Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Luns, 23 de maio de 2011 Páx. 10906

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2011 pola que se declara de interese galego a Fundación Raizame e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raizame, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

FEITOS

Primeiro. Amador Villaverde Castiñeiras, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Raizame foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 16 de decembro de 2010, ante o notario Héctor Ramiro Pardo García, co número de protocolo 2.550, pola Central Sindical Independiente y de Funcionarios de Galicia (CSI-F Galicia).

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

Fomentar o estudo e a investigación en materia de emprego e formación profesional e social dos traballadores de Galicia;

Axudar á definición das necesidades de formación e cualificación dos traballadores, en función das demandas sociais, o desenvolvemento rexional, tecnolóxico, e económico;

Favorecer a formación ao longo da vida dos traballadores mellorando a súa capacidade profesional e promoción profesional;

Proporcionar aos traballadores os coñecementos e as prácticas adecuadas aos requirimentos do mercado de traballo e ás necesidades das empresas;

Prestarlle atención prioritaria á formación de desempregados con necesidades especiais de inserción no mercado traballo tales como: mozos de primeiro emprego, mulleres que reingresan no mercado de traballo, parados de longa duración, persoas discapacitadas...;

Contribuír á orientación laboral e profesional dos traballadores, tanto dos desempregados como dos que están ocupados.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os extremos relativos á personalidade da entidade fundadora, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por José Francisco Méndez Castro, presidente autonómico da CSI-F Galicia, como presidente; Amador Villaverde Castiñeiras, membro do Comité Executivo Autonómico da CSI-F Galicia, como secretario; e Domingo Fernández Veiguela, presidente nacional da CSI-F; Concepción Rey Fernández, presidenta da Unión Provincial da CSI-F Ourense; José Ramón Villalibre Fernández, presidente da Unión Provincial da CSI-F A Coruña; José Berciano Berciano, presidente da Unión Provincial da CSI-F Lugo; Eduardo Rejo Portela, presidente da Unión Provincial da CSI-F Pontevedra; Daniel Jaime Otero Castiñeira, membro do Comité Executivo Autonómico da CSI-F Galicia e José Francisco Sánchez-Brunete Varela, membro do Comité Executivo Autonómico da CSI-F Galicia, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Raizame, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, pola orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 17 de febreiro de 2011 (DOG n.º 40, do 28 de febreiro), clasificouse como de interese laboral a Fundación Raizame e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raizame, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Raizame, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Raizame, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Raizame no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2011.

Cristina Ortiz Dorda
Secretaria xeral técnica