DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 05 de abril de 2011 Páx. 6.045

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de marzo de 2011 pola que se regula a homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, aprobouse o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia. No dito decreto regúlase a posibilidade de interconectar as máquinas recreativas e de azar mediante sistemas de interconexión debidamente homologados pero limitándose á regulación dos seguintes aspectos: a fixación do premio máximo que poderán outorgar os interconexionados en 3.000 euros; o establecemento da documentación mínima que cómpre achegar para solicitar a homologación e a inscrición dos dispositivos; e a fixación do réxime de inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo das empresas prestadoras de servizos de interconexión (entre establecementos).

Pero o dito decreto non precisaba os requisitos técnicos que debían ser observados para a homologación nin regulaba en detalle os procedementos de homologación e autorización de instalación dos dispositivos, aspectos estes que precisan, polo tanto, do oportuno desenvolvemento normativo.

Porén, na disposición derradeira primeira do dito regulamento, autorizábase o conselleiro competente en materia de xogo para ditar as normas que sexan necesarias para o seu desenvolvemento en diversas materias, entre outras, na materia relativa a máquinas e homologacións.

Precisamente en exercicio da dita competencia dítase esta orde, que recolle o desenvolvemento técnico da regulación prevista no Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, e achega, deste modo, unha maior seguridade xurídica ás empresas fabricantes que pretendan homologar os seus modelos en Galicia e ás empresas que pretendan instalar os dispositivos na comunidade, así como unha maior seguridade técnica aos xogadores que participen no xogo interconexioando.

Para dar unha maior claridade e facilitar a comprensión da norma, a regulación contida nesta estruturase distinguindo catro tipos de procedementos:

En primeiro lugar, regúlase a homologación dos modelos de interconexión de máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado e máquinas de tipo C ou de azar a nivel local e a dita regulación inclúe tanto os requisitos que se deben cumprir para obter a dita homologación como o contido da solicitude de homologación e a documentación que deberá achegarse con esta.

A continuación regúlase a homologación dos modelos de interconexión entre establecementos e, ao igual que acontece nas homologacións dos modelos de interconexión de máquinas, especifícanse os requisitos que debe cumprir o sistema de interconexión para poder ser homologado e os extremos que cómpre recoller na solicitude así como a documentación que se debe acompañar á esta.

En terceiro lugar esta orde recolle as especificacións que deberán estar contidas nas solicitudes de autorización de instalación dun sistema de interconexión de máquinas que corresponde formular aos respectivos titulares dos establecementos onde se vaia realizar a instalación.

E en cuarto e último lugar, esta orde relaciona os aspectos que se deberán reflectir nas solicitudes de autorización de interconexión entre establecementos que se presenten polas empresas prestadoras de servizos de interconexión así como os documentos que estas deberán achegar xunto coa solicitude.

En todos estes procedementos vencéllase a obtención das autorizacións e das homologacións ao cumprimento dunha serie de requisitos que teñen por fin ofrecer a maior seguridade posible a aquelas persoas que xoguen en máquinas que estean interconectadas. Con esta mesma pretensión, esta orde contén tamén unha relación de obrigas que deberán ser cumpridas pola empresa titular das autorizacións de interconexión para os efectos de posibilitar o control e a inspección do funcionamento do sistema por esta Administración asegurando, deste xeito, un correcto desenvolvemento do xogo.

Finalmente, xunto coa regulación dispositiva, cómpre engadir que se anexan a esta orde os modelos de solicitudes que deberán ser formalizados polas persoas interesadas na homologación e autorización de sistemas de interconexión ou, se é o caso, nas eventuais modificacións destas.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da regulación da homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas B en salóns, bingos e casinos e máquinas C ou de azar, en casinos, así como entre os ditos establecementos, e da homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión entre os devanditos establecementos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

Poderán homologarse sistemas de interconexión e autorizarse a interconexión de máquinas de tipo B ou de xogo e máquinas de tipo C ou de azar, sempre que se cumpra co disposto polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar e pola presente orde.

Artigo 3º.-Competencia.

Corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de xogo resolver sobre as solicitudes de homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión, así como sobre as modificacións e extincións das ditas autorizacións.

Artigo 4º.-Requisitos para a homologación de sistemas de interconexión de máquinas B e C.

1. Os sistemas para a interconexión de máquinas deberán garantir:

a) Que recollen perfectamente a información das máquinas que se lle interconecten en canto a entradas e que reflicta en todo momento as máquinas que están interconectadas.

b) Que a comunicación é constante e a tempo real de maneira que, de forma inmediata, se reflicta no sistema de control e xestión calquera evento no desenvolvemento do xogo.

c) Que o momento de realización dos sorteos e o outorgamento dos premios se realiza de modo aleatorio ou pseudoaleatorio e garantíndose a confidencialidade tanto do momento no que se producen os sorteos como do outorgamento dos premios, de modo que sexa imposible o seu coñecemento polo titular da explotación ou por terceiros.

d) Que o premio acumulado non suporá unha minoración da porcentaxe de devolución de cada unha das máquinas interconectadas.

e) Que o premio máximo non supera, no caso das máquinas C a suma de premios máximos que poidan outorgarse no total de máquinas habitualmente interconectadas. Tratándose de máquinas B, o dito premio non poderá superar o límite de 3.000 euros.

Así mesmo, tanto no caso das máquinas B como no das máquinas C deberá acreditarse que o dito premio máximo vén configurado de fábrica e garantirse que non poderá ser alterado pola empresa operadora.

f) Que conta coas medidas de seguridade necesarias para o seu correcto funcionamento no caso de que se produzan avarías. Entre outras cosas, deberá garantirse:

1º Que o sistema de interconexionado conta cun sistema de alimentación ininterrompida para seguir funcionando no caso de caídas da rede eléctrica.

2º Que se conta cun sistema que garanta, en todo momento, a salvagarda da información almacenada.

Así mesmo, no suposto de que se producise unha avaría nunha das máquinas interconectadas, no visualizador que incorpore a máquina deberase informar o usuario de que a dita máquina está desactivada temporalmente do sistema.

No caso de haber unha avaría no sistema deberase indicar ademais no visualizador do sistema.

g) Que o sistema é inviolable e que incorpora un dispositivo de seguridade que garanta a integridade da memoria de xogo no momento en que se intente a súa manipulación. Así mesmo, deberá garantirse que queden trazas de calquera intento de manipulación do sistema.

h) Que se conte con visualizadores conectados á rede do local de xogo que informarán os usuarios:

1º En todo momento acerca do importe dos premios que pode outorgar e da súa natureza.

2º En tempo real do estado do xogo interconectado (activo ou inactivo), de se a máquina está interconectada ou non ao sistema así como dos premios que se vaian outorgando e do importe acumulado polo conxunto das máquinas interconectadas.

i) Que as máquinas interconectadas ao sistema interactuarán directamente coa persoa xogadora sen que poidan ter incorporado ningún elemento adicional que faga depender exclusivamente delas o desenvolvemento do xogo.

j) Que recolle e conserva o histórico total de información sobre os seguintes extremos que, ademais, deberán ser imposibles de borrar ou modificar:

1º A porcentaxe detraída para o interconexionado.

2º O importe acumulado total e o importe acumulado entre premio e premio outorgado.

3º Os premios outorgados identificando a máquina no que se outorgaron, e a data e hora do outorgamento.

4º As incidencias no sistema e nas máquinas así como a data e a hora.

Artigo 5º.-Solicitude de homologación de sistemas de interconexión de máquinas.

1. Poderán solicitar a homologación de sistemas de interconexión entre máquinas de tipo B ou C as empresas fabricantes, importadoras, comercializadoras ou distribuidoras previamente inscritas no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude de homologación, que deberá axustarse ao modelo previsto no anexo I desta orde, deberá vir acompañada dos seguintes documentos:

a) Memoria de funcionamento do sistema. Nesta memoria deberá precisarse:

1º O nome e código da empresa fabricante ou importadora do sistema.

2º O nome comercial do modelo.

3º A descrición do modo de funcionamento do sistema.

4º A descrición do xogo/s que incorpora.

5º Os tipos de premios e importe destes, así como a forma no que o sistema realiza a asignación de premios.

6º As configuracións que pode realizar o operador, e concreción da porcentaxe/s de detracción para a bolsa ás que pode estar configurado o sistema.

7º A concreción de cales son os elementos de software necesarios para o funcionamento do sistema (memoria) e as garantías de integridade e rastrexabilidade incorporadas.

b) Informe de ensaio do sistema realizado por un laboratorio autorizado que acredite o cumprimento de cada un dos requisitos previstos no artigo anterior á vista da memoria de funcionamento do sistema que debe acompañar a solicitude.

c) Unha fotografía 15 x 10 cm nítida en cor dos elementos do sistema.

d) Dous exemplares da memoria do programa de interconexión.

e) Declaración CE de conformidade, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

f) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

Artigo 6º.-Requisitos para a homologación de sistemas de interconexión entre establecementos.

Para a homologación de sistemas de interconexión entre os establecementos de xogo autorizados (salóns, bingos ou casinos) deberá acreditarse que o sistema garante o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que recolle perfectamente a información dos establecementos que se interconecten no tocante á dotación económica achegada por cada un deles ao sistema e ao pagamento de premios e que reflicte, en todo momento, os establecementos que están interconectados.

b) Que a comunicación é constante e a tempo real de maneira que, de forma inmediata, se reflicta no sistema de control e xestión calquera evento no desenvolvemento do xogo.

c) Que o momento de realización dos sorteos e o outorgamento dos premios se realiza de modo aleatorio ou pseudoaleatorio, e garantíndose a confidencialidade tanto do momento no que se producen os sorteos como do outorgamento dos premios, de modo que sexa imposible o seu coñecemento polo titular da explotación ou por terceiros.

d) Que o premio acumulado non supoña unha minoración da porcentaxe de devolución de cada unha das máquinas interconectadas.

e) Que o premio máximo non supera, no caso das máquinas C a suma de premios máximos que poidan outorgarse no total de máquinas habitualmente interconectadas. Tratándose de máquinas B, o dito premio non poderá superar o límite de 3.000 euros.

Así mesmo, tanto no caso das máquinas B como no das máquinas C, deberá acreditarse que o dito premio máximo vén configurado de fábrica e garantirse que non poderá ser alterado pola empresa operadora.

f) Que non se paga dúas veces o mesmo premio e que non queda ningún premio sen pagar por culpa dun fallo no sistema de maneira que cando se dea un premio non se poida reiniciar o xogo ata que o establecemento onde se teña outorgado ese premio confirme o pagamento deste.

g) Que conta coas medidas de seguridade necesarias para o seu correcto funcionamento no caso de que se produzan avarías. Entre outras cosas, deberá garantirse:

1º Que o sistema de interconexionado conta cun sistema de alimentación ininterrompida para seguir funcionando no caso de caídas da rede eléctrica.

2º Que se conta cun sistema que garanta, en todo momento, a salvagarda da información almacenada.

Así mesmo, no suposto de que se producise unha avaría nunha das máquinas interconectadas, no visualizador que incorpore a máquina deberase informar o usuario de que a dita máquina está desactivada temporalmente do sistema.

No caso de haber unha avaría no sistema deberase indicar ademais no visualizador do sistema.

h) Que o sistema é inviolable e que incorpora un dispositivo de seguridade que garanta a integridade da memoria de xogo no momento en que se intente a súa manipulación. Así mesmo, deberá garantirse que queden trazas de calquera intento de manipulación do sistema.

i) Que se conte con visualizadores conectados á rede de cada local de xogo que informarán os usuarios:

1º En todo momento, acerca do importe dos premios que pode outorgar e da súa natureza así como do número de establecementos interconectados.

2º En tempo real do estado do xogo interconectado (activo ou inactivo), de se a máquina está interconectada ou non ao sistema, así como dos premios que se vaian outorgando e do importe acumulado polo conxunto das máquinas interconectadas.

j) Que as máquinas interconectadas ao sistema interactuarán directamente coa persoa xogadora sen que poidan ter incorporado ningún elemento adicional que faga depender exclusivamente delas o desenvolvemento do xogo.

l) Que todos os establecementos interconectados recibirán información acerca de onde tocou o premio e que teñan acceso a un historial dos premios outorgados polo sistema.

m) Que o sistema recolla e conserve o histórico total de información sobre os seguintes extremos que, ademais, deberán ser imposibles de borrar ou modificar:

1º A porcentaxe detraída para o interconexionado/s.

2º O importe acumulado, total e entre premio e premio outorgado.

3º Os premios outorgados identificando a máquina e o establecemento no que se outorgaron, e a súa data e hora.

4º As incidencias no sistema e nas máquinas así como a data e a hora.

Artigo 7º.-Solicitude de homologación de sistemas de interconexión entre establecementos.

1. Poderán solicitar a homologación de sistemas de interconexión entre establecementos as empresas fabricantes, importadoras, comercializadoras ou distribuidoras previamente inscritas no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude, que deberá axustarse ao modelo previsto no anexo II desta orde, deberanse acompañar os seguintes documentos:

a) Memoria de funcionamento do sistema. Nesta memoria deberá precisarse:

1º O nome e código da empresa fabricante ou importadora do sistema.

2º O nome comercial do modelo.

3º A descrición do modo de funcionamento do sistema.

4º A descrición do xogo/s que incorpora.

5º Os tipos de premios e o importe destes, así como a forma en que o sistema realiza a asignación de premios.

6º As configuracións que pode realizar o operador, e a concreción da porcentaxe/s de detracción para a bolsa/s ás que pode estar configurado o sistema.

7º A concreción de cales son os elementos de software necesarios para o funcionamento do sistema (memoria) e as garantías de integridade e trazabilidade incorporadas.

b) Informe de ensaio do sistema realizado por un laboratorio autorizado, que acredite o cumprimento de cada un dos requisitos previstos no artigo anterior á vista da memoria de funcionamento do sistema que debe acompañar á solicitude.

c) Unha fotografía 15 × 10 cm nítida en cor dos parámetros exteriores do sistema.

d) Dous exemplares da memoria do programa de interconexión.

e) Declaración CE de conformidade, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

f) Xustificante acreditativo do pagamento das taxas administrativas correspondentes.

Artigo 8º.-Inscrición do modelo no Rexistro de Modelos.

Se a solicitude reúne todos os requisitos exixibles, o dispositivo de interconexión inscribirase na sección V «outros aparellos de xogo» do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia, asignándolle o número que corresponda de acordo co previsto no Regulamento de máquinas recreativas e de azar.

Artigo 9º.-Modificación da inscrición.

1. As modificacións do sistema requirirán autorización previa da dirección xeral competente en materia de xogo. As modificacións poden ser substanciais ou non substanciais.

2. Enténdese por modificación substancial aquela alteración do sistema que implique un cambio no software de funcionamento do sistema. Para autorizar as modificacións substanciais exixirase a mesma documentación que para a homologación inicial e que a solicitude se axuste ao modelo previsto no anexo III desta orde. Nestes casos, manterase para os efectos rexistrais o mesmo número de modelo, pero engadíndolle a seguir e por orde alfabética a letra que corresponda.

3. Enténdese por modificación non substancial aquela alteración que afecte os restantes elementos do sistema e deberá ser solicitada de acordo co modelo previsto no anexo IV desta orde. Cando a xuízo da dirección xeral competente en materia de xogo, a modificación solicitada revista o carácter de non substancial, resolverase sobre ela sen máis trámite. Se existisen dúbidas sobre o carácter non substancial da modificación, esta dirección xeral poderá requirir informe de laboratorio autorizado sobre este extremo.

Artigo 10º.-Cancelación da inscrición.

Logo da tramitación do correspondente procedemento con audiencia da empresa fabricante, distribuidora, importadora ou comercializadora do modelo, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xogo, poderá acordar a cancelación da inscrición dun modelo cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Cando a empresa titular da inscrición do modelo sexa dada de baixa no Rexistro de Empresas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cando a empresa titular da inscrición do modelo solicite voluntariamente a cancelación da inscrición deste.

Para este suposto, poderá seguir autorizándose a explotación dos dispositivos do indicado modelo, sempre que a empresa titular do dispositivo ou a empresa comercializadora correspondente acredite, por calquera medio de proba admitido en dereito, que este foi adquirido con anterioridade á data da solicitude de cancelación rexistral cursada pola empresa fabricante e que se comprometa, así mesmo, expresamente a respectar os dereitos da empresa fabricante en relación con marcas e patentes.

c) Cando se constate tras a súa inscrición que o modelo ou, de ser o caso, a súa modificación non reúnen os requisitos e as condicións técnicas exixibles ás máquinas e aos seus elementos de xogo pola normativa aplicable nesta materia. Neste caso a cancelación da inscrición entenderase sen prexuízo das sancións que, se é o caso, corresponda impoñer.

d) Cando á dirección xeral competente en materia de xogo teña coñecemento con posterioridade de falsidades, irregularidades, inexactitudes esenciais na solicitude ou na documentación achegada para a inscrición dos modelos, sen prexuízo das sancións que se impoñan.

Artigo 11º.-Autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas.

1. A solicitude de instalación dun sistema de interconexión, que deberá axustarse ao modelo previsto no anexo V desta orde, deberá formularse con carácter previo pola empresa titular do establecemento ante a o órgano competente en materia de xogo, e deberá especificar:

a) Local autorizado para o que se solicita a interconexión.

b) Denominación comercial do sistema de interconexión que se vai empregar, que deberá estar previamente homologado e inscrito no Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A empresa prestadora de servizos de interconexión, co seu código de inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

d) No caso das máquinas C deberá indicarse se algún premio se outorgará en especie.

2. Coa solicitude deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Relación de máquinas que se interconectarán, con especificación do modelo e o número de autorización de explotación das máquinas que se pretendan interconectar. En todo caso, o número de máquinas interconectadas en cada grupo ou carrusel non poderá ser inferior a tres.

b) Xustificante acreditativo do pagamento das taxas administrativas correspondentes pola tramitación do procedemento.

Artigo 12º.-Autorización de instalación de sistemas de interconexión entre establecementos.

1. Poderase autorizar a instalación de sistemas de interconexión de máquinas entre dous ou máis establecementos autorizados logo de solicitude da empresa prestadora dos servizos de interconexión, que se axustará ao modelo previsto no anexo VI desta orde e na que se farán constar os seguintes aspectos:

a) Denominación comercial e código de inscrición do sistema de interconexión debidamente homologado.

b) Lugar no que estará situado o servidor central, debendo sinalarse expresamente na solicitude que se atopa nun lugar seguro e non accesible ao público.

2. Coa solicitude deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) A relación de locais de xogo que se van interconectar co seu respectivo enderezo e número de rexistro así como das máquinas que se van interconectar inicialmente. En todo caso, o número de máquinas interconectadas en cada grupo ou carrusel non poderá ser inferior a tres.

b) Documentos polos que se acredita que os establecementos que se van interconectar autorizan a empresa prestadora de servizos de interconexión:

1º A instalación do sistema de interconexionado.

2º A tramitación no seu nome da solicitude da autorización da interconexión.

c) Xustificante acreditativo do pagamento das taxas administrativas correspondentes pola tramitación do procedemento.

Artigo 13º.-Obrigas das empresas titulares das autorizacións de instalación de sistemas de interconexión.

As empresas titulares das autorizacións de instalación de sistemas de interconexión terán as seguintes obrigas:

1. Deberán remitir anualmente á dirección xeral competente en materia de xogo unha certificación expedida por técnico competente acreditativa da revisión anual do sistema e do equipamento de interconexión así como do seu correcto funcionamento.

2. Deberán ter á disposición da Inspección de Xogo durante un ano natural os datos que permitan a emisión de informes diarios, mensuais e anuais do xogo nos que se indique:

a) O importe inicial e o importe final da bolsa de premios.

b) Os premios concedidos, con indicación do importe de cada un dos premios, a máquina na que se concederon.

c) As incidencias do sistema de interconexión e das máquinas conectadas a este.

Artigo 14º.-Avarías.

No caso de producirse unha avaría ou un corte de liña no sistema de interconexión que non puidese ser emendada de forma inmediata, impedindo así o seu correcto funcionamento, a empresa prestadora de servizos de interconexión deberá comunicalo de forma inmediata, á dirección xeral competente en materia de xogo.

Artigo 15º.-Modificacións das autorizacións de instalación de sistemas de interconexión.

Requirirán unha comunicación previa dirixida ao órgano competente en materia de xogo nos seguintes supostos de modificación da autorización de instalación de sistemas de interconexión:

a) A inclusión de novos locais de xogo no sistema de interconexión, que deberá ser comunicada pola empresa prestadora de servizos de interconexión, acompañada da autorización do titular do establecemento.

b) A modificación do lugar no que estea situado o servidor central, debendo sinalarse expresamente na comunicación que se trata dun lugar seguro e non accesible ao público.

c) Calquera alteración na relación de máquinas interconectadas, tanto nun interconexionado entre máquinas como nun interconexionado entre establecementos.

d) Calquera baixa na relación de locais de xogo interconectados.

Artigo 16º.-Extinción das autorizacións de instalación de sistemas de interconexión.

1. A vixencia dunha autorización de instalación dun sistema de interconexión extinguirase automaticamente nos seguintes supostos:

a) No caso de que se desinstale o sistema. A dita desinstalación deberá ser comunicada á dirección xeral competente en materia de xogo.

b) No caso de que como consecuencia de producirse baixas na relación de locais de xogo interconectados unicamente quede un establecemento como interconectado.

c) No caso de que, como consecuencia de producirse alteracións na relación de máquinas interconectadas, o número de máquinas que forme parte do carrusel ou grupo sexa inferior a tres.

2. Logo de tramitación do correspondente procedemento con audiencia do titular da autorización de instalación, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xogo poderá declarar a extinción dunha autorización de instalación dun sistema de interconexión por algunha das seguintes causas:

a) Pola comprobación de inexactitudes esenciais nos datos achegados na solicitude de autorización.

b) Por ter sido dada de baixa no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo a empresa titular da inscrición do modelo de dispositivo de interconexión ou pola cancelación da inscrición do modelo, neste último caso, cando así o acorde a dirección xeral de competente en materia de xogo.

c) Pola extinción da autorización de instalación do establecemento ou pola cancelación da inscrición da empresa prestadora de servizos de interconexión no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, segundo se trate dunha interconexión entre máquinas ou entre establecementos.

d) Polo incumprimento das obrigas recollidas no artigo 13º.

e) Pola constatación de anomalías continuadas no funcionamento do sistema instalado.

Artigo 17º.-Presentación de solicitudes.

As comunicacións e solicitudes previstas nesta orde, así como a documentación requirida, deberán presentarse nos rexistros da Xunta de Galicia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e deberán dirixirse á dirección xeral competente en materia de xogo.

Artigo 18º.-Procedementos administrativos.

Para a autorización de instalación de sistemas de interconexións de máquinas, homologacións, modificacións e cancelacións da inscrición de modelos de sistemas de interconexionado ou a revogación de autorizacións de instalación destes, seguirase o procedemento previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo para ditar e notificar a resolución será de cinco meses nos procedementos de homologación e de modificación substancial e de tres meses para os restantes procedementos.

Disposición transitoria

Única.-Os modelos de sistema de interconexión homologados e inscritos antes de entrada en vigor da presente orde, así como as autorizacións de instalación dos sistemas, manterán a súa plena vixencia.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación do DOG.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "06700D001P005.PDF"