DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2011 Páx. 2.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

DECRETO 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Galicia é unha rexión en que a pesca, a acuicultura e o marisqueo adquiren unha grande importancia. A actividade profesional pesqueira en Galicia constitúe un sector estratéxico tanto polo seu peso económico, debido aos ingresos que lles proporciona ás comunidades costeiras, nas cales estas actividades constitúen o motor principal, e con frecuencia único, da súa economía, como pola súa dimensión social.

Os recursos pesqueiros e marisqueiros localizados nas augas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia son fundamentais para o desenvolvemento da industria pesqueira, tanto na súa vertente extractiva, transformadora e comercial, por ser a base dun conxunto de actividades indisociables que xeran unha actividade económica en si que precisa dun fomento e unha planificación adecuados, de acordo co disposto no artigo 30º.1.1 e 2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma, nos seus artigos 27º e 28º, a competencia exclusiva en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura, así como a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado no ámbito da ordenación do sector pesqueiro. En exercicio destas competencias ditouse a Lei 11/2008, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, que no seu artigo 6º establece que a política da Administración autonómica terá como obxectivos, en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros -entre outros-os do establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, á xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos.

A Consellería do Mar é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións, entre outras, en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

A regulamentación das artes de pesca é necesaria en si mesma como elemento indispensable na regulación das pesqueiras pola súa influencia directa no esforzo pesqueiro exercido sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros galegos. As súas dimensións, características e uso deberán estar perfectamente definidas co fin de garantir unha explotación racional e sustentable dos recursos mariños.

Actualmente a actividade pesqueira, as artes e os aparellos permisibles en Galicia están regulados polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, coas modificacións realizadas polo Decreto 369/1994 do 2 de decembro, o Decreto 294/1998 do 8 de outubro, o Decreto 339/1999, do 16 de decembro, o Decreto 348/2002, do 13 de decembro e o Decreto 198/2004, do 29 de xullo.

Por medio destas modificacións, pretendeuse adaptar a normativa ás novas disposicións comunitarias e estatais, co fin de homoxeneizar as condicións da actividade pesqueira. Así como, ante a evidencia da necesidade de axustar aspectos concretos da regulamentación cara a consecución dunha mellor preservación do recurso, e o máximo benestar social dos colectivos implicados nesa actividade, modificouse o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, para que se puidese estudar o alcance de concretas modificacións da regulamentación básica dunha determinada arte ou aparello de pesca, vía autorización da consellaría competente, así como a regulación de novas artes ou aparellos de pesca, para constatar cientificamente que a nova regulación permitirá alcanzar os obxectivos propios e legalmente definidos dunha adecuada explotación dos recursos mariños, para poder ser incorporados á regulación xeral do Regulamento de artes e aparellos de pesca.

Certos plans de explotacións experimentais, introducidos por medio do Decreto 198/2004, do 29 de xullo, de modificación do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, demostraron o bo funcionamento dalgunhas artes e aparellos en determinados bancos marisqueiros, así como o seu respecto co medio e o recurso, polo que resultan viables e se demostra a conveniencia da súa incorporación á normativa que regula esta materia, artes e aparellos como son: a nasa para centola, as volantillas, os volantíns, a raeira, a rañica ou gancha a pé, incorpórase de novo a forquita, que estivo prohibida durante algún tempo.

Co obxecto de establecer unha uniformidade en canto ao número de artes por embarcación, o proxecto establece unha clasificación das embarcacións en sete tipos distintos segundo o seu arqueo.

Outra das novidades que se incorporan ao proxecto consiste na posibilidade de pescar no período ordinario de descanso con ocasións de acontecementos sinalados, este período será compensado, en todo caso, con outro período de descanso.

Incorpórase a posibilidade de autorizar o mantemento das artes caladas fóra dos períodos autorizados naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables establecendo o proxecto o procedemento de comunicación de tal circunstancia.

A situación de determinadas especies, coma o polbo, que necesitaron plans de xestión debido ao descenso das capturas nos últimos anos, fixo que se incorporase ao proxecto a posibilidade de establecemento de cotas máximas de captura e a regulación das capturas incidentais, co obxecto de permitir unha mellor xestión cando un recurso o necesite.

Coa finalidade dun mellor control da actividade profesional pesqueira, e marisqueira, incorpóranse, ademais, normas para o balizamento das artes, formas de medir os aparellos e sistemas de calado destes.

Unifícanse as nasas de nécora e camarón, ao ter as mesmas características e empregarse habitualmente para a captura indistinta das dúas especies, e elimínase a nasa portuguesa por entrar en desuso.

A pesca e o marisqueo, como actividades profesionais que son, teñen unha importante vertente social, constitúen unha fonte vital de alimentos, emprego, esparexemento, comercio e benestar económico para as poboacións, tanto para as xeracións de hoxe como para as futuras polo que, na súa regulación, se deben adoptar medidas que garantan o benestar das comunidades pesqueiras.

A contribución efectiva da pesca en pequena escala aos medios de vida e ás comunidades pesqueiras produce beneficios considerables, pode resultar resistente ás crises e contribuír notablemente á seguridade alimentaria, en particular, no que respecta aos que interveñen directamente na actividade pesqueira como pescadores/as -artesanais ou non-en actividades previas e posteriores á recolección e aos que dependen de quen participa directamente na pesca, fogares, comunidades relacionadas coa pesca, consumidores/as. Hoxe é recoñecida a importancia da eficiencia económica, a capacidade para intercambiar dunha forma máis ampla beneficios sociais e económicos ao ser descentralizados e estendelos desde o punto de vista xeográfico, e a súa contribución á herdanza cultural, como o coñecemento ambiental.

O novo panorama normativo da pesca galega, xunto coa política común pesqueira, e tendo en conta toda a experiencia acumulada e transmitida, tanto polos propios profesionais do sector como pola comunidade científica, así como polos resultados obtidos nos plans de explotacións experimentais levados a cabo, e polos cambios derivados da propia evolución do sector pesqueiro e marisqueiro, implican a necesidade de desenvolver os aspectos previstos na nova lei de pesca adaptándose, na medida do posible, ás necesidades do sector no que se refire ás condicións en que se desenvolverá a actividade pesqueira neste novo escenario, e evidencia a necesaria reforma da normativa que desenvolve a actividade pesqueira, as artes e aparellos de pesca en Galicia.

A Lei 11/2008, do 11 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, a través do seu artigo 7º, relativo ás medidas de conservación e xestión, determina que «(...) a Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente na materia e logo de audiencia do sector afectado, poderá adoptar, entre outras, medidas de conservación e xestión da pesca e do marisqueo», como «a regulación das artes, aparellos e útiles permitidos, así como as súas características técnicas, e mais do seu modo de emprego para o exercicio da pesca e do marisqueo».

Por todo o exposto, e por proposta da conselleira do Mar, logo da audiencia ao sector, tendo en consideración o informe do Consello Galego de Pesca, conforme co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xaneiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer a normativa que regule a utilización e características técnicas das artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito.

Conforme ao artigo 3º da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, as disposicións contidas neste decreto relativas á pesca marítima profesional aplicaranse en augas marítimas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e as disposicións relativas ao marisqueo aplicaranse na zona marítimo-terrestre, nas augas marítimas interiores, no mar territorial e na zona económica exclusiva correspondente ao litoral de Galicia.

Capítulo II

Normas comúns para o exercicio da actividade profesional pesqueira e marisqueira e de extracción de calquera recurso mariño vivo

Artigo 3º.-Artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas autorizados.

1. As artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia na actividade profesional serán os que se definen e establecen neste decreto.

2. Para a utilización das artes, aparellos, útiles ou equipamentos e técnicas autorizados deberán terse en conta as vedas das especies, sobre as que se dirixen as súas capturas, xa sexan parciais ou xerais, ou das vedas nas zonas que transitoriamente poidan establecerse por razóns biolóxicas ou doutro tipo.

3. Autorizarase o uso de artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas diferentes aos regulados neste decreto mediante plans experimentais.

Artigo 4º.-Rexistros.

1. As embarcacións que se dediquen á actividade profesional pesqueira e marisqueira estarán obrigatoriamente inscritas na 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques Pesqueiros.

2. Nas actividades profesionais de pesca marítima e marisqueo, en augas do ámbito territorial de aplicación deste decreto, só poderán empregarse embarcacións incluídas no censo da frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

3. Non obstante, a consellería competente en materia de pesca marítima e marisqueo poderalles conceder permisos de pesca especiais a buques doutras comunidades autónomas que os habiliten para o exercicio da pesca en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en función do estado dos recursos e dos acordos de reciprocidade que con este motivo se establezan.

Artigo 5º.-Limitación do esforzo pesqueiro.

1. Desde o momento da entrada en vigor deste decreto, non se poderá aumentar o arqueo do conxunto de embarcacións que pesquen en augas interiores de Galicia.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a consellaría competente en materia de pesca marítima e marisqueo, á vista da evolución da frota e dos recursos mariños vivos, poderá permitir o seu aumento, dentro dos parámetros establecidos na normativa comunitaria.

3. Permitiranse as obras de modernización que impliquen cambios de motor, sempre e cando se cumpran os requisitos que estableza a normativa comunitaria en vigor.

Artigo 6º.-Tamaño das embarcacións e potencia dos motores.

1. Para exercer a actividade pesqueira profesional as embarcacións de nova construción deberán ter un arqueo mínimo de 1,5 arqueo bruto (GT) e a eslora total mínima será de 5 metros.

2. O arqueo máximo permitido para dedicarse ao exercicio da pesca ou marisqueo nas augas interiores de Galicia será de 50 tonelaxe de rexistro bruto (TRB) ou 52 GT.

3. A eslora máxima das embarcacións dedicadas ao exercicio da pesca con artes menores non poderá superar os 15 metros de eslora entre perpendiculares ou os 18 metros de eslora total.

4. A potencia máxima dos motores das embarcacións para exercer a pesca con artes menores será de 270 cabalos de vapor (CV) e terán as limitacións que se indican no Real decreto 1549/2009, do 9 de outubro, sobre ordenación do sector pesqueiro e adaptación ao Fondo Europeo da Pesca, ou aquel que o substitúa ou modifique.

5. A potencia máxima das embarcacións auxiliares de acuicultura incluídas na lista 4ª do Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia que dispoñan de motor foraborda será de 50 CV.

6. En ningún caso, poderán exercer actividades de pesca as embarcacións que non dispoñan de medios mecánicos de propulsión.

7. Quedan exceptuadas das limitacións anteriores as embarcacións da arte de cerco, incluídas no censo oficial do Caladoiro Cantábrico-Noroeste e teñan permiso de explotación para esa actividade.

Artigo 7º.-Clasificación das embarcacións segundo o tamaño.

1. O número máximo de artes e aparellos permitidos en cada embarcación estará relacionado co tamaño ou porte destas. Clasifícanse en 7 categorías:

a) Tipo I: embarcacións menores de 1,50 TRB ou 1,00 GT.

b) Tipo II: embarcacións entre 1,50 TRB ou 1,00 GT e 2,49 TRB ou 1,74 GT.

c) Tipo III: embarcacións abranguidas entre 2,50 TRB ou 1,75 GT e 4,99 TRB ou 4,24 GT.

d) Tipo IV: embarcacións abranguidas entre 5,00 TRB ou 4,25 GT e 7,49 TRB ou 7,49 GT.

e) Tipo V: embarcacións abranguidas entre 7,50 TRB ou 7,50 GT e 9,99 TRB ou 9,99 GT.

f) Tipo VI: embarcacións abranguidas entre 10,00 TRB ou 10,00 GT e 19,99 TRB ou 19,99 GT.

g) Tipo VII: embarcacións de 20,00 TRB ou 20,00 GT, ou maiores.

2. As embarcacións deberán respectar en todo momento o establecido nas normas de seguranza vixentes.

Artigo 8º.-Período de actividade.

1. Na actividade profesional pesqueira:

a) Só poderá exercerse durante cinco días á semana, sendo obrigatorio un descanso semanal mínimo de 48 horas continuadas. No descanso obrigatorio estará sempre incluído total ou parcialmente a xornada do domingo.

b) As embarcacións deberán cesar na súa actividade e permanecer no porto desde as 24.00 horas do venres ata as 24.00 horas do domingo, debendo levantar as artes do seu calado, tanto en augas interiores como exteriores, e levalas ao porto.

c) Exceptúase o disposto no punto anterior para a frota dedicada á pesca de peixe espada, marraxo, castañeta e túnidos, ou calquera outra, con mareas habituais superiores aos 10 días e aquelas frotas que empreguen artes e aparellos sobre os que se establezan horarios concretos na súa regulación neste decreto.

2. Na actividade profesional marisqueira:

a) Só poderá exercerse de luns a venres en días laborais, salvo autorización específica logo de petición do sector, recollida nos plans de xestión.

b) O traslado de semente, a limpeza de bancos marisqueiros, así como as actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción, poderanse levar a cabo durante todos os días do ano, incluídos os sábados, logo de comunicación por parte das entidades á consellería competente en materia de pesca marítima.

c) Os traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros, poderanse realizar todos os días do ano.

d) Os días dedicados ás actividades recollidas nas letras b) e c) terán a consideración, para todos os efectos, de días de actividade extractiva, polo que computarán para a renovación do permiso de explotación.

3. Tanto na actividade profesional pesqueira como marisqueira deberá terse en conta que:

a) O orto (saída do sol) e mais o ocaso (posta do sol) determinarán os límites entre os horarios diúrnos e nocturnos.

b) A consellería competente en materia de pesca marítima e marisqueo poderá autorizar pescar en período ordinario de descanso, con ocasión de acontecementos sinalados, logo de petición do sector. Este período deberá ser sempre compensado por outro período de descanso.

Artigo 9º.-Limitacións do uso das artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas autorizados.

1. Para as artes menores, o cómputo total do número máximo de aparellos ou pezas, e das lonxitudes máximas totais dos aparellos ou pezas calados, tanto pescando en augas interiores como no caso de pescar o mesmo tempo en augas interiores e exteriores, non superará o número máximo establecido.

2. Os aparellos de anzol e as artes de enmalle deberán ser levantadas do seu calamento, polo menos cada 48 horas, para recoller as capturas e evitar a súa deterioración.

3. A consellería competente na materia poderá autorizar o mantemento das artes ou aparellos calados fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal, naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior debidamente xustificada, tras a comunicación por parte do armador/a ou patrón/a. Este explicará os motivos e indicará o número de pezas ou caceas, así como a situación destas, expresadas en latitude e lonxitude ou, de ser o caso, indicará da maneira máis exacta posible a situación xeográfica da zona onde se atopen.

Artigo 10º.-Prohibicións do uso das artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas autorizados.

1. Prohíbese o calamento de calquera tipo de arte ou aparello de pesca nas canles de navegación, enfilacións, accesos aos portos, no interior destes e en zonas habituais de fondeamento, establecidas nas cartas náuticas.

2. Prohíbese o calamento de calquera tipo de arte ou aparello de pesca, desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, ambos os dous incluídos, por dentro dos 250 metros, da beiramar das praias debidamente balizadas.

3. Prohíbese a utilización de equipamentos subacuáticos autónomos para as actividades da pesca e do marisqueo.

Artigo 11º.-Balizamento das artes, aparellos, útiles ou equipamentos autorizados.

1. O balizamento das artes ou aparellos fixos levarase a cabo, como mínimo, mediante boias de cor vermella, laranxa ou amarela, colocadas nos seus extremos, e provistas de reflector radar ou de calquera elemento reflectante. A arte ou aparello deberá ter unha sinalización intermedia, cunha boia das mesmas características, en intervalos máximos dunhda milla a partir de calquera dos seus cabeceiros. O diámetro da boia será igual ou superior a 350 milímetros.

2. As boias, tanto dos cabeceiros como as intermedias, indicarán de forma clara e visible o nome, a matrícula e o folio da embarcación, así como o tipo de arte ou aparello, que se fará constar mediante iniciais de acordo coas seguintes abreviaturas:

a) (V): volanta.

b) (R): rasco.

c) (A): aparellos de anzol: palangrillo.

d) (PF): palangre de fondo.

e) (PS): palangre de superficie.

f) (V): vetas.

g) (M): miños.

h) (T): trasmallos.

i) (N): nasas.

j) (VA): volantillas.

k) (VN): volantíns.

l) (RR): raeiras.

m) (X): xeito.

3. A embarcación que utilice artes de deriva deberá permanecer unida a un dos extremos do aparello, os cales deberán estar balizados da forma indicada no artigo anterior. En faena nocturna, unicamente se dotará da correspondente luz o extremo oposto ao da embarcación.

Artigo 12º.-Distancia entre artes e aparellos.

Cando se larguen as artes e aparellos nas proximidades doutros que estean calados, gardarase a oportuna distancia, co fin de non entorpecer a actividade profesional pesqueira e marisqueira.

Artigo 13º.-Medición das artes e aparellos.

1. Nas artes de rede pasivas, entendendo por estas aquelas artes en que para que o animal sexa atrapado debe nadar ata a rede ou entrar na trampa:

a) A dimensión de malla será a distancia interior en liña recta entre dous nós opostos da mesma malla, medida en diagonal, estando completamente estendida a rede. Nas redes sen nós a distancia interior en liña recta, entre dúas conexións opostas da mesma malla, medida en diagonal, cando estea completamente estendida.

b) Cando sexa a medición dun material ríxido, distinto a unha rede, a medición será a distancia interior en liña recta entre dúas conexións da mesma liña, é dicir, o lado do cadrado do oco.

2. Deberanse medir as artes ou aparellos despois de mollados e usados, facendo vinte medicións de distintas partes, sendo a media destas medidas a que determinará a dimensión definitiva das mallas e aplicando, en todo momento, o Regulamento (CE) 517/2008 da Comisión, do 10 de xuño de 2008, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 850/1998 do Consello, no que atinxe á determinación do tamaño da malla e a medición do grosor do torzal das redes de pesca, ou no que, se é o caso, o substitúa.

Capítulo III

Artes, aparellos, utiles ou equipamentos utilizados na pesca profesional marítima

Sección primeira

Aparellos de anzol

Artigo 14º.-Definición.

Enténdense por aparellos de anzol aqueles útiles de pesca compostos basicamente por cabos de fibra e anzois.

Artigo 15º.-Clasificación.

Os aparellos de anzol que se regulan son:

a) A liña ou cordel.

b) O palangre.

c) O palangrillo.

Artigo 16º.-Tamaño.

1. O longo do anzol será a medida abranguida entre o extremo superior da patilla e a tanxente horizontal á base do anzol. A abertura do anzol será a medida abranguida entre o extremo superior do arpón e a cana do anzol.

2. O tamaño dos anzois que se empreguen non poderá, en ningún caso, ser inferior aos que a continuación se sinalan, segundo as especies pesqueiras e medidos segundo se recolle no punto anterior:

Ver referencia pdf "03100D002P006.PDF"

Subsección primeira

Liña ou cordel

Artigo 17º.-Descrición.

A liña ou cordel está constituída por un ou varios anzois, que actúan ligados á man do pescador, ou por medio de carretes ou viradores de pesca de tracción eléctrica, hidráulica ou mecánica, e da cal existen entre outras variantes: as rañeiras, as poteiras, os curricáns e o chibo.

Artigo 18º.-Réxime de calamento.

A pesca con liña ou cordel poderá ser exercida durante todo o ano e sen limitación de zonas, salvo nos períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Subsección segunda

Palangre

Artigo 19º.-Descrición.

O palangre está constituído por unha tralla denominada madre, de lonxitude variable, da que parten outros cabos máis finos denominados brazoladas aos cales se empatan os anzois. Poden ser de fondo ou de superficie, segundo estea a tralla en contacto ou non co leito mariño.

Artigo 20º.-Características técnicas.

1. A lonxitude máxima dos palangres de fondo será de 7.000 metros e o número máximo de anzois que se empregará será de 2.800; deberase respectar unha distancia mínima entre as brazoladas de 2,50 metros.

2. A lonxitude máxima dos palangres de superficie será de 12.000 metros cun máximo de 6.000 anzois para castañeta, e de 20.000 metros cun máximo de 1.000 anzois para o peixe espada e o marraxo.

Artigo 21º.-Réxime de calamento e especies permitidas.

1. A pesca con palangre en calquera das dúas modalidades poderá ser exercida durante todo o ano fóra das rías, segundo o anexo I, salvo nos períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

2. As embarcacións despachadas para palangre de fondo poderán levar a bordo exclusivamente aparellos de palangre de fondo, podendo conservar a bordo unicamente especies de fondo ou demersais.

3. As embarcacións despachadas para palangre de superficie poderán levar a bordo exclusivamente aparellos de palangre de superficie, podendo conservar a bordo unicamente especies de superficie e peláxicas e queda expresamente prohibida a captura e retención a bordo de especies de fondo ou demersais.

Subsección terceira

Palangrillo

Artigo 22º.-Descrición.

O palangrillo é un aparello de anzol similar ao palangre e do que se diferencia polo seu menor tamaño.

Artigo 23º.-Características técnicas.

1. A lonxitude máxima total do palangrillo será de 4.000 metros.

2. O número máximo de anzois dependerá do tamaño ou porte da embarcación, atendendo á seguinte distribución:

a) Embarcación tipo I.-máximo 1.000 anzois.

b) Embarcación tipo II.-máximo 1.300 anzois.

c) Embarcación tipo III, IV, V, VI e VII.-máximo 1.700 anzois.

Artigo 24º.-Horario.

1. O descanso semanal para o uso do palangrillo estará comprendido entre as 16.00 horas do venres e ás 16.00 horas do domingo.

2. Non obstante, as embarcacións que teñan a pescada como especie obxectivo deberán facer o descanso semanal xeral, establecido entre as 24.00 horas do venres ata as 24.00 horas do domingo.

Artigo 25º.-Réxime de calamento.

1. A partir das 16.00 horas do domingo os palangrillos poderán ser calados, aínda que non poderán ser levantados antes das 00.00 horas do luns, durante ese período, os buques deben regresar ao porto e permanecer nel.

2. A pesca con palangrillo poderase utilizar durante todo o ano e en todas as zonas, salvo nos períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Sección segunda

Artes de enmalle

Artigo 26º.-Definición.

Son artes de enmalle aquelas que utilizan panos de rede e están armadas de tal xeito que capturan as especies mariñas ao quedaren estas embolsadas ou atrapadas nas mallas das redes rectangulares que as constitúen. Poden estar formadas por un ou tres panos de rede e, segundo as especies ás que vaia dirixida, calarse no fondo ou quedar á deriva. As redes cálanse en posición vertical, dispoñendo a tralla superior de flotadores e estando a inferior convenientemente lastrada, e poderán estar ou non apoiadas no fondo.

Artigo 27º.-Clasificación.

1. Poden utilizarse como artes de enmalle fixas, cando ambos os extremos quedan fixos ao fondo, ou artes de enmalle de deriva, cando, polo menos, un deles queda libre.

2. Regúlanse as seguintes:

a) O rasco.

b) A volanta.

c) Artes menores fixas: as vetas, as volantillas, os volantíns, os trasmallos, os miños e as raeiras.

d) Artes menores de deriva: o xeito.

Subsección primeira

Rascos

Artigo 28º.-Descrición.

O rasco é unha arte de enmalle fixo ao fondo, de forma rectangular, constituído por varios panos de rede dun só pano, unidos entre si. Esta arte vai armada entre unha relinga de flotadores e outra de chumbos, de modo que o balance entre eles lle fai adoptar unha posición case tendida no fondo.

Artigo 29º.-Características técnicas.

O rasco deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla será igual ou superior a 280 milímetros.

2. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o rasco terá unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima logo de armada, entre trallas ou relingas, de 3,5 metros.

3. A lonxitude máxima total do rasco que se calará por embarcación e día será:

a) Embarcacións tipo IV e V: 3.000 metros, equivalentes a 60 pezas.

b) Embarcacións tipo VI: 4.000 metros, equivalentes a 80 pezas.

c) Embarcacións tipo VII: 6.000 metros, equivalentes a 120 pezas.

Artigo 30º.-Horario.

O descanso semanal do uso do rasco estará comprendido entre as 18.00 horas do venres ata as 10.00 horas do domingo.

Artigo 31º.-Réxime de calamento.

O rasco deberá cumprir o seguinte réxime de calamento:

1. A partir das 12.00 horas do domingo as artes poderán ser caladas, aínda que non poderán ser levantadas antes das 00.00 horas do luns, durante ese período os buques deben regresar a porto e permanecer nel.

2. O rasco, na súa totalidade, deberá estar a bordo ás 12.00 horas do venres.

3. A pesca con rascos poderá exercerse durante todo o ano e non poderán utilizarse dentro das liñas de referencia sinaladas no anexo I, salvo os períodos en que puidese decretarse a veda temporal dalgunha especie ou zona.

4. En ningún caso se poderá utilizar o rasco en fondos inferiores de 50 metros.

Subsección segunda

Volantas

Artigo 32º.-Descrición.

A volanta é unha arte de pesca de enmalle fixo ao fondo de forma rectangular, constituído por varias pezas de rede dun só pano, unidos entre si, que se cala mediante un sistema de fondeamento, provisto de lastres ou chumbos na relinga inferior e flotadores na tralla superior para mantelo en sentido vertical sobre o fondo.

Artigo 33º.-Características técnicas.

A volanta deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla da volanta será igual ou superior a 90 milímetros.

2. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen a volanta terá unha lonxitude máxima de 50 metros e a altura máxima da arte, logo de armada, entre trallas ou relingas será de 10 metros.

3. A lonxitude máxima total da volanta que se calará por embarcación e día será:

a) Embarcación tipo IV e V: 3.000 metros, equivalentes a 60 pezas.

b) Embarcación tipo VI: 4.000 metros, equivalentes a 80 pezas.

c) Embarcación tipo VII: 5.000 metros, equivalentes a 100 pezas.

Artigo 34º.-Réxime de calamento.

A pesca con volanta poderá ser exercida durante todo ano e non poderá utilizarse en ningún caso por dentro das liñas de referencia sinaladas no anexo I, salvo durante o período de veda temporal dalgunha especie ou zona.

Subsección terceira

Vetas

Artigo 35º.-Descrición.

A veta é unha arte de enmalle fixo ao fondo, formado por un só pano de rede de forma rectangular, construído por unha ou varias pezas, unidas entre si e calado verticalmente, por efecto do seu armamento entre dúas trallas, a superior cun sistema de flotación e a inferior lastrada.

Artigo 36º.-Características técnicas.

A veta deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión de malla da veta autorizada será igual ou superior a 60 milímetros. Para a captura de linguado (Solea spp.) e pescada (Merlucius merlucius) en porcentaxe superior ao permitido (30% da captura total) segundo o Regulamento (CE) 850/1998 do Consello, do 30 de marzo de 1998, para a conservación dos recursos pesqueiros a través de medidas técnicas de protección dos xuvenís de organismos mariños, a dimensión mínima de malla non será inferior a 80 milímetros.

2. Cada unha das pezas que compoñen a veta terá unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima logo de armada, entre trallas, de 3 metros.

3. A lonxitude máxima total da veta que se calará por embarcación en día será:

a) Embarcación tipo I e II: 2.000 metros, equivalentes a 40 pezas.

b) Embarcación tipo III: 4.000 metros, equivalentes a 80 pezas.

c) Embarcación tipo IV y V: 5.500 metros, equivalentes a 110 pezas.

d) Embarcación tipo VI e VII: 7.000 metros, equivalentes a 140 pezas.

Artigo 37º.-Horario.

A utilización da veta será diúrna, o horario de traballo ou calamento poderá realizarse dúas horas antes do orto e levantarse ata dúas horas despois do ocaso e deberá transportarse ao porto coa embarcación.

Artigo 38º.-Réxime de calamento.

Poderase pescar con vetas durante todo o ano, e a área de calamento será por fóra das liñas de referencia que sinalan o anexo III, salvo durante o período de veda temporal dalgunha especie ou zona.

Subsección cuarta

Volantillas

Artigo 39º.-Descrición.

A volantilla é unha arte de enmalle fixo ao fondo, formado por un só pano de rede de forma rectangular, construído por unha ou varias pezas, unidas entre si e calamento verticalmente, por efecto do seu armamento entre dúas trallas, a superior cun sistema de flotación e a inferior lastrada.

Artigo 40º.-Características técnicas.

A volantilla deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla autorizada para a volantilla será de 60 milímetros e a dimensión máxima de malla será de 90 milímetros. Para a captura de linguado (Solea spp.) e pescada (Merlucius merlucius) en porcentaxe superior á permitida (30% da captura total) segundo o Regulamento (CE) 850/1998 do Consello, do 30 de marzo de 1998, para a conservación dos recursos pesqueiros a través de medidas técnicas de protección dos xuvenís de organismos mariños, a dimensión mínima de malla non será inferior a 80 milímetros.

2. Cada unha das pezas que compoñen a volantilla terá unha lonxitude máxima de 50 metros e o número máximo de mallas en sentido vertical será de 70, independentemente do tamaño da malla.

3. A lonxitude máxima total da volantilla será a mesma que a establecida para as vetas no artigo 36º.3.

Artigo 41º.-Horario.

O horario para o uso da volantilla é o mesmo que o establecido para as vetas no artigo 37º.

Artigo 42º.-Réxime de calamento.

O réxime de calamento para a volantilla é igual que o establecido para as vetas no artigo 38º, diferenciándose deste unicamente, na profundidade de calamento, que nesta arte será igual ou superior a 10 metros.

Subsección quinta

Volantíns

Artigo 43º.-Descrición.

O volantín é unha arte de pesca de enmalle fixo ao fondo, formado por un só pano de rede rectangular, composto por varias pezas unidas entre si, dotadas dunha relinga inferior de chumbos e unha superior de flotadores que o manteñen vertical sobre o fondo.

Artigo 44º.-Características técnicas.

O volantín deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla para o volantín será igual ou superior a 110 milímetros.

2. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o volantín terá unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima, logo de armada, entre trallas ou relingas, de 5 metros.

3. A lonxitude máxima total do volantín que se calará por buque e día será o establecido para as vetas no artigo 36º.3.

Artigo 45º.-Horario.

O horario de actividade para o uso do volantín será nocturno, poderase largar dúas horas antes do ocaso e deben ser retiradas do seu calamento catro horas despois do orto.

Artigo 46º.-Réxime de calamento.

As embarcacións que pesquen con volantín deberán aterse a:

1. Non se poderá pesquen con esta arte, en ningún caso, por dentro das liñas de referencia sinaladas no anexo I. Poderase empregar durante todo o ano, salvo durante o período de veda temporal dalgunha especie ou zona.

2. Non se poderá pesquen empregando o volantín en fondos inferiores a 10 metros.

Subsección sexta

Trasmallos

Artigo 47º.-Descrición.

O trasmallo é unha arte de enmalle fixo ao fondo de forma rectangular, constituído por unha ou varias pezas unidas entre si. Cada peza está formada por tres panos de rede superpostos que se arman conxuntamente entre dúas trallas, cos sistemas axeitados para permanecer calado verticalmente. Os dous panos exteriores son de igual dimensión e do mesmo tamaño de malla e diámetro do fío. O pano interior, de malla de tamaño inferior, poderá ser de maior extensión.

Artigo 48º.-Características técnicas.

O trasmallo deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión de mallas autorizada dos panos exteriores do trasmallo estará comprendida entre 400 e 500 milímetros, e a do pano central entre 70 e 90 milímetros. Estas dimensións máximas de malla poderán superarse sempre que a altura da arte non supere o establecido no punto 2 deste artigo.

2. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o trasmallo terá unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima, logo de armada, entre trallas ou relingas de 2,5 metros.

3. A lonxitude máxima total do trasmallo que se calará por embarcación e día será a mesma que a sinalada para as vetas no artigo 36º.3, salvo para as embarcacións de tipos I e II que traballen por dentro do anexo III, nas cales a lonxitude máxima total da arte ou artes será de 10 pezas por embarcación, máis 10 pezas por tripulante enrolado e a bordo, cun máximo por embarcación de 30 pezas.

Artigo 49º.-Horario.

1. A utilización do trasmallo será diúrna ou nocturna, excluíntes entre si.

2. O descanso semanal será obrigatorio desde as 12.00 do venres ata as 12.00 do domingo.

Artigo 50º.-Réxime de calamento.

O uso do trasmallo deberá aterse a:

1. No horario de traballo diúrno, o calamento do trasmallo poderá realizarse dúas horas antes do orto e levantarase como máximo dúas horas despois do ocaso, no horario nocturno, o calamento poderá realizarse dúas horas antes do ocaso e levantarase como máximo dúas horas despois do orto, debendo, en ambos os dous casos, transportarse ao porto coa embarcación.

2. As embarcacións maiores ou iguais a 2,5 TRB ou 1,75 GT non poderán pescar con trasmallo por dentro das liñas de referencia sinaladas no anexo III. Esta arte poderase empregar durante todo o ano, salvo durante o período de veda temporal dalgunha especie ou zona.

3. As embarcacións menores de 2,5 TRB ou 1,75 GT poderán utilizar trasmallos por dentro do anexo III a unha distancia mínima de 100 metros da costa ou a unha profundidade mínima de 5 metros, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril, salvo o período en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Subsección sétima

Miños

Artigo 51º.-Descrición.

O miño é unha arte de enmalle fixa ao fondo, formada por tres panos de rede superpostos, similar ao trasmallo, do que se diferencia polo seu maior tamaño e a amplitude das súas mallas.

Artigo 52º.-Características técnicas.

O miño deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla autorizada dos panos exteriores para o miño será igual ou superior a 500 milímetros e a do pano central ou interior igual ou superior a 90 milímetros.

2. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o miño terá unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima, logo de armada, entre trallas ou relingas de 3 metros.

3. A lonxitude total máxima autorizada do miño por embarcación e día será igual que a establecida para as vetas no artigo 36º.3.

Artigo 53º.-Horario.

O descanso semanal do uso do miño estará comprendido entre as 15.00 horas do venres ata as 9.00 horas do domingo.

Artigo 54º.-Réxime de calamento.

O uso do miño deberá aterse a:

1. Poderase empregar o miño, durante todo o ano, salvo no período de veda dalgunha especie ou zona. Non se poderá pescar, en ningún caso, por dentro das líñas de referencia sinaladas no anexo II, salvo no período de veda da centola e boi, que deberá empregarse por fóra das liñas de referencia do anexo I.

2. A partir das 9.00 horas do domingo as embarcacións poderán saír do porto, pero non poderán calar os miños ata as 10.00 horas, e non poderán ser levantados antes das 00.00 horas do luns, durante este período os buques deberán regresar a porto e permanecer nel.

3. Os miños, na súa totalidade, deberán estar a bordo ás 14.00 horas do venres.

4. Cada vinte e catro horas, os miños deberán ser levantados do seu calamento para recoller as capturas e evitar a súa deterioriación.

Subsección oitava

Raeira

Artigo 55º.-Descrición.

A raeira é unha arte de enmalle dun só pano, similar ao rasco descrito no artigo 29º, e do que unicamente difire polo menor tamaño das pezas que a forman.

Artigo 56º.-Características técnicas.

A raeira deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla da raeira será igual ou superior a 280 milímetros.

2. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen a raeira terá, logo de armada, unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima entre trallas ou relingas de 2 metros.

3. A lonxitude máxima total da raeira será igual á establecida para as vetas no artigo 36º.3.

Artigo 57º.-Horario.

O horario de traballo coa raeira será igual ao establecido para os miños no artigo 53º.

Artigo 58º.-Réxime de calamento.

O uso da raeira deberá aterse a:

1. As embarcación maiores ou iguais a 2,5 TRB ou 1,75 GT non poderán pescar con raeira por dentro das liñas de referencia sinaladas no anexo III.

2. As embarcacións menores de 2,5 TRB ou 1,75 GT poderán utilizar a raeira por dentro das liñas de referencia do anexo III, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril, salvo o período en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

3. Na época de veda da centola e do boi, non se poderá pescar con raeira por dentro das liñas de referencia do anexo I.

Subsección novena

Xeito

Artigo 59º.-Descrición.

O xeito é unha arte de enmalle de deriva que está constituído por un pano rectangular estendido entre dúas trallas, a superior, que consta dun sistema de flotación por boias que permite o calamento a profundidade, variable e a inferior que está lastrada con chumbos. Debe permanecer unido á embarcación mediante un cabo de lonxitude variable, quedando o outro extremo libre.

Artigo 60º.-Características técnicas.

O xeito deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión de malla do xeito estará comprendida entre 23 e 40 milímetros.

2. A altura máxima do xeito, logo de armada, entre trallas ou relingas, será de 16 metros.

3. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o xeito terá unha lonxitude 70 metros, cunha lonxitude máxima de 100 metros co pano estirado.

4. A lonxitude máxima total do xeito autorizada por buque e día non poderá exceder, en ningún caso, de 1.000 metros.

Artigo 61º.-Horario.

O descanso semanal do uso do xeito estará comprendido entre as 12.00 horas do sábado e as 12.00 horas do luns.

Artigo 62º.-Réxime de calamento.

A pesca con xeito poderase exercer durante todo o ano, dentro ou fóra das rías, salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Sección terceira

Artes de cerco

Artigo 63º.-Definición.

Enténdese por arte de cerco aquela arte activa onde os cardumes das especies son capturados polo movemento do aparello que as embolsa, constituídas por unha rede rectangular sustentada por flotadores e mantida verticalmente por pesos, cuxos extremos terminan en puños, que circunda cardumes e se cerra pola súa parte inferior por medio dun cabo que se chama xareta.

Artigo 64º.-Clasificación.

Regúlanse as seguintes artes de cerco:

a) O cerco.

b) O racú e piobardeira.

c) O cerco para a captura de bolos, lanzóns e voadores.

Subsección primeira

Cerco

Artigo 65º.-Características técnicas.

O cerco deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla do cerco non será inferior a 14 milímetros.

2. A altura máxima do cerco, logo de armada entre trallas ou relingas, será de 130 metros.

3. A lonxitude máxima das artes de cerco será de 600 metros, excluídos os puños, cada un dos cales non poderá exceder os 30 metros.

Artigo 66º.-Embarcacións autorizadas.

1. As embarcacións autorizadas para o exercicio da pesca de cerco deberán ter a eslora mínima entre perpendiculares de 9 metros, ou 11 metros de eslora total.

2. As embarcacións non poderán utilizar bote auxiliar con luz artificial para as tarefas de pesca.

3. A embarcación auxiliar deberá estar rexistrada na folla de asento da embarcación principal e terá o mesmo folio e matrícula que esta.

Artigo 67º.-Horario.

As embarcacións que utilicen o cerco deberán estar no porto ás 16.00 horas do venres e non poderán saír del ata as 12.00 horas do luns.

Artigo 68º.-Réxime de calamento.

Poderá exercerse a pesca co cerco durante todo o ano, por fóra das liñas de referencia que se sinalan no anexo II, salvo os períodos en que se poida decretar a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Subsección segunda

Racú e piobardeira

Artigo 69º.-Descrición.

O racú e a piobardeira son artes de cerco tradicionais de Galicia, de menores dimensións co cerco.

Artigo 70º.-Características técnicas.

O racú e a piobardeira deberán ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión mínima de malla do racú e da piobardeira será igual ou superior a 14 milímetros.

2. As redes do racú e da piobardeira non poderán exceder os 150 metros de lonxitude, nin os 25 metros da altura.

3. Admitiranse calóns abranguidos entre 15 e 20 metros.

Artigo 71º.-Embarcacións autorizadas.

1. Tanto o racú como a piobardeira só poderán ser utilizadas por embarcacións de tipo III e IV.

2. Nin o racú nin a piobardeira poderán ser utilizadas por embarcacións auxiliares.

3. O número de embarcacións autorizadas para o uso destas das artes non deberá exceder das existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Artigo 72º.-Réxime de calamento.

1. O emprego do racú e da piobardeira poderá ser realizado durante todo o ano, por fóra das liñas de referencia do anexo III, salvo os períodos en que se poida decretar a veda temporal dalgunha especie ou zona.

2. Non obstante, nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo estas artes utilizaranse por fóra das liñas de referencia do anexo II, desde o 1 de maio ao 30 de setembro.

Artigo 73º.-Horario.

1. Tanto o racú como a piobardeira poderán empregarse en xornadas diúrnas ou nocturnas, que serán excluíntes entre si.

2. O descanso semanal do uso destas artes será o mesmo que o establecido para o cerco no artigo 67º.

Subsección terceira

Cerco para a captura de bolos, lanzóns e voadores

Artigo 74º.-Características técnicas.

O cerco para a captura de bolos, lanzóns e voadores deberán ter as seguintes características técnicas:

a) A dimensión de malla será igual ou superior a 10 milímetros.

b) As redes non poderán exceder de 150 metros de lonxitude e de 40 metros de altura.

c) Admitiranse calóns abranguidos entre 15 e 20 metros.

Artigo 75º.-Embarcacións autorizadas.

As embarcacións que temporalmente pretendan dedicarse á captura de bolos, lanzóns e voadores con cerco deberán solicitar autorización previa á consellaría competente en materia de pesca marítima.

Artigo 76º.-Réxime de calamento.

Non se poderá faenar por dentro das liñas de referencia que se sinalan no anexo III, para o uso de cerco para a captura de bolos e voadores.

Artigo 77º.-Especies.

1. A captura de diversas especies de familia Ammoditidae (bolos e voadores) realizarase exclusivamente coas artes de cerco. As capturas así obtidas poderán ser destinadas indistintamente a carnada viva ou morta, ou a outros fins comerciais.

2. Permítese un tope máximo de especies distintas ás autorizadas no rexistro de actividade pesqueira do 15% do peso total das capturas retidas a bordo.

Artigo 78º.-Horario.

O emprego desta arte de cerco para á captura de bolos e voadores realizarase en xornadas exclusivamente diúrnas. A actividade de pesca con estas artes non poderá exercerse desde as 00.00 horas do sábado ata ás 24.00 horas do domingo. Os buques deberán regresar ao porto e permanecer nel durante ese período.

Sección cuarta

Nasas utizadas na pesca profesional marítima

Artigo 79º.-Definición.

As nasas son artes pasivas, fixas de fondo, que están construídas en forma de cestos ou gaiolas, compostas por un armazón ríxido ou semirríxido de diversos materiais, que normalmente está recuberto de rede. Están provistas dunha ou varias aberturas ou bocas de extremos lisos, non punzantes, que permiten a entrada das distintas especies ao interior do habitáculo que forma a arte, atraídas xeralmente polo engado colocado dentro del.

Artigo 80º.-Clasificación.

Para a pesca profesional marítima regúlanse as seguintes nasas:

a) Nasa para peixes.

b) Nasa voitirón.

c) Nasa para anguía.

Artigo 81º.-Características técnicas.

As nasas deberán ter as seguintes características técnicas:

1. As nasas serán largadas ou caladas de forma que constitúan caceas, trens ou tandas, en que cada nasa se empata a unha tralla e esta, pola súa vez, se une ao cabo madre.

2. A lonxitude máxima total das artes de nasa non excederá os 2.500 metros por embarcación, excepto no caso da nasa de peixe, que será como máximo de 3.000 metros.

Artigo 82º.-Capturas incidentais.

Admitiranse as capturas incidentais doutras especies distintas, sempre que sexan de tamaño regulamentario e non estean en veda ou femias de crustáceos ovadas, neste caso, deberán ser devoltas ao mar inmediatamente despois de capturadas, a súa retención a bordo constituirá unha infracción.

Artigo 83º.-Réxime de calamento.

Nas épocas de veda das especies cara ás cales se orienta a captura principal das nasas, estas deberán ser transportadas á terra e permanecer almacenadas nos lugares destinados a este fin.

Subsección primeira

Nasa para peixes

Artigo 84º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa para peixes deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A nasa para peixes está formada por un armazón de forma cilíndrica, con aros metálicos circulares e varelas verticais. Ten dúas entradas ou bocas opostas feitas de rede, que se prolongan de forma tronco-cónica cara ao interior da nasa. O recubrimento da nasa será de rede.

2. Os aros metálicos circulares terán un diámetro máximo de 2 metros.

3. As varelas verticais, ou altura da nasa para peixes, serán como máximo de 800 milímetros.

4. A dimensión de malla mínima será de 60 milímetros.

Artigo 85º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas para peixes permitido será de 48, independentemente do tamaño da embarcación.

Artigo 86º.-Horario.

A utilización da nasa para peixe será diúrna. O horario de traballo do 1 de maio ao 30 de setembro será desde as 7.00 ata as 17.00 horas, e no período do 1 de outubro ao 30 de abril será desde as 7.00 ata as 15.00 horas.

Artigo 87º.-Réxime de calamento.

1. As nasas para peixes deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente.

2. O seu uso só será autorizado en fondos superiores aos 30 metros de profundidade e por fóra dos límites do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

3. A zona de traballo coa nasa para peixe será sempre por fóra das liñas do anexo I. Non obstante, desde cabo Corrubedo ata cabo Silleiro, no período comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro, calaranse por fóra da liña que une as illas de Sagres, Sálvora, Ons, Onza, Cíes, Agoeiro e Carallóns co cabo Silleiro, ata a liña de base recta establecida no Real decreto 2510/1977, do 5 de agosto, sobre trazado de líñas de base rectas en desenvolvemento da Lei 20/1967, do 8 de abril, sobre extensión das augas xurisdicionais españolas a 12 millas, para efectos de pesca.

4. Poderanse empregar todo o ano, salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Artigo 88º.-Embarcacións autorizadas.

O número de embarcacións autorizadas para o uso de nasas para peixe non deberá exceder as existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Subsección segunda

Nasa voitirón

Artigo 89º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa voitirón deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A nasa voitirón consta dunha parte central rectangular de rede, chamada parada, ao extremo da cal e perpendicularmente a ela se sitúan tres funís concéntricos de rede que desembocan nunha última cámara onde quedan atrapados os peixes.

2. A lonxitude máxima será de 6 metros.

3. A altura ou diámetro máximo será:

a) Primeiro aro: alto 500 milímetros, largo 700 milímetros.

b) Segundo aro: diámetro máximo 400 milímetros.

c) Terceiro aro: diámetro máximo 350 milímetros.

d) Cuarto aro: diámetro máximo 340 milímetros.

4. A dimensión de malla mínima será de 14 milímetros na parte dos funís e de 16 milímetros no da parada.

Artigo 90º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas voitirón será de 80 por embarcación, independentemente do tamaño desta.

Artigo 91º.-Horario.

A utilización de nasas voitirón será tanto diúrna como nocturna.

Artigo 92º.-Réxime de calamento.

1. A pesca con nasa voitirón só estará autorizada nas rías de Ferrol, Arousa e Vigo e sempre mediante plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de pesca marítima. No caso de empregarse en augas continentais, entre os límites superior e inferior das desembocaduras dos ríos, deberá contarse, ademais, coa autorización da consellería competente en materia de ambiente.

2. Poderán utilizarse todo o ano, salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Artigo 93º.-Embarcacións autorizadas.

O número de embarcacións autorizadas para o uso de nasa voitirón non deberá exceder as existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Subsección terceira

Nasa para anguía

Artigo 94º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa para anguía deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A nasa para anguía ten forma case cilíndrica, con dúas aberturas nas caras opostas, unha de entrada en forma de funil e outra provista de tapadeira, que serve para retirar as capturas.

2. A lonxitude máxima será de 670 milímetros

3. A altura ou diámetro máximo será de 350 milímetros.

Artigo 95º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas para anguía será de 80 por embarcación, independentemente do tamaño desta.

Artigo 96º.-Horario.

O uso de nasas para anguía será en horario exclusivamente diúrno.

Artigo 97º.-Réxime de calamento.

1. A pesca con nasa para anguía non ten limitacións de zona, pero o seu uso deberá facerse sempre mediante plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de pesca marítima. No caso de empregarse en augas continentais, entre os límites superior e inferior das desembocaduras dos ríos, deberá contarse, ademais, coa autorización da consellería competente en materia de ambiente.

2. Poderá utilizarse durante todo o ano, salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Artigo 98º.-Embarcacións autorizadas.

O número de embarcacións autorizadas para o uso da nasa para anguía non deberá exceder as existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Sección quinta

Artes de arrastre

Artigo 99º.-Definición.

As artes de arrastre son artes de pesca activa onde as especies son capturadas polo movemento do aparello que as embolsa e consisten nunha rede con ou sen portas, remolcada por unha ou varias embarcacións.

Artigo 100º.-Clasificación.

As artes de arrastre clasifícanse en artes de:

a) Arrastre de fondo: é utilizada para capturar especies bentónicas e demersais. Realízase en contacto co fondo.

b) Arrastre semipeláxico: é utilizada para a captura de especies peláxicas e demersais.

c) Arrastre peláxico: é utilizada para a captura de especies peláxicas.

Artigo 101º.-Horario.

As embarcacións que estean incluídas ou dadas de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia ou teñan como porto base algún desta comunidade autónoma e que realicen o arrastre costeiro ou litoral nas augas do ámbito territorial de Galicia, deberán cesar na súa actividade como mínimo desde as 24.00 horas do venres ata as 24.00 horas do domingo, e permanecerán no porto durante este descanso ou paralización da actividade.

Artigo 102º.-Prohibicións.

O arrastre está prohibido nas augas interiores de Galicia, agás o seu uso con fins científicos e de experimentación, para o cal necesitará a autorización expresa da consellería competente en materia de pesca marítima.

Sección sexta

Artes remolcadas ou haladas á man

Artigo 103º.-Definición.

Son artes de arrastre multiespecíficas, dirixidas a determinadas pesqueiras en función do momento do ano ou da zona de traballo onde se utilizan.

Artigo 104º.-Clasificación.

Regúlanse as seguintes artes remolcadas ou haladas á man:

a) Bou de vara.

b) Rapeta ou bou de man.

c) Boliche ou chinchorro.

Artigo 105º.-Embarcacións autorizadas.

O número de embarcacións autorizadas non deberá exceder as existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Subsección primeira

Bou de vara

Artigo 106º.-Descrición.

O bou de vara caracterízase porque a apertura da arte se mantén polo efecto dunha vara transversal e a acción de remolque exercida polo motor da embarcación.

Artigo 107º.-Características técnicas.

O bou de vara deberá ter as seguintes características técnicas:

1. Lonxitude do calón: 6 metros como máximo.

2. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.

3. Lonxitude de vara: 6 metros como máximo.

4. Chumbada: 10 kg como máximo.

5. Altura: 3,5 metros como máximo.

6. Dimensión de malla mínima: calón, 60 milímetros; cope, 50 milímetros.

Artigo 108º.-Horario.

1. Poderase autorizar o emprego das artes de bou de vara de luns a venres, entre as 8.00 e as 14.30 horas no período comprendido entre novembro e marzo, ambos inclusive.

2. Non obstante, o uso desta arte para a captura da nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) terá horario nocturno, desde o ocaso ata o orto, e deberase rexistrar a actividade expresamente para este recurso.

3. Os horarios diúrno e nocturno serán excluíntes entre si.

Artigo 109º.-Limitacións do uso.

1. A utilización desta arte só poderá autorizarse a través do oportuno plan de xestión.

2. O uso do bou de vara estará soamente autorizado no ámbito da ría de Arousa.

3. Cando se empregue o bou de vara en polígonos de cultivos mariños deberase evitar tocar as cordas das bateas.

4. Nas canles de navegación só se permitirá pescar nas súas beiras.

5. Nas zonas de libre marisqueo soamente poderá utilizarse en profundidades superiores a 10 metros. Esta profundidade corresponderá á posición onde traballa a arte e non onde está a embarcación.

6. A potencia máxima das embarcacións que faenen con esta arte será de 50 CV.

Subsección segunda

Rapeta ou bou de man

Artigo 110º.-Descrición.

A rapeta ou bou de man é unha arte mixta de remolque e cerco, en que a acción de remolque se efectúa por medio de halador ou á man.

Artigo 111º.-Características técnicas.

A rapeta ou bou de man deberá ter as seguintes características técnicas:

1. Lonxitudes das ás: 30 metros como máximo.

2. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.

3. Chumbada: chumbos de 1 kg como máximo cada 4 metros.

4. Dimensión de malla mínima: calón de 80 milímetros; cope de 50 milímetros.

Artigo 112º.-Horario.

1. Poderase autorizar o emprego das artes de bou de man de luns a venres, entre as 8.00 e as 14.30 horas, no período comprendido entre novembro e marzo, ambos inclusive.

2. Non obstante, o uso desta arte para a captura da nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) terá horario nocturno, desde o ocaso ata o orto, e deberase rexistrar a actividade expresamente para este recurso.

3. Os horarios diúrno e nocturno serán excluíntes entre si.

Artigo 113º.-Limitacións do uso.

1. A utilización da rapeta ou bou de man só poderá autorizarse a través do oportuno plan de xestión.

2. O uso da rapeta ou bou de man estará soamente autorizado nas rías de Arousa, Vigo e Pontevedra.

3. Limitarase o uso desta arte aos supostos establecidos no artigo 109º, puntos 3 a 6, para o uso do bou de vara.

Subsección terceira

Boliche ou chinchorro

Artigo 114º.-Descrición.

O boliche ou chinchorro é unha arte de pesca mixta entre arrastre e cerco, que consta dunha tralla superior con flotadores, tralla inferior con lastre, calóns nos extremos de cada á ou pernada, mesa e cope.

Artigo 115º.-Características técnicas.

O boliche ou chinchorro deberá ter as seguintes características técnicas:

1. Lonxitudes das ás: 100 metros como máximo.

2. Lonxitude da mesa: 2 metros como máximo.

3. Lonxitude do cope: 7 metros como máximo.

4. Lonxitude da coroa: 3 metros como máximo.

5. A dimensión mínima de mallas será igual ou superior a 25 milímetros.

6. A chumbada máxima autorizada será de 1 kg por cada 4 metros.

7. A lonxitude da relinga de chumbo será superior á lonxitude do pano da rede. Como mínimo por cada metro de pano de rede terá un metro trinta centímetros (1,30 centímetros.) de relinga de chumbo.

Artigo 116º.-Horario.

Poderase utilizar o boliche ou chinchorro entre os meses de xullo e outubro, de luns a venres, en horario exclusivamente diúrno, do orto ao ocaso.

Artigo 117º.-Limitacións do uso.

1. A utilización do boliche ou chinchorro só poderá autorizarse a través do oportuno plan de xestión.

2. Prohíbese realizar o halado con cabo dado á terra.

Sección sétima

Mediomundo

Artigo 118º.-Descrición.

O mediomundo é unha arte formada por un aro de ferro e armado de ventos que se xuntan nunha argola da cal parte un cabo único. O cabo pode ir suxeito directamente a unha vara ou por medio dunha polea para o seu manexo. O aro leva un cope de malla.

Artigo 119º.-Características técnicas da estrutura.

O mediomundo deberá ter as seguintes características técnicas:

1. O diámetro máximo do aro será de 6 metros.

2. A dimensión de malla mínima do cope será igual ou superior a 14 milímetros.

Artigo 120º.-Horario.

As embarcacións autorizadas a pescar con mediomundo terán exclusivamente o horario diúrno de luns a venres.

Artigo 121º.-Réxime de calamento.

A arte de mediomundo poderá utilizarse en calquera zona e en todas as épocas do ano, salvo nos períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Artigo 122º.-Embarcacións autorizadas.

O número de embarcacións autorizadas que se traballarán con mediomundo non deberá exceder das existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Capítulo IV

Artes, útiles, equipamentos e técnicas específicas do marisqueo

Sección primeira

Nasas para o marisqueo

Artigo 123º.-Disposicións comúns.

Tanto para a definición, capturas incidentais e réxime de calamento, haberá que aterse ao disposto nos artigos 79º, 82º e 83º.

Artigo 124º.-Clasificación.

Para o marisqueo profesional regúlanse as seguintes nasas:

a) Nasa para nécora e camarón.

b) Nasa para lagosta e bogavante.

c) Nasa para centola.

d) Nasa para polbo.

e) Nasa para choco.

Artigo 125º.-Características técnicas.

As nasas deberán ter as seguintes características técnicas:

1. As nasas serán largadas ou caladas de forma que constitúan caceas, trens ou tandas, nas cales cada nasa se empata a unha tralla e esta, pola súa vez, se une ao cabo madre.

2. A lonxitude máxima total das artes de nasa non excederá os 2.500 metros por embarcación, excepto, no caso da nasa de polbo, que será como máximo de 5.000 metros.

Subsección primeira

Nasas para nécora e camarón

Artigo 126º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa de nécora e camarón deberá ter as seguintes características técnicas:

a) Construirase de forma cilíndrica ou poliédrica.

b) A lonxitude máxima será de 550 milímetros.

c) A altura máxima será de 350 milímetros.

d) A boca de entrada no seu diámetro maior terá como máximo 160 milímetros.

e) Durante a veda da nécora, a boca de entrada non poderá exceder de 50 milímetros no seu diámetro maior.

f) Cando estea recuberta con rede, a dimensión de malla mínima será de 16 milímetros e cando estea recuberta doutro material, o lado do cadrado dos ocos que formen non será inferior a 10 milímetros.

Artigo 127º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas para nécora e camarón permitido estará en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo:

a) Embarcacións tipo I e II: máximo de 50 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante, ata un máximo de 150 nasas.

b) Embarcación tipo III: máximo de 100 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante, ata un máximo de 250 nasas.

c) Embarcacións tipo IV, V, VI e VII: máximo de 150 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante, ata un máximo de 350 nasas.

Artigo 128º.-Horario.

1. O lance da nasa de nécora e camarón será nocturno. A actividade desenvolverase desde dúas horas antes do ocaso do domingo ata dúas horas despois do orto do venres.

2. Non obstante, naquelas zonas onde non haxa polbo (Octopus vulgaris), a consellería competente en materia de marisqueo poderá autorizar o calamento diúrno, desde dúas horas antes do orto do luns ata dúas horas despois do ocaso do venres.

3. O horario diúrnos e nocturno son excluíntes entre si.

Artigo 129º.-Réxime de calamento.

1. A nasa de nécora e camarón poderá utilizarse todo o ano, respectándose, en todo caso, o establecido no artigo 84º.5. A pesca con esta arte non ten limitacións de zonas, salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

2. As nasas de nécora e camarón deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente, unha vez cumprido o horario de traballo.

Subsección segunda

Nasa para lagosta e lumbrigante

Artigo 130º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa para lagosta e lumbrigante deberá ter as seguintes características técnicas:

a) Poderá ser de forma cilíndrica ou poliédrica.

b) A lonxitude máxima será de 550 milímetros.

c) A altura máxima será de 350 milímetros.

d) A boca de entrada no seu diámetro maior terá como máximo 230 milímetros.

e) Cando estea recuberta con rede, a dimensión de malla mínima será de 70 milímetros e cando estea recuberta doutro material, o lado do cadrado dos ocos que formen non será inferior a 35 milímetros.

Artigo 131º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas para lagosta e lumbrigante será de 40 nasas por embarcación máis 20 por tripulante enrolado e a bordo:

a) Embarcacións tipo I e II: máximo 80 nasas.

b) Embarcación tipo III: máximo 100 nasas.

c) Embarcación tipo IV: máximo 120 nasas.

d) Embarcacións tipo V, VI y VII: máximo 140 nasas.

Artigo 132º.-Horario.

1. O lance da nasa para lagosta e lumbrigante será nocturno. A actividade desenvolverase desde dúas horas antes do ocaso ata dúas horas despois do orto.

2. O descanso semanal estará comprendido entre dúas horas despois do orto do venres ata dúas horas despois do ocaso do domingo.

Artigo 133º.-Réxime de calamento.

1. A nasa para lagosta e lumbrigante poderá utilizarse todo o ano, salvo os períodos en que se poida decretar a veda temporal dalgunha especie ou zona.

2. Este tipo de nasas deberán ser levantadas e levadas a terra a fin de semana, unha vez cumprido o horario de traballo do venres.

3. A zona de traballo para a nasa de lagosta e lumbrigante será sempre por fóra das liñas de referencia que se sinalan no anexo I.

Subsección terceira

Nasa para centola

Artigo 134º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa para centola deberá ter as seguintes características técnicas:

a) Terá forma cilíndrica ou poliédrica. Poderá ser de dous tipos, unha con armazón de varelas de ferro, madeira ou aceiro, sen envoltura de rede e outra con envoltura de rede.

b) A lonxitude máxima será de 600 milímetros.

c) A altura ou diámetro máximo será de 450 milímetros.

d) A boca de entrada no eixe maior será como mínimo de 250 milímetros.

e) A separación da varelas que forman a armazón será como mínimo de 55 milímetros.

f) Cando estea recuberta con rede, a dimensión de malla mínima será de 90 milímetros e cando estea recuberta doutro material, o lado do cadrado dos ocos non será inferior a 50 milímetros.

Artigo 135º.-Número de nasas.

Para a nasa para centola autorízase a mesma distribución que a establecida para a nasa de lagosta e lumbrigante no artigo 131º.

Artigo 136º.-Horario.

O lance da nasa para centola será exclusivamente diúrno. O horario de traballo será desde as 6.00 horas ata as 16.00 horas, de luns a venres.

Artigo 137º.-Réxime de calamento.

1. A zona de traballo para a nasa para centola será por fóra das liñas de referencia que se sinalan no anexo I.

2. No período comprendido entre a apertura da veda e o 30 de abril, ambos inclusive, poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas no anexo V.

3. As nasas deberán ser levantadas e levadas a terra a fin de semana, unha vez cumprido o horario de traballo do venres.

Subsección cuarta

Nasa para polbo

Artigo 138º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa para polbo deberá ter as seguintes características técnicas:

a) Para a captura do polbo poderanse empregar tanto nasas pechadas, de igual forma e dimensións máximas que as empregadas para capturar nécora ou camarón, como abertas pola cara superior.

b) A lonxitude máxima será de 550 milímetros.

c) A altura ou diámetro máximo será de 350 milímetros.

d) A boca de entrada no eixe maior será como mínimo de 160 milímetros, agás as nasas abertas que levarán libre toda a cara superior.

e) Tanto a dimensión de malla mínima, cando estea recuberta con rede, como o lado do cadrado dos ocos, cando estea recuberto doutro material serán os mesmos que os empregados na nasa de nécora ou camarón establecidos no artigo 126º.f).

Artigo 139º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas para polbo permitido estará en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo:

a) Embarcacións tipo I e II: máximo de 75 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante, ata un máximo de 175 nasas.

b) Embarcación tipo III: máximo de 150 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante, ata un máximo de 300 nasas.

c) Embarcacións tipo IV, V, VI e VII: máximo de 250 nasas por embarcación máis 50 nasas por tripulante, ata un máximo de 550 nasas.

Artigo 140º.-Horario.

A actividade con nasas para polbo realizarase en xornada diúrna. O horario será establecido regulamentariamente pola consellería competente en materia de pesca marítima.

Artigo 141º.-Réxime de calamento.

1. As nasas para polbo poderán permanecer no seu calamento, incluso durante o período de descanso semanal.

2. A través dos plans de xestión aprobados pola consellaría competente en materia de marisqueo estableceranse os períodos, zonas e condicións para o calamento das nasas pechadas.

3. As nasas de tipo aberto poderán empregarse en calquera zona, durante todo o período autorizado para a captura do polbo (Octopus vulgaris), salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Subsección quinta

Nasa para choco

Artigo 142º.-Características técnicas da estrutura.

A nasa para choco deberá ter as seguintes características técnicas:

a) Poderá ser de forma cilíndrica, poliédrica ou semicilíndrica con fondo plano. Non estará permitido o uso de engado, podéndose empregar ramas que estimulen a posta desta especie.

b) A lonxitude máxima será de 1.500 milímetros.

c) A altura ou diámetro máximo será de 900 milímetros.

d) A boca no eixe maior será como máximo de 200 milímetros.

e) O recubrimento será de rede e a dimensión de malla mínima será de 50 milímetros de lado do cadrado.

Artigo 143º.-Número de nasas.

O número máximo de nasas para choco será de 100 nasas, independentemente do tamaño da embarcación.

Artigo 144º.-Horario.

A utilización da nasa para choco será tanto diúrna como nocturna.

Artigo 145º.-Réxime de calamento.

1. As nasas para choco poderán permanecer no seu calamento, mesmo durante o período de descanso semanal. Unha vez extraídas as capturas, as nasas devolveranse de novo ao mar co fin de evitar a mortandade de ovos que poidan estar depositados nelas.

2. A pesca con esta arte non ten limitacións de zonas. Esta nasa poderá utilizarse todo o ano, salvo os períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

Sección segunda

Útiles de marisqueo a pé

Artigo 146º.-Tipos e descricións.

Autorízanse os seguintes útiles de aparellos de marisqueo a pé:

a) Sachos, angazos, fouces, ganchelos e calquera outra ferramenta manual que permita remover o sedimento superficial para recoller coas mans os moluscos bivalvos, ademais da rañica ou gancha a pé e a forquita.

b) Rañica ou gancha a pé: é un raño de pequenas dimensións con lonxitude máxima dos dentes de 15 centímetros e separación mínima entre varelas de 17 milímetros.

c) Forquita: consiste nunha platina metálica á cal se unen numerosos dentes lixeiramente curvados. Esta arte manexase mediante dous mangos dispostos formando un ángulo aproximadamente recto. Terá unha lonxitude máxima dos dentes de 34 centímetros e unha separación mínima entre eles de 12 milímetros.

d) Coitelos e rasquetas utilizaranse para a extracción de moluscos gasterópodos.

Artigo 147º.-Horario.

O horario de traballo de marisqueo a pé será desde dúas horas e media antes ata dúas horas e media despois da baixamar diúrna, tendo como tope as 18.00 horas.

Sección terceira

Marisqueo desde embarcación con vara

Artigo 148º.-Tipos de útiles e descrición.

1. Autorízanse os seguintes aparellos de marisqueo desde embarcación con vara:

a) Os raños.

b) Os rastros.

c) As ganchas.

2. Estes útiles constan dunha armazón metálica soldada a unha platina provista de dentes, que leva no seu extremo superior un soporte tubular para a fixación da vara. A máxima lonxitude da platina será de 70 centímetros, a máxima lonxitude dos dentes será de 15 centímetros e a mínima separación das varelas do cope será de 17 milímetros.

Artigo 149º.-Horario.

O horario de traballo para o marisqueo desde embarcación con vara será desde as 8.00 ata as 14.00 horas, desde o 1 de outubro ata o 31 de maio, e desde as 7.00 ata as 14.00 horas no resto do ano, salvo casos excepcionais que deberán estar recollidos nos plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de marisqueo.

Artigo 150º.-Embarcacións autorizadas.

As embarcacións que poden exercer o marisqueo con vara deberán ter menos de 3 TRB ou 2,6 GT.

Sección cuarta

Marisqueo desde embarcación con rastros remolcados

Artigo 151º.-Tipos de útiles e descricións.

1. Están autorizados como útiles de marisqueo desde embarcación con rastros remolcados:

a) O rastro de vieira ou volandeira.

b) O rastro de camarón.

c) O endeño remolcado.

2. Estas artes constan dunha armazón metálica rectangular, á que se une un cope de rede ou metálico.

3. O rastro de vieira ou volandeira terá 175 centímetros de lonxitude máxima da base e 50 centímetros de altura máxima. Na base levará unha ringleira de dentes curvados cara a atrás cunha lonxitude máxima de 10 centímetros ou, no seu lugar, poderá levar unha cadea ou corda chumbada e patíns a ambos os lados para facilitar o seu esvaramento. A malla do cope, medida en diagonal, terá como mínimo 10 centímetros cando se utilice para a captura da vieira e 6 centímetros cando se utilice para a captura da volandeira, zamburiña, ostra ou rabioso.

4. O rastro de camarón terá unha lonxitude máxima da base de 300 centímetros e non levará dentes. A dimensión de malla do cope será como mínimo de 1 centímetro.

5. O endeño remolcado empregarase para a captura de ameixa rubia. Terá unha lonxitude máxima da base de 90 centímetros, unha lonxitude máxima dos dentes de 15 centímetros e unha separación mínima entre as varelas do cope de 17 milímetros e, no caso de estar recuberto de rede, a malla terá, como mínimo, 20 milímetros de lado.

Artigo 152º.-Capturas incidentais.

Os rastros remolcados só poderán capturar especies acompañantes nunha porcentaxe inferior ao 10% do peso total das especies obxectivo, sempre e cando non estean sometidas a un plan de xestión aprobado pola consellería competente en materia de marisqueo, cumpran os tamaños mínimos e non estean en veda.

Artigo 153º.-Horario.

O horario de traballo con rastros remolcados será desde as 8.00 ata as 14.00 horas.

Artigo 154º.-Embarcacións autorizadas.

1. As embarcacións que poden exercer o marisqueo con rastros remolcados deberán ter menos de 10 TRB ou 10 GT.

2. O número de embarcacións autorizadas para o uso do endeño remolcado non deberá exceder as existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

Artigo 155º.-Limitacións.

1. Soamente poderán remolcarse simultaneamente un máximo de dous rastros por embarcación.

2. Ningún rastro remolcado poderá utilizarse en fondos inferiores a 5 metros.

3. O emprego do endeño remolcado só será autorizado en fondos superiores a 15 metros de profundidade e mediante o oportuno plan de xestión aprobado pola consellaría competente en materia de marisqueo.

4. Para traballar con rastros remolcados en zonas de libre marisqueo remitirase solicitude á dirección xeral competente en materia de marisqueo cunha anticipación mínima de 10 días á data de inicio da extracción, especificando a relación de embarcacións, especie obxecto de explotación e zonas de traballo.

Sección quinta

Marisqueo con útiles e técnicas tradicionais selectivas

Artigo 156º.-Tipos e descrición.

Regúlanse os seguintes útiles e técnicas tradicionais selectivas:

a) Bicheiro ou forquita: consiste nun aparello formado por un mango de dimensión variable que leva no seu extremo unha ou dúas pugas curvadas. Emprégase para a captura de polbo, centola e ourizo.

b) Trueiro: é un útil de pesca formado por un mango de dimensións variables que leva no seu extremo un aro provisto de cope de rede. Emprégase para a captura do camarón e como elemento auxiliar doutras artes.

c) Femieira: consiste nunha técnica de pesca que se realiza usando femias como engado para a captura do choco.

Artigo 157º.-Réxime de uso.

1. Autorízase o emprego dos útiles e técnicas tradicionais selectivas durante todo o ano e en todas as zonas, salvo nos períodos en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona.

2. Estes útiles e técnicas selectivas poderán utilizar espello ou mirafondos como elemento auxiliar.

Sección sexta

Útiles, equipos e técnicas de marisqueo para recursos específicos

Artigo 158º.-Limitacións.

1. A extracción de recursos específicos realizarase a través de plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de marisqueo.

2. Só se permite o uso de equipamentos subacuáticos sen ou con subministración de aire, para a explotación de determinados recursos específicos e cando así o determine o plan de xestión correspondente.

3. A profundidade de traballo máxima estará limitada pola modalidade de mergullo autorizada en cada plan de xestión, a titulación dos mergulladores e as condicións establecidas nos plans de seguridade aprobados pola autoridade marítima correspondente.

Artigo 159º.-Percebe.

1. O percebe poderá ser extraído a pé ou desde embarcación. En ningún caso se permitirá a utilización de equipamentos de mergullo.

2. Para a captura do percebe utilizaranse as rasquetas ou raspas, que terán unha largura máxima de 5 centímetros.

3. O horario de traballo será desde dúas horas e media antes ata dúas horas despois da baixamar diúrna, tendo como tope as 18.00 horas.

4. As embarcacións que poden solicitar permiso para a explotación do percebe deberán ter menos de 3 TRB ou 2,6 GT.

Artigo 160º.-Ourizo de mar.

1. O ourizo de mar poderá ser extraído:

a) A pé.

b) Mediante embarcacións co emprego de:

1º) Equipamentos de mergullo en apnea ou con submistración de aire desde superficie.

2º) Utilizando o bicheiro ou a forquita.

2. O uso do bicheiro ou da forquita poderá utilizarse co espello ou mirafondos como elemento auxiliar para localizar os ourizos, e estará limitado a fondos non superiores a 5 metros.

3. O horario de traballo para a extracción a pé será o mesmo que o establecido para o uso de útiles de marisqueo a pé establecidos no artigo 147º.

4. O horario de traballo desde embarcación será desde as 8.00 ata as 15.00 horas, de luns a venres en días laborais.

5. As embarcacións que poden exercer estas modalidades deberán ter menos de 10 TRB ou 10 GT.

Artigo 161º.-Navallas e longueiróns.

1. As navallas e longueiróns poderán ser extraídos:

a) A pé.

b) Mediante embarcacións co emprego de equipamentos de mergullo en apnea ou con submistración de aire desde superficie.

2. A extracción das navallas e longueiróns será realizada directamente coa man ou utilizando sal mariño para estimular a saída dos individuos da area.

3.O horario de traballo para a extracción poderá ser o mesmo que o autorizado para o uso de útiles de marisqueo a pé establecidos no artigo 147º ou ben desde as 8.00 ata as 14.00 horas, de luns a venres en días laborais. A elección do horario estará indicada nos plans de xestión correspondentes.

4. As embarcacións que poden exercer esta modalidade deberán ter menos de 10 TRB ou 10 GT.

Artigo 162º.-Poliquetos.

1. Os poliquetos poderán ser extraídos a pé ou mediante mergullo.

2. Os aparellos autorizados para a extracción dos poliquetos serán os mesmos que se utilizan para a extracción de moluscos bivalvos. Sempre que apareza recollido no plan de xestión, aprobado pola consellería competente en materia de marisqueo.

3. As embarcacións que poden exercer estas modalidades de extracción deberán ter menos de 10 TRB ou 10 GT.

4. O horario de traballo para a extracción de poliquetos poderá ser o mesmo que o autorizado para uso de útiles de marisqueo a pé establecidos no artigo 147º ou ben desde as 8.00 ata as 14.00 horas, de luns a venres en días laborais. A elección do horario estará indicada nos plans de xestión correspondentes.

Sección sétima

Útiles, equipos e técnicas para a recollida de algas

Artigo 163º.-Tipos e descricións.

1. As algas poderán ser extraídas a pé ou desde embarcación con técnica de mergullo.

2. Para a extracción das algas poderanse empregar fouces e coitelos.

3. As embarcacións que poden exercer esta modalidade de recollida de algas deberán ter menos de 10 TRB ou 10 GT.

4. O horario de traballo para a recollida de algas poderá ser o mesmo que o autorizado para uso de útiles de marisqueo a pé establecidos no artigo 147º ou ben desde as 8.00 ata as 14.00 horas, de luns a venres en días laborais. A elección do horario estará indicada nos plans de xestión correspondentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízanse ás embarcacións que dispoñan no seu permiso de explotación de aparellos de anzol, simultanear o uso destes co emprego de nasas para patexo (Polybius henslowi) e nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) e cercos para bolo, co fin de capturar o engado vivo.

Segunda.-Non obstante o establecido no punto 1 do artigo 4º, aquelas embarcacións que tendo permiso de explotación para percebe e estando inscritas en plans de explotación deste recurso á entrada en vigor deste decreto, e que polas súas características non poidan aproximarse ás rochas, poderán utilizar embarcacións inscritas na 4ª lista do Rexistro de Buques Pesqueiros para realizar a extracción do percebe, en que deberá constar na súa folla de asento a vinculación coa embarcación da 3ª lista, que dispón do permiso de explotación. Do mesmo modo, estas embarcacións da 3ª lista poderán dispoñer dunha embarcación auxiliar que estará rexistrada na folla de asento da embarcación principal, e que esta deberá permanecer sempre nas súas proximidades.

Disposicións transitorias

Primeira.-Establécese un período transitorio de seis meses para a adaptación das artes e aparellos de pesca e marisqueo actualmente existentes ao disposto neste decreto.

Segunda.-As embarcacións que non cumpran coas características estruturais establecidas neste decreto, e que na data de entrada en vigor estean autorizadas para a actividade pesqueira, poderán continuala durante a súa vida útil e, de ser o caso, ser substituídas por outras que se axusten ás características técnicas establecidas neste decreto.

Terceira.-Os plans experimentais referidos no artigo 3º.3 deste decreto manteñen a regulación prevista no artigo 3º bis do Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, aprobado polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro, ata que non se aprobe a norma que o substitúa.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

Segunda.-Queda derrogada canta norma de rango igual ou inferior contraveña o disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Competencias de desenvolvemento.

Facúltase a consellería competente en materia de pesca marítima e marisqueo para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

ANEXO I

Liñas de referencia

Ribadeo: de punta da Cruz a illa Pancha.

Viveiro: de punta Saíñas a punta Pena Rubia.

O Barqueiro: de punta Camero a cabo de Bares.

Ortigueira: de punta da Bandexa a punta Gabeira.

Cedeira: de punta Lamela a punta Chirlateira.

Ferrol: de Monte Ventoso a punta do Segaño.

Ares e Betanzos: de punta Coitelada a Seixo Branco.

A Coruña: de punta Mera a punta Herminia.

Corme e Laxe: de cabo Roncudo a punta Laxe.

Camariñas: de monte Farelo a punta da Barca.

Seo de Corcubión: de punta Cabanas a punta do Pindo.

Muros e Noia: de monte Louro a punta Castro.

Vilagarcía de Arousa: de punta Falcoeiro a punta Con da Aguieira.

Pontevedra: de punta Cabicastro a cabo Udra.

Aldán: de cabo Udra a punta Couso.

Vigo: de cabo de Home a punta Lameda.

Baiona: de punta Lameda a cabo Silleiro.

ANEXO II

Liñas de referencia

Ribadeo: de punta da Cruz a illa Pancha.

Viveiro: de punta de Faro a punta Socastro.

O Barqueiro: de punta Almeiro a punta Cova Baixa.

Ortigueira: de punta Espasante a punta do Castro.

Cedeira: de punta Fulgoso a punta Castrelo.

Ferrol: de punta do Vispón a punta Redonda.

Ares e Betanzos: de punta Torrella a punta Promontoiro.

A Coruña: de punta Mera a punta Herminia.

Corme e Laxe: de punta do Chan a punta Besugueira.

Camariñas: de punta Villueira a punta de Choreme.

Seo de Corcubión: de punta Cabanas a punta do Pindo.

Muros: de punta Rebordiño a punta Cabeiro.

Vilagarcía de Arousa: de punta Cabío a punta Barbafeita.

Vilagarcía de Arousa: de punta Castelo (ao sur da Illa de Arousa) á punta Cabeza do Mouro.

Pontevedra: de punta Festiñanzo a punta Loira.

Aldán: de punta Corbeiro ou Area Brava a punta Preguntoiro ou do Bon.

Vigo: de punta de Balea a cabo do Mar.

Baiona: de punta Lameda a punta do Boi.

ANEXO III

Liñas de referencia

Ribadeo: de punta da Cruz a illa Pancha.

Viveiro: de punta de Faro a punta Socastro.

O Barqueiro: de punta Cova a punta Almeiro.

Ortigueira: de punta Espasante a punta do Castro.

Cedeira: de punta Castelo a Pedra Langosteira.

Ferrol: de punta do Vispón a punta Redonda.

Ares e Betanzos: de punta da Cruz a punta San Amede.

A Coruña: de morro de Canido a punta Dique Barrié.

Corme e Laxe: de punta Mundiña a punta do Carral.

Camariñas: de punta Villueira a punta Choreme.

Fisterra: de punta Berdullas a punta Mosguenta.

Corcubión: de punta das Mariñas a Castelo do Príncipe.

Muros: de punta Rebordiño a illa de Santa Catalina.

Noia: de illa Crebra a punta Refis de O Cons.

Vilagarcía: de punta Cabío a punta Barbafeita.

Vilagarcía: de punta Castelo a punta Cabeza do Mouro.

Pontevedra: de punta Moa a punta das Sinas.

Aldán: de punta Corbeiro ou Area Brava a punta Preguntoiro ou de Bon.

Vigo: de punta Monte da Guía a punta do Con.

Baiona: de punta Lameda a punta do Boi.

ANEXO IV

Liñas de referencia

Viveiro: de punta Faro a punta Socastro.

O Barqueiro: de Cova Baixa a punta Almeiro.

Corme e Laxe: de punta de Chan a punta Besugueira.

Muros e Noia: de punta Rebordiño a punta Caveiro.

Vilagarcía: de punta Touro a punta Cabeza do Mouro.

Vigo: de punta Corbeiro dos Castros a Cabo Estai.

ANEXO V

Liñas de referencia

Viveiro: de punta Faro a punta Socastro.

O Barqueiro: de punta Coba a punta Almeiro.

Ortigueira: de punta Espasante a punta do Castro.

Ares e Betanzos: de punta Redonda a punta Miranda.

A Coruña: de Morro do Canido a punta Dique Barrie.

Corme e Laxe:

de punta do Carral a punta Mundiña.

de punta Mundiña a punta Cabalo.

de punta Cabalo a punta Besugueira.

Camariñas:

de punta Castelo a punta Merexo.

de punta merexo a punta Chorente.

Corcubión:

de punta Galera a cabo de Cee.

de punta Nasa a punta Sardiñeiro.

de punta Sardiñeiro a punta Bardullas.

Muros e Noia: de punta Rebordiño a punta Caveiro.

Arousa: ae punta Touro a punta Cabeza de Moro.

Pontevedra: de punta Festiñanso a punta Loira.

Aldan: de punta Preguntoiro a punta Corbeiro.

Vigo: de cabo Balea a cabo de Mar.

Baiona: de punta Gaiteiras a punta do Boi.