DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 30 de marzo de 2011 Páx. 5.474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 18 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

De acordo co disposto no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, relativas á xestión das políticas activas de emprego.

O Programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora e para aproveitar o potencial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

A estrutura normativa do Programa das IEBT desenvólvese no Decreto 56/2007, do 15 de marzo (DOG nº 65 do 2 de abril), polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reunir os proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT. Nesta orde fíxanse as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica e establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva dado que de acordo coa finalidade e o obxecto do programa non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos e ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 por cento a través do Programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2011 do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e ao disposto nesta orde.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídos os autónomos/as, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

2. O cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea deberá estar constituído, como mínimo, nun 25% por persoas con titulación universitaria.

3. As entidades beneficiarias deberán crear, no primeiro ano de actividade, emprego estable para persoas desempregadas, respectando a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo da IEBT.

Artigo 4º-Definicións.

1. Constitución da empresa: entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. Se se trata de empresaria ou empresario individual, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

2. Inicio da actividade empresarial: entenderase que unha empresa inicia a súa actividade produtiva cando cause alta no imposto de actividades económicas, ou ben cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Persoa desempregada: para os efectos das axudas recollidas nesta orde terá a consideración de persoa desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data de solicitude de alta na Seguridade Social realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, o órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención carece de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

4. Mozo desempregado e moza desempregada: as persoas desempregadas de 30 ou menos anos de idade no momento da contratación.

5. Empregos subvencionables: os postos de traballo creados de carácter estable e que sexan ocupados con persoas desempregadas.

As transformacións de contratos temporais, calquera que for a súa modalidade, en indefinidos só se terán en conta para os efectos de determinar a contía máxima das subvencións reguladas nos artigos 9º e 10º, sempre que os traballadores e/ou traballadoras, na data da realización do contrato temporal, estiveren en situación de desemprego de acordo coa definición do artigo 4º.3 e a transformación se realice durante o primeiro ano de actividade da empresa.

Entenderase que se produce a transformación en todos aqueles casos en que ambas as dúas modalidades contractuais se sucedan sen ruptura da relación laboral coa empresa, incluídos aqueles supostos en que o inicio da relación laboral indefinida ten lugar ao día seguinte ao do termo da vixencia do contrato temporal.

No caso de transformacións de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser a tempo completo.

Nos supostos de transformación de contratos temporais a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Nos postos de traballo creados e polos cales se solicite subvención, deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

As contratacións indefinidas, para poderen ser obxecto de subvención, deberán formalizarse e comunicarse á Oficina Pública de Emprego na forma regulamentariamente establecida.

6. Inmobilizado material ou intanxible: aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade de Pequenas e Medianas Empresas e os criterios contables específicos para microempresas, e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.

Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da persoa ou entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense así mesmo os impostos e os investimentos referidos aos domicilios particulares dalgún dos promotores.

No suposto de elementos de transporte soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100% do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

Non obstante, para as empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderá concederse a subvención financeira para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non lle concedan á persoa ou entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

Capítulo II

Modalidades de axuda

Artigo 5º.-Tipos de axuda.

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Apoio á función xerencial.

d) Subvención financeira.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Artigo 6º.-Subvención á creación directa de emprego estable.

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os dos propios promotores e promotoras, creados antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade, e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha subvención de:

a) 4.000 euros se son homes desempregados.

b) 5.000 euros se son mulleres desempregadas.

c) 5.000 euros se son mozos desempregados.

d) 5.600 euros se son mozas desempregadas.

e) 6.000 euros se son titulados universitarios desempregados.

f) 6.600 euros se son tituladas universitarias desempregadas.

g) 7.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.

2. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

3. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade.

4. Non se concederá esta axuda cando se trate de traballadores ou traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

5. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadoras ou traballadores por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato obxecto de subvención.

6. Serán subvencionables ao abeiro desta orde os postos de traballo creados entre o 1 de xullo de 2010 e o 30 de setembro de 2011.

7. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 7º.-Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

1. As contratacións temporais de persoal técnico de alta cualificación realizadas antes de que transcorra un ano desde a data de inicio da actividade serán subvencionadas nunha contía equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, segundo a duración do contrato, cun máximo de 12 mensualidades.

Para acceder a esta axuda, o experto técnico de alta cualificación contratado deberá estar en posesión dun título universitario.

2. Quedan excluídos desta modalidade de axuda as contratacións ou incorporacións realizadas cos titulares ou socios e socias da empresa cualificada como iniciativa de base tecnolóxica, así como do/da cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído do empresario/a ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexa membro dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estas persoas citadas. Non será de aplicación esta exclusión cando o empregador/a sexa un/unha traballador/a autónomo/a que contrate con traballador/a por conta allea os/as fillos/as menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con el/ela, ou cando se trate dun/dunha traballador/a autónomo/a sen asalariados, e contrate un só familiar menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. Esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

4. Serán subvencionables, ao abeiro desta orde, as contratacións realizadas entre o 1 de xullo de 2010 e o 30 de setembro de 2011.

5. Esta subvención é compatible, se é o caso, coas bonificacións de cotas á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual.

6. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 8º.-Apoio á función xerencial.

1. Para o acompañamento na instalación da empresa, poderase financiar o apoio ás funcións xerenciais para axudar á persoa promotora ou empresario/a na toma de decisións necesarias para o funcionamento da empresa. O dito apoio poderá consistir nas seguintes modalidades:

a) Axuda por titoría, entendéndose por tal o acompañamento técnico que unha persoa experta allea á empresa, sexa física ou xurídica, que reúna garantías de solvencia e profesionalidade, lle presta á persoa promotora ou empresaria nas súas actividades xerenciais durante un prazo de tempo determinado.

b) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora ou empresaria poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

c) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou empresaria/o poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndo nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado polo apoio á función xerencial producido no primeiro ano de actividade empresarial que deberá de ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011.

3. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial, que se pagará por unha soa vez, será do 75% do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

4. Poderán solicitar esta axuda as empresas que iniciasen a súa actividade a partir do 1 de xullo de 2010.

5. A solicitude deberá presentarse respectando o prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 9º.-Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade promover a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos que sexan necesarios para a creación e posta en marcha das empresas cualificadas como IEBT. Cómo mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

2. Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberán formalizarse no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011, ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados entre a data de inicio da actividade e o 31 de outubro de 2011 e, xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

3. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomando como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se ésta é anterior.

A persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

4. Esta subvención ten como límite a contía máxima de 6.300 euros por emprego estable creado para persoas desempregadas durante o primeiro ano desde o inicio da actividade.

5. A solicitude deberá presentarse no prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Artigo 10º.-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Esta axuda consistirá nunha subvención para o financiamento dos gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:

-De 1 a 2 postos de traballo: 24.000 euros.

-De 3 a 10 postos de traballo: 36.000 euros.

-De 11 a 20 postos de traballo: 48.000 euros.

-21 ou máis postos de traballo: 60.000 euros.

O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables, e a contía de 12.000 euros por posto de traballo estable creado.

2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa, que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión, ou, se é o caso, ata o 31 de outubro de 2011.

Os gastos subvencionables serán os gastos de constitución da empresa, a compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos; o arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos; os gastos do seguro do local, de publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

3. Para os efectos desta axuda só se terán en conta os empregos subvencionables creados durante o primeiro ano de actividade.

4. Poderán solicitar esta axuda as empresas que iniciaron a súa actividade a partir do 1 de xullo de 2010.

5. A solicitude deberá de presentarse respectando o prazo xeral establecido no artigo 12º.2 desta orde.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 11º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2011.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es.

4. De acordo co previsto no artigo 4º do Decreto 56/2007, do 15 de marzo, na presentación das solicitudes os solicitantes poderán contar co asesoramento dos e das axentes con especialización en IEBT da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 13º.-Autorizacións.

1. A presentación da solicitude de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autonónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención, a persoa ou entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario con que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención, e na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar.

4. Coa presentación da solicitude de subvención, mediante o anexo VIII desta orde, a persoa interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade. No caso de non prestar a autorización deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle que os datos persoais recollidos nesta solicitude se incorporarán ao Ficheiro de Axudas de Promoción do Emprego para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste procedemento. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da empresa/entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar o traballador sobre a existencia e finalidade da cesión así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, como responsable do ficheiro, no enderezo: edificio administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

Artigo 14º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañados do orixinal ou da fotocopia compulsada ou cotexada da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para todas as modalidades de axuda:

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo modelo anexo VIII, para a consulta dos datos de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante, no sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

No caso de non presentar esta autorización, a persoa solicitante ou representante deberá achegar o DNI ou NIE.

Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e CIF da empresa.

b) Alta no imposto de actividades económicas, ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda. De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas.

c) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (anexo V).

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que quen solicita é titular da conta (anexo VI).

e) Documentación acreditativa de se encontraren ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que a persoa ou entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estaren incursos nas prohibicións para obteren a condición de beneficiario previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións (anexo VIII).

2. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

-Documentos acreditativos das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos establecidos no artigo 6º desta orde.

-Declaración do número de empregos estables creados polos que se solicita subvención, indicando se son ocupados ou non por persoas con titulación universitaria e expresando a data de incorporación efectiva á empresa (anexo III).

-Se é o caso, certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

-Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación:

-Memoria descritiva da necesidade da contratación das persoas técnicas de alta cualificación, número e perfís profesionais e funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais polas que son contratadas.

-Certificación académica de terminación dos estudos ou copia compulsada do título universitario.

-Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva da medida de apoio solicitado, na cal debe constar, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial, o orzamento desagregado por conceptos, os servizos que se desenvolven e o calendario da súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que prestou o apoio e a aceptación da persoa ou entidade solicitante.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa que prestou o servizo de apoio.

-Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo VII).

-Documento acreditativo da contratación das medidas de apoio en que conste o seu importe, facturas e o seu correspondente xustificante bancario do seu pagamento.

-De conformidade co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis ventaxosa.

d) Subvención financeira:

-Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimentos e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da subvención.

-Contrato de préstamo ou, na súa falta, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no cal figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (anexo IV).

-Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo VII).

-Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, indicando aqueles que haxa que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo III).

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e relacion detallada dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención.

-Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo VII).

-Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu corrrespondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian a ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os ocupen, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo III).

Artigo 15º.-Procedemento de concesión, instrución e tramitación.

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Apoio á Contratación por Conta Allea da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se presentar a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da antedita lei.

Artigo 16º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola Intervención das propostas emitidas polo dito servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tácitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por estar a axuda cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 17º.-Xustificación e pagamento.

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. En todo caso respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

3. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento a transferencia bancaria, a certificación bancaria ou o extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación.

4. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2011. Excepcionalmente este prazo poderá ser prorrogado por un período dun mes de forma extraordinaria debidamente xustificada.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión, da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A. Documentación xeral para todos os tipos de axuda:

-Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

-Declaración complementaria da establecida no artigo 14º.1 letra c) desta orde do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións (anexo V), así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores.

-Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar os traballadores sobre o financiamento comunitario da subvención dos seus contratos (anexo IX).

B. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

-Última nómina aboada a cada persoa traballadora pola que se concedeu a subvención.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

-Recibos dos salarios aboados, xustificantes das transferencias bancarias acreditativas do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social TC1 e TC2 xa ingresados.

c) Subvención ao apoio á función xerencial:

-Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida (anexo VII).

-Facturas da empresa, entidade ou persoa física, e documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas do custo do servizo recibido.

-Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, no caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia deste.

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física, da finalización do servizo de apoio prestado, coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servizos recibidos.

d) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo.

-Listaxe asinada coa relación dos investimentos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos do investimento realizado e da axuda concedida (anexo VII).

-Facturas e demais documentos xustificativos da realización do investimento en inmobilizado material ou intanxible e documento bancario acreditativo do seu pagamento.

e) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida (anexo VII).

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

6. Cando concorran varias modalidades de axudas, só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

7. A documentación exixida para a fase de pagamento, común e específica, que sexa de posible achega, poderá presentarse xunto coa solicitude á opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

8. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 18º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de contía tal que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstas nesta orde, agás naqueles casos en que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de iniciativas locais de emprego (ILE), de promoción do emprego autónomo, de iniciativas emprendedoras e de emprego, das iniciativas emprendedoras promovidas por persoas traballadoras que esgotaran as súas prestacións por desemprego, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, así como no programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador/a dunha cooperativa de traballo asociado, convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.

4. A axuda á creación directa de emprego estable e a subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación serán incompatibles coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Traballo e Benestar. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 19º.-Exclusións.

1. Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas en que os promotores da empresa solicitante desempeñen o control.

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta na Seguridade Social como traballadoras autónomas ou traballadores autónomos en actividade vinculada ao mesmo sector. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

c) As empresas que desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa de emprego de base tecnolóxica.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, estar suxeitos á intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declarados culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionado mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46º.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 20º.-Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das actuacións de comprobación e control. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos realizados e tidos en conta para a determinación da contía da subvención, e a xustificación da realización da actuación subvencionada, de acordo co disposto no artigo 90º do Regulamento (CE) 1083/2006.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e no Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L371, do 27 de decembro). Neste senso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención á creación directa de emprego estable e para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, a xustificación do cumprimento da obriga de informar os traballadores sobre a subvención dos

seus contratos (modelo anexo IX). Neste sentido, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o establecido no artigo 16º.5 desta orde.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As empresas beneficiarias das subvencións previstas nesta orde cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, están obrigadas no prazo de dous meses a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, a nova persoa traballadora debe pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Transcorridos tres anos desde a data de inicio da súa actividade, as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán dentro dos tres meses seguintes unha relación da variación das altas e baixas do persoal da empresa durante eses tres anos.

3. As empresas deberán manter no seu cadro de persoal a persoa técnica de alta cualificación contratada, como mínimo, polo tempo subvencionado, e se se produce o cesamento do traballador ou traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada no prazo de dous meses a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes ao da substitución. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda. Neste suposto de substitución, a obriga de mantemento estenderase ao período subvencionado máis ao período vacante.

Ademais, deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado:

-Unha memoria das actividades realizadas polas persoas técnicas de alta cualificación.

-Os recibos dos salarios, transferencias bancarias xustificativas do seu pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social (TC2) dos técnicos/as de alta cualificación, correspondentes ao período subvencionado.

Artigo 21º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22º.-Revogación e reintegro.

1. Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, respecto da obriga de manter a actividade empresarial durante tres anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal o ter mantido a actividade como mínimo dous anos e a persoa ou entidade beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos tres anos.

4. Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial de todas as axudas percibidas en función da persoa traballadora da que se trate, cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 20º punto 2, por cada contratación subvencionada e non substituída. Tamén procederá o reintegro parcial pola diferenza cando o traballador/a substituto/a sexa dun colectivo diferente ao substituido/a e lle correspondera unha subvención inicial inferior.

5. No suposto da subvención financeira entenderase que se produce un incumprimento total cando o préstamo se cancele ou se amortice parcialmente antes de transcorrer dous anos contados desde a data da formalización do préstamo, e parcial cando, transcorridos os dous anos, a persoa ou entidade beneficiaria solicite autorización ao organo concedente para a súa cancelación ou amortización parcial e os xuros xerados sexan inferiores á subvención concedida; neste caso debe reintegrar a parte da subvención financeira non xerada.

Artigo 23º.-Devolución voluntaria da subvención.

De acordo co establecido no artigo 64º do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida mediante o seu ingreso na conta de Novacaixagalicia 20910300473110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

Artigo 24º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 25º.-Réxime de axudas.

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) 104/2000, do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderán concederse axudas para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo a función de control, así como a da avaliación e do seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Ademais, os e as axentes con especialización en IEBT que realizan os labores de acompañamento e asesoramento colaborarán nas actuacións de seguimento e avaliación das empresas cualificadas como IEBT unha vez iniciada a súa actividade.

As empresas beneficiarias das axudas recollidas nesta orde terán a obriga de cubrir anualmente un cuestionario elaborado polos e polas axentes con especialización en IEBT, para os efectos da realización dun seguimento anual destas.

Segunda.-A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35º f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se encontre en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2011 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do director xeral de Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Quinta.-No exercicio 2011 as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 12.04.322C.470.2, código de proxecto 2011 00600 cun crédito de 38.778 euros, e 12.04.322C.472.2, código de proxecto 2011 00613 cun crédito de 561.222 euros. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Estas axudas son financiables polo FSE ao 80% no PO FSE Galicia 2007-2013, no eixe 1 e tema prioritario 68.

Estas contías están recollidas na Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do emprego de acordo coas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición transitoria

As empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) que iniciasen a súa actividade entre o 1 de xullo de 2009 e ata o 30 de xuño de 2010 poderán, con carácter excepcional e para o exercicio económico de 2011, solicitar a axuda ao apoio á función xerencial e a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade previstas nesta orde, polos gastos realizados durante o primeiro ano de actividade. Neste suposto deberán de presentar as solicitudes de axudas no prazo dun mes a partir da data de publicación desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para que, no ámbito das súas competencias, dite as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "06300D007P026.PDF"