DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 12 de abril de 2011 Páx. 6.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 68/2011, do 31 de marzo, polo que se aproba o escudo do Concello do Rosal.

O Concello do Rosal considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello do Rosal, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

En campo de sinople unha ponte de prata, mazonada de sable, de tres arcos, sobre ondas de prata e azur, sumada dun cruceiro diminuído de prata surmontado dun acio de uvas de ouro flanqueado por dúas follas de vide; bordura de prata cargada de catro rosas ao natural. Ao timbre, coroa real pechada.

A ponte e o cruceiro representan a ponte sobre o río Tamuxe na súa desembocadura ao Miño; a cor sinople simboliza o ambiente, os recursos agrícolas, gandeiros e forestais; o acio e as follas aluden á riqueza vitivinícola do municipio e as rosas fan referencia á simboloxía popular do propio nome do Rosal e, polo seu número, ás catro parroquias que conforman o termo municipal.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "07200D007P011.PDF"