DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 12 de abril de 2011 Páx. 6.520

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 65/2011, do 24 de marzo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Cospeito.

O Concello de Cospeito considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Cospeito, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano de verde con dúas torres aclaradas de vermello; na parte inferior, catro ondas de branco e azul.

O pano de cor verde alude ao ambiente pola condición de pertencer gran parte do territorio municipal á reserva da biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO o ano 2002, por ser lugar de importancia comunitaria (LIC) Parga-Ladra-Támoga, e por formar parte da Rede Natura 2000. As ondas de prata e azul representan a lagoa de Cospeito, os ríos Miño, Támoga, Anllo, Guisande e tamén, coma no escudo municipal, a liñaxe dos Ribadeneira, de influente presenza no municipio ao longo da Idade Moderna.

As torres representan o destacado papel que desempeñaron na historia de Cospeito as fortalezas de Barreira (localizada na parroquia de Santa María de Cospeito), cabeza do antigo couto da Pena; e Vilaxoán ou Caldaloba (situada en San Martiño de Pino), cabeza, pola súa vez, do antigo couto de Mato. A súa cor amarela representa a actividade económica, agrícola e gandeira.

Ferrol, vinte e catro de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "07200D004P008.PDF"