DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.546

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de decembro de 2010 pola que se regula o procedemento de avaliación das direccións dos centros docentes públicos en que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación.

O Decreto 120/2002, do 22 de marzo, regula a consolidación parcial do complemento específico das direccións dos centros docentes públicos e establece no artigo 7º que a valoración positiva da función da dirección do centro é requisito previo e necesario para a consolidación do complemento que se regula no propio decreto.

Asemade, o Decreto 29/2007, do 8 de marzo, regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos en que se imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O artigo 15º.2 deste decreto prescribe que os nomeamentos das direccións poderán ser renovados, por petición do persoal interesado, por períodos de igual duración, ata un máximo de tres mandatos, logo da avaliación positiva do traballo desenvolvido ao final destes, oídos o claustro de profesores e o consello escolar.

Ao final deste curso académico cumpriranse os catro anos de duración dos nomeamentos das primeiras direccións de centros docentes públicos que imparten algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación, nomeadas conforme o sistema de selección establecido na Lei orgánica de educación e no Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que é necesario establecer o procedemento de avaliación que posibilite a súa prórroga. Por outra parte, o procedemento de avaliación debe ser o mesmo para a consolidación parcial do complemento específico e para a prórroga do mandato da dirección.

A disposición derradeira do Decreto 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores e directoras dos centros escolares públicos e a disposición derradeira primeira do Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos en que se imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, autorizan o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

En consecuencia e na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento para a avaliación dos directores e directoras dos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos cales se imparten algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación, cando cumpran catro anos de mandato no exercicio da dirección, de conformidade co establecido nos decretos 120/2002, do 22 de marzo, polo que se regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos, e 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros públicos en que se imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación ás direccións de todos os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos cales se imparten algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación.

Artigo 3º.-Solicitude de prórroga do nomeamento de director ou directora.

1. O persoal docente interesado deberá efectuar a petición de prórroga do nomeamento de director ou directora do centro docente público no mes de xaneiro do último ano de mandato, dirixida á xefatura territorial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no modelo que se publica como anexo I á presente orde.

2. Xunto coa solicitude, o persoal interesado deberá achegar unha memoria que deberá incluír:

a) Introdución.

b) Proxecto de dirección. Grao de consecución dos obxectivos propostos. Recursos e dificultades.

c) Situacións que ampliaron ou modificaron o proxecto inicial.

d) Breve referencia aos criterios establecidos no artigo 4º da presente orde.

e) Conclusións e proposta de mellora.

3. Non poderán efectuar solicitude de prórroga as direccións nomeadas con carácter extraordinario ou accidental, conforme o previsto nos artigos 16º e 17º do Decreto 29/2007, do 8 de marzo.

Artigo 4º.-Criterios que deben informar a avaliación.

1. A avaliación da función directiva atenderá á evolución durante o mandato do funcionamento do centro en relación co desempeño do cargo da dirección, o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no proxecto de dirección e, entre os criterios que a informen, deberán incluírse os seguintes:

a) Dinamización dos órganos de goberno e de coordinación docente do centro e o impulso da participación nestes dos diversos colectivos da comunidade educativa.

b) Xestión dos recursos humanos e materiais para proporcionar unha oferta educativa ampla e axustada ás demandas sociais.

c) Organización de actividades extraescolares que favorezan a apertura do centro, conectando este co seu contorno.

d) Dispoñibilidade para atender o alumnado e as súas familias, ofrecendo información e respondendo ás súas demandas.

e) Impulso e posta en marcha de programas e iniciativas de innovación e formación que melloren o funcionamento do centro.

f) Dinamización da atención á diversidade dos alumnos con necesidades educativas especiais.

2. Para facilitar o tratamento dos diferentes aspectos obxecto de avaliación, os criterios a que se refire a subepígrafe 1 deste artigo asociáronse a distintos indicadores, tal como se recolle no anexo II da presente orde.

Artigo 5º.-Informe do claustro de profesores e do consello escolar do centro.

1. A comisión avaliadora solicitará ao claustro de profesores e ao consello escolar do centro que no mes de marzo emita un informe sobre a dirección do centro no relativo a:

-O grao de cumprimento do proxecto de dirección no seu momento presentado.

-O traballo que desenvolveu durante o seu mandato na mellora da aprendizaxe do alumnado e na calidade do centro

-O desenvolvemento das funcións e tarefas inherentes ao cargo relacionadas co claustro e/ou co consello escolar.

2. O claustro de profesores e o consello escolar remitirán o informe á comisión avaliadora con anterioridade ao 15 de abril.

Artigo 6º.-Informe da inspección educativa.

O inspector ou inspectora do centro emitirá, con anterioridade ao 30 de abril, un informe sobre o desempeño da función directiva da persoa que vai ser avaliada, con referencia a cada un dos criterios establecidos no artigo 5º desta orde, expresando se o informe é positivo ou negativo.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

1. De conformidade co establecido no artigo 18º.5 do Decreto 29/2007, do 8 de marzo, a avaliación do exercicio da dirección realizaraa unha comisión provincial formada por:

a) A xefatura do Servizo da Inspección de Educación, que será a súa presidenta ou presidente.

b) Dous inspectores ou inspectoras designados polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Dúas directoras ou directores de centros docentes públicos, nomeadas ou nomeados pola xefa ou xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da xunta provincial de directores de centros que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que non participen no proceso de avaliación.

d) Un funcionario ou funcionaria da xefatura territorial, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

e) En todo caso tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes na comisión, sendo mulleres polo menos o 50% dos seus membros.

2. A comisión realizará a avaliación tendo en conta a memoria presentada pola persoa interesada e os informes do claustro de profesores, do consello escolar e da inspección educativa, sen prexuízo de que poida solicitar os informes complementarios que xulgue pertinentes.

3. As actas das reunións da comisión de avaliación, coas avaliacións positivas ou negativas das persoas que solicitaron a prórroga no nomeamento na dirección do centro educativo, será remitida á xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con anterioridade ao 31 de maio.

4. No caso de que a avaliación fose negativa, esta deberá ser suficientemente motivada.

Artigo 8º.-Resolución da xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1. No suposto de que a avaliación da comisión sexa positiva, a xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá á prórroga do nomeamento da dirección por outro período de catro anos.

2. Esta avaliación positiva implicará, tamén, cando proceda, o recoñecemento da porcentaxe de consolidación do complemento específico que corresponda de acordo co nivel e tipo de centro en que desempeñou a función.

3. Os efectos económicos da consolidación dos mandatos avaliados positivamente produciranse conforme a normativa vixente.

4. No suposto de que a avaliación da comisión sexa negativa, a xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria denegará a prórroga do nomeamento da dirección e o interesado ou interesada non poderá presentar solicitude para acceder á dirección dun centro docente público durante un período de tres anos.

5. Estas resolucións da xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria esgotan a vía administrativa.

Disposición adicional.-Consolidación parcial do complemento específico.

1. Aquelas persoas que non desexen prorrogar o mandato da dirección efectuarán a solicitude no modelo anexo III, no mesmo prazo e cos mesmos trámites previstos na presente orde, indicando que o fan para os únicos efectos da consolidación parcial do complemento específico.

2. As direccións dos centros de formación e recursos, as direccións dos centros integrados de formación profesional e as restantes direccións dos centros docentes públicos en que se imparte algunha das ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación que superaron ou superen os catro anos de mandato, entenderase que foron avaliados positivamente para os efectos da consolidación parcial do complemento específico regulada no Decreto 120/2002, do 22 de marzo.

Disposición derrogatoria

Queda derroga da a Orde do 12 de abril de 2002 pola que se regula o procedemento de consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros públicos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorización para o desenvolvemento da orde.

Facúltase o director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "25100D003P042.PDF"

ANEXO II

Avaliación da función directiva

Criterios e indicadores para realizar a valoración

1. Dinamización dos órganos de goberno e de coordinación docente do centro e impulso da participación neles dos diversos colectivos da comunidade educativa.

-Impulsa a participación dos sectores da comunidade educativa tanto nos órganos colexiados como na súa participación activa na vida do centro.

-Prepara as reunións dos órganos colexiados e de coordinación docente: réxime de convocatorias e información subministrada con carácter previo, para o mellor desenvolvemento das reunións.

-Executa e fai executar os acordos adoptados polos distintos órganos colexiados e de coordinación docente.

-Garante a elaboración dos distintos documentos de organización e xestión do centro, implicando na súa elaboración os correspondentes sectores da comunidade educativa.

-Propicia a reflexión, o traballo en equipo e a avaliación da actividade do centro a través dos órganos correspondentes, dentro das competencias de cada órgano ou colectivo.

2. Xestión dos recursos humanos e materiais para proporcionar unha oferta educativa ampla e axustada ás demandas sociais.

-Propicia o clima de cooperación establecendo mecanismos que permitan a participación e integración das contribucións dos distintos colectivos na toma de decisións.

-Presenta propostas de oferta educativa coherentes co contorno do centro e as necesidades formativas do alumnado.

-Realiza propostas de necesidades de recursos humanos adecuadas para cumprir os obxectivos do sistema educativo público con eficacia e eficiencia.

-Pon ao servizo da comunidade educativa os recursos materiais do centro, dando resposta ás demandas existentes.

-Presenta criterios de utilización dos recursos económicos que son aceptados polo centro e executa en tempo e forma o orzamento económico aprobado polo órgano competente.

-Dá resposta aos trámites e requirimentos administrativos que se lle trasladan e completa todos os documentos institucionais do centro en tempo e forma adecuados.

-Exerce a xefatura do persoal supervisando o cumprimento das obrigas profesionais e toma as decisións derivadas desas responsabilidades.

3. Organización de actividades extraescolares que favorezan a apertura do centro conectando este co seu contorno.

-Establece canles e procedementos para incorporar as achegas de todos os sectores da comunidade educativa para actividades complementarias e extraescolares a través do proxecto educativo do centro.

-Promove a organización e realización de actividades que respondan ás necesidades dos alumnos, asegura a súa planificación sistemática e a súa periódica actualización.

-Establece medidas que garanten a coordinación necesaria da totalidade das actividades complementarias e extraescolares do centro.

-Difunde adecuadamente as actividades extraescolares e complementarias entre todos os sectores e favorece, así, a participación.

-Fomenta a realización de actividades que teñan como finalidade o coñecemento mutuo, a convivencia e a plena integración de todos os alumnos na actividade do centro.

-Promove iniciativas que faciliten a colaboración ou intercambios con outros centros, institucións ou empresas públicas ou privadas.

4. Dispoñibilidade para atender o alumnado e as súas familias, ofrecendo información e respondendo ás súas demandas.

-Facilita os medios necesarios e adecuados para acoller o alumnado e as súas familias nas visitas ao centro educativo, creando un clima positivo de colaboración e participación que tenda á mellora da convivencia.

-Promove procedementos que garanten o coñecemento completo dos procesos de ensino-aprendizaxe, tanto por parte do alumnado como das súas familias.

-Establece mecanismos para que a acción de titoría e, se for o caso, a orientación académica e profesional responda ás necesidades do alumnado.

-Responde de modo axeitado aos distintos conflitos que xorden no centro, tanto a nivel de condutas contrarias ás normas de convivencia como de circunstancias excepcionais que se producen no normal desenvolvemento da actividade do centro.

5. Impulso e posta en marcha de programas e iniciativas de innovación e formación que melloren o funcionamento do centro.

-Establece procedementos para a detección das necesidades formativas do profesorado e a resposta axeitada a elas, dentro do seu ámbito de competencia

-Promove proxectos de formación, innovación e experimentación educativa no centro, facilitando os medios necesarios para a súa posta en funcionamento, seguimento e avaliación.

-Favorece a participación do profesorado en proxectos e programas de innovación, investigación e actividades de formación, promovendo o intercambio de información con outros centros.

-Promove a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación e pon ao dispor do profesorado os medios correspondentes para o desenvolvemento destas tecnoloxías na actividade docente.

-Impulsa plans de autoavaliación e mellora ou sistemas de mellora da calidade no centro co fin de conseguir a constante evolución e perfeccionamento das actividades docentes.

-Incorpora á programación xeral anual as propostas contidas na memoria anual do centro e nas memorias dos distintos equipos ou departamentos didácticos, de ser o caso.

6. Dinamización da atención á diversidade dos alumnos con necesidade específica de apoio educativo.

-Promove o Plan de atención á diversidade: difusión, aplicación, seguimento e avaliación.

-Favorece a detección das necesidades do alumnado de forma sistemática e planificada, cos distintos profesionais implicados.

-Impulsa a coordinación entre os departamentos didácticos co fin de establecer procesos pedagóxicos homoxéneos compatibles entre si e concordantes co Plan de atención á diversidade.

-Establece o seguimento dos procesos pedagóxicos para garantir a aplicación adecuada de medidas de atención á diversidade.

-Colabora coa inspección educativa para o control dos horarios dos apoios establecidos e o seguimento e avaliación das medidas adoptadas.

Ver referencia pdf "25100D004P047.PDF"