Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 30 de xuño de 2011 Páx. 17633

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de xuño de 2011 pola que se modifica a autorización do centro privado Agarimo de Arteixo.

O representante da titularidade do centro privado Agarimo, do concello de Arteixo, solicita autorización para impartir o segundo curso de PCPI, módulo voluntario.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 30 que lles corresponde ás administracións educativas organizar programas de cualificación profesional inicial (PCPI) destinados ao alumnado maior de dezaseis anos, cumpridos antes do 31 de decembro do ano de inicio do programa, que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

De conformidade coa referida competencia, por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 13 de maio de 2008, publicada no Diario Oficial de Galicia do día 23, regúlanse os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña achega o expediente cos correspondentes informes de acordo co Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve.

Mediante esta orde concédese autorización de funcionamento do PCPI no centro privado da Comunidade Autónoma de Galicia que o solicita, e reúne todos os requisitos que establecen as resolucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que regulan os perfís dos distintos programas.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización do PCPI.

Autorizar o segundo curso de PCPI, módulo voluntario, no centro privado que se sinala a seguir:

Denominación: centro privado Agarimo.

Código do centro: 15020431.

Domicilio: rúa Padre Villa, 30-Laxobre.

Localidade: Arteixo.

Concello: Arteixo.

Provincia: A Coruña.

Titular: Asociación Agarimo.

Composición resultante:

  • Cinco unidades de educación especial.
  • PCPI de albanelaría (1 unidade).
  • PCPI de servizos administrativos (1 unidade).
  • PCPI de servizos de restauración (1 unidade).
  • PCPI segundo curso-módulo voluntario.

Educación para persoas adultas:

  • Ensinanzas básicas iniciais.
  • Educación secundaria para persoas adultas.

Artigo 2. Número máximo de alumnado.

O número máximo de alumnos e alumnas con matrícula no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial será de doce. O alumnado con necesidades educativas específicas computará o dobre para estes efectos.

Artigo 3. Número mínimo de alumnado.

A autorización da oferta nos centros sostidos con fondos públicos no primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial quedará condicionada a que exista un número mínimo de seis matrículas formalizadas no momento de rematar o prazo de matrícula.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria