DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2011 Páx. 2.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 4 de febreiro de 2011 pola que se modifica o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Con data do 14 de abril de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería do Medio Rural do 3 de abril de 2009, pola que se aprobou o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Esta orde serviu para adaptar o funcionamento deste organismo, que quedou constituído como corporación de dereito público, ás previsións da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e ás do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, que desenvolveu a citada lei. Coa aprobación desta orde tamén se produciu a adaptación do funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega) ao marco normativo europeo, constituído fundamentalmente polo Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o R (CEE) 2092/1991, e o Regulamento (CE) 889/2008 da Comisión, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, con respecto á produción ecolóxica, á súa

etiquetaxe e ao seu control.

Porén, con posterioridade á aprobación do seu regulamento de funcionamento, o Craega iniciou o proceso para acreditarse ante a Entidade Nacional de Acreditación (Enac) respecto da Norma Europea EN 45011 sobre os requisitos xerais para entidades que realizan a certificación de produtos. Tras a auditoría realizada por Enac, para acadar este obxectivo faise preciso a realización dalgunha modificación puntual no regulamento de funcionamento do Craega. Ademais, a experiencia da actividade do día a día do Craega desde a aprobación da orde de abril de 2009 aconsella facer algunha outra pequena modificación no seu regulamento de funcionamento.

Polo tanto, logo da proposta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do anexo da Orde do 3 de abril de 2009 pola que se aproba o regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

O regulamento de funcionamento do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, aprobado pola orde da Consellería do Medio Rural do 3 de abril de 2009, queda modificado de acordo co que se expresa a seguir:

Un.-O artigo 3º queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3º.-Funcións do Craega.

1. Son funcións do Craega as seguintes:

a) Aplicar o sistema de control ao que se refire o título V do R (CE) 834/2007, como organismo de control autorizado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Velar polo correcto uso dos termos protexidos a través do R (CE) 834/2007, do 28 de xuño, en colaboración cos servizos de control da calidade da consellería competente en materia de agricultura. Para o exercicio desta función, os inspectores habilitados do Craega, debidamente acreditados, terán a consideración de axentes da autoridade, de acordo co establecido no artigo 54º.1 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

c) Difundir á sociedade en xeral o coñecemento e a aplicación dos sistemas de produción ecolóxica e dos produtos ecolóxicos. Esta función desenvolverase tendo en conta as limitacións que establece a norma UNE EN 45011 no relativo ao asesoramento aos operadores en relación á solución de obstáculos para obter a certificación.

d) Propoñer á consellería competente en materia de agricultura actuacións en materia de produción agraria ecolóxica.

e) Propoñer á consellería competente en materia de agricultura as normas relativas ao funcionamento do Craega e a súa modificación.

f) Elaborar e elevar á consellería competente en materia de agricultura para a súa aprobación, o Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas do Craega, en diante Manual de calidade, documento no cal se recollerán as normas complementarias de aplicación, en particular as relativas á implementación do proceso de control e certificación.

g) Xestionar os rexistros de operadores aos que se refire o capítulo II deste regulamento.

h) Autorizar a utilización de sementes ou material de reprodución vexetativa que non se obtivese polo método de produción ecolóxica, de acordo co establecido na alínea 4 do artigo 45º do Regulamento (CE) 889/2008 da Comisión, do 5 de setembro de 2008, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, con respecto á produción ecolóxica, a súa etiquetaxe e o seu control.

i) As demais funcións que se recollen con carácter xeral para os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade no artigo 14º da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, na medida en que sexan compatibles coa natureza da produción ecolóxica.

2. O Craega poderá ofrecer aos operadores inscritos servizos de certificación de producións ecolóxicas de acordo con outras normas diferentes ás recollidas polo R (CE) 834/2007 e aplicables en países terceiros (normas JAS, NOP, BIO SUISSE e outras) para facilitar a súa exportación. Ademais tamén poderá ofertar outros servizos relacionados co seu ámbito de competencias tras o acordo do Pleno e a autorización da consellería competente en materia de agricultura.

3. O Craega poderá recomendar aos consumidores en xeral a utilización de produtos distintos dos definidos na alínea 2 do artigo 1º do R (CE) 834/2007 que interveñan na obtención destes, directa ou indirectamente. Tamén poderá recomendar aos usuarios en xeral servizos prestados por establecementos comerciais ou da hostalaría que destaquen pola súa vinculación e fomento da agricultura ecolóxica e dos produtos ecolóxicos.

Este apoio do Craega farase efectivo mediante a cesión do uso da indicación «produto/servizo/establecemento recomendado polo Craega», de acordo coas condicións que se establezan no Manual de calidade do Consello Regulador».

Dous.-O punto 2 do artigo 7º queda redactada do seguinte xeito:

«2. As inscricións nos rexistros renovaranse anualmente, conforme o establecido no Manual de calidade».

Tres.-Engádese un parágrafo final na alínea 1 do artigo 10º, co seguinte texto:

«Para beneficiarense dos dereitos a que se refiren as letras a) e b) anteriores, as persoas inscritas deben ter ademais en vigor o certificado de conformidade do Craega».

Catro.-Modifícanse as alíneas 2 e 3 do artigo 14º, que quedan redactadas do seguinte xeito:

«2. Só poderán facer uso da marca de certificación do Craega, é dicir, do seu aval de certificación, os produtos daqueles operadores que, estando inscritos no correspondente rexistro do Consello Regulador e sometidos ao seu sistema de control, teñan superado o período de conversión establecido polo Comité de Certificación de acordo co recollido no artigo 17º do R (CE) 834/2007, e polo tanto teñan o certificado de conformidade do Craega en vigor.

3. Os produtos ecolóxicos avalados polo Craega levarán na súa etiquetaxe, presentación e publicidade as indicacións que fagan referencia ao método de produción ecolóxica, de acordo coas normas recollidas no título IV do Regulamento R (CE) 834/2007, e irán acompañados da correspondente marca de certificación do Craega do seguinte xeito:

a) No caso de mercadorías a granel, mediante o acompañamento do correspondente volante de circulación do Craega ou documento que o substitúa de acordo co que se recolla no Manual de calidade.

b) No caso de produtos envasados, mediante o uso dunha contraetiqueta numerada controlada polo Craega, que incluirá o seu logotipo e código de identificación como organismo de control autorizado.

c) No caso de venda directa da produción propia do produtor ao consumidor final na súa explotación ou en mercados locais poderán substituírse os elementos de control indicados na letra a) por un sistema de identificación de acordo co que se regule no Manual de calidade».

Cinco.-O punto 2 do artigo 15º queda redactada do xeito seguinte:

«2. As non conformidades serán documentadas e avaliadas polo órgano de control. O Comité de Certificación revisará as ditas non conformidades e se fose preciso emitirá informe sobre a situación da certificación dos produtos e/ou medios de produción afectados. O dito informe pode determinar a supresión temporal e mesmo a retirada definitiva da certificación ao operador, o que suporía, tras o acordo do Pleno e a instrución do correspondente expediente, a baixa definitiva do rexistro. Tanto a suspensión como a baixa deberán ser comunicadas pola presidencia do Craega ao operador afectado. A dirección técnica poderá tomar a decisión de suspensión provisoria ata a toma de decisión definitiva polo Comité de Certificación».

Seis.-Modifícase a alínea 4 do artigo 17º, que queda redactada do seguinte xeito:

«4. A consellería competente en materia de agricultura designará dous delegados, un deles experto en materia de produción agraria ecolóxica e o outro en materia de transformación e comercialización alimentaria. Estas persoas asistirán ás sesións do Pleno con voz pero sen voto».

Sete.-O artigo 26º queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 26º.-Composición do Comité de Certificación.

O Comité de Certificación estará integrado polos seguintes membros:

a) A persoa que ocupe a dirección técnica.

b) Un funcionario experto en produción agraria, designado pola consellería competente en materia de agricultura.

c) Un funcionario experto en industrialización e comercialización alimentaria, designado pola consellería competente en materia de agricultura.

Por cada titular, haberá un suplente, que o substituirá nos casos nos que aquel non puidese asistir ás sesións do órgano.»

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural