DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 12 de abril de 2011 Páx. 6.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 67/2011, do 24 de marzo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Montederramo.

O Concello de Montederramo considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Montederramo, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano de amarelo. No ángulo superior da hasta un carballo de verde acompañado de dúas flores de loto de vermello, unha a cada lado do tronco.

O pano de amarelo e cor verde da árbore representan o compromiso das súas xentes polo desenvolvemento dentro do equilibrio ambiental. A árbore e as flores de loto aluden acertadamente ás armas heráldicas do mosteiro cisterciense de Montederramo, fundado en 1.124 orixinariamente baixo a regra de San Bieito, ao que estaba historicamente vinculado o territorio municipal, onde as ditas flores tradicionalmente simbolizan o renacemento do sol, da vida, da fecundación e a resurrección. Ademais, o carballo alude tamén á histórica riqueza forestal, á actividade gandeira, agraria e ao carácter rural do municipio.

Ferrol, vinte e catro de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "07200D006P010.PDF"