A Orde do 20 de outubro de 2008 (DOG n.º 211, do 30 de outubro), establecía as bases e regulaba o procedemento de concesión de axudas a organismos públicos ou semipúblicos para a realización de proxectos de transformación de buques pesqueiros para a súa reconversión, con fins de formación ou de investigación no sector pesqueiro ou para actividades distintas da pesca (con financiamento do Fondo Europeo de Pesca).
No artigo 6 da citada orde establece que a presentación das solicitudes se mantén aberta ata o 30 de marzo de 2013 e tamén establece os períodos anuais de resolución.
No artigo 4 da citada orde determinábase o crédito orzamentario con cargo ao cal se financiaba a concesión das axudas, establecendo no seu 2.º parágrafo o importe da contía para o ano 2008 e no 3.º que a contía de anos sucesivos ata 2013 se realizará por orde anual que determinará os seus importes.
Aprobados os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, pola Lei 14/2010, do 27 de decembro, cómpre, xa que logo, facer pública a contía do crédito orzamentario destinado a facer fronte ás ditas axudas.
Para tal obxecto, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1. Crédito orzamentario para o ano 2011.
Para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2011, e a plurianualidade asociada ás axudas que se poidan conceder neste ano, acada o importe de douscentos sesenta e seis mil cincocentos euros (266.500 euros), dos cales corresponden ao ano 2011 cento sesenta e seis mil cincocentos euros (166.500 euros), que se concederán con cargo ao programa 722A e á partida orzamentaria 14.04.722A.780.2. (código de proxecto 2009 00 895) do orzamento en vigor; e ao ano 2012 cen mil euros (100.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria correspondente dese ano, gasto elixible para fondos europeos.
As axudas financiaranse con cargo a fondos do FEP (61%) e do Estado membro (39%).
Artigo 2. Ampliación do crédito.
A contía establecida no artigo anterior para a anualidade 2011 poderá ser incrementada na cantidade resultante das incorporacións de créditos remanentes doutros exercicios, unha vez realizada esta pola Consellería de Facenda.
Artigo 3. Concesión das axudas.
A concesión de axudas quedará limitada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2011.
Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar