O Concello do Rosal considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de marzo de dous mil once,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello do Rosal, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:
Pano dividido por tres franxas verticais de verde, branco e azul; a de branco cunha rosa heráldica ao natural.
A cor verde simboliza o ambiente, os recursos agrícolas, gandeiros e forestais; as cores branca e azul representan o río Tamuxe e a súa desembocadura ao Miño; e a rosa fai referencia á simboloxía popular do propio nome do Rosal.
Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil once.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Ver referencia pdf "07200D007P011.PDF"