DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 12 de abril de 2011 Páx. 6.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE EMERXENCIAS

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2011 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de marzo de 2011 polo que se aproba o cadro de persoal da Axencia Galega de Emerxencias.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, creou a Axencia Galega de Emerxencias configurándoa como un ente instrumental para a xestión das emerxencias segundo as instrucións emanadas do órgano administrativo que ten as facultades para a xestión das emerxencias e a protección civil (capítulo III, artigos 16º e seguintes).

O vixente cadro de persoal da Axega foi aprobado polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de decembro de 2008.

O obxectivo perseguido coa nova estrutura proposta é o de configurar unha organización eficiente e eficaz, cunha estrutura sinxela en que predomine o carácter especializado na xestión e atención das emerxencias, sen esquecer o necesario aparato administrativo, axeitadamente dimensionado, para o cumprimento dos seus fins, respondendo todo iso a criterios de contención de gasto.

De conformidade co artigo 9º.2 g) do Decreto 223/2007, do 5 de decembro, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Emerxencias, corresponde ao seu presidente propoñerlle ao Consello da Xunta a aprobación do cadro de persoal do ente público.

En consecuencia, por proposta do presidente da Axencia Galega de Emerxencias, logo de coñecemento e aprobación do seu Consello Reitor, e visto o artigo 14º do Decreto 223/2007, do 5 de decembro, así como os informes emitidos pola Dirección Xeral da Función Pública e a Dirección Xeral de Orzamentos, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de marzo 2011, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Aprobar o cadro de persoal da Axencia Galega de Emerxencias.

Segundo.-Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil once, relativo á aprobación do cadro de persoal da Axencia Galega de Emerxencias, coa finalidade de cumprir o dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente da Axencia Galega de Emerxencias

Ver referencia pdf "07200D012P026.PDF"