DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 12 de abril de 2011 Páx. 6.526

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de marzo de 2011 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece, no seu capítulo I do título II, relativo ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado acade o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral nesta lei. Así mesmo, especifica a igualdade de criterios para a determinación de recursos entre os centros públicos e os centros privados concertados.

Por outro lado, o Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos, publicado no DOG do 16 de marzo, establece que, coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, se garante unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado que presenta necesidades educativas especiais.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é regular os criterios, requisitos, procedemento e dotación para conceder axudas económicas aos centros privados concertados para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, naqueles aspectos que non estivesen xa cubertos polo correspondente concerto educativo, desde o día 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de outubro de 2011.

2. Exclúense desta convocatoria de axudas os centros concertados específicos de educación especial e os centros con aulas concertadas de educación especial.

3. Enténdese por alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo aquel que requira por un período da súa escolarización, ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motórica, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e a conduta.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. As solicitudes cubriranse no modelo que se xunta como anexo desta orde e acompañaranse da seguinte documentación:

a) Unha memoria explicativa en que se fagan constar as necesidades do centro para atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

b) No caso de que o centro solicite outras axudas para o mesmo proxecto ou actividade, xuntará unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas por outras administracións ou entes públicos e a súa contía. No caso contrario, certificación de non as ter solicitado.

c) Declaración responsable de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, de conformidade co artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As solicitudes e demais documentación presentaranse no Rexistro Único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, edificio administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, de conformidade co preceptuado na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os solicitantes consenten que a Administración faga pública nos rexistros regulados neste decreto os datos relevantes referidos ás axudas recibidas. A negativa expresa a esta autorización poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación ou á revogación do acto de outorgamento.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 3º.-Finalidade das axudas.

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse, en atención das necesidades do centro, para os seguintes fins:

-Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

-Reparacións, mantemento e pequenas obras de adaptación.

-Compra de material específico ordinario non inventariable.

Artigo 4º.-Criterios de valoración e distribución.

1. Para a asignación das contías seguiranse os seguintes criterios:

a) Alumnado matriculado que reúna os requisitos establecidos no artigo 73º da Lei orgánica de educación debidamente xustificados. Por cada alumno ou alumna contabilizaranse 8 puntos. No caso de centros que xa escolarizasen alumnado deste tipo o curso 2009-2010 contabilizaranse 16 puntos en lugar de 8.

b) Proporción entre o alumnado total do centro e o que reúna os requisitos desta convocatoria, con exclusión das etapas non concertadas. Calcularase a porcentaxe a que se aplicará a seguinte puntuación:

% Puntos

Menor ou igual a 0,1 0

Máis do 0,1 e ata o 0,3 4

Máis do 0,3 e ata o 0,5 8

Máis do 0,5 e ata o 1 12

Máis do 1 16

c) Grado de minusvalidez do alumnado:

% Puntos por alumna/o

Ata o 33 8

Máis do 33 e ata o 66 12

Máis do 66 16

2. Unha vez sumadas as puntuacións obtidas por cada centro, o importe da axuda concedida a cada un será proporcional á puntuación deste con respecto á suma das puntuacións de todos os centros.

3. A distribución das axudas farase por niveis educativos agrupados do seguinte xeito:

a) Educación infantil, primaria e ESO.

b) Formación profesional e programas de cualificación profesional inicial.

4. A asignación que recibirá cada centro será como máximo de 10.000 euros.

Artigo 5º.-Comisión de valoración.

Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou da persoa en quen delegue, constituirase unha comisión que se encargará de valorar as solicitudes, integrada polos seguintes membros:

-O/A funcionario/a que ocupe a Subdirección Xeral de Centros.

-O/A funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Centros.

-Un representante designado polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

-Un representante dos centros docentes privados concertados designado polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Unha vez rematada a valoración das solicitudes, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.es a proposta de resolución provisional, que incluirá a cantidade asignada a cada centro e os que son excluídos, contra a cal se poderán formular alegacións e achegar os documentos que se consideren pertinentes. Esta resolución provisional tamén se comunicará aos solicitantes a través do correo electrónico.

2. Logo de estudar e valorar as reclamacións presentadas contra a proposta de resolución provisional, o director xeral de Centros e Recursos Humanos elevará ao conselleiro a proposta de resolución definitiva, en que se sinalará a concesión ou a denegación motivada das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daquelas entidades que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

3. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde o remate do prazo de solicitudes.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107º.1, 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10º, 14º e 46º.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo primeiro deste punto sen que se publique a resolución definitiva, os solicitantes poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

4. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

Artigo 7º.-Orzamento.

As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.02.422A.482.3, por unha contía total máxima de 209.298,80 €.

Para o nivel de formación profesional, incluídos os programas de cualificación profesional inicial, tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 09.02.422M.482.3, por unha contía total máxima de 9.115,46 €.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das axudas.

1. Os beneficiarios das axudas presentarán a seguinte documentación xustificativa dos gastos realizados:

a) Facturas a nome do centro, nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas, así como xustificante de que o pagamento do seu importe foi efectuado. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente, e no caso de que se trate de fotocopias, deberán estar cotexadas por un/unha funcionario/a. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

b) Memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, en que se especifique a clave do expediente ou ben o concepto subvencionado. Se se concede a subvención, deberá expresar os importes e a súa procedencia, e xuntar facturas ou xustificantes de gasto por unha contía equivalente á suma do total das subvencións para idéntico obxecto.

d) Certificación de estar ao día co pagamento das obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. A xustificación achegarase, coa data límite do 31 de outubro de 2011, á Subdirección Xeral de Centros da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

3. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Artigo 9º.-Fiscalización e control.

1. Os beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar, en calquera momento ata transcorridos tres anos desde o momento da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os beneficiarios darán axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 10º.-Perda do dereito ao cobramento da axuda.

1. O centro perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificar de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprir os fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terallo que comunicar á Administración, segundo dispón artigo 11º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para que, en aplicación do seu artigo 17º.3, o importe da subvención se minore co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100% do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro terá que reintegrar as cantidades percibidas e máis os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento nos termos que figuran nos artigos 33º a 38º da referida Lei de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Recurso.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo competente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme o establecido nos artigos 10º, 14º e 46º.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ou recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107º.1, 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delegación de competencias.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarios para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "07200D010P014.PDF"