DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2010, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se aproba o Plan experimental de nasas para a captura de polbo (Octopus vulgaris) nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores, xunto coas federacións provinciais de Lugo, A Coruña e Pontevedra, solicitan un plan experimental para a nasa do polbo, baseado na necesidade de adaptar as medidas de xestión da pesqueira do polbo á realidade das características estruturais da frota galega de artes menores que traballa con esta arte.

O Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, modificado polo Decreto 198/2004, do 29 de xullo, establece no seu artigo 3º que a consellería competente en materia de pesca poderá, con carácter experimental e temporal, aprobar plans de pesca co obxecto de estudar os efectos derivados da utilización de novas artes e aparellos, ou da modificación da regulación dos definidos no antedito regulamento, cara a unha mellor xestión dos recursos pesqueiros.

Estes plans experimentais teñen por finalidade acadar información científica para a mellor regulación das artes e aparellos, e con ese fin levarase un control por observadores científicos que emitirán, nun período de tres anos, un ditame razoado. Non obstante, de estimarse insuficientes as condicións acadadas neste período, poderán prorrogarse os plans dous anos máis (artigo 3º bis).

Finalizado o estudo realizado, se quedar acreditado que a nova regulación é máis favorable tanto para o benestar das comunidades pesqueiras como para a preservación do recurso, poderá incorporarse ao regulamento despois da súa modificación (artigo 3º bis).

A Orde do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2011, no seu artigo 10º, establece as medidas de xestión para a pesqueira do polbo. Así, neste mesmo artigo determínase que na procura dunha mellora da xestión deste recurso a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños poderá adoptar medidas de xestión e de carácter experimental, de confomidade co establecido no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, modificado polo Decreto 198/2004, do 29 de xullo.

O Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, no seu artigo 6º establece o seguinte: «Correspóndenlle á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños as competencias sobre ordenación pesqueira, tanto de carácter profesional como recreativa, ordenación do marisqueo e da acuicultura; establecemento das condicións para o exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura mariña; conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños vivos».

Así pois, tendo en conta os antecedentes e as consideracións legais resolvo,

Aprobar con carácter experimental o Plan de pesca para nasa de polbo da Comunidade Autónoma de Galicia, que deberá axustarse ás seguintes condicións:

1. Ámbito.

O ámbito de aplicación deste plan será as augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e para as embarcacións con artes menores que teñan porto base nesta comunidade.

2. Participantes.

Todas as embarcacións que conten coa nasa de polbo no seu permiso de explotación.

3. Vixencia.

A vixencia deste plan será desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2011.

4. Arte de pesca.

A arte que se utilice será a nasa de polbo coas características establecidas no artigo 70º do Decreto 348/2002, do 13 de decembro, que modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

5. Réxime de calamento das nasas.

A captura do polbo (Octopus vulgaris) con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas no anexo I do Decreto 369/1994, do 2 de decembro, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, salvo no período comprendido entre o 1 de outubro e o 30 de abril, ambos inclusive, no cal poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas no anexo V do Decreto 348/2002, do 13 de decembro, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro.

Porén, de cabo Silleiro a cabo Corrubedo, aquelas embarcacións que utilicen nasas pechadas para a captura de polbo (Octopus vulgaris) poderán faenar durante todo o ano por fóra das liñas de referencia sinaladas no anexo V do Decreto 348/2002, do 13 de decembro, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, sempre e cando se levanten do seu calamento e sexan levadas a porto todos os días.

No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto mesmo durante o período do descanso semanal.

Non obstante, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños poderá autorizar o mantemento das nasas caladas fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal cando as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior. Nestes casos, que deberán estar debidamente xustificados, requírese da comunicación previa do armador/a ou patrón/a da embarcación ao departamento territorial da Consellería do Mar indicando as causas de tal solicitude, número de pezas ou caceas, así como a situación destas expresadas en latitude e lonxitude ou, de non ser posible, indicará da maneira máis exacta a situación xeográfica da zona onde se atopen.

6. Número de nasas.

O número máximo de nasas vén determinado polo arqueo en TRB das embarcacións e polo número de tripulantes enrolados e a bordo nelas:

-Embarcacións menores de 2,50 TRB: 75 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante enrolado e a bordo ata un máximo de 175 nasas.

-Embarcacións de 2,50 a 5 TRB: 150 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante enrolado e a bordo ata un máximo de 300 nasas.

-Embarcacións maiores de 5 TRB: 250 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante enrolado e a bordo ata un máximo de 500 nasas.

Non obstante, o número máximo de nasas por embarcación estará adaptado ao número máximo posible que a embarcación poida transportar, respectándose en todo caso as normas de seguranza establecidas na normativa en vigor.

7. Horario autorizado.

O horario será diúrno e a actividade desenvolverase do seguinte xeito:

-Desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril e do 1 de novembro ao 31 de decembro de 2011: das 7.00 ás 17.00 horas. O descanso semanal desenvolverase das 17.00 horas do venres ata as 7.00 horas do luns.

-Do 1 de maio ao 31 de outubro de 2011: das 6.00 ás 16.00 horas. O descanso semanal desenvolverase das 16:00 horas do venres ata as 6.00 horas do luns.

8. Especies.

A especie obxecto da captura será o polbo e demais especies acompañantes, que terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos e non estar en veda.

9. Puntos de control.

O control poderá realizarse tanto nas zonas de pesca, portos, lonxas e centros de descargas como en centros de venda autorizados.

10. Puntos de venda e normas de comercialización.

Os puntos de venda serán as lonxas e os centros de venda autorizados e realizarase de acordo coa normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización de produtos mariños en fresco.

11. Control e seguimento da actividade pesqueira:

As embarcacións deberán rexistrar a actividade pesqueira no punto de adhesión ao plan de explotación: [«NASA POLBO(15C) PLAN NASA POLBO2011(C.A.GALICIA)»].

O persoal técnico designado pola Consellería do Mar poderá embarcar para a realización de mostraxes en calquera das embarcacións participantes; polo que as persoas armadoras deberán colaborar de tal xeito que se lle permita acadar os seus obxectivos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

12. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas na presente resolución será causa de infracción e da correspondente sanción, podendo levar implícita a exclusión da relación de embarcacións autorizadas, de conformidade co establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114º e 115º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2010.

Pablo R. Fernández Asensio

Director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños