Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2011 Páx. 15177

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 112/2011, do 3 de xuño, polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia.

O mercado do leite e dos produtos lácteos na segunda metade do ano 2008 e no ano 2009 rexistrou niveis de prezos aos produtores anormalmente baixos no conxunto da Unión Europa en xeral, e, de forma especialmente sensible, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta situación puxo de manifesto a necesidade de adoptar a nivel comunitario medidas en relación co mercado do leite e, de forma particular, o establecemento de contratos de venda deste, complementarias ás xa vixentes na organización común do mercado do leite, como un apoio importante e urxente para estabilizar os ingresos dos agricultores e contribuír a paliar a incidencia desta situación na renda agraria.

En vista desta situación no mercado do leite, o comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea decidiu o 5 de outubro de 2009 establecer un grupo de alto nivel de expertos sobre o sector lácteo co propósito de traballar sobre as normas reguladoras que poidan contribuír a estabilizar os prezos e a mellorar a transparencia no mercado. Este grupo emitiu o seu informe o 15 de xuño de 2010 no que se recollía unha análise da situación do sector lácteo e varias recomendacións. En xeral, concluían que a concentración da oferta é baixa dando lugar a un desequilibrio no poder de negociación entre produtores e compradores de leite. Así mesmo, os produtores non coñecen o prezo do leite no momento da entrega porque o comprador o fixa máis tarde con base no valor engadido obtido. Tamén o comprador descoñece a cantidade de leite que lle será entregado ao longo do ano. Así mesmo, recoñécese que o uso de contratos previos á entrega do leite formalizados por escrito, que conteñan elementos básicos, non está xeneralizado. Estes contratos e a súa obrigatoriedade poderían reforzar a responsabilidade dos operadores na cadea alimentaria co fin de ter en conta os sinais do mercado, adaptar a oferta á demanda e axudar a evitar prácticas comerciais desleais.

Tamén, e á vista do desequilibrio existente na cadea de valor do sector, recomendábase á Comisión Europea a adopción dos pasos necesarios para potenciar o papel das organizacións de produtores no sector e favorecer a posición negociadora dos gandeiros. Por último, considerábase conveniente reforzar o papel das organizacións interprofesionais.

O Consello de Ministros de Agricultura da UE instou a Comisión a presentar propostas lexislativas antes de finais de 2010 respecto ás tres primeiras recomendacións do Grupo, isto é: contractualización, poder de negociación mediante o desenvolvemento de organizacións de produtores e reforzamento das organizacións interprofesionais.

En decembro de 2010 a Comisión Europea presentou a súa proposta de regulamento para modificar o Regulamento 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, introducindo as iniciativas clave para a cohesión sectorial como son a posibilidade de que os Estados membros fagan obrigatorios nos seus territorios os contratos, o recoñecemento das organizacións de produtores, a posibilidade de que estas poidan negociar de xeito colectivo os termos dun contrato e a ordenación e reforzamento do papel das organizacións interprofesionais no sector lácteo.

No dito marco o Real decreto 460/2011, do 1 de abril, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se explicitan as decisións de España sobre a contratación no sector lácteo en relación á normativa europea que modificará para o sector lácteo o Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello, dispuxo as finalidades e os requisitos mínimos que deben cumprir as organizacións de produtores do sector lácteo, as normas para o seu recoñecemento e o das súas asociacións. Ademais, polo dito real decreto creouse o Rexistro Nacional de Organizacións de Produtores do Sector Lácteo, establecendo que o seu recoñecemento lle corresponderá ao órgano competente da comunidade autónoma onde radique a sede real da organización de produtores que solicite o seu recoñecemento.

Así mesmo, e co obxectivo de reforzar a capacidade negociadora das organizacións de produtores de leite de vaca en xeral, e dos pequenos produtores en particular, ademais dunha produción anual comercializable mínima, estas organizacións de produtores deberán de dispor do mandato dun número mínimo de produtores para o caso da comercialización do leite de vaca non integrado en denominacións de calidade.

De acordo co exposto, sen prexuízo da aplicabilidade directa da normativa comunitaria e estatal correspondente, que se reproduce en parte por razóns de operatividade na aplicación do marco normativo, a razón deste decreto é establecer o procedemento para o recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite e as súas asociacións que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia, coa dimensión e capacidade de concentración da oferta suficiente para, entre outros fins, equilibrar a negociación entre produtores e compradores de leite, co obxectivo de que cando se produza a modificación do Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, no que atinxe ás relacións contractuais no sector do leite e dos produtos lácteos, prevista na disposición adicional única do Real decreto 460/2011, estas estean en condicións de exercer as súas funcións.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo -DOG n.º 251, do 30 de decembro), o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, e o Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, corresponde ao dito organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da xestión da Política agraria común (PAC), en concreto as medidas de intervención e regulación de mercados da organización común de mercados agrarios (OCM).

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto regular o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite e das súas asociacións en que a sede da súa efectiva dirección radique na Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do disposto no Real decreto 460/2011, do 1 de abril, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se explicitan as decisións de España sobre a contratación no sector lácteo en relación á normativa europea que modificará para o sector lácteo o Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello.

Artigo 2. Autoridade competente.

A autoridade competente na aplicación do procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite e das súas asociacións, que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia, será a persoa directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Artigo 3. Definicións.

1. Para os efectos deste decreto serán de aplicación as definicións establecidas no artigo 65 do Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas.

2. Así mesmo, entenderase como:

a) Comercialización: tenza con vistas á venda, á oferta para a venda, á entrega ou calquera outra forma de posta no mercado de leite cru.

b) Leite cru: leite de vaca, ovella ou cabra que non fose quentado a unha temperatura superior a 40º C nin sometido a un tratamento de efecto equivalente.

c) Servizo de substitución: servizo mediante o cal un terceiro, contratado ou non, asume o manexo dunha explotación gandeira para cubrir a ausencia do titular desta por vacacións, enfermidade ou outros supostos que requiran do servizo.

Artigo 4. Finalidades e requisitos mínimos das organizacións de produtores de leite.

1. Poderán ser recoñecidas como organizacións de produtores de leite todas aquelas entidades con personalidade xurídica propia, de carácter civil ou mercantil, constituídas exclusivamente por produtores, que o soliciten e cumpran co obxectivo de concentrar a oferta e levar a cabo a comercialización da produción dos seus membros.

Ademais, deberán, polo menos, cumprir unha das seguintes finalidades:

a) Adecuar a produción á demanda, no referente á calidade e á cantidade.

b) Optimizar os custos de produción.

c) Proporcionar asesoramento ou servizos de substitución aos seus socios.

d) Levar a cabo actividades que supoñan a preservación do medio, ou da biodiversidade, a mellor xestión da auga ou a utilización de enerxías renovables.

2. A organización deberá dispor dos medios materiais e humanos necesarios para levar a cabo, polo menos, a función establecida no primeiro parágrafo deste artigo, así como aquela ou aquelas funcións que realice entre as de carácter opcional. Disporá de persoal técnico, persoal administrativo, locais axeitados e suficientes onde o Fogga poida examinar os documentos e rexistros que está obrigado a levar e de medios informáticos e telemáticos adecuados para o cumprimento das obrigas establecidas neste decreto.

3. As organizacións de produtores deberán acadar unha produción comerciable anual mínima e un número de produtores segundo o disposto no anexo I.

4. As organizacións de produtores deberán crearse por iniciativa dos produtores, e o seu funcionamento interno será democrático.

5. No caso de que unha organización de produtores estea formada por produtores de leite de diferentes especies, deberán cumprirse as exixencias relativas a cada unha das especies en relación á produción mínima comerciable.

6. Un produtor non poderá ser membro de máis dunha organización de produtores de leite da mesma especie, salvo que sexa titular de máis dunha explotación, conforme o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

Artigo 5. Produción comerciable.

O volume da produción comerciable calcularase de acordo coas entregas de leite cru dos seus membros. O período de referencia para o cálculo será o correspondente aos 12 meses anteriores á presentación da solicitude de recoñecemento.

Este cómputo refírese os efectos do volume mínimo comerciable necesario para o recoñecemento das organizacións de produtores.

Artigo 6. Período mínimo de adhesión.

Os socios da entidade deberán adherirse á organización de produtores durante un período mínimo de tres anos, e comunicar por escrito, en caso de que se desexe causar baixa, a renuncia á calidade de membro. A organización de produtores establecerá o prazo de aviso previo, dunha duración máxima de seis meses, e a data de efecto da renuncia, con criterios xerais que eviten discriminacións entre asociados.

Artigo 7. Presentación da solicitude.

As organizacións de produtores de leite e as súas asociacións dirixirán a solicitude de recoñecemento á persoa directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, órgano competente na inscrición no Rexistro de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite da Comunidade Autónoma de Galicia.

A solicitude poderá presentarse en soporte papel segundo o anexo II do decreto, nos lugares e forma previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañada da documentación establecida no artigo 8. Os interesados poderán presentar por medios electrónicos a documentación a que se refire este decreto, tendo a mesma validez que a presentada en papel.

Artigo 8. Documentación que presentarán as organizacións de produtores de leite.

As organizacións de produtores de leite deberán presentar a seguinte documentación:

1. Copia cotexada do NIF da organización de produtores.

2. Copia cotexada do DNI do representante legal ou autorización ao Fogga de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Política Territorial e Administración Publica.

3. Copia cotexada dos estatutos da organización de produtores.

4. Copia cotexada do acordo do órgano competente da organización de produtores no que se nomee a persoa representante para os efectos do establecido no Real decreto 460/2011.

5. Certificación ou informe do responsable da entidade no que figuren o nome e NIF dos membros da xunta directiva, se fose o caso.

6. Copia cotexada da documentación que acredite a personalidade xurídica da organización de produtores.

7. Relación dos titulares de explotacións leiteiras pertencentes á organización, de acordo co anexo II (ficheiro informático).

8. Declaración de compromisos, mandatos e posta no mercado de acordo cos anexos IV e V.

9. Memoria descritiva da dotación de persoal técnico e/ou administrativo e do equipamento material do que dispón:

a) Persoal técnico.

b) Persoal administrativo.

c) Locais axeitados e suficientes onde o Fogga poida examinar os documentos e rexistros que está obrigado a levar.

d) Medios informáticos e telemáticos adecuados para o cumprimento das obrigas establecidas neste decreto.

Artigo 9. Documentación que presentarán as asociacións de organizacións de produtores de leite.

As asociacións de organizacións de produtores de leite presentarán a seguinte documentación:

1. Copia cotexada do NIF da asociación de organizacións de produtores.

2. Copia cotexada do DNI do representante legal ou autorización ao Fogga de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Política Territorial e Administración Publica.

3. Copia cotexada dos estatutos da asociación de organizacións de produtores.

4. Copia cotexada do acordo do órgano competente da asociación de organizacións de produtores en que se nomee a persoa representante para os efectos do establecido no Real decreto 460/2011.

5. Certificación ou informe do responsable da entidade en que figuren o nome e NIF dos membros da xunta directiva.

6. Copia cotexada da documentación que acredite a personalidade xurídica da asociación de organizacións de produtores.

7. Relación de organizacións de produtores lácteos membros da asociación e documentación xustificativa do seu recoñecemento.

8. Memoria descritiva da dotación de persoal técnico e/ou administrativo e do equipamento material de que dispón:

a) Persoal técnico.

b) Persoal administrativo.

c) Locais axeitados e suficientes onde o Fogga poida examinar os documentos e rexistros que está obrigado a levar.

d) Medios informáticos e telemáticos adecuados para o cumprimento das obrigas establecidas neste decreto.

Artigo 10. Recoñecemento das organizacións de produtores lácteos.

1. Unha vez presentada a solicitude, o Fogga procederá á comprobación da documentación presentada.

2. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase a entidade para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, que comezará a contar ao día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se terá por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo das actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A persoa directora do Fogga ditará e notificará a correspondente resolución de recoñecemento no prazo máximo dun mes desde a data da súa solicitude.

4. Desta resolución informarase aos produtores de leite da Comunidade Autónoma de Galicia que formen parte da organización e, no caso de produtores doutras comunidades autónomas, á autoridade competente da comunidade autónoma á que pertenzan para o seu traslado aos produtores membros da organización.

5. Transcorrido o prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. O recoñecemento administrativo supón a inscrición, de oficio, no rexistro de organizacións e asociacións de organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11. Recurso contra a resolución.

Contra as resolucións da persoa directora do Fogga caberá a interposición de recurso de alzada ante o presidente do citado organismo no prazo dun mes contado desde a notificación da resolución obxecto de recurso.

Artigo 12. Causas da extinción do recoñecemento.

As causas de extinción do recoñecemento son as seguintes:

1. Por solicitude da entidade sen prexuízo do cumprimento das obrigas e compromisos derivados da súa condición de organización de produtores, e das responsabilidades que puidesen derivar como consecuencia das actuacións levadas a cabo durante o período en que a entidade posuía o recoñecemento.

2. De oficio por incumprimento de calquera dos requisitos exixidos para o recoñecemento, das obrigas, ou dos compromisos adquiridos.

Artigo 13. Procedemento de extinción e efectos suspensivos da resolución.

1. A extinción do recoñecemento declararase mediante resolución da persoa directora do Fogga tras a tramitación do procedemento instruído para o efecto, con audiencia do interesado. A resolución administrativa de extinción do recoñecemento dará lugar á cancelación de oficio da inscrición.

2. No caso de que a extinción do recoñecemento sexa por causa do incumprimento de calquera dos requisitos exixidos para o recoñecemento, das obrigas, ou dos compromisos adquiridos, os ditos incumprimentos darán lugar á suspensión da inscrición polo prazo que medie ata que se corrixan as carencias advertidas no preceptivo requirimento. Adoptarase acordo motivado ao respecto que será notificado aos interesados.

3. A suspensión da inscrición non poderá exceder o prazo dun mes, sen prexuízo do previsto no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, agás no especificado no punto 4 deste artigo.

Transcorrido este prazo sen que se emendase, procederase á revogación da inscrición logo de audiencia á entidade afectada, e á súa baixa no rexistro, mediante resolución da persoa directora do Fogga que será notificada aos interesados. A partir do momento en que se proceda á cancelación da inscrición e á baixa no rexistro, a entidade non poderá seguir desenvolvendo a súa actividade.

4. Para os efectos de comprobar o requisito de produción comerciable mínima e número mínimo de produtores/as asociados/as, o Fogga será o encargado de efectuar o dito control o 1 de abril de cada ano. No caso de que se detecte o incumprimento do dito requisito, dentro dunha porcentaxe que non supere o 20%, a organización disporá dun período de 6 meses para corrixir o incumprimento. Pasado este tempo sen que o incumprimento sexa emendado, a retirada do recoñecemento será efectiva.

Artigo 14. Obrigas das entidades recoñecidas.

Sen prexuízo do cumprimento das finalidades e requisitos mínimos previstos no artigo 4 deste decreto, as entidades recoñecidas e inscritas no rexistro de organizacións e asociacións de organizacións de produtores de leite da Comunidade Autónoma de Galicia quedan obrigadas a dispoñer dun sistema de rexistro informatizado e actualizado en que figuren os datos mínimos recollidos no anexo II.

Artigo 15. Asociacións de organizacións de produtores de leite.

Poderán ser recoñecidas como asociacións de organizacións de produtores de leite todas aquelas entidades con personalidade xurídica propia, constituídas por organizacións de produtores de leite recoñecidas conforme o previsto neste decreto, que así o soliciten da autoridade competente.

Artigo 16. Rexistro autonómico de organizacións e asociacións de organizacións de produtores de leite.

Créase no Fogga o Rexistro de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite da Comunidade Autónoma de Galicia no cal se inscribirán as organizacións e asociacións de produtores de leite recoñecidas de acordo co establecido neste decreto, e que será o responsable da transmisión da información requirida polo Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Organizacións de Produtores de Leite dependente do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto e, en particular, para modificar os anexos e prazos contidos nel, para a súa adaptación á normativa estatal, no caso de modificación desta.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I
Produción comerciable mínima e número mínimo de produtores

Toneladas e número mínimo de produtores

Denominacións de calidade (1)
Toneladas e n.º mínimo de produtores

Toneladas

Produtores

Toneladas

Produtores

Vaca

200.000

1000

10.000

50

Ovella

30.000

-

1.000

-

Cabra

30.000

-

1.000

-

(1) Inclúe as seguintes denominacións de calidade: indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe protexidas, especialidades tradicionais garantidas, gandaría ecolóxica e gandería integrada.

ANEXO II
Datos mínimos que conterá o ficheiro informático dos titulares de explotacións leiteiras pertencentes á organización de produtores de leite

O ficheiro informático terá formato Access, en calquera das súas versións, e incluirá os seguintes datos:

A) Identificación da organización de produtores e leite:

Denominación.

NIF.

Enderezo.

Concello.

Código postal.

Provincia.

Teléfono, fax e enderezo de correo de electrónico.

Nome do representante.

NIF do representante.

B) Identificación dos produtores de leite:

Deseño do rexistro: incluirase unha liña por cada código REGA de explotación de acordo coa seguinte táboa:

Código REGA da explotación conforme o establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo.

Letra do NIF do produtor. En caso de se tratar dunha persoa física, cubrirase un cero.

DNI ou numeración do NIF do produtor.

Letra do NIF do produtor. En caso de se tratar dunha persoa xurídica cubrirase un espazo en branco

Apelidos e nome do produtor.

Data da sinatura do anexo V

ANEXO IV
Declaración de compromisos e mandatos dos asociados e da posta no mercado de leite das organizacións de produtores lácteos

D______________________________________, con NIF_____________________, na calidade de representante da organización de produtores de leite ________________________________, con NIF__________________que para os efectos do establecido no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, polo que se regula o procedemento de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite da Comunidade Autónoma de Galicia

DECLARO:

  • Que esta organización achega os documentos (anexo V) asinados polos asociados á organización incluídos no ficheiro do anexo II, referentes á permanencia destes durante polo menos tres anos na organización, e á obriga de comunicación da súa baixa nela, conferindo mandato á organización de produtores lácteos para realizar a negociación colectiva da comercialización do leite producido na/s explotación/s, nos termos que o dereito comunitario da Unión Europea e a normativa estatal en materia de contratación no sector lácteo establezan.

□ Que esta organización realiza a posta en mercado do leite a través da súa propia estrutura.

□ Que esta organización non realiza a posta en mercado do leite a través da súa propia estrutura.

E, para que así conste para os efectos do establecido no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, asínase esta declaración en __________________, _____ do ___________ de ________.

Asdo.:______________________________

ANEXO V
Declaracións, compromisos e mandato do produtor de leite en relación coa organización de produtores lácteos

DATOS DO PRODUTOR

NOME OU RAZÓN SOCIAL

NIF

ENDEREZO

CONCELLO

PROVINCIA

CÓDIGO POSTAL

TELÉFONO FIXO

TELÉFONO MÓBIL

ENDEREZO ELECTRÓNICO

CÓDIGO REGA DA EXPLOTACIÓN (dúas letras correspondentes ao país seguidas de 12 números que identifican a explotación)

PROVINCIA

CONCELLO

CÓDIGO REGA DA EXPLOTACIÓN (dúas letras correspondentes ao país seguidas de 12 números que identifican a explotación)

PROVINCIA

CONCELLO

CÓDIGO REGA DA EXPLOTACIÓN (Dúas letras correspondentes ao país seguidas de 12 números que identifican a explotación)

PROVINCIA

CONCELLO

REPRESENTANTE (SE É O CASO)

NIF

DATOS DA ORGANIZACIÓN DE PRODUTORES LÁCTEOS

RAZÓN SOCIAL

NIF

ENDEREZO

CONCELLO

PROVINCIA

CÓDIGO POSTAL

TELÉFONO

FAX

ENDEREZO ELECTRÓNICO

REPRESENTANTE

TELÉFONO MÓBIL

NIF

O produtor indicado máis arriba:

  • Declara que, como titular da/s explotación/s referida/as, non é membro de ningunha outra organización de produtores lácteos das previstas no artigo 3 do Real decreto 460/2011, do 1 de abril.
  • Comprométese a permanecer na anterior organización de produtores lácteos como mínimo 3 anos a partir da data desta declaración.
  • Comprométese a comunicar por escrito, no caso de desexar causar baixa, a renuncia á calidade de membro, no prazo de aviso previsto nos seus estatutos que non poderá ser superior a seis meses.
  • Confire mandato á anterior organización de produtores lácteos para realizar a negociación da comercialización do leite producido na/s explotación/s indicada/s mais arriba, nos termos, que o dereito comunitario da Unión Europea e a normativa estatal en materia de contratación no sector lácteo establezan.

E, para que así conste para os efectos do establecido no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, asínase esta declaración en _________________, a___ do _____________ de ________.

Asdo.:______________________________

missing image file