DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2011 Páx. 2.367

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 14/2011, do 3 de febreiro, polo que se suprime, se crea e se modifica a denominación de centros universitarios na Universidade de Vigo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, establece o procedemento para a creación e o recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior non supón só a modificación das titulacións da anterior ordenación das ensinanzas universitarias senón tamén a dos centros en que estas se imparten, neste decreto, autorízase a Universidade de Vigo para a creación dun novo centro, por supresión de dous anteriores que se unifican no novo, e a modificación da denominación de tres centros para adaptalos á estrutura dos novos estudos de grao.

En aplicación do artigo 8º.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e do artigo 3º.3 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do Consello de Goberno da Universidade de Vigo, co informe previo favorable do seu consello social, logo do informe favorable do Consello Galego de Universidades en exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Supresión, creación e modificación da denominación de centros universitarios na Universidade de Vigo.

1. Acórdase a supresión da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e da Escola Universitaria de Enxeñaría Industrial, situadas no campus de Vigo, por creación da Escola de Enxeñaría Industrial, na cal se unifican as anteriores.

2. Acórdase a modificación da denominación da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, situada no campus de Pontevedra, pola de Escola de Enxeñaría Forestal, a modificación da denominación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, situada no campus de Vigo, pola de Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a modificación da denominación da Escola Universitaria de Fisioterapia, situada no campus de Pontevedra, pola de Facultade de Fisioterapia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, tres de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria