Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2011 Páx. 15984

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 7 de xuño de 2011 pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2011.

A Orde do 24 de setembro de 2010, da Consellería de Cultura e Turismo, creou os Premios da Cultura Galega, co obxecto de apoiar o labor creativo na comunidade e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade.

Realízase agora a convocatoria para o ano 2011, en cada unha das súas sete categorías e coa finalidade sinalada na devandita orde.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria.

Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2011:

1. Premio Cultura Galega das Letras.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á escrita galega, que se consideren con méritos especiais no que atinxe a recursos literarios, investigación de linguaxes propias, innovación no plano expresivo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública interna ou externa.

Teranse en conta, ademais das publicacións en soporte convencional, todas aquelas que utilicen a escrita como base da creación, tanto nos soportes virtuais habituais coma nos soportes experimentais que poidan desenvolver.

2. Premio Cultura Galega das Artes Plásticas.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada ás artes plásticas galegas, que se consideren con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer e ampliar a creación plástica galega e a súa imaxe pública.

Terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse proxectos de especial interese creativo ou innovador que se fixesen públicos.

3. Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada ás artes escénicas galegas ou á traslación en imaxes e son de creacións narrativas galegas, que se consideren con méritos especiais no que atinxe a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer e ampliar a representación escénica ou a narración en soportes virtuais de Galicia e a súa imaxe pública.

Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador, que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia, e que se fixesen públicos, aínda que non chegasen a desenvolverse ou non tivesen o obxectivo de se materializaren.

4. Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á protección, conservación e difusión da riqueza cultural galega, en calquera medio e en calquera eido de actuación.

Terase en conta o labor realizado en calquera eido, e incluiranse propostas teóricas de especial interese, referidas especificamente á atención do patrimonio cultural e que se fixesen públicas, aínda que non chegasen a desenvolverse ou non tivesen o obxectivo de se materializaren inmediatamente.

5. Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia, á promoción da nosa cultura fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe de Galicia como comunidade de inmensa riqueza patrimonial, ben no que se refire a públicos de elite, ben ao público interesado na cultura, en xeral.

6. Premio Cultura Galega de Música.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á creación, consolidación ou expansión da música galega, dentro da comunidade ou no exterior. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

7. Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual.

Dirixido a persoas ou entidades con traxectoria vencellada á creación, consolidación ou expansión da creación audiovisual galega, dentro da comunidade ou no exterior. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe destas artes como creadoras dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

Artigo 2. Obxecto e contido dos premios.

1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa.

2. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Artigo 3. Candidaturas.

1. Poderán ser candidatos as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se distinguisen pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1.

2. As candidaturas poderán ser presentadas polas institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

Artigo 4. Documentación e prazo de presentación.

1. As candidaturas deberán presentarse no modelo que se xunta como anexo desta orde, dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo, no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Xurado.

1. O xurado estará formado por un máximo de 12 membros de acordo coa seguinte composición:

a) Presidente: o conselleiro de Cultura e Turismo.

b) Vogais: o presidente do Consello da Cultura Galega ou persoa designada por el; os tres reitores das universidades galegas ou persoas designadas por eles; o presidente da Real Academia Galega ou persoa designada por el; a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ou persoa designada por ela; o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e catro profesionais de recoñecido prestixio designados pola Consellería de Cultura e Turismo.

Actuará como secretario un funcionario ou funcionaria da Consellería de Cultura e Turismo, con voz e sen voto.

2. A designación dos membros do xurado publicarase na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

3. Os membros do xurado, de ser o caso, terán dereito a percibir as gratificacións correspondentes aos seus traballos de asesoramento e aos gastos de locomoción e aloxamento, nos termos previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

4. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3.ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 6. Resolución.

A decisión do xurado en que se resolva o outorgamento dos premios farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 7. Entrega dos premios.

Os Premios da Cultura Galega 2011 entregaranse no marco dun acto institucional organizado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Disposición adicional.

Esta orde está excluída da aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme o establecido no seu artigo 4.1 a).

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file