DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 04 de abril de 2011 Páx. 5.935

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, establecendo as disposicións e principios necesarios para garantir o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, simplificando os procedementos e impulsando a modernización das administracións públicas.

Para alcanzar o obxectivo de reformar significativamente o marco regulatorio non abonda co establecemento dos principios xerais que deben rexer a regulación actual e futura das actividades de servizos, senón que é preciso proceder a un exercicio de avaliación de toda a normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio, para adecuala aos principios que a dita lei establece. Como consecuencia, procedeuse a modificar, entre outras, a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, que regulan as actuacións dos organismos e entidades que operan no ámbito da calidade e da seguridade industrial.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, modificada pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, establece no seu artigo 13 que o cumprimento das exixencias regulamentarias en materia de seguridade industrial, sen prexuízo do control pola Administración pública, se probará de acordo cos regulamentos que resulten aplicables utilizando, entre outros medios, certificación ou acta dun organismo de control.

Así mesmo, tamén establece que as administracións públicas competentes poderán comprobar en calquera momento por si mesmas ou a través de organismos de control o cumprimento das disposicións e requisitos de seguridade, de oficio ou por instancia da parte interesada en casos de risco significativo para as persoas, animais, bens ou o ambiente.

O Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o regulamento da infraestrutura para a seguridade e a calidade industrial, veu desenvolver os aspectos contidos no título III da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, sobre os organismos e entidades que operan no ámbito da calidade e da seguridade industrial.

O Real decreto 338/2010, do 19 de marzo, modificou o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, definindo os organismos de control como as persoas naturais ou xurídicas que, tendo plena capacidade de obrar, se constitúen coa finalidade de verificar o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de produtos e instalacións industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría.

O Real decreto 338/2010 modifica os criterios e procedementos de acreditación e autorización dos organismos de control, o alcance destas e as entidades e autoridades competentes para outorgalas.

As previsións establecidas no Real decreto 338/2010 fan necesario derrogar o Decreto 426/2001, do 15 de novembro, polo que se regulan os organismos de control en materia de seguridade industrial en Galicia, en canto se opón ao que se establece no real decreto citado, e a parte dos principios xerais da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Por outro lado, resulta necesario determinar o órgano competente para autorizar os organismos de control que inicien a súa actividade ou sitúen as súas instalacións na comunidade autónoma, a publicación oficial das autorizacións que se outorguen, así como o procedemento de comunicación das actuacións á Administración. Respecto do procedemento de comunicación, o decreto introduce a obrigatoriedade de facelo a través da tramitación e presentación telemática, desenvolvendo o disposto no artigo 27º.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Respecto da normativa galega en materia de seguridade industrial, a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, establece e regula o sistema de control da seguridade industrial e defíneo como o conxunto de instrumentos legais orientados a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial. O desenvolvemento da lei autonómica polo Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia, completou o panorama normativo da inspección en materia de industria na comunidade autónoma. Neste senso, convén distinguir e relacionar a regulación desenvolvida no presente decreto e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro.

No Decreto 219/2008 regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola cal a consellería competente en materia de industria ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, xa a acometa directamente a administración xa o fagan outras entidades autorizadas. Neste caso, a execución das inspeccións non deriva da obriga recollida nos regulamentos de seguridade industrial, senón da súa función de garante do control das condicións de seguridade de produtos e instalacións suxeitos á seguridade industrial. A diferenza de tales supostos, no presente decreto regúlase a actuación dos organismos de control no ámbito do control regulamentario, entendido como o control do cumprimento das exixencias dos regulamentos de seguridade industrial vinculadas á posta en marcha e as inspeccións periódicas das instalacións e produtos industriais.

O decreto consta de oito artigos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Na súa virtude, logo de ser sometido ao trámite de consulta, de acordo co ditame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Economía e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa xuntanza do día vinte e catro de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por obxecto regular a autorización dos organismos de control, así como a súa actuación, no ámbito do control regulamentario da seguridade industrial, na Comunidade Autónoma de Galicia.

O decreto regula o procedemento de autorización, así como as condicións en que os organismos de control desenvolverán as súas actuacións.

2. No que respecta á autorización, o presente decreto será de aplicación aos organismos de control que inicien a súa actividade ou sitúen instalacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como inicio da súa actividade en España.

Polo contrario, as condicións para o desenvolvemento das súas actuacións de control aplicaranse a todos os organismos de control que presten os seus servizos en Galicia, independentemente da orixe da autorización.

Artigo 2º.-Autorización.

1. Os procedementos de autorización axustaranse ao previsto con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo das especialidades de procedemento que se expresan a seguir.

2. A autorización dos organismos de control que inicien a súa actividade ou sitúen as súas instalacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como inicio da súa actividade en España, corresponde á dirección xeral competente en materia de industria.

3. Os organismos de control, para seren autorizados, deberán cumprir os requisitos que se establecen no artigo 43º do regulamento de infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, modificado polo Real decreto 338/2010, do 19 de marzo.

4. Coa solicitude de autorización, de acordo co modelo indicado no anexo III do presente decreto, xuntarase a documentación que xustifique o cumprimento dos requisitos necesarios.

5. As resolucións de autorización, revogación da autorización ou cesamento da actividade dun organismo de control publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Artigo 3º.-Ámbito de actuación, requisitos e resultado das actividades de control.

1. Os organismos de control autorizados poderán verificar o cumprimento, de carácter obrigatorio, das condicións de seguridade de produtos e instalacións industriais establecidas na normativa de seguridade industrial dos campos regulamentarios de actuación especificados no anexo I do presente decreto.

2. Das actividades de control realizadas emitirase o correspondente informe, acta, protocolo ou certificado, segundo proceda, no cal se fará constar que o produto ou a instalación cumpre ou incumpre cos requisitos exixibles pola regulamentación de seguridade industrial e que se realizaron as probas, ensaios ou verificacións que proceden. Como resultado da actividade de control, o organismo de control emitirá un documento, en que cualificará o produto ou a instalación como favorable, condicionada ou negativa. O contido mínimo dos documentos emitidos (informe, acta, protocolo ou certificación) polos organismos de control autorizados será o indicado no anexo II do presente decreto.

3. Os informes, actas, protocolos ou certificacións favorables acompañarán o resto da documentación que permitirá acreditar o cumprimento das actividades de control a que teñen que estar sometidas segundo a regulamentación vixente de seguridade industrial.

4. O organismo de control deberá remitir ao/á titular do produto ou instalación industrial o informe, acta, protocolo ou certificación resultado da súa actuación nun prazo máximo de dez días. Cando, como resultado da actividade de control e de acordo coa normativa aplicable, o organismo de control emita un documento coa cualificación condicionada pola existencia de defectos, fixará no mesmo documento un prazo ao titular do produto ou da instalación para proceder a súa corrección. Transcorrido o dito prazo sen a corrección dos defectos, o organismo de control emitirá un novo documento con cualificación negativa.

Artigo 4º.-Exclusividade da actuación.

O organismo de control que inicie unha actuación deberá finalizala baixo a súa responsabilidade a fin de garantir a axeitada coordinación de todos os controis regulamentarios necesarios. En todo caso, a súa actuación continuará de acordo co procedemento normalizado ata a emisión dun documento coa cualificación do produto ou instalación como favorable ou negativa.

Artigo 5º.-Rexistro e comunicación do resultado das actuacións de control.

1. Finalizada a actuación dun organismo de control, este rexistrará e identificará cada un dos expedientes dos produtos ou das instalacións en que realice actividades de control.

2. Calquera informe, acta, protocolo ou certificación do organismo de control, independentemente de que sexa favorable, condicionada ou negativa, deberá ser remitido telematicamente, de acordo co disposto no artigo 27º.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, ao órgano competente en materia de industria nun prazo máximo de dez días.

Artigo 6º.-Desconformidade nas actuacións.

1. No caso de desconformidade co informe, acta, protocolo ou certificación do organismo de control, o/a titular do produto ou da instalación poderá, mediante escrito razoado, solicitar a intervención do departamento territorial que proceda da consellería competente en materia de industria.

2. O departamento territorial requirirá do organismo de control os correspondentes antecedentes e realizará as comprobacións que considere necesarias, dando audiencia á persoa interesada na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No prazo máximo tres meses, o departamento territorial resolverá dando validez ou revogando o informe, acta, protocolo ou certificación realizado polo organismo de control. En tanto non exista unha revogación da certificación negativa por parte da Administración, o interesado non poderá solicitar o mesmo control doutro organismo autorizado.

Artigo 7º.-Notificación de incumprimentos legais e defectos técnicos. Actuacións en situacións de grave risco.

1. Os organismos de control, no caso de encontraren deficiencias, concederán ao/á titular do produto ou da instalación o prazo de corrección establecido no regulamento de seguridade industrial aplicado. En caso de non fixar o devandito prazo no regulamento de aplicación, este virá dado polo establecido no procedemento de calidade aprobado do organismo de control.

Os organismos de control establecerán o mecanismo axeitado para comprobar que á finalización do prazo concedido os defectos detectados foren corrixidos. De non ser así, notificarano á consellería competente en materia de industria, para o que xuntarán toda a documentación xerada pola actuación.

2. No suposto de que dos defectos técnicos detectados se deduza grave risco de accidente ou emerxencia, os organismos de control están obrigados a adoptar as medidas especiais necesarias para que desapareza a situación de riscoe a remitir con carácter inmediato a correspondente notificación ao departamento territorial competente en materia de industria e demais autoridades competentes segundo o caso.

3. Os organismos de control deberán establecer os mecanismos de vixilancia necesarios ata que desapareza o perigo ou ata que a autoridade competente adopte as medidas necesarias para controlar a situación, e neste último caso, debe prestar a asistencia precisa que se lles requira.

Artigo 8º.-Cesamento das actividades dos organismos de control.

1. Nos casos de revogación con resolución firme da autorización, cesamento ou suspensión da actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, o organismo de control transferirá no prazo dun mes aos departamentos territoriais competentes en materia de industria todos os seus rexistros e actuacións administrativas non resoltas, con notificación deste feito aos seus titulares.

2. O cumprimento do disposto no punto anterior non exime os organismos de control de cantas indemnizacións correspondan ou de cantos compromisos económicos poidan derivar de tal decisión.

Disposición transitoria

En tanto non estea dispoñible a plataforma tecnolóxica que permita a presentación telemática da documentación, de acordo co artigo 5º.2 do presente decreto, e en todo caso, durante un prazo non superior a doce meses desde a entrada en vigor deste decreto, esta presentarase en soporte papel ante o correspondente departamento territorial competente en materia de industria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 426/2001, do 15 de novembro, sobre organismos de control, e a Orde do 24 de xuño de 2003, da Consellería de Innovación, Industria e Comercio que o desenvolve, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o conselleiro/a competente en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, así como a para modificar os anexos I, II e III coa finalidade de manter actualizado o seu contido.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ferrol, vinte e catro de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Campos regulamentarios de actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial

Instalacións industriais:

1. Accidentes graves.

2. Almacenamento de produtos químicos.

3. Aparellos-Equipamento de presión.

4. Aparellos elevadores: ascensores.

5. Aparellos elevadores: guindastres.

6. Combustibles gasosos: centro de almacenamento e distribución de envases de GLP.

7. Combustibles gasosos: estacións de servizo para vehículos a gas.

8. Combustibles gasosos: instalacións de almacenamento de GLP en depósitos fixos.

9. Combustibles gasosos: instalacións receptoras de combustibles gasosos.

10. Combustibles gasosos: plantas satélite de gas natural licuado.

11. Gases licuados do petróleo.

12. Incendios: seguridade contra incendios en establecementos industriais.

13. Instalacións con aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioletas.

14. Instalacións petrolíferas: para o seu consumo na propia instalación e para subministración a vehículos.

15. Instalacións petrolíferas: parques de almacenamento.

16. Instalacións térmicas en edificios.

17. Regulamentación eléctrica: alta tensión.

18. Regulamentación eléctrica: baixa tensión.

19. Seguridade mineira.

20. Transporte de mercadorías en colectores.

21. Transporte de mercadorías perigosas.

22. Transporte de mercadorías perecedoiras.

Produtos industriais:

1. Aparellos a gas.

2. Artificios pirotécnicos.

3. Ascensores.

4. Caldeiras de auga quente.

5. Combustibles gasosos: aparellos de gas.

6. Compatibilidade electromagnética.

7. Equipametos de presión.

8. Equipamentos de presión transportables.

9. Equipamentos de protección individual.

10. Máquinas.

11. Recipientes de presión simples.

ANEXO II

Contido mínimo dos documentos emitidos (informe, acta, protocolo ou certificación) polos organismos de control autorizados

1) Nº de acreditación de ENAC.

2) Órgano competente e data en que foi autorizado.

3) Tipo de inspeccións e probas: inicial, periódica ou de reparacións ou modificacións.

4) Normas por que se rexen as inspeccións e probas.

5) Número de rexistro do documento no sistema de información do organismo de control.

6) Nome ou razón social do/da titular do produto ou da instalación.

7) NIF do/da titular do produto ou da instalación.

8) Número de rexistro de establecemento industrial ou número de rexistro da instalación, se é o caso.

9) CNAE do establecemento industrial.

10) Localización do produto ou da instalación.

11) Datas de realización da actuación e da emisión do informe, acta, protocolo ou certificación.

12) Laboratorio acreditado que realizou os ensaios requiridos, se é o caso.

13) Deficiencias e anomalías atopadas, indicando a norma de aplicación ou da ITC correspondente, e prazo para a súa corrección.

14) Nome, apelidos e sinatura do/da inspector/a que realizou a avaliación da conformidade.

15) Resultado da inspección: favorable, condicionada ou negativa.

16) Data da próxima inspección.