dos seus servizos centrais ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Para o caso de que non conste no expediente e de non autorizar a consulta telemática da Administración, DNI ou NIE de todos os titulares da vivenda.

b) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e os xustificantes do seu pagamento, xunto cunha relación destas (no modelo do anexo IIB).

c) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 38º.1 do Decreto 84/2010, do 27 de maio (no modelo anexo IIC).

d) Declaración responsable das subvencións, axudas, recursos ou ingresos solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade polas administracións públicas competentes, entes públicos ou privados. Ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu outra subvención, axuda, ingreso ou recurso para a mesma finalidade (no modelo anexo IIC).

e) Para o caso de que se denegue expresamente a autorización ao IGVS para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, deberá presentarse a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 12º.-Prazo de presentación.

As solicitudes deberán presentarse entre a data de formalización do primeiro contrato de arrendamento e o día 15 do mes seguinte.

Capítulo IV

Subvención de gastos derivados do alugamento

Artigo 13º.-Beneficiarias.

Serán beneficiarias da subvención de gastos derivados do alugamento as persoas físicas que sexan titulares dunha vivenda arrendada no marco do Programa Aluga no ano 2010, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos no artigo 38º do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Artigo 14º.-Contía da subvención.

De acordo co establecido no artigo 42º do Decreto 84/2010, do 27 de maio, a contía desta subvención poderá acadar unha contía equivalente ao 50% do importe do recibo do imposto de bens inmobles (IBI) da última anualidade vencida (2010), correspondente á vivenda e, se for o caso, ao garaxe obxecto do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga, co límite máximo de 100 € por vivenda e anualidade, e concederase en contía proporcional ao tempo en que a vivenda estivese arrendada na anualidade de referencia do recibo do IBI.

Artigo 15º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución nas oficinas do Rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo, das súas áreas provinciais ou dos seus servizos centrais, ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) A documentación sinalada nas alíneas a), c), d), e) do artigo 7º.3 desta resolución.

b) Recibo do imposto de bens inmobles (IBI) da última anualidade vencida previamente liquidado, correspondente ao exercicio contributivo 2010, pertencente á vivenda e, se for o caso, o referente ao garaxe obxecto do contrato de arrendamento.

Artigo 16º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación das solicitudes desta subvención estenderase desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de marzo de 2011.

Capítulo V

Normas comúns

Artigo 17º.-Órganos competentes para a instrución e resolución.

Os órganos competentes para a instrución e resolución dos procedementos de concesión de subvencións previstas nesta convocatoria son os que se establecen no artigo 48º.5 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Artigo 18º.-Prazo de resolución e notificación.

1. A resolución das solicitudes da axuda ás persoas inquilinas resolverase no mesmo mes da súa presentación, agás nos supostos de solicitudes de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, que se poderán resolver no mes seguinte a súa presentación, segundo o establecido no artigo 45º.8 do Decreto 84/2010. Transcorrido o prazo sinalado sen se ditar resolución expresa entenderase desestimada a solicitude.

2. Tanto no caso de solicitudes de subvención de obras e actuacións de reforma como no caso de solicitudes de subvención de gastos derivados do alugamento, o prazo para ditar resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, segundo o sinalado no artigo 48º.4 do citado decreto.

3. As resolucións que se diten nestes procedementos serán notificadas aos interesados dentro do prazo de dez días a partir da data en que foran ditadas, de acordo co previsto nos artigos 58º e 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19º.-Recursos.

As resolucións que se diten nos procedementos de concesión de subvencións previstas nesta convocatoria porán fin á vía administrativa. E contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da dita xurisdición, nos prazos sinalados no artigo 48º.6 do Decreto 84/2010.

Artigo 20º.-Autorizacións.

Ademais das autorizacións para a obtención de datos previstas no artigo 53º do Decreto 84/2010, do 27 de maio, coa presentación da solicitude ao abeiro desta convocatoria:

a) A persoa interesada autoriza expresamente o IGVS para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos previstos no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006. Poderanse exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido destes rexistros, de conformidade co establecido no artigo 10º do Decreto 132/2006.

b) E comportará a autorización ao IGVS para que, de acordo co establecido no artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no artigo 15º da Lei de subvencións de Galicia publique as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web.

Disposición adicional

Única.-Solicitudes non atendidas no exercicio anterior.

As solicitudes de subvención non atendidas por falta de dispoñibilidade orzamentaria no exercicio 2010 poderán solicitarse de novo neste exercicio económico, dentro do prazo dun mes dende a entrada e vigor desta resolución.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "25000D009P206.PDF"