Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2011 Páx. 14143

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan, con carácter experimental, os contratos-programa e se establecen as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

No marco da Conferencia Sectorial de Educación, o ministerio e as comunidades autónomas acordaron a sinatura de convenios bilaterais para o desenvolvemento de programas educativos de cooperación territorial. Dentro das actuacións previstas nestes convenios figuran, entre outras, os programas de reforzo, orientación e apoio, os dirixidos ao incremento do éxito escolar e aqueles que procuran diminuír as bolsas de abandono temperá da escolarización.

O artigo 120 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que os centros educativos teñen que dispoñer da necesaria autonomía pedagóxica, de organización e de xestión para favorecer a mellora continua na educación, e que as administracións educativas terán que favorecer a autonomía dos centros de xeito que os seus recursos económicos, materiais e humanos se poidan adecuar aos plans de traballo e organización que elaboren, unha vez que sexan convenientemente avaliados e valorados.

Os centros educativos, para lograr a equidade e a excelencia na educación, deben desenvolver as capacidades de todo o alumnado conforme ás súas posibilidades e circunstancias e, para iso, teñen que organizarse de xeito diferenciado, planificando os seus recursos e desenvolvendo as actuacións necesarias para o logro duns obxectivos concretos nun período de tempo determinado.

Esta resolución pretende dar cabida, baixo un marco único, a todos aqueles programas que se veñen desenvolvendo nos centros educativos -PROA, Éxito escolar, entre outros- co obxectivo de lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver ao máximo posible as súas capacidades, buscar a excelencia e, en definitiva, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.

Preténdese, xa que logo, que os centros educativos analicen as súas fortalezas e debilidades e propoñan medidas específicas de actuación e, por outra banda, que a Administración educativa proporcione os recursos necesarios para o desenvolvemento de proxectos realistas en que participe a comunidade educativa e as institucións do contorno.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto regular os contratos-programa e establecer as condicións para desenvolver nos centros docentes programas para a mellora do éxito escolar do alumnado.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, seguintes:

a) Centros de educación infantil e primaria.

b) Centros de educación primaria.

c) Centros públicos integrados.

d) Institutos de educación secundaria.

Sección 2.ª Programas para a mellora do éxito escolar

Artigo 3. Programa de centro para a mellora do éxito escolar.

Os centros educativos poderán elaborar un programa para a mellora do éxito escolar do alumnado, sobre unha ou varias das actuacións que se establecen no artigo 5.

Artigo 4. Obxectivos do programa.

O programa, en función das actuacións que o integren, deberá perseguir os seguintes obxectivos:

a) Identificar as dificultades e problemas do alumnado en relación coa aprendizaxe.

b) Lograr un clima de aula e de centro que favoreza o proceso de ensinanza e aprendizaxe.

c) Favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables para mellorar a súa formación e previr os riscos de exclusión social.

d) Mellorar a competencia en comunicación lingüística e, en concreto, da lectura como medio para a aprendizaxe, promovendo o uso das bibliotecas e dos espazos comúns de aprendizaxe.

e) Mellorar o nivel de adquisición de competencias de todo o alumnado nas etapas de ensino obrigatorio.

f) Elevar os niveis de éxito escolar no ensino obrigatorio.

g) Apoiar a evolución e a integración do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender, afondando nos coñecementos dalgún campo de actividade.

h) Implicar os pais, nais ou titores/as legais do alumnado na súa educación e nos procesos de ensinanza e aprendizaxe.

i) Lograr a colaboración da administración local, dos empregadores e doutras institucións naqueles ámbitos que favorecen a escolarización e a formación da poboación.

j) Mellorar a calidade da educación e os resultados escolares.

Artigo 5. Actuacións do programa e destinatarios.

O programa que elaboren os centros poderá recoller unha ou varias das actuacións que se relacionan a continuación, considerando as necesidades e intereses dos seus destinatarios.

1. Reforzo, orientación e apoio.

Destinatarios:

  • Alumnado do 2.º e 3.º ciclo de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria que presentan dificultades e problemas de aprendizaxe, así como aqueles con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural en que se desenvolven.

2. Mellora da lectura, escritura e cálculo.

Destinatarios:

  • Todo o alumnado das etapas de ensino obrigatorio.

3. Mellora da convivencia.

Destinatarios:

  • Os centros educativos, e particularmente os que impartan a etapa de educación secundaria obrigatoria, con alumnado que presente alteracións do comportamento e/ou graves problemas de conduta.

4. Redución do abandono escolar.

Destinatarios:

  • Alumnado de educación secundaria.

5. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

Destinatarios:

- Alumnado do 2.º e 3.º ciclo de educación primaria e de educación secundaria que presentan unha destacada capacidade e motivación para aprender.

Artigo 6. Elaboración do programa e requisitos.

1. O programa que elabore o centro para a mellora do éxito escolar do alumnado concretará as actuacións que se pretenden desenvolver, de entre as que se establecen no artigo 5 desta resolución, identificando para cada unha delas, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Razóns que xustificarían a actuación, cos indicadores e datos que procedan.

b) Medidas que se pretenden desenvolver e a súa temporalización. Estas medidas deberán ser concretas, innovadoras e orientadas ao logro dos obxectivos. As medidas poderán comportar singularidades en canto a:

  • Horario de apertura e peche do centro.
  • Organización do currículo.
  • Organización e características dos recursos humanos.
  • Necesidades de formación do profesorado.
  • Asignación e/ou distribución de recursos materiais.
  • Modelo de xestión organizativa e pedagóxica que requiran as medidas de actuación.

c) Logros que se perseguen e indicadores de medida temporalizados. Para a súa concreción teranse en conta indicadores como:

  • A taxa de éxito escolar nos distintos niveis ou etapas, tomando como referencia os resultados das avaliacións ordinarias e extraordinarias, da avaliación de diagnóstico e das PAU, entre outros.
  • A taxa de idoneidade do alumnado para cada un dos niveis de ensino obrigatorio.
  • A análise das necesidades educativas e socioeconómicas do contorno.
  • Os datos de inserción laboral, se procede.
  • Os resultados dos sistemas de xestión da calidade, se é o caso.

d) Estratexias de coordinación entre centros na transición do alumnado de primaria a secundaria.

e) Implicación das familias do alumnado, doutras institucións e de empresas, se é o caso.

f) Colaboración da administración local e doutras administracións, se é o caso.

g) Necesidade de novos recursos que implica a actuación, temporalizados.

h) Proceso de seguimento e avaliación interna que se vai realizar de cada unha das actuacións.

2. O programa será elaborado polo equipo directivo do centro que, previamente, deberá realizar unha análise sobre os procesos que se veñen desenvolvendo no centro para identificar as súas fortalezas e debilidades; estes aspectos deberán figurar para cada unha das actuacións no programa que se presente.

3. O programa deberá contar coa aprobación, por maioría, do Claustro e, por maioría cualificada de dous terzos, do Consello Escolar.

Artigo 7. Compromisos do centro educativo.

O centro educativo co que se acorde o desenvolvemento dun programa, conforme o previsto nesta resolución, ademais dos compromisos que deriven das actuacións recollidas nel, deberá asumir, polo menos, os seguintes compromisos:

  • Realizar un seguimento periódico das actuacións previstas no programa, cando menos con carácter trimestral, e reflectir documentalmente as circunstancias e os resultados acadados.
  • O profesorado terá que participar nas actividades de formación que se planifiquen tanto desde o centro como desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
  • O equipo directivo terá que participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
  • Garantir a participación activa do director ou directora e outro membro do equipo directivo nas reunións do traballo en rede que desde a Administración educativa se establezan.
  • A comunidade educativa terá que coordinarse e cooperar en rede para mellorar a calidade do servizo educativo e acadar os obxectivos fixados.
  • A comunidade educativa terá que participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.

Artigo 8. Actuacións da administración educativa.

A Administración educativa da Xunta de Galicia, na procura da mellora do sistema educativo, desenvolverá, nos centros cos que acorde o desenvolvemento de programas previstos nesta resolución, actuacións como as que seguen:

a) Apoio aos centros e ao profesorado.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria daralle apoio específico aos centros educativos que desenvolvan programas dos previstos nesta resolución, polo menos, nos seguintes aspectos:

  • Asesoramento, a través dos servizos de inspección educativa.
  • Asesoramento e asistencia de servizos específicos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tales como persoal, orientación, formación do profesorado e xestión económica, entre outros.
  • Formación específica ao equipo directivo e ao profesorado implicado no programa.
  • Potenciación do traballo en rede dos centros docentes para o intercambio de coñecementos e experiencias.

b) Difusión das boas prácticas que se desenvolvan nos centros educativos.

As boas prácticas, identificadas no desenvolvemento dos programas nos diferentes centros, poderán ser divulgadas, en colaboración cos propios centros docentes, constituíndo modelos de referencia de organización e xestión destes.

c) Recursos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, dotará os centros de recursos específicos para o desenvolvemento do programa acordado, se é o caso.

Sección 3.ª Proceso de solicitude e selección dos programas

Artigo 9. Solicitudes e documentación.

1. Para participar nesta convocatoria os centros educativos deberán presentar a solicitude, no modelo que se xunta como anexo I desta resolución, e acompañarana da seguinte documentación:

  • O programa elaborado polo equipo directivo conforme o que se indica no artigo 6, que deberá presentarase en soporte papel e en formato dixital.
  • Certificación da aprobación do programa polo Consello Escolar, segundo o modelo que figura no anexo II.
  • Certificación da aprobación do programa polo Claustro, segundo o modelo que figura no anexo III.

2. A solicitude e demais documentación presentaranse no rexistro único da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, edificio administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou noutro rexistro propio ou concertado conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, así como por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 10. Criterios de selección dos programas.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, á vista dos programas presentados polos centros, procederá a seleccionar aqueles que, respondendo aos requisitos establecidos nesta convocatoria, sexan viables na súa execución e no marco dos recursos dispoñibles.

2. Os programas que se autoricen serán seleccionados conforme os seguintes criterios:

a) A obxectividade e viabilidade do programa que se vai desenvolver, considerando a análise de debilidades e fortalezas do centro, así como os resultados académicos dos últimos anos.

b) A coordinación e implicación dos centros adscritos, ou aos que están adscritos, para a transición do alumnado desde a educación primaria á educación secundaria obrigatoria.

c) Centros en que no seu contorno sociocultural predominen familias de baixo nivel cultural ou economicamente desfavorecidas, minorías étnicas, inmigrantes de lingua materna distinta á do centro, entre outros.

d) Centros con baixos resultados académicos, asociados a problemas de convivencia no centro, sempre que se prevexa esa actuación no programa.

e) A implicación das familias, do concello e doutras institucións para o desenvolvemento do programa.

f) O nivel de implicación do Claustro e do Consello Escolar na aprobación do programa.

g) A participación do centro nos plans de autoavaliación e mellora da calidade na educación.

h) A participación do centro en programas ou proxectos de innovación nos últimos tres anos.

i) A duración prevista para o programa.

Artigo 11. Comisión de selección.

1. Baixo a presidencia da persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes.

2. A comisión estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, da Subdirección Xeral de Recursos Humanos e da Subdirección Xeral de Centros, os/as inspectores/as xefes do Servizo Territorial de Inspección Educativa, a persoa titular da xefatura do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, e unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que realizará as funcións de secretaría. As persoas subdirectoras poderán ser substituídas por xefes/as de servizo, se é o caso.

3. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica, constituída por persoas asesoras da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para os efectos de elaboración de informes sobre os programas de actuación presentados.

4. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 12. Selección dos programas.

1. Entre os programas presentados, a comisión seleccionará aqueles que, cumprindo os requisitos da convocatoria, se consideren viables.

2. A comisión de seleccións concretará cos centros educativos todos aqueles aspectos dos programas seleccionados que se plasmarán no contrato-programa.

3. O contrato-programa poderá ser de carácter anual ou plurianual, segundo o caso, e, cando menos, explicitará o seguinte:

  • Os logros que se perseguen, mediante os indicadores acordados.
  • As actuacións que se consideran incluídas no programa.
  • Os compromisos do centro educativo.
  • As actuacións e achegas da Administración educativa.
  • A comisión de seguimento.
  • O período de duración do programa.

Artigo 13. Resolución.

1. Unha vez rematado o proceso de selección dos programas e realizada a concreción dos contratos-programa, a comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo www.edu.xunta.es/web.

2. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que resolverá a relación final dos programas seleccionados.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Formalización do contrato-programa.

Os centros que sexan autorizados para o desenvolvemento dun programa asinarán coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un contrato-programa que recolla as actuacións do programa que se acorde entre o centro e a comisión de selección.

Artigo 15. Recursos para o desenvolvemento do programa.

Para o desenvolvemento das actuacións establecidas no contrato-programa a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará os centros dos recursos financeiros e de persoal considerados necesarios.

Estes recursos sufragaranse con cargo aos orzamentos previstos nos convenios de colaboración que se subscriban co Ministerio de Educación para as actuacións recollidas no artigo 5 desta resolución.

Sección 4.ª Seguimento, avaliación e certificación

Artigo 16. Seguimento e avaliación do contrato-programa.

1. O equipo directivo do centro realizará un seguimento do programa conforme a metodoloxía prevista nel e dará conta aos órganos de participación e goberno, aos pais, nais ou titores/as legais, así como ás institucións que participan no programa.

2. A inspección educativa realizará, ao longo de cada curso académico, o seguimento e avaliación das diferentes actuacións previstas no programa, informando periodicamente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A avaliación do programa realizada polo centro educativo para cada curso académico, ademais de servir para render contas ante a comunidade educativa, porase á disposición da comisión de seguimento do acordo e incorporarase, así mesmo, á memoria anual do centro.

4. Para o seguimento do programa, establecerase unha comisión de seguimento do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o centro educativo.

5. A comisión de seguimento estará integrada por representantes da Dirección Xeral Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do centro educativo e tamén formará parte dela o inspector ou inspectora do centro, actuando como secretario ou secretaria a persoa que desempeñe esta función no centro educativo. A composición da comisión concretarase no acordo entre a Administración educativa e o centro.

6. A comisión estará presidida por un representante da Administración e reunirase, polo menos, unha vez ao ano. O centro docente ten que certificar o valor conseguido nos indicadores que establece o acordo e achegar a documentación que lle sexa requirida pola comisión de seguimento.

7. A comisión de seguimento ten as funcións seguintes:

a) Facer o seguimento e a avaliación da execución do acordo a partir da información que facilita o centro docente e o inspector ou a inspectora deste.

b) Analizar o grao de consecución dos obxectivos e compromisos establecidos e o cumprimento da aplicación e calidade das estratexias e actividades a través dos indicadores establecidos.

c) Formular propostas de modificación de recursos para o curso seguinte en relación co desenvolvemento do programa.

d) Propor as modificacións que se consideren necesarias nos obxectivos, nas actuacións e nas medidas acordadas para a continuidade do programa ou a súa supresión, se é o caso.

Artigo 17. Certificación de participación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria certificará a participación do profesorado nos programas, como actividades de innovación educativa e recoñecerá, se procede, as boas prácticas derivadas da aplicación dos programas en función dos resultados do seu seguimento e avaliación.

Artigo 18. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO II
Aprobación polo Consello Escolar da solicitude de participación na convocatoria de contratos-programa para a mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Don/Dona………………………………………………, en calidade de secretario/a do

Consello Escolar do centro educativo …………………………………..........................

código ………………................……..do municipio de ……..........…………………….

FAI CONSTAR:

1. Que o Consello Escolar do centro coñece o contido e características da resolución para a participación do centro educativo na convocatoria de contratos-programa para a mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

2. Que o Consello Escolar, na sesión do día de de .

□ se mostrou favorable a participar na convocatoria de contratos-programa para a mellora do éxito escolar.

Resultado da votación:

  • Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto:
  • Número de integrantes do Consello Escolar con dereito a voto presentes na votación:
  • Número de votos favorables á presentación da solicitude de participación:
  • Número de votos contrarios á presentación da solicitude de participación:
  • Número de votos en branco:
  • Número de votos nulos:

E, para que conste, asínoo no lugar e data indicados.

, de de

Visto e prace

Presidente/a do Consello Escolar Secretario/a

Asdo.: Asdo.:

ANEXO III
Aprobación polo Claustro da solicitude de participación na convocatoria de contratos-programa para a mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Don/Dona................................................................ , en calidade de secretario/a do

Claustro do centro educativo……………………………………………………………..

Código ……………………….do municipio de…………………………………………..

FAI CONSTAR:

1. Que o Claustro do centro coñece o contido e características da resolución para a participación do centro educativo na convocatoria de contratos-programa para a mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

2. Que o Claustro, na sesión do día de de .

□ se mostrou favorable a participar na convocatoria de contratos-programa para a mellora do éxito escolar.

Resultado da votación:

  • Número de integrantes do Claustro con dereito a voto:
  • Número de integrantes do Claustro con dereito a voto presentes na votación:
  • Número de votos favorables á presentación da solicitude de participación:
  • Número de votos contrarios á presentación da solicitude de participación:
  • Número de votos en branco:
  • Número de votos nulos:

E, para que conste, asínoo no lugar e data indicados.

, de de

Visto e prace

Director/a do centro Secretario/a

Asdo.: Asdo.:

missing image file