DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 28 de marzo de 2011 Páx. 5.168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 10 de marzo de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento do sector artesanal galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011. Código de procedemento IN201F, presentación telemática.

As actividades artesás representan na Galicia de hoxe unha gran reserva desde o punto de vista cualitativo e tamén cuantitativo. Forman parte do tecido produtivo básico sobre o que se constrúe a sociedade moderna e, moi especialmente no caso do noso territorio, significan o fío condutor da identidade de toda unha cultura.

Cada sector conta coas súas propias redes de comercialización máis ou menos definidas e adaptadas ás características da produción e ás exixencias do propio mercado. No caso da artesanía, a diversidade de actividades supón que existan numerosas canles de comercialización en función de cada produto. Fortalecer estes lazos, ou crear outros novos, así como fomentar o asociacionismo no sector artesanal é unha tarefa obrigada para darlle pulo á artesanía e progresar na súa modernización. Ademais, este sector, polas súas peculiaridades, non sempre se fai visible alí onde se exerce, o que representa unha seria dificultade para a súa conservación e desenvolvemento.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27º.17, atribúe á nosa comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. De acordo co dito plano competencial, a comunidade autónoma posúe plenas competencias normativas, entre as cales se inclúe a lexislativa, para regular o réxime da artesanía no ámbito territorial da comunidade autónoma. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesanal en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade.

De acordo co reflectido no parágrafo anterior, a actual normativa de subvencións non se contrapón co disposto na Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativas aos servizos no mercado interior e coa Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á citada directiva.

Respondendo ás actuais dimensións e á realidade das asociacións profesionais ou empresariais de artesáns e artesás que no contexto actual desenvolven as súas actividades no ámbito desta comunidade autónoma, e en función do auxe e proliferación no ámbito social dos diferentes tipos de asociacións profesionais e/ou empresariais vinculadas ao sector artesán, e o incremento da súa presenza no tráfico xurídico, faise necesario, polo tanto, proceder á instrumentación da concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para as asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás co obxecto de potenciar e desenvolver o asociacionismo profesional no sector.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria ás asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás, con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, para accións de fomento do sector artesanal galego e que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1.- Os formularios de solicitude de axuda regulados nesta orde poderaos obter, cubrir, validar e imprimir o solicitante a través da aplicación informática Axudas virtual (procedemento IN201F presentación electrónica) dispoñible no seguinte enderezo da internet: https://axudasindustria.xunta.es/att

Tamén se pode acceder, na oficina virtual desta consellería, sita nos seguintes enderezos da internet da Xunta de Galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN201F:

http://economiaeindustria.xunta.es

http://www.xunta.es/presentación-electronica-da-xunta-de-galicia

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio, a través do teléfono 881 99 91 78 ou do enderezo do correo electrónico: axudas-IN201F.cei.dxc@xunta.es que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A presentación de solicitudes farase en soporte papel ou en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, logo de obter e cubrir os formularios de acordo co previsto neste artigo.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no Rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992).

3. As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da persoa solicitante ou persoa que a represente e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, e teranse que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador ou presentadora deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firma profesional e Banesto CA.

4. Xunto cos formularios de solicitude deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no número 2 do artigo 5º do anexo I das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnica como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais, e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas, e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente, ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.

Artigo 4º.-Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201F presentación electrónica, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:

http://economiaeindustria.xunta.es

b) O teléfono 881 99 91 78 da devandita dirección xeral.

c) O correo: axudas-IN201F.cei.dxc@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2011.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás para o fomento do sector artesanal galego, cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio ás asociacións profesionais e empresariais do sector.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo cal non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28 de decembro).

Artigo 2º.-Actuacións e gastos subvencionables.

1. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a continuación se especifican, desenvolvidas por asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

a) Investimentos en equipamento, mellora da loxística e das comunicacións.

I. Adquisición de equipamentos para procesos de informatización, que deberán ser, en todo caso, de primeiro uso, cun máximo dunha unidade por entidade solicitante.

II. Creación de redes de comunicación que posibiliten a interconexión en rede das asociacións profesionais e empresariais entre si ou cos seus artesáns e artesás, así como con outros organismos ou centros de xestión directamente relacionados co sector da distribución comercial, e que fomenten o labor de asesoramento e a posta en funcionamento de plataformas que faciliten o comercio.

III. Proxectos de creación e consolidación de agrupacións e central de compras e servizos, estudos previos sobre a súa viabilidade e a súa posta en funcionamento, e plans de accións realizados por empresas especializadas.

b) Divulgación e promoción de produtos artesanais:

I. Realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, incluídos rótulos e valos publicitarios, en papel, magnéticos ou CD/DVD, a edición de material impreso e audiovisual sobre produción artesanal especificamente dirixidos e concibidos ao fomento da actividade e á potenciación dos produtos artesanais.

II. Deseño, creación e contratación de dominio para páxina web.

c) Participación como expositor con caseta propia en feiras de carácter profesional.

I. Gastos que ocasionen os espazos que se contraten, alugamento ou construción da caseta e transporte do material, montaxe e desmontaxe das casetas, seguros, enerxía eléctrica e vixilancia. Contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes, gastos de desprazamento en transporte público colectivo e aloxamento de ata dúas persoas, así como publicidade e publicacións editadas ex profeso para a participación directa nestes eventos.

II. Adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización exclusiva en feiras profesionais.

d) Incorporación do deseño ás novas liñas de produto, mediante a colaboración con axentes externos profesionais que desenvolvan a dita actividade a título principal.

I. Os honorarios dos consultores de deseño así como os custos relativos aos materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.

e) Actuacións específicas realizadas polas asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás tales como: actividades de información e orientación comercial, organización de conferencias, xornadas técnicas, mesas redondas, orientadas e deseñadas en liña coas características e especificidades do sector artesanal e encamiñadas ao fomento e desenvolvemento deste.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro do 2011 e a data límite de xustificación establecida no artigo 18º destas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

3. Actuacións e gastos non subvencionables.

Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación desta orde os custos relacionados coas actuacións seguintes:

a) Publicidade en medios escritos, radio ou televisión, así como os de calquera tipo de formularios ou materiais de uso administrativo.

b) Custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto do proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos en que non se acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a dita actividade a título principal.

c) As aplicacións informáticas de xestión.

d) Os regalos promocionais, nin a realización de cócteles e actos análogos.

e) Axudas de custo de manutención e desprazamentos en vehículos particulares na asistencia a feiras profesionais.

f) Investimentos, ou solicitudes íntegras, en que os provedores estean relacionados coa entidade solicitante, cos seus órganos directivos ou xestores, de acordo coa Lei 9/2007, no seu artigo 27º, punto 7, e supletoriamente, a normativa de carácter básico do Estado en materia de subvencións.

g) Os gastos de persoal propio da asociación, así como calquera outro gasto derivado da actividade habitual da entidade.

h) Os impostos recuperables ou repercutibles pola persoa beneficiaria e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

i) Aquelas actuacións que non estean directamente vinculadas coa realización da actuación subvencionable.

De conformidade co establecido no artigo 9º destas bases, constituirase, con carácter xeral e para todas as tipoloxías de axudas enumeradas anteriormente, unha comisión de avaliación das solicitudes de axudas presentadas.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.741-F.781.0 Achegas ás asociacións en materia de artesanía, cun importe máximo de 120.000 euros para o ano 2011.

Este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvención de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10º.

Aplicación orzamentaria Ano 2011

08.03.741-F.781.0 120.000 euros

A porcentaxe de subvención alcanzará o 70% do investimento máximo subvencionable cun máximo de 35.000 € por entidade para a suma de todas as tipoloxías de axudas concedidas.

Non obstante, para os investimentos considerados no artigo 2º.1, establécese a contía máxima de 5.000 € para cada unha das actuacións contidas na alínea e).

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria.

3. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso, nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

4. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

Artigo 4º.-Persoas beneficiarias.

Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as asociacións profesionais e empresariais de artesáns e artesás que acrediten a inscrición dun mínimo de dez artesáns ou artesás no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e o seu ámbito de actuación se desenvolva integramente na Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º alínea h) do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis.

Non poderán acadar a condición de persoas beneficiarias aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes, deberá presentarse a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como o código de identificación fiscal (CIF).

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante, xunto co documento nacional de identidade (DNI/NIE).

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2º.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios, a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, unha vez que estea dispoñible o mecanismo, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Para estes efectos, poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude.

No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentarse o documento mencionado ao final do primeiro parágrafo.

c) Documentación técnica relativa ao proxecto. Memoria explicativa do proxecto en que conste o historial da entidade, obxectivos da actividade, descrición pormenorizada do proxecto que se vai desenvolver, interese, oportunidade, obxectivos do proxecto e calendario de execución.

No caso de organización de conferencias, xornadas técnicas e mesas redondas, terá que especificarse a data de celebración, os relatores e os importes estimados dos seus honorarios.

No caso de que a persoa solicitante entregue, dentro do prazo de presentación de solicitudes, a memoria técnica incompleta, entenderase que solicita a valoración do seu proxecto coa información dispoñible nos formularios normalizados.

d) Orzamento desagregado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, factura ou, no seu defecto, factura pro forma da actividade ou adquisición que se vai subvencionar, por quen vaia subministrar ou ben prestar o servizo. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou provedora ou tarifa oficial do gasto. A relación nominativa de facturas presentarase segundo o anexo VII.

Segundo o artigo 29º.3 da Lei 9/2007, cando o importe do gasto subvencionable (sen IVE) supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase de conformidade con anterioridade á solicitude de subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención ou, se for o caso, na fase de xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta

nos parágrafos seguintes:

d.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores ou provedoras seleccionados/as pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

d.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

d.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores ou provedoras, nos seguintes casos:

-Cando a elección do provedor ou provedora non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a persoa solicitante.

-Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

-Cando o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención, feito que se acreditará nesta memoria xustificativa mediante factura co seu correspondente pagamento.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor ou provedora recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores ou provedoras elixidos/as supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser persoa beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos en que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

e) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa, sen incluír as partidas para as cales se solicita a subvención.

f) Certificado expedido polo secretario ou secretaria ou representante da entidade que acredite o número de socios, socias ou asociados e asociadas que inclúa o nome da persoa titular e actividade con que aparece inscrita no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, para os efectos de verificar a súa inscrición no dito rexistro.

g) Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

h) Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º alínea h) do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado, ás axudas de minimis. Así mesmo, declaración da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado establecido no anexo IV desta orde.

i) Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o anexo IV desta orde.

j) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, no caso de que a persoa solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

Se o certificado dispón de código de verificación coa Administración pública correspondente, poderase presentar o dito documento sen compulsar.

No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

k) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

l) Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo VI, de ser o caso.

Artigo 6º.-Consentimento e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, debendo presentar entón as certificacións a que fai referencia este punto.

2. De acordo co disposto no artigo 35º f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o cal foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constata a súa invalidez, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20º.3 da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa consta en poder da consellería, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web coas excepcións previstas no artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía e Industria ditar a resolución da concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6º.1 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social ou no suposto de que sexa necesario achegar documentación, logo de aplicarse o disposto no artigo 35º f) da Lei 30/1992.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6 b), 60º e 61º da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda ou corrección poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Economía e Industria a que se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa solicitante que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e efectuadas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de avaliación.

1. A comisión de avaliación será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de avaliación será a seguinte:

a) Presidente ou presidenta. Un xefe ou xefa de servizo.

b) Vogais. Dous técnicos ou técnicas da Dirección Xeral de Comercio.

c) Secretario ou secretaria. Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Comercio.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de forma individualizada as persoas solicitantes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª, do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10º.-Criterios de avaliación.

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. Mellora da divulgación e promoción das producións artesanais, así como da comercialización mediante o acceso aos novos mercados e o desenvolvemento de novos produtos:

a) Alcance da actuación, atendendo tanto á difusión como á representatividade da entidade e, de ser o caso, ao número de membros a que se dirixe o proxecto en cuestión: ata 10 puntos.

b) Promover a divulgación da cultura dos oficios artesáns entre as novas xeracións mediante a introdución no seu contorno dos valores destas, dando a coñecer os procesos e actitudes que constitúen as características esenciais das actividades artesanais: ata 5 puntos.

2. Rigorosidade do proxecto, coherencia na súa estrutura e adecuación dos obxectivos: ata 10 puntos.

3. Actuacións que se presenten vinculadas co desenvolvemento, fomento e potenciación dalgunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, produción de zocos e zocas, de tonelaría, sellaría, albardaría, olaría, forxa, folladelata, caldeiraría, afiado, cestaría, labores de palla e carpintaría de ribeira: 10 puntos.

4. Compromiso de utilización da lingua galega en todas as actuacións e nos elementos que proceda das actuacións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo VI: ata 1 punto.

5. Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria: 2 puntos.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de avaliación formulará a proposta de resolución que se elevará, a través do órgano instrutor, á persoa titular da consellería de Economía e Industria.

2. A persoa titular da consellería, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se for o caso, o motivo de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar a contía da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións notificaranse de acordo co establecido na Lei 30/1992. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que as persoas beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supoñan a denegación da subvención.

3. O beneficiario ou beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Economía e Industria acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de remate do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da subvención na parte afectada pola modificación. E isto sen prexuízo da perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Comercio.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 11º destas bases.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21º.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que a persoa interesada comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42º.1 da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas das asociacións.

Son obrigas das persoas beneficiarias as previstas no artigo 11º da Lei 9/2007 e, particularmente:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, de ser o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, de ser o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas por minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1º.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamenten a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. As entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren con respecto ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria, Dirección Xeral de Comercio ou, de ser o caso, mediante o emprego dos logotipos e enderezos web correspondentes que se deberán exhibir, de forma adecuada, no contido dixital.

i) Todos os sitios web que sexan obxecto da subvención deberán cumprir as directrices para a accesibilidade ao contido de páxinas web do Consorcio World Wide Web (http://www.w3.org) mediante a norma de accesibilidade WAI, nivel AA, como mínimo.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007.

k) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión en caso de bens inscritibles nun rexistro público, e un período de dous anos para o resto de bens.

Artigo 17º.-Subcontratación.

Permítese a subcontratación pola persoa beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axuste ás previsións dispostas no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 2º da convocatoria, en orixinal ou fotocopia compulsada, tendo de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2011, incluído:

a) Memoria en que se describa a realización do investimento, na cal deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servizos prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Unha relación clasificada da actividade, desagregada por epígrafes, e dos gastos e investimentos, segundo o anexo III.

c) Xustificantes dos investimentos, facturas dos provedores ou provedoras e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento (especificándose, de ser o caso, o tipo de cambio aplicado), segundo o anexo VII.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) Segundo o artigo 29º.3 da Lei 9/2007, a asociación beneficiaria da subvención deberá presentar, no caso de que non o fixer xa coa solicitude, a seguinte documentación:

d.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores ou provedoras seleccionados/as pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

d.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

d.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores ou provedoras, nos seguintes casos:

-Cando a elección do provedor ou provedora non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a persoa solicitante.

-Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

-Cando o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención, feito que se acreditará nesta memoria xustificativa mediante factura co seu correspondente pagamento.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor ou provedora recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores ou provedoras elixidos/as supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser persoa beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos en que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

e) Copia da acta da sesión onde foi presentado o proxecto de subvención.

f) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudos ou proxectos, entregarase ademais un exemplar destes, facendo constar na súa publicidade o cofinanciamento dos seus activos pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria, Dirección Xeral de Comercio. No caso dos catálogos deberase presentar unha certificación da empresa editorial onde figure a data de edición e o número total de exemplares editados.

g) A xustificación para efectos de asistencia a feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espazo da feira, haberá que presentar igualmente a documentación mencionada na alínea anterior.

h) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. No caso de ser persoa beneficiaria dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación deberá entregarse a documentación necesaria para a súa avaliación para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

i) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, en que conste: código de banco, código da sucursal, díxitos de control e número da conta corrente.

j) Declaración xurada de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o anexo IV.

k) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

l) No caso de que tras realizar a Consellería de Economía e Industria de oficio a consulta telemática para solicitar as certificacións de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, dese como resultado que a persoa beneficiaria teña débedas dalgún tipo das mencionadas, requirirase a persoa solicitante que regularice a súa situación e presente por si mesma o/s correspondente/s certificado/s de estar ao día nas súas obrigas tributarias e/ou sociais. A dita consulta telemática realizarase con anterioridade á tramitación da proposta de pagamento das axudas, de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 12º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación solicitada, de conformidade co disposto polo artigo 45º.2 do Decreto 11/2009, requirirase a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que legalmente correspondan.

Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 19º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.

3. O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 40% do importe establecido na resolución da concesión. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 3º do anexo I.

Artigo 20º.-Incumprimento, reintegro e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II Do reintegro de subvencións da Lei 9/2007.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007 e no título VI do seu regulamento.

Artigo 21º.-Control.

Estas subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Para estes efectos, as persoas beneficiarias das axudas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 22º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 23º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "06100D005P016.PDF"