DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.573

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2011.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, define o marisqueo como o exercicio da actividade extractiva, desenvolvida a pé ou desde embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre, dirixido de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización.

En consonancia co anteriormente exposto, o Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, modificado polo Decreto 237/2002, do 11 de xullo, establece que a extracción de marisco e algas estarán suxeitas ao Plan Xeral de Explotación Marisqueira aprobado con carácter anual pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (hoxe en día Consellería do Mar).

Nesta orde establécese o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice, durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.

O mecanismo de elaboración do plan xeral permítelles ás entidades asociativas do sector a participación activa na xestión dos recursos marisqueiros.

Así, preséntanse plans de explotación para as autorizacións e zonas de libre marisqueo, en que se mellora a explotación con respecto ás normas de libre marisqueo e adquiren especial relevancia as actividades de semicultivo e rexeneración, control e vixilancia que prevén os plans de explotación, elemento fundamental para a recuperación e mellora das zonas produtivas.

Sen prexuízo do exposto, a Administración, co obxecto de tutelar a mellora da produción, require os informes técnicos sobre os aspectos esenciais e, se procede, introducirá as melloras necesarias, co fin de asegurar unha explotación sustentable dos recursos pesqueiros e acadar unha maior rendibilidade económica.

A orde regula, así mesmo, a veda dos diferentes crustáceos de forma que se poidan adoptar anualmente as medidas necesarias de conservación, tendo en conta os datos científicos máis fidedignos.

Consecuencia da definición de marisqueo dada pola Lei 11/2008, do 3 de decembro, inclúense medidas de xestión para a pesqueira do polbo e da centola, para esta última por primeira vez para o ano 2011, xa que polas súas características biolóxicas e de captura axústanse á descrición recollida na antedita norma.

Polo tanto, examinados os plans de explotación remitidos polas entidades, consultadas estas na elaboración das normas relativas a zonas de libre marisqueo e das medidas de xestión para a pesqueira do polbo así como da centola, vistos os informes biolóxicos emitidos polos técnicos desta consellería, e de conformidade co disposto no citado decreto regulador,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Autorizacións marisqueiras.

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2011 que se relacionan no cadro A e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forma parte do expediente, e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. Para o desenvolvemento dos plans de explotación e, de acordo co Decreto 423/1993, do 17 de decembro, correspóndelles ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar autorizar a apertura e o peche da extracción de marisco. As entidades titulares deberán solicitar autorización, polo menos 15 días antes da data prevista para a extracción, no plan de explotación. A solicitude deberá presentarse no modelo publicado como anexo V desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com

3. A explotación das autorizacións marisqueiras para as que non se presentaron plans de explotación ou para aquelas en que se presentaron pero non foron aprobados, rexerase polo disposto para as zonas de libre marisqueo.

Artigo 2º.-Plans específicos en zonas de libre marisqueo.

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2011 que se relacionan no cadro B e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forma parte do expediente, e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. Para o desenvolvemento dos plans de explotación, de acordo co Decreto 423/1993, do 17 de decembro, correspóndelles ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar autorizar a apertura e o peche da extracción de marisco. As entidades titulares deberán solicitar autorización, polo menos 15 días antes da data prevista para a extracción, no plan de explotación. A solicitude deberá presentarse no modelo publicado como anexo IV desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com

3. A explotación destas zonas para as que non se presentaron plans de explotación ou para aquelas en que se presentaron pero non foron aprobados, rexerase polo disposto para as zonas de libre marisqueo.

4. Se non existe acordo de repartición da zona de traballo entre os sectores de marisqueo a pé e desde embarcación, as zonas dos dous sectores quedarán delimitadas pola liña que une os puntos de cota mareal cero, correspondente coa liña da baixamar escorada.

Artigo 3º.-Zonas de libre marisqueo.

1. Segundo o establecido no artigo 5º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, autorízase como norma xeral a extracción de moluscos nas zonas de libre marisqueo, non suxeitas a plan específico desde o 3 de xaneiro ao 31 de marzo de 2011 e desde o 3 de outubro ao 30 de decembro de 2011.

2. As cotas de captura para as zonas de libre marisqueo serán as recollidas no cadro C. As cotas máximas de captura poderán ser aumentadas ou diminuídas pola Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños dependendo do estado do recurso.

3. Exceptúanse do exposto nos números 1 e 2 anteriores as seguintes zonas:

a) Ría de Ferrol (bancos sublitorais):

-Banco das Pías: a explotación realizarase de acordo co plan deseñado para o efecto para esta zona.

-Zonas de libre marisqueo: segundo os informes técnicos e oído o sector, a xefatura territorial do Departamento Territorial da Consellería do Mar na Coruña ditará as resolucións de apertura mensuais.

b) Ría de Arousa:

A actividade nos bancos denominados Lombos do Ulla, O Bohído e Cabío, así como aquelas zonas de libre marisqueo próximas á illa de Sálvora, desenvolverase conforme as condicións recollidas na ficha resumo, que forma parte do expediente, do Plan de ordenación das zonas de libre marisqueo da ría de Arousa (modalidade desde embarcación) e as resolucións que poida ditar a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

c) Ría de Vigo:

*Bancos sublitorais nas zonas de libre marisqueo: a explotación desenvolverase conforme ao seguinte:

-Modalidade: marisqueo desde embarcación.

-Especies: ameixa fina, ameixa babosa, ameixa rubia, ameixa xaponesa, berberecho, carneiro, cornicha, ameixa bicuda, ameixón e reloxo.

-Zonas de traballo: bancos sublitorais das zonas de libre marisqueo na ría de Vigo, agás a autorización da Confraría de Pescadores de Baiona.

-Días máximos de extracción: 200 días.

-Época probable de extracción: de xaneiro a decembro, con rotación de bancos ou unha veda de dous meses en abril e maio.

-Cotas máximas de captura e coas particularidades recollidas na ficha resumo que forma parte do expediente e que contén as condicións en que se desenvolverá a actividade nesta zona.

-Ameixa fina: 3 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Ameixa babosa: 8 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Ameixa rubia: 16/20 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Ameixa xaponesa: 10 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Berberecho: 10 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Carneiro: 4 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Cornicha: 2 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Ameixón: 2 kg/tripulante enrolado e a bordo/día.

-Reloxo: determinarase na resolución de apertura.

-Puntos de control: zonas de traballo mediante embarcación.

A xefatura territorial do Departamento Territorial da Consellería do Mar en Vigo, tendo en conta os informes técnicos e consultado o sector, ditará as resolucións de apertura mensuais.

*Bancos intermareais na zona de libre marisqueo comprendida entre a ponte de Rande e punta de Santo Adrán: a explotación desenvolverase conforme ao seguinte:

-Modalidade: marisqueo a pé.

-Especies: ameixa fina, ameixa babosa, ameixa xaponesa e berberecho.

-Zonas de traballo: Aradorio e Calera.

-Días máximos de extracción: 15 días.

-Época probable de extracción: de xaneiro a decembro, cunha veda nos meses de xuño e xullo.

-Cotas máximas de captura:

-Ameixa fina: 1 kg/mariscadora/día.

-Ameixa babosa: 1 kg/mariscadora/día.

-Ameixa xaponesa: 3 kg/mariscadora/día.

-Berberecho: 4 kg/mariscadora/día.

-Puntos de control: determinaranse nas resolucións de apertura mensuais.

A xefatura territorial do Departamento Territorial da Consellería do Mar en Vigo, tendo en conta os informes técnicos e consultadas a Confraría de Moaña e a Asociación de Mariscadoras de Vilaboa ditará as resolucións de apertura mensuais, tras la petición conxunta das entidades interesadas.

*Bancos intermareais na zona de libre marisqueo comprendida entre punta Rodeira ata a praia de Canabal: a explotación desenvolverase conforme ao seguinte:

-Modalidade: marisqueo a pé.

-Especies: ameixa fina, ameixa xaponesa e berberecho.

-Zona de traballo: illa dos Ratos.

-Días máximos de extracción: 35 días.

-Época probable de extracción: de xaneiro a decembro, cunha veda nos meses de maio e xuño.

-Cotas máximas de captura:

-Ameixa fina: 1 kg/mariscadora/día.

-Ameixa xaponesa: 8 kg/mariscadora/día.

-Berberecho: 3 kg/mariscadora/día.

-Puntos de control: determinaranse nas resolucións de apertura mensuais.

A xefatura territorial do Departamento Territorial da Consellería do Mar en Vigo, tendo en conta os informes técnicos e consultadas as confrarías de Moaña e Cangas, ditará as resolucións de apertura mensuais, tras a petición conxunta das entidades interesadas.

4. Para traballar con rastro de vieira, segundo o artigo 120º do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, ou aquel que o substitúa ou modifique, nas zonas de libre marisqueo remitirase a solicitude á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, cunha anticipación mínima de 15 días á data de extracción, especificando os datos do censo de embarcacións, a especie obxecto da explotación e as zonas de traballo.

5. As zonas de traballo dos sectores de marisqueo a pé e desde embarcación nas zonas de libre marisqueo estarán delimitadas pola liña que une os puntos de cota mareal cero, correspondente coa liña da baixamar escorada.

Artigo 4º.-Percebe (Pollicipes pollicipes).

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2011 que se relacionan no cadro D e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forma parte do expediente, e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. Correspóndelles ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar a apertura e peche da extracción de marisco, tras a solicitude das entidades titulares con anterioridade á data prevista para a extracción, no plan de explotación. A solicitude deberá presentarse no modelo publicado como anexo IV desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web:

webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com

Artigo 5º.-Centola (Maja brachydactyla).

O Plan de explotación para a xestión da pesqueira da centola (Maja brachydactyla) desenvolverase baixo as seguintes condicións:

1. Consideracións xerais

a) O ámbito de aplicación deste plan será as augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e para as embarcacións con artes menores que teñan porto base nesta comunidade.

b) Período de captura autorizado:

-Na provincia da Coruña e Pontevedra: do 2 de xaneiro ao 31 de marzo; do 1 de xuño ao 31 de agosto e do 6 de novembro ao 31 de decembro.

-Na provincia de Lugo: do 2 de xaneiro ao 31 de marzo; do 1 de xuño ao 31 de agosto e do 27 de novembro ao 31 de decembro.

c) Calado das artes: nas zonas sinaladas no anexo I desta orde queda prohibido o calado de miños, trasmallos e raeiras desde o 1 de abril ao 31 de maio de 2011.

d) Cotas máximas de captura. Os topes serán diarios. Os topes que se indican a seguir, para os meses de xaneiro, novembro e decembro, poderán ser modificados se a situación do recurso así o require e tras la consulta co sector implicado: 50 quilos por embarcación, ao cal se engadirán 50 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo/día.

e) Poderanse aprobar mediante resolucións da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños plans zonais con duración anual, que permitan a explotación do recurso atendendo as características diferenciais de cada zona de pesca.

2. A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños poderá, por proposta do sector e na procura dunha mellora da xestión deste recurso, establecer medidas de xestión diferentes ás establecidas neste artigo.

Artigo 6º.-Outros crustáceos.

1. Ao abeiro do establecido no artigo 14º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, establécense, no cadro E, os períodos autorizados no ano 2011 para a extracción das especies de crustáceos.

2. O período de extracción da nécora (Necora puber) poderá verse modificado en función do período de veda que poida establecerse para o polbo (Octopus vulgaris).

Artigo 7º.-Equinodermos.

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2011 que se relacionan no cadro F e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forma parte do expediente, e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. Correspóndelles ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar autorizar a apertura e o peche da extracción de marisco, tras a solicitude das entidades titulares con anterioridade á data prevista para a extracción, no plan de explotación. A solicitude deberá presentarse no modelo publicado como anexo IV desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.

Artigo 8º.-Extracción de solénidos (navalla/longueirón/longueirón vello), peneira e algas.

1. Apróbanse os plans de explotación de solénidos, peneira e algas, para o ano 2011, que se relacionan nos cadros G, H e I, respectivamente, e que se desenvolverán conforme as condicións recollidas na ficha resumo de cada un deles, que forma parte do expediente, e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. Correspóndelles ás xefaturas territoriais dos departamentos territoriais da Consellería do Mar autorizar a apertura e o peche da extracción de marisco, tras a solicitude das entidades titulares con anterioridade á data prevista para a extracción, no plan de explotación. Para o caso da recolección de algas, a antedita solicitude deberá facerse cunha anticipación mínima de 15 días á data prevista para a extracción, no plan de explotación. A solicitude deberá presentarse no modelo publicado como anexo IV desta orde. O modelo tamén estará á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.

3. Cando a extracción da navalla/longueirón/longueirón vello se vaia realizar con mergullo con subministración de aire desde superficie, de cara a garantir a efectividade dos mecanismos de control sobre o esforzo pesqueiro, será necesario que as entidades titulares dos plans presenten con cada solicitude de apertura mensual un plan de control tal que permita avaliar os medios e as medidas empregadas para garantir o control do esforzo pesqueiro en cada momento e poñerlle límite, de ser o caso.

A autorización de apertura mensual queda supeditada á adecuación e efectividade das medidas de control propostas.

Artigo 9º.-Artes de bou de vara ou bou de man.

1. Aquelas embarcacións que conten no seu permiso de explotación coas artes de bou de vara ou bou de man poderán realizar as capturas con carácter xeral, para o ano 2011, desde o 3 de xaneiro ata o 31 de marzo, e desde o 2 de novembro ao 30 de decembro, e sempre de acordo co previsto no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, ou aquel que o substitúa ou modifique.

2. Para a extracción de moluscos bivalvos no período autorizado, axustaranse ao disposto no artigo 2º.2 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Artigo 10º.-Polbo (Octopus vulgaris).

O Plan de explotación para a xestión da pesqueira do polbo desenvolverase baixo as seguintes condicións:

1. Consideracións xerais.

a) O ámbito de aplicación deste plan será as augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e para as embarcacións con artes menores que teñan porto base nesta comunidade.

b) Poderase establecer un período de veda de dous meses no período comprendido entre abril e setembro. Para a súa determinación terase en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado.

c) O peso mínimo de captura será dun (1) quilogramo por peza.

d) Cotas máximas de captura. Os topes serán diarios. Os topes que se indican a seguir poderán ser modificados se a situación do recurso así o require e tras a consulta co sector implicado. Do mesmo xeito, poderán establecerse topes de captura accesoria de polbo noutras artes de pesca.

-Desde o 1 de maio ao 31 de outubro establécese en 30 quilos por embarcación, ao cal se engadirán 30 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo/día, ata un máximo de 210 quilogramos/día.

-No resto da campaña extractiva, o tope máximo de capturas establécese en 50 quilos por embarcación, ao cal se engadirán 50 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo/día, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

e) Poderanse aprobar mediante resolucións da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños plans zonais con duración anual, que permitan a explotación do recurso atendendo as características diferenciais de cada zona de pesca.

f) Na procura dunha mellora da xestión deste recurso, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños poderá adoptar medidas de xestión e de carácter experimental, de confomidade co establecido no Decreto 198/2004, do 29 de xullo, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, pola que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

2. Embarcacións con nasa de polbo.

a) Horario de traballo: o horario será diúrno. A actividade desenvolverase diariamente do seguinte xeito:

-Desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril e do 1 de novembro ao 31 de decembro de 2011: desde as 7.00 horas ás 17.00 horas. O descanso semanal desenvolverase desde as 17.00 horas do venres ata as 7.00 horas do luns.

-Do 1 de maio ao 31 de outubro de 2011: desde as 6.00 horas ás 16.00 horas. O descanso semanal desenvolverase desde as 16.00 horas do venres ata as 6.00 horas do luns.

b) Réxime de calado das nasas: a captura do polbo con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas no anexo I do Decreto 369/1994, do 2 de decembro, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, salvo no período comprendido entre o 1 de outubro e o 30 de abril, ambos inclusive, en que poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas no anexo V do Decreto 348/2002, do 13 de decembro, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro.

-De cabo Silleiro a cabo Corrubedo: por fóra das liñas que se sinalan no anexo I e en fondos superiores aos 15 metros, as nasas poderán permanecer no seu calado sin ser levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal. Por dentro das liñas do anexo I, as nasas deberán levantarse do seu calado e levarse a porto todos os días.

-No resto do litoral galego: as nasas poderán permanecer no seu calado sin ser levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

c) Balizamento: os extremos ou cabeceiras de cada unha das caceas que se manteñan caladas deberanse balizar e identificar axeitadamente indicando de forma clara e visible a matrícula e o folio da embarcación, así como o tipo de arte, neste caso coa letra «N».

Disposicións adicionais

Primeira.-Presentación da solicitude de plan para o ano 2012.

1. As solicitudes dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde. O modelo tamén estará a disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com. Presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano ou no de calquera dos seus departamentos territoriais e delegacións comarcais, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude virá acompañada do plan de explotación orixinal, catro copias, ficha resumo ademais dunha copia en soporte informático. No caso de que o plan se desenvolva no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas ou en espazos protexidos, declarados pola Consellería do Medio Rural, engadiran dúas copias máis para informe da Administración ambiental competente.

As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade. Se a solicitude é para un plan conxunto, deberá ser asinado por todos os representantes ou constar o acordo de delegación expresa de nomeamento do representante.

2. Os departamentos territoriais, como órganos responsables da tramitación da solicitude, comprobarán que reúnen todos os requisitos; en caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar o plan. Se así non o fixeren, considerarase que desistiron da súa petición. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro do Departamento Territorial da Consellería do Mar a que corresponda a tramitación, agás que no escrito de requirimento se sinale outra cousa. A documentación presentada nun rexistro distinto poderá ser inadmitida, a non ser que teña entrada naquel dentro do prazo inicial de dez (10) días conferido para a súa entrega.

3. Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas como mínimo dos aspectos sinalados no artigo 4º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro (anexo I do antedido decreto, DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994), que poderán ser inadmitidas e queda, neste caso, arquivado o expediente sen máis trámite.

Segunda.-As solicitudes a que se refiren os artigos 1º, 2º, 4º, 6º e 7º do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, axustaranse aos modelos que figuran nos anexos III, IV e V desta orde. Os modelos estarán á disposición nas páxinas web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com.

Terceira.-As resolucións de aperturas mensuais estarán condicionadas a que os recursos extraídos cumpran estritamente a normativa vixente en materia de seguranza alimentaria.

Cuarta.-Os rastros remolcados, definidos nos artigos do 120º ao 123º do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, ou aquel que o substitúa ou modifique, só poderán capturar un 10% de especies acompañantes sempre e cando estas especies non estean sometidas a un plan específico aprobado pola Consellería do Mar, cumpran cos tamaños mínimos e non estean en veda.

Quinta.-Segundo o disposto no artigo 2º.1 do 423/1993, do 17 de decembro, a extracción de marisco e a recolección de algas en augas da Comunidade Autónoma de Galicia só poderá ser exercida polas persoas e embarcacións que estean en posesión do preceptivo permiso de explotación, e non serán recoñecidas como válidas aquelas autorizacións emitidas polas propias entidades.

Sexta.-Con carácter xeral, autorízase a extracción de marisco nas vésperas de festivos durante todo o ano 2011, sempre e cando o estado dos recursos o permita.

Sétima.-Prohíbese durante todo o ano a extracción de mexillón silvestre en todo o litoral galego, agás resolución expresa da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

Oitava.-Segundo a Orde do 23 de abril de 1999, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional, modificada pola Orde do 13 de xuño de 2001, a aprobación dos plans con arte ou modalidade de mergullo implica a autorización para realizar o mergullo nas zonas e períodos de vixencia daqueles, segundo as resolucións de apertura que sexan ditadas pola xefatura territorial do departamento territorial, sen prexuízo da correspondente aprobación para efectos de seguranza, outorgada pola capitanía marítima correspondente, de acordo co establecido na Orde do 14 de outubro de 1997, do Ministerio de Fomento, que establece as normas de seguranza para o exercicio de actividades subacuáticas.

Novena.-As zonas declaradas como reservas mariñas de interese pesqueiro rexeranse polas normas de creación destas e aqueloutras que as desenvolvan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os plans de explotación presentados polas entidades que serviron de base para esta orde estarán dispoñibles nos servizos centrais, departamentos territoriais correspondentes da Consellería do Mar, así como na sede das entidades responsables destes. As condicións específicas de aprobación dos plans estarán dispoñibles nos anteditos lugares e ademais nos enderezos web: webpesca.xunta.es e pescadegalicia.com

Segunda.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para o desenvolvemento desta orde e que, co obxecto da mellora da xestión dos recursos e na procura dunha explotación sostible destes, adopte as medidas de xestión necesarias en función do estado dos recursos e dos informes emitidos polos técnicos.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2010.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar

ANEXO I

-Ría do Barqueiro: dentro da liña imaxinaria trazada entre punta Cova Baixa e punta do Santo.

-Ría de Viveiro: zona interna da liña imaxinaria trazada entre punta do Cabalo e punta Mogarón.

-San Cibrao: dentro da liña imaxinaria formada pola punta crebaondas do dique norte da Alúmina e a punta oeste do illote da Anxuela.

-Burela: dentro da liña imaxinaria trazada entre punta do cabo Burela e o faro Pedra Burela e do faro Pedra Burela á punta crebaondas do dique do porto de Burela e desde a punta crebaondas do dique do porto de Burela á punta Areoura.

-Nois: demora NE punta Nois a demora NE no extremo oeste da praia de Arealonga, en fondos inferiores a sete brazas.

-Foz: entre as demoras N e NE de Portovello en fondos inferiores a sete brazas.

-Gabito: demora N punta Promontorio a N illa Moledo, en fondos inferiores a sete brazas.

-Rinlo: demora N punta Corbeira/N punta Leixón, en fondos inferiores a sete brazas.

-Ribadeo: demora N punta Piñeira/N illote Corva en fondos inferiores a sete brazas.

-Enseada de Santa Marta ou de Cariño: a zona comprendida entre punta Espasante e punta do Castro.

-Cedeira: a zona comprendida entre punta Castrelo e punta de Sarridal.

Ver referencia pdf "25100D011P069.PDF"

Ver referencia pdf "25100D012P085.PDF"