Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10482

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2011 de encomenda de xestión a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. da realización das actuacións necesarias para a creación e desenvolvemento da Oficina Técnica de Seguimento (OTS) do Novo Hospital de Vigo para controlar e supervisar o cumprimento da execución do contrato do Servizo Galego de Saúde coa contratista Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A.

ANTECEDENTES

Primeiro. De conformidade co previsto no artigo 93 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, integran o Servizo Galego de Saúde os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban.

O artigo 94 da mesma lei establece entre as funcións do organismo autónomo citado o goberno, a dirección e a xestión daqueles centros, servizos e establecementos, propios ou adscritos; a planificación, coordinación e xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros asignados; o desenvolvemento de programas de mellora de xestión, así como a aprobación de plans, directrices e criterios de actuación a que se deben someter os centros, servizos e establecementos incluídos no Servizo Galego de Saúde.

Segundo. De conformidade co previsto no artigo 1.2 dos seus estatutos (aprobados polo Decreto 229/1994 e modificados polo Decreto 209/2008, do 28 de agosto), Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. é un medio propio instrumental y servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos e entidades de natureza pública para a execución das actividades que lle sexan encomendadas, dentro das materias que constitúen o seu obxecto social.

Segundo o artigo 2 dos mesmos estatutos sociais, forman parte do obxecto social de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. a promoción, planificación, deseño, construción, conservación, mantemento, dotación de equipamento e explotación de infraestruturas sanitarias promovidas ou participadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, vinculadas ao ámbito sanitario, así como a prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario.

Ademais, de conformidade co previsto no artigo 4.7 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, adscríbese para efectos administrativos á Xerencia do Servizo Galego de Saúde, Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios.

Terceiro. De conformidade co artigo 1 dos estatutos da citada empresa pública, as relacións coas anteriores entidades non se considerarán de natureza contractual e serán, para todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado, e articularanse a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que se lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, e requirán a resolución preceptiva e previa do órgano encomendante, en que se identificarán os termos e condicións en que se realizarán. As retribucións dos traballos que leve a cabo determinaranse na respectiva encomenda, calculándose de xeito que permita a recuperación dos investimentos realizados e os custos de xestión, se é o caso.

O artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia regula as encomendas de xestión intersubxectivas entre administracións públicas e entidades públicas, recollendo entre os seus supostos habilitantes o de que a entidade que vaia desenvolver a actividade encomendada poida ser considerada como medio propio ou servizo técnico da entidade encomendante (artigo 9.1, b) Lei 16/2010). Neste caso, a encomenda instrumentarase por medio de resolución da consellería de adscrición da entidade (artigo 9.2 Lei 16/2010).

Ademais, prevese que, para a efectividade da encomenda, o instrumento en que se formalice deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia (artigo 9.3 Lei 16/2010).

Cuarto. O artigo 4 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, establece que están excluídos do seu ámbito de aplicación os negocios xurídicos en cuxa virtude se encargue a unha entidade que teña atribuída a condición de medio propio e servizo técnico do poder adxudicador a realización dunha determinada prestación.

Malia o anterior, a mesma lei establece no artigo 24 que a condición de medio propio e servizo técnico dos entes, organismos e entidades do sector público en relación cos poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade, cando estes teñan sobre eles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos, deberá recoñecerse expresamente pola norma que os cree ou polos seus estatutos, previsión que aparece cuberta de conformidade co establecido no artigo 1.2 dos seus estatutos (aprobados polo Decreto 229/1994 e modificados polo Decreto 209/2008, do 28 de agosto).

Quinto. Segundo Resolución do 19 de xaneiro de 2011 da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, anúnciase a adxudicación con data 14 de xaneiro de 2011 da concesión e obras públicas do Novo Hospital de Vigo para a redacción do proxecto técnico, financiamento, construción e explotación de determinados servizos non clínicos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo AB-SER3-10-016 á contratista Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A.

En virtude das disposicións indicadas anteriormente, así como das facultades conferidas no artigo 3 a) do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Primeiro. Encomendar a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios S.A. a realización das actuacións necesarias para a creación e desenvolvemento da Oficina Técnica de Seguimento (OTS) do Novo Hospital de Vigo, para controlar e supervisar o cumprimento da execución do contrato do Servizo Galego de Saúde coa contratista Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A.

Segundo. Este proxecto comprenderá, entre outras, as seguintes actuacións, sen prexuízo de calquera outra que lle sexan atribuída expresamente polo propio órgano de contratación:

a) Asesorar o Servizo Galego de Saúde e a empresa concesionaria na toma de decisións no ámbito estratéxico e operativo do Novo Hospital de Vigo, así como na formulación das propostas vinculantes de contratación, por parte da concesionaria, daquelas actividades, servizos ou prestacións que esta teña a obriga contractual de custear en relación coa creación e desenvolvemento da OTS.

b) Realizar as tarefas asignadas á Oficina de Control de Calidade, de acordo coa cláusula 16 do prego administrativo, e que engloban tres grandes ámbitos: redacción dos proxectos, seguimento das obras e seguimento do plan de equipamento.

c) Realizar o seguimento, control e coordinación do conxunto de accións necesarias para a adecuada posta en marcha do hospital, cos seguintes obxectivos específicos:

-Velar polo cumprimento dos prazos marcados no Plan de posta en marcha, de acordo co establecido na cláusula 23 do prego administrativo. A OTS deberá manter unha planificación realista das diferentes actividades, actualizada e á disposición en calquera momento da Administración e a empresa concesionaria.

-Coordinar os diferentes axentes que interveñen en cada fase do proxecto, mediante a xestión de reunións e axendas.

-Realizar soporte metodolóxico, administrativo e documental nas reunións de seguimento.

d) Xestionar os riscos do proxecto, analizando os posibles impactos, accións de corrección e elementos de mitigación, ante as re-planificacións que poidan xurdir.

e) Apoiar na definición de necesidades e implantación dos sistemas de información.

f) Dar soporte na xestión do cambio e transformación do hospital cara ao novo modelo de xestión.

g) Coordinar a planificación do traslado, tanto do equipamento e mobiliario como da actividade non sanitaria e sanitaria, con base nos fitos marcados pola empresa concesionaria.

h) Apoiar no proceso de comunicación aos axentes involucrados, tanto durante a fase de construción como ao inicio da fase de explotación.

i) Ofrecer un asesoramento xurídico legal nos aspectos relativos ao contrato obxecto de licitación.

j) Asesorar en aspectos económico-financeiros nos aspectos relativos ao contrato obxecto de licitación.

k) Apoiar no deseño, implantación e seguimento posterior do sistema de xestión de incidencias. A OTS deberá transferir o coñecemento adquirido á Unidade de Supervisión e Control da Administración, establecida na cláusula 25 do prego administrativo. O proceso de aprendizaxe da Unidade de Supervisión e Control comezará coa antelación suficiente á retirada da OTS, para que a primeira adquira as competencias adecuadas para realizar as tarefas de seguimento posteriores.

Terceiro. A xestión que realizará Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. abranguerá as actuacións materiais ou xurídicas necesarias, dentro dos límites contidos na normativa que disciplina a súa actividade, aínda que poderá, de conformidade co artigo 2 dos seus estatutos, contratar con terceiros as actuacións encomendadas. Neste último caso a actuación axustarase ao disposto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade de competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio, sendo responsabilidade do órgano encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou en que se integren as concretas actividades materiais obxecto da encomenda.

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións do Servizo Galego de Saúde.

Cuarto. Esta encomenda terá vixencia ata dous anos despois da posta en marcha do Novo Hospital de Vigo, segundo indican os pregos administrativos de licitación do Novo Hospital de Vigo.

Quinto. O importe destinado para a realización das actividades encomendadas será integramente sufragado polo contratista adxudicatario Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A., de conformidade coas condicións establecidas na correspondente relación contractual. Así, de conformidade coa cláusula 9.3 do prego de prescricións administrativas, os custos para o obxecto da presente encomenda establecéronse nun importe máximo de 3.957.357 € (IVE excluído), quedando obrigado o concesionario a efectuar os pagamentos correspondentes á OTS nun prazo de 30 días, unha vez validada e aceptada a factura.

Sexto. Esta encomenda extinguirase, ademais de polo cumprimento do seu obxecto, polas seguintes causas de finalización anticipada:

a) Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.

b) Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.

c) Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.

d) As demais previstas na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2011.

Mª Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade e Presidenta do Servizo Galego de Saúde