DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 01 de marzo de 2011 Páx. 3.355

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 31/2011, do 17 de febreiro, polo que se regulan as condicións xerais exixibles para o exercicio da actividade das entidades e dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación e a súa inscrición no rexistro correspondente.

As competencias exclusivas en materia de vivenda previstas no artigo 27º.3 do Estatuto de autonomía correspóndenlle á comunidade autónoma, e a realización das políticas de vivenda ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Mediante o Decreto 441/1990, do 6 de setembro, polo que se aprobou o sistema para a acreditación dos laboratorios de ensaios para o control da calidade da construción con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, a Xunta aprobou o sistema básico común recollido no Real decreto 1230/1989, do 13 de outubro, polo que se aprobaron as disposicións reguladoras xerais da acreditación de laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación.

Posteriormente, aprobouse o Decreto 159/2007, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de acreditación das entidades de control de calidade na edificación e se creou o Rexistro Único de Entidades e Laboratorios na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, no seu artigo 12º refírese aos axentes do control de calidade de acordo coa Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, e recolle as condicións para o exercicio da súa actividade nesta comunidade autónoma.

Os cambios normativos na regulación das acreditacións de laboratorios de ensaio para a construción e entidades de control de calidade na edificación, producidos pola recente modificación do artigo 14º da Lei estatal 38/1999, de ordenación da edificación, a través da Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei estatal 17/2009, sobre o libre acceso das actividades de servizos e o seu exercicio, e á Directiva 2006/123/CEE, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, motivaron a regulación da habilitación dos laboratorios e das entidades de control de calidade, con carácter básico, mediante o Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación, para o exercicio da súa actividade.

Así mesmo, a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á antedita Directiva 2006/123/CE, modificou parcialmente o artigo 12º da Lei 18/2008, de vivenda de Galicia, relativo á habilitación para o desenvolvemento da actividade dos axentes de control de calidade da edificación e á súa inscrición no rexistro correspondente, establecendo a supresión do requisito de acreditación previa ao desenvolvemento da súa actividade e substituíndoa pola presentación dunha declaración responsable. Consecuentemente, por todo o anterior, xorde a necesidade de modificar o sistema existente da acreditación ás entidades e aos laboratorios e regular as condicións xerais exixibles a estes axentes da edificación na Comunidade Autónoma de Galicia.

As condicións xerais exixibles ás entidades de control de calidade e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación na Comunidade Autónoma de Galicia desenvolvidas no presente decreto son conformes coas acordadas pola subcomisión administrativa para a calidade da edificación, dependente da comisión para a calidade da edificación, por modificación do Real decreto 315/2006, do 17 de marzo, polo que se crea o Consello para a Sustentabilidade, Innovación e Calidade da Edificación. O dito consello é o órgano colexiado adscrito ao Ministerio de Fomento ao cal lle corresponde contribuír a alcanzar os obxectivos de calidade dos edificios que persegue a Lei 38/1999, e promover medidas que permitan un desenvolvemento na edificación, mediante o impulso e coordinación dos criterios e actuacións das administracións públicas en materia de promoción e mellora da sustentabilidade, innovación e calidade da edificación, en cooperación cos axentes do sector.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto do presente decreto é regular as condicións exixibles para a presentación da declaración responsable das entidades de control de calidade da edificación e dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación (en diante ECCE e LECCE) con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de iniciar a súa actividade, así como regular a súa inscrición no rexistro correspondente.

Artigo 2º.-Órgano competente da comunidade autónoma.

O órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia para a verificación, o control e a inspección das ECCE e dos LECCE, así como para a recepción da declaración responsable que habilita para o exercicio da actividade e as consecuencias administrativas derivadas dela é o Instituto Galego da Vivenda e Solo, en diante IGVS.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

-Entidades de control de calidade da edificación: son aquelas capacitadas para prestaren asistencia técnica na verificación da calidade do proxecto, dos materiais e da execución da obra e as súas instalacións de acordo co proxecto e a normativa aplicable.

-Laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación: son os capacitados para prestar asistencia técnica, mediante a realización de ensaios ou probas de servizo dos materiais, sistemas ou instalacións dunha obra de edificación.

-Requisitos xerais exixibles: son aqueles que se establecen no anexo I para ECCE e no anexo II para LECCE do Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación, para o exercicio da súa actividade.

-Declaración responsable: é o documento subscrito pola persoa titular ou pola que teña a representación legal da ECCE ou do LECCE no que manifesta, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos exixibles para o exercicio da súa actividade, que dispón da documentación que o acredita, e que se compromete a manter o seu cumprimento durante o período de actividade como ECCE ou como LECCE para o control de calidade da edificación.

-Auditoría: informe dunha revisión do sistema de xestión da calidade que ten implantado unha ECCE de acordo coa norma UNE EN 17020 ou un LECCE de acordo coa norma UNE EN 17025, que inclúe unha valoración do cumprimento dos requisitos exixibles ao devandito sistema, de carácter interno, cando é emitido pola propia empresa, ou externo, cando o emite un organismo especializado independente, designado ou recoñecido polo órgano competente, en virtude das avaliacións favorables da súa competencia para a realización destas auditorías.

-Avaliación técnica: informe sobre a aplicación dos procedementos implantados pola ECCE ou LECCE para a prestación da asistencia técnica que declara e a súa adecuación aos requisitos exixibles, emitido por un organismo especializado e independente, designado ou recoñecido polo órgano competente en virtude das avaliacións favorables da súa competencia para a realización destas avaliacións técnicas.

-Certificación: xustificación técnica da adecuación continua do sistema de xestión da calidade e dos procedementos implantados pola ECCE ou LECCE aos requisitos técnicos exixibles para a prestación da asistencia técnica nas áreas de actuación que declara, concedido por un organismo especializado e independente, designado ou recoñecido polo órgano competente en virtude das avaliacións favorables da súa competencia para a realización destas certificacións.

Artigo 4º.-Condicións xerais exixibles ás entidades de control de calidade da edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia para o inicio da súa actividade.

1. As ECCE, para exerceren a súa actividade, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Presentar a declaración responsable de acordo ao anexo I do presente decreto ante o IGVS, xunto co xustificante do pagamento de taxas relativas á declaración responsable de ECCE, establecidas no anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir os requisitos xerais, técnicos e de calidade establecidos no ámbito dos campos de actuación en que prestarán asistencia, de acordo co anexo I do Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás ECCE e aos LECCE, para o exercicio da súa actividade.

2. As ECCE que presten a súa asistencia desde outros centros de traballo deberán declarar as súas localizacións e identificar os campos de actuación para os que presten asistencia técnica desde cada un deles.

Artigo 5º.-Condicións xerais exixibles aos laboratorios de ensaios para o control de calidade na edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia para o inicio da súa actividade.

Os laboratorios, co obxecto de exerceren a súa actividade, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Presentar a declaración responsable de acordo ao anexo II do presente decreto ante o IGVS, xunto co xustificante do pagamento de taxas relativas á declaración responsable de LECCE, establecidas no anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir os requisitos xerais, técnicos e de calidade establecidos para a realización dos ensaios e as probas de servizo en que vaian prestar a súa asistencia de acordo co anexo II do Real Decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás ECCE e aos LECCE, para o exercicio da súa actividade.

Artigo 6º.-Auditorías técnicas e de calidade.

1. As auditorías técnicas e de calidade son as que realizan organismos independentes para asegurar de forma voluntaria a calidade dos servizos que prestan as ECCE e os LECCE por medio de avaliacións e certificacións técnicas.

2. O IGVS, como órgano competente para fomentar e velar por un elevado nivel de calidade dos servizos que prestan as ECCE e os LECCE, poderá reducir as inspeccións cando estes axentes de control de calidade acheguen avaliacións e certificacións técnicas de auditorías. Para estes casos o IGVS establecerá mediante resolución da Dirección Xeral:

a) As condicións en que actuarán estes organismos independentes para a realización das auditorías técnicas ás ECCE e aos LECCE.

b) O recoñecemento e a inscrición destes organismos no rexistro de ECCE e LECCE da Comunidade Autónoma de Galicia como asentos complementarios, de acordo co artigo 16º deste decreto.

Artigo 7º.-Subcontratación.

Cando, excepcionalmente, unha ECCE ou un LECCE subcontrate algunha parte da asistencia técnica prestada, debe asegurarse que o subcontratista cumpre coas condicións e requisitos técnicos exixibles para a prestación da asistencia correspondente. A ECCE ou o LECCE, tras informar o seu cliente por escrito, deberá contar, así mesmo, coa súa conformidade por escrito.

En calquera caso, a subcontratación non exime a ECCE ou o LECCE da súa responsabilidade.

Capítulo II

Procedemento de habilitación, modificacións e cesamento

de actividade

Artigo 8º.-Presentación da declaración responsable.

1. As ECCE e os LECCE presentarán unha declaración responsable, con carácter previo ao inicio da súa actividade, dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Esta declaración permitirá exercer a súa actividade, con carácter indefinido, para as ECCE nos campos de actuación en que declara cumprir cos requisitos técnicos exixibles, e para os LECCE nos ensaios e/ou probas de servizo en que declara cumprir cos requisitos técnicos exixibles.

2. A declaración responsable poderase presentar polas canles previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co anexo I para as ECCE, e co anexo II para os LECCE, deste decreto.

3. No caso de inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento incorporado a unha declaración responsable, será de aplicación o punto 4 do artigo 71º bis da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Modificacións e ampliacións.

1. Calquera modificación dos datos incluídos na declaración responsable das ECCE ou dos LECCE deberá ser presentada por calquera dos medios determinados no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no momento en que se produza o cambio.

2. O órgano competente poderá solicitar canta información precise sobre o grao en que as modificacións pretendidas afecten o cumprimento dos requisitos exixidos para o exercicio da súa actividade, e procedendo, se for o caso, á actualización do asento no rexistro correspondente.

3. No caso de que unha ECCE ou LECCE habilitados e inscritos no rexistro soliciten ampliar os seus campos de actuación, os ensaios ou probas de servizo en que presten asistencia, actuarase de acordo co procedemento establecido no artigo 8º do presente decreto, debendo presentar unha nova declaración responsable especificando os campos de actuación, os ensaios, e/ou as probas complementarias para os cales pretende iniciar a súa actividade.

Artigo 10º.-Cesamento da actividade.

As ECCE ou os LECCE que cesen na súa actividade de forma voluntaria deberán comunicalo ao IGVS, mediante as canles previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

Rexistro de Laboratorios e Entidades de Control da Calidade da Edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 11º.-Rexistro de ECCE e LECCE.

1. O Rexistro Único de Laboratorios e de Entidades de Control da Calidade da Edificación, creado polo Decreto 159/2007, do 26 de xullo, pasarase a denominar Rexistro de Laboratorios e Entidades de Control da Calidade da Edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Dirección Xeral do IGVS será o órgano responsable deste rexistro, sendo a Dirección Técnica de Construcións e Calidade á que lle corresponde a súa xestión.

3. O rexistro ten carácter administrativo e será público; para estes efectos o IGVS adoptará as medidas oportunas para dispoñer da información necesaria na páxina web do citado organismo.

Artigo 12º.-Estrutura do rexistro.

1. O rexistro conta con dúas seccións, unha correspondente ás ECCE e outra correspondente aos LECCE.

2. Os números de orden, no rexistro estarán precedidos polas letras «E» para as ECCE ou «L» para os LECCE, seguida do número 15, de identificación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Asentos.

Os asentos do rexistro son de tres clases: de alta, de baixa e complementarios.

a) Os asentos de alta son os de ingreso das anotacións relativas á habilitación ou ampliacións dos campos de actuación, ensaios ou probas en que se pode prestar a asistencia, así como das anotacións de modificacións de titularidade, traslado de domicilio ou calquera outra que modifique as condicións iniciais da inscrición.

b) Os asentos de baixa son os das anotacións relativas á extinción da habilitación ou cesamento de actividade por calquera das causas posibles expresadas no artigo 19º deste decreto.

c) Os asentos complementarios son as anotacións relativas ás modificacións dos requisitos exixidos para a inscrición, aos procedementos técnicos específicos, á relación dos organismos independentes que poden realizar as auditorías e ás avaliacións técnicas das ECCE e dos LECCE, de acordo co artigo 6º deste decreto.

Artigo 14º.-Asentos de alta.

En cada un dos asentos de alta ou de ingreso anotaranse os seguintes datos:

a) Número de inscrición no rexistro.

b) Razón social ou denominación.

c) Dirección e contacto do centro de traballo da ECCE ou LECCE habilitado.

d) Número de identificación fiscal ou código de identificación fiscal.

e) Nome e DNI do representante legal.

f) Campos de actuación, ensaios ou probas en que se habilita.

g) Entidade aseguradora con que se contratou o seguro de responsabilidade civil e número de póliza.

h) Data da orden de inscrición.

Artigo 15º.-Asentos de baixa.

En cada un dos asentos de baixa anotaranse os seguintes datos:

a) Motivo determinante da suspensión ou cesamento.

b) Período de suspensión ou cesamento, se é o caso.

c) Campos de actuación, ensaios ou probas revogadas.

d) Data da orde de cesamento.

Artigo 16º.-Asentos complementarios.

En cada un dos asentos complementarios anotaranse os seguintes datos:

a) Relación de procedementos de verificacións.

b) Relación de procedementos de probas.

c) Relación de organismos independentes auditores, avaliadores e certificadores recoñecidos.

Artigo 17º.-Xestión do Rexistro de ECCE e LECCE.

1. Unha vez presentada a declaración responsable, de acordo co artigo 8º deste decreto, xunto co xustificante de pagamento das taxas correspondentes, a Dirección Técnica de Construcións e Calidade do IGVS tramitará a alta no Rexistro de ECCE e LECCE da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As modificacións que afecten as condicións iniciais da inscrición sen que afecten o cumprimento dos requisitos exixidos para o inicio da actividade serán actualizadas no asento do rexistro directamente unha vez comunicadas ao IGVS.

3. As baixas no rexistro polos motivos definidos no artigo 19º serán automáticas e notificaranse á ECCE ou ao LECCE interesada/o.

Artigo 18º.-Recoñecemento no Rexistro Xeral do Código Técnico da Edificación.

O IGVS comunicará as novas inscricións, as modificacións, ou as baixas do Rexistro de ECCE e LECCE da Comunidade Autónoma de Galicia ao Rexistro Xeral do Código Técnico da Edificación dependente do Ministerio de Fomento.

Artigo 19º.-Baixa no Rexistro de ECCE e LECCE.

1. Son motivos de baixa no rexistro aqueles que motivan a baixa da actividade e, particularmente, os seguintes:

a) O cesamento da actividade por petición propia da ECCE ou do LECCE interesado.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión dos datos da manifestación ou documento incorporado a unha declaración responsable.

c) O incumprimento dalgunha das condicións exixidas para o exercicio da súa actividade neste decreto ou nas disposicións de desenvolvemento.

d) A non corrección das deficiencias constatadas pola inspección, sempre que se trate de deficiencias graves que afecten os requisitos esenciais exixidos para exercer a actividade.

e) As sancións que leven consigo a baixa da actividade e previstas na lexislación vixente en materia de vivenda.

2. Nos supostos regulados nas letras b), c), d) e e) do número anterior, a baixa producirase mediante a resolución motivada da Dirección Xeral do IGVS, logo da tramitación do correspondente expediente contradictorio.

3. As ECCE ou os LECCE que causen baixa no rexistro por calquera dos motivos establecidos neste artigo deberán comunicalo ás persoas destinatarias dos seus servizos.

Capítulo IV

Réxime de inspeccións e sancións

Artigo 20º.-Réxime das inspeccións.

1. O IGVS, como órgano competente para velar polo cumprimento dos requisitos exixibles ás ECCE e aos LECCE para o exercicio da súa actividade, poderá inspeccionalos, podendo solicitar cando o considere preciso calquera documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos exixidos e que declaran cumprir.

2. O IGVS poderá establecer, mediante resolución da dirección xeral, un plan de inspeccións ás ECCE e aos LECCE rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia, en que se definan os períodos mínimos de inspección e o nivel desta, dependendo das auditorías, avaliacións técnicas ou certificados presentadas polas ECCE e polos LECCE e emitidos por un organismo independente recoñecido de acordo co artigo 6º deste decreto.

3. Poderanse realizar inspeccións complementarias ao plan de inspeccións por parte do IGVS, de oficio ou motivadas por denuncias.

Artigo 21º.-Inspeccións das ECCE e dos LECCE.

1. Os/as inspectores/as terán acceso ao manual de calidade, aos procedementos, ao rexistro interno de verificacións e aos informes ou actas de resultados que xeren as asistencias técnicas prestadas ou en curso.

2. Os/as inspectores/as comprobarán o cumprimento dos requisitos a que se refiren os anexos I e II do Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, para ECCE e LECCE respectivamente, e levantarán acta da inspección que o órgano competente remitirá ao interesado.

3. No caso de que na acta figure a falta de conformidade co establecido nos requisitos exixibles, e sempre que esta non sexa esencial, a ECCE ou o LECCE proporá, no prazo máximo de 15 días, o plan de accións correctoras que deberá poñer en marcha para a súa corrección, así como o prazo de implantación.

4. Á vista da acta de inspección e do plan de accións correctoras, o órgano competente aceptarao ou ordenará a realización das que considere oportunas, de acordo con criterios técnicos, co fin de dar cumprimento aos requisitos exixibles. En calquera caso poderá ordenar a realización de inspeccións para comprobar a súa implantación.

Artigo 22º.-Ensaios de contraste dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación.

O plan de inspeccións determinará o número, a periodicidade e as condicións dos ensaios de contraste que os laboratorios deberán realizar, como cumprimento dos requisitos exixibles.

Artigo 23º.-Infraccións e sancións.

De acordo coa Lei 38/1999, de ordenación da edificación, as ECCE e os LECCE son axentes da edificación. Na Comunidade Autónoma de Galicia o réxime sancionador aplicable a eles será o establecido na Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, ou na lexislación nesta materia que sexa aplicable no momento dos feitos.

Disposición adicional

Modifícase o artigo 3º do Decreto 232/1993, do 30 de setembro, polo que se regula o control de calidade da edificación na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«A realización dos ensaios, das probas de servizo e das verificacións incluídas no plan de control de calidade das obras deberán ser realizadas polas ECCE e polos laboratorios habilitados para o exercicio da súa actividade».

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Os interesados que presentasen solicitude mediante os procedementos de acreditación de acordo co previsto no Decreto 441/1990, do 6 de setembro, ou no Decreto 159/2007, do 26 de xullo, con anterioridade á entrada en vigor da Lei 25/2009, do 22 de decembro, poderán desistir do procedemento iniciado ao abeiro da anterior normativa e presentar a declaración responsable para o inicio da súa actividade, ou manifestar a vontade de continuar a tramitación do expediente iniciado ata a súa resolución. No primeiro caso o expediente será arquivado.

2. As ECCE e LECCE acreditados pola normativa anterior ao momento da entrada en vigor do Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, e rexistradas no Rexistro de ECCE e LECCE da Comunidade Autónoma de Galicia, manteranse inscritos e seguirán habilitados para o exercicio da súa actividade nas actuacións que tiñan acreditadas, sen necesidade de presentar a declaración responsable, e ateranse ao disposto na disposición transitoria única do citado real decreto.

Segunda.

En tanto non se cree o Rexistro de Axentes da Edificación de acordo coa Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, as ECCE e os LECCE inscribiranse no rexistro correspondente ao que fai referencia o artigo 11º deste decreto, o cal pasará a integrarse como unha sección do Rexistro de Axentes da Edificación para dar cumprimento ao disposto no artigo 12º da citada lei.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 441/1990, do 6 de setembro, polo que se aproba o sistema para a acreditación de laboratorios de ensaio para o control de calidade da construción con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

Derrógase o Decreto 159/2007, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de acreditación das entidades de control de calidade da edificación e se crea o Rexistro Único de Entidades e Laboratorios acreditados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, derrógase a Orde do 21 de novembro de 2007, pola que se aproban as áreas de acreditación e se establecen as condicións técnicas que as entidades de control de calidade deberán cumprir na asistencia técnica das obras de edificación de uso administrativo, sanitario, relixioso, residencial, docente, cultural e social.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "04100D001P007.PDF"