DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 21 de decembro de 2010 pola que se prorroga, durante o cuarto trimestre de 2010 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2011, o acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega sobre a compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta.

O artigo 24º da nosa Constitución garántelles o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, e así mesmo á defensa e á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119º da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei, e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar. Polo que atinxe a esta materia, a Comunidade Autónoma de Galicia posúe plenas competencias, xa que a través do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, lle foron transferidos pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os que se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, a materia foi obxecto dunha fonda reforma, facéndose necesaria a elaboración dun regulamento que a desenvolvese, e tendo en conta as peculiaridades propias da nosa comunidade autónoma e o tempo transcorrido, o primeiro Decreto 146/1997, do 22 de maio, foi modificado polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, con data do 24 de setembro de 2003 a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega asinaron un acordo para establecer o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta destes profesionais, cun ámbito temporal polo que durante o ano 2008 se debería negociar, e se fose o caso aprobar, un novo acordo para os vindeiros anos. Por diversas circunstancias non foi posible acadar no ámbito negocial ese acordo novo, e logo das obrigadas conversas co Consello da Avogacía Galega, ambas as institucións acordaron a prórroga durante o cuarto trimestre de 2010 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2011 do baremo establecido no acordo do ano 2003 nas cantidades de compensación económica que rexeron o pasado ano, actualizadas pola Orde desta consellería do 2 de xullo de 2009, e prorrogada esta última polas ordes do 28 de maio e 15 de outubro de 2010, de xeito que estes conceptos económicos imperasen durante o cuarto trimestre do ano 2010 e o primeiro,

segundo e terceiro trimestre de 2011, ao tempo que as partes iniciará nun proceso negociador coa finalidade de acadar un acordo para os vindeiros anos.

Ademais, o novo Regulamento de asistencia xurídica gratuíta, aprobado polo Decreto 269/2008, prevé no seu artigo 41º.1 que a orde reguladora do baremo de compensación económica determine o momento en que se devengará a compensación económica aos procuradores e avogados designados de oficio. Cumprindo coa dita previsión, esta orde incorpora a regulación do momento do devengo das compensacións económicas, e para o cuarto trimestre do ano 2010 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2011 faino reproducindo o contido do anexo III do regulamento anterior (Decreto 146/1997).

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.-A prórroga do Acordo do 24 de setembro de 2003 entre a Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega, polo que se estableceu o baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta.

Segundo.-Durante o cuarto trimestre do ano 2010 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2011 as cantidades do baremo da compensación económica da asistencia xurídica gratuíta serán as que rexeron durante o ano 2008, actualizadas pola orde desta consellería do 2 de xullo de 2009, e especificadas no anexo desta orde. Estas cantidades deberán ser certificadas trimestralmente polos colexios de avogados, seguindo estritamente a ordenación de tipoloxías recollidas no modelo que figura no anexo da orde, de acordo co artigo 38º.3 do Decreto 269/2008, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, con efectos desde o día 1 de outubro de 2010.

Terceiro.-Os avogados percibirán o 100% da compensación económica correspondente á súa actuación profesional cando acrediten a realización dalgún dos seguintes trámites procesuais:

a) En materia de asistencia letrada ao detido ou preso, unha vez finalizada a intervención profesional e que o avogado presente o parte selado polo órgano xudicial ou policial onde se levou a cabo a asistencia e no que se recollan os seguintes datos como mínimo:

-Nome e número de colexiado do avogado.

-Nome e DNI do asistido ou asistidos. No caso de estranxeiros, número de pasaporte ou tarxeta de residencia.

-Motivo polo cal o asiste, e, se fose o caso, da detención e número de dilixencias policiais ou xudiciais.

Cando o colexio de avogados teña establecida unha quenda de garda, pagarase unha única compensación por cada quenda de garda. Se o número de asistencias realizadas a persoas diferentes é superior a cinco dentro dunha mesma garda, o avogado percibirá unha compensación equivalente ao dobre do módulo establecido, sexa cal sexa o número de asistencias realizadas.

b) Nos procesos penais, a presentación da copia da dilixencia ou solicitude da actuación procesual en que interveña o letrado, ou a apertura do xuízo oral.

c) Nos procesos civís, a presentación da copia da providencia de admisión da demanda ou de ter por formulada a contestación dela.

d) Nos demais procesos, a presentación da copia da dilixencia xudicial acreditativa da intervención do avogado.

e) Nas apelacións civís, a presentación da copia da providencia pola que se admite a trámite o recurso ou, se procede, a comparecencia ante a sala.

Nas apelacións penais, a presentación da copia da resolución xudicial en que se teña por formalizado ou impugnado o recurso ou o sinalamento para a vista.

f) Nos recursos de casación formalizados, a presentación da copia da providencia pola que se teña por interposto o recurso.

Nos anuncios de recurso de casación que non chegan a ser formalizados, a presentación da copia do anuncio do recurso, debidamente xustificada.

g) Nas transaccións extraxudiciais e informe de insustentabilidade da pretensión, a presentación do documento de transacción subscrito polos interesados ou do informe da insustentabilidade dirixido ao colexio.

h) Nas desistencias extraxudiciais por pasividade do interesado, a presentación de xustificación escrita do letrado.

i) Nas execucións de sentenzas que se produzan transcorridos máis de dous anos despois de ditada resolución xudicial, presentación da copia de petición de execución, debidamente acreditada.

Os documentos referidos poderán ser substituídos pola copia selada polo órgano xudicial da primeira folla do escrito presentado.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "25100D007P055.PDF"