Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2011 Páx. 14389

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 11 de maio de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas e actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e parte de 2012.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.19 como competencia exclusiva da Xunta de Galicia, o fomento da cultura en Galicia, e no artigo 32, que corresponde á nosa comunidade autónoma, a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos e colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo con esta orde quere establecer un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto.

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas ao funcionamento e á realización de programas ou actividades culturais concretas polas asociacións, entidades e fundacións culturais sen ánimo de lucro, que sexan solicitadas á Consellería de Cultura e Turismo conforme o procedemento que se establece a seguir.

Inclúense nesta orde os programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2011 ata a data límite de xustificación desta orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúen ao espallamento e promoción da cultura en Galicia; gastos de persoal para a dirección e coordinación das actividades e gastos de funcionamento, se é o caso, das institucións obxecto da subvención.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

d) Decreto 44/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do censo de asociacións e entidades culturais.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

E supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía.

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432B.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, por un importe de cincuenta mil euros (50.000 €) e con cargo á mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 por un importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €). Ao abeiro do disposto no punto 4.º do artigo 26 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá sinalarse a distribución por anualidades das contías anteriores atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada e a imputación a cada exercicio realizarase logo da entrega da xustificación equivalente á contía que corresponda.

A axuda con cargo ao orzamento do ano 2011 comprenderá as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2011; con cargo ao orzamento do ano 2012 serán subvencionadas as actividades realizadas desde o 1 de novembro de 2011 ata o 31 de marzo de 2012.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

4. A contía de cada subvención non poderá ser superior a cantidade solicitada ou ao 75% do orzamento total da actividade subvencionable, coa cantidade máxima de 20.000 euros por beneficiario, no conxunto das dúas anualidades. Ademais, o importe máximo destas subvencións non poderá, en caso ningún, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as fundacións, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro que realicen actividades culturais de promoción da cultura galega e que desenvolvan as súas actividades habitualmente en Galicia.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Xunta de Galicia se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Non poderán ser beneficiarios desta axuda aqueles que se achen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2.º e 3.º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. Os que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida ao conselleiro de Cultura e Turismo segundo o modelo que figura como anexo I, e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, nos rexistros das delegacións provinciais ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Á solicitude xuntarase a documentación que a seguir se relaciona:

a) Fotocopia do NIF ou, se é o caso, do CIF da entidade e DNI do representante, xunto coa documentación acreditativa da representación. Este último documento só deberá presentarse no suposto de que a persoa solicitante non dese o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medios telemáticos co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio da Presidencia (de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos).

b) Declaración, segundo documento normalizado (anexo II), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto. No mesmo anexo tamén se declarará que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2.º e 3.º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Memoria, o máis detallada posible, relativa ao programa ou actividade, que deberá facer mención, como mínimo, dos seguintes aspectos:

  • Contribución ao fomento e difusión da cultura e da lingua galega.
  • Potencial número de beneficiarios/as do programa ou actividade.
  • Repercusión territorial do programa ou actividade

d) Calendario de execución do programa ou actividade.

e) Orzamento desagregado e polo miúdo do programa ou actividade.

f) Breve resumo das actividades culturais levadas a cabo durante os dous últimos anos.

g) Voluntariamente poderá achegarse calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que sexa pertinente para a mellor valoración do programa ou actividade presentados.

No caso de que o beneficiario queira obter axuda das dúas anualidades (2011 e 2012), deberá detallar na solicitude:

  • Que actividade ou proxecto quere realizar con cargo a cada unha das anualidades.
  • A cantidade solicitada.
  • A contía.

3. Os anexos I e II poderanse obter ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia en que se publique a convocatoria de axudas ou ben na páxina da internet http://culturaeturismo.xunta.es/.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor, neste caso a Consellería de Cultura e Turismo, para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de estar ao día nas obrigas tributarias e fiscais que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non fose posible a obtención desta información, poderá ser requirida directamente ao solicitante.

Artigo 5. Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia de que, de non o facerse, terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Instrución do procedemento e selección de solicitudes.

Corresponde á Consellería de Cultura e Turismo a instrucción do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

A comisión avaliadora a que fai referencia o punto 3 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

  • Presidente: o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo.
  • Catro vogais, que serán designados pola Consellería de Cultura e Turismo, dos que un deles actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a Consellería de Cultura e Turismo.

A comisión valorará os expedientes con base nos seguintes criterios:

a) Número de actividades culturais realizadas nos dous anos anteriores: ata 10 puntos.

b) Carácter continuado e non ocasional do proxecto: ata 10 puntos.

c) Repercusión territorial do programa ou actividade: 15 puntos repercusión en toda a comunidade, 10 puntos provincial e 5 puntos local.

d) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: superior ao 25% ata o 40%, 3 puntos; por importe superior ao 40% ata o 60%: 4 puntos; por importe superior ao 60%: 5 puntos.

e) Importancia e transcendencia cultural do proxecto ou actividade realizada, en función da continuidade e atendendo ao número de edicións e á repercusión mediática da actividade: ata 10 puntos.

f) Contribución ao fomento da lingua e da lectura en galego, en función do número de actividades en que se fomente tanto a lingua como a lectura en galego: ata 3 puntos.

O informe que emita a comisión valorará a totalidade dos expedientes que cumpren os requisitos previstos nesta orde.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada pola que se conceden subvencións, ata o límite do crédito dispoñible, a aqueles solicitantes que obteñan unha puntuación mínima que será fixada pola comisión de valoración, tras o exame das solicitudes.

Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, o beneficiario poderá instar a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

En caso de que existan empates na puntuación, valorarase en primeiro lugar o criterio do autofinanciamento, e no caso de que o empate se manteña, terase en conta a data de presentación da solicitude.

No suposto de que algún beneficiario dos propostos non acepte a axuda ou renuncie a ela, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa puntuación establecida.

Artigo 7. Resolución.

Á vista da proposta de resolución, o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, e a contía da subvención. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Notificación e desestimación.

O prazo máximo para notificarlle aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

No caso daquelas solicitudes que foren desestimadas, os solicitantes poderán retirar a documentación presentada.

Artigo 9. Aceptación, xustificación e pagamentos.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen se producir manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar a contía total do proxecto; en caso de non xustificar a totalidade do proxecto, a subvención sería minorada na mesma proporción.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a xustificación nos seguintes prazos:

  • Para as actividades ou os proxectos realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2011, o prazo para xustificar remata o día 1 de novembro de 2011.
  • Para as actividades ou os proxectos realizados entre o 1 de novembro de 2011 e o 30 de marzo de 2012, o prazo para xustificar remata o día 30 de abril de 2012.

O cumprimento efectivo dos fins para os cales foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación de orixinal e copia da seguinte documentación:

  • Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.
  • Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas que conterá orixinal, ou fotocopia compulsada, e dúas copias da seguinte documentación:

a) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

d) No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

e) Certificación da titularidade da conta expedida pola entidade bancaria onde se debe realizar o pagamento da subvención.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

  • Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa ou entidade que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.
  • Con carácter excepcional admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

4. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

6. De acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase facer efectivo, en concepto de anticipo, ata un máximo do 5% do total da contía concedida a cada entidade, logo de solicitude que se deberá presentar no prazo dun mes a contar desde a notificación da resolución da subvención.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuír á normalización da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego.

3. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos, e deberán comunicar á Consellería de Cultura e Turismo o día e a hora da actividade subvencionada. A Consellería de Cultura e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

4. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada, sempre que sexan actividades con datas posteriores á recepción da comunicación da resolución, que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Este logotipo actualizado que permita identificar a orixe da axuda poderase obter na páxina web: http://www.xunta.es/identidade-corporativa/pax/pax032/pax090.htm. Cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

5. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. Cando un beneficiario non poida executar o proxecto ou actividades, deberá renunciar á subvención por escrito.

Artigo 11. Reintegro da axuda e procedemento sancionador.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais o internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou da axuda concedida.

Artigo 12. Recursos.

Contra esta orden e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante o conselleiro de Cultura e Turismo.

Artigo 13. Publicidade.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán, no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Turismo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file