DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.591

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2010, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se autoriza o Plan de Pesca de Anguía para as confrarías de pescadores das rías de Arousa, Ferrol e Vigo.

Feitos.

O 1 de outubro de 2010, unha vez cumpridos os requisitos fixados do Regulamento (CE) 1100/2007, foi aprobado por Decisión da Comisión Europea o Plan Nacional Español de Xestión da Anguía e os doce plans específicos de xestión da anguía, entre eles o de Galicia.

Fundamentos técnicos de dereito.

1. O Regulamento (CE) 1100/2007 do Consello, do 18 de setembro de 2007, polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación da anguía europea, establece no seu artigo 2º.4 a obrigatoriedade de establecer plans de xestión para a recuperación da especie, cuxo obxectivo será reducir a mortalidade antropoxénica a fin de permitir, cunha elevada probabilidade, a fuga ao mar de polo menos o 40% da biomasa de anguías europeas correspondente á mellor estimación do posible índice de fuga que se rexistraría no caso que ningunha influencia antropoxénica tiver incidido na poboación.

2. O artigo 2º.8 do Regulamento (CE) 1100/2007 establece que os plans de xestión da anguía poderán incluír -entre outras- determinadas medidas como: redución da actividade pesqueira comercial, restrición da pesca deportiva, medidas de repoboación, medidas ambientais, loita contra os depredadores, medidas relativas á acuicultura.

3. A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6º que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e á explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

Da discusión das medidas técnicas co sector, acórdase trasladar as recomendacións mediante un plan de xestión único para toda Galicia con medidas técnicas específicas para cada ría.

Polo exposto, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Autorizar a citada pesca baixo os seguintes termos e condicións :

Primeiro.-Participantes.

Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de nasa voitirón ou a de nasa para anguía.

Segundo.-Período.

O período autorizado será o seguinte:

-Ría de Arousa: desde o 1 de febreiro ata o 31 de outubro de 2011.

-Ría de Ferrol: desde o 3 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2011.

-Ría de Vigo: desde o 3 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2011.

Terceiro.-Horario.

A) Nasa para anguía: o uso de nasas para anguía será en horario exclusivamente diúrno.

B) Nasa voitirón: a utilización de nasas voitirón será tanto diúrna como nocturna. As nasas non se poderán calar nin poderán permanecer no mar as fins de semana a partir das 12.00 horas do sábado, e non se poderán calar novamente ata as 12.00 horas do luns seguinte.

Cuarto.-Arte.

As artes que se usarán serán:

I. A nasa para anguía, segundo as seguintes características técnicas.

1. A nasa para anguía ten forma cuase cilíndrica, con dúas aberturas nas caras opostas, unha de entrada en forma de funil e outra provista de tapadeira, que serve para retirar as capturas.

2. A lonxitude máxima será de 670 milímetros.

3. A altura ou diámetro máximo será de 350 milímetros.

II. A nasa voitirón, segundo as seguintes características técnicas.

A) A nasa voitirón consta dunha parte central rectangular de rede, chamada parada, ao extremo da cal e perpendicularmente a ela se sitúan tres funís concéntricos de rede que desembocan nunha última cámara onde quedan atrapados os peixes.

B) A lonxitude máxima será de 6 metros.

C) A altura ou diámetro máximo será:

1. Primeiro aro: alto 500 milímetros, ancho 700 milímetros.

2. Segundo aro: diámetro máximo 400 milímetros.

3. Terceiro aro: diámetro máximo 350 milímetros.

4. Cuarto aro: diámetro máximo 340 milímetros.

D) A dimensión de malla mínima será de 14 milímetros na parte dos funís e de 16 milímetros no da parada.

Quinto.-Número de nasas.

O número máximo tanto de nasas de anguía como voitirón será de 80 por embarcación, independentemente do tamaño desta.

Sexto.-Zonas de pesca.

As zonas autorizadas de traballo son:

-Ría de Arousa.

-Ría de Ferrol.

-Ría de Vigo.

Segundo as cartas mariñas que acompañan esta resolución como anexo A.

A zona de traballo autorizada debe adecuarse ás zonas de calado das nasas e terase en conta a influencia da marea, na procura de que en ningún momento as nasas queden en seco, para evitar a morte das capturas accidentais.

Séptimo.-Balizamento da arte.

As nasas deberán estar convenientemente balizadas segundo a normativa vixente, cunha boia nos extremos na cal irá pintado o folio e o nome do barco a que pertencen, así como o tipo de arte (neste caso coa letra «N»), de tal xeito que permita a súa identificación. As boias de cada embarcación serán todas da mesma cor e tamaño.

Oitavo.-Especies.

Anguía e acompañantes que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo. Evitarase a captura de anguías prateadas e todas as que se capturen deberán ser devoltas ao mar para asegurar a súa reprodución. Procurarase baleirar as nasas o máis axiña posible, para evitar a mortalidade das capturas accidentais, quedando prohibido ter máis dunha cacea sen baleirar na cuberta da embarcación.

Noveno.-Punto de control e venda.

Zonas de pesca, portos, centros de descarga, lonxas e centros de venda autorizados.

Décimo.-Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións no punto de adhesión a plan de explotación: «nasa anguía (30A); nasa voitirón (15F) Plan Anguía 2011 (rías de Arousa, Ferrol e Vigo)». Polo tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán pescar no mesmo día no ámbito do correspondente plan, e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira a embarcación pasaría á situación de «pendente de rexistro de actividade.

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo B se acompaña, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, vía correo electrónico ao enderezo servizopesca@xunta.es. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

Undécimo.-Extracción e comercialización.

Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

Duodécimo.-Sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114º e 115º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2010.

Pablo Ramón Fernández Asensio

Director xeral de Ordenación

e Xestión dos Recursos Mariños

Ver referencia pdf "25100D013P087.PDF"

Ver referencia pdf "25100D014P093.PDF"