Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 19 de maio de 2011 Páx. 10139

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de abril de 2011 pola que se modifica a autorización do centro privado San José de la Guía, do concello de Vigo (Pontevedra).

A representante da titularidade do CPR San José de la Guía, do concello de Vigo, solicita a modificación da autorización para impartir o programa de cualificación profesional inicial (PCPI) de Informática e o módulo voluntario (2º curso).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 30 que lles corresponde ás administracións educativas organizar programas de cualificación profesional inicial (PCPI) destinados ao alumnado maior de dezaseis anos, cumpridos antes do 31 de decembro do ano de inicio do programa, que non obtivera o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

De conformidade coa referida competencia, pola orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 13 de maio de 2008, publicada no Diario Oficial de Galicia do día 23, regúlanse os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra achega o expediente cos correspondentes informes, de acordo co Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve.

Mediante a presente orde concédese autorización de funcionamento dos PCPI no centro privado da Comunidade Autónoma de Galicia que o solicita, e reúne todos os requisitos que establecen as resolucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que regulan os perfís dos distintos programas.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización.

1. Autorizar a implantación, na modalidade A, do programa de cualificación profesional inicial (PCPI) de Informática e o módulo voluntario (2º curso), no centro privado que se sinala:

Denominación: CPR San José de la Guía.

Código do centro: 36011361.

Domicilio: r/ Doutor Corbal, 25.

Localidade: Vigo.

Concello: Vigo.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Misioneras Siervas de San José.

2. A composición resultante do centro é a seguinte:

  • Educación infantil: 3 unidades.
  • Educación primaria: 6 unidades.
  • Educación secundaria obrigatoria: 4 unidades.
  • 1 PCPI de Informática
  • 1 PCPI módulo voluntario, 2º curso
  • 1 ciclo formativo de grao superior de Educación infantil (2 unidades para 30 alumnos cada unha).
  • 2 ciclos formativos de grao superior de Integración social (2 unidades para 20 alumnos cada unha).

Artigo 2. Número máximo de alumnado

O número máximo de alumnos e alumnas con matrícula no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial será de doce. O alumnado con necesidades educativas específicas computará o dobre para estes efectos.

Artigo 3. Número mínimo de alumnado.

A autorización da oferta nos centros sostidos con fondos públicos no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial quedará condicionada a que exista un número mínimo de seis matrículas formalizadas no momento de rematar o prazo de matrícula.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria