A Orde do 21 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades de iniciativa social, para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013 (DOG n.º 22, do 2 de febreiro de 2011), establece no seu artigo 4 que na concesión destas subvencións se destina a cantidade de 615.000 euros a cargo da aplicación orzamentaria 12.02.313C.481.6.
Ao existiren outras dotacións dispoñibles para o mesmo fin procedentes de remanentes incorporados ao presente exercicio, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás subvencións que poderán ser concedidas ao abeiro da dita orde, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posible.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único.
Primeiro. Ampliar o importe total das subvencións que se van conceder ao abeiro da Orde do 21 de decembro de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades de iniciativa social, para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013, na contía total de 236.265,33 euros con cargo ás dúas aplicacións orzamentarias e co detalle de financiamento que se indica a continuación:
110.001,62 € procedentes da aplicación orzamentaria 12.02.313C.442.0 (código de proxecto 2009/2013), cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo e nun 20% pola comunidade autónoma.
126.263,71 € da aplicación orzamentaria 12.02.313C.442.1 (código de proxecto 2010 00735), cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo e nun 20% pola comunidade autónoma.
Segunda. Esta ampliación de crédito suporá un importe total de 851.265,33 €.
Terceira. Esta modificación non afecta o prazo establecido na orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2011.
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar