Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 30 de xuño de 2011 Páx. 17636

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a preparación das propostas de novos plans de estudos no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Asinado o día 27 de maio de 2011 o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A  Coruña e Vigo para a preparación das propostas de novos planes de estudos no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do citado convenio que figura como anexo desta resolución.

O que se fai publico para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2011.

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades

ANEXO

Dunha parte, Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado mediante o Decreto 81/2009, do 19 de abril, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte, Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude da competencia atribuída no artigo 87 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG do 9 de febreiro) e o seu nomeamento mediante o Decreto 99/2010, do 17 de xuño.

Doutra parte, José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña, en virtude da competencia atribuída no artigo 36 dos estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e o seu nomeamento mediante o Decreto 3/2008, do 10 de xaneiro.

E doutra parte, Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, en virtude da competencia atribuída no artigo 58 dos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro), e o seu nomeamento mediante o Decreto 90/2010, do 10 de xuño.

Todas as partes se recoñecen capacidade xurídica para actuar neste acto.

DECLARAN:

A Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modificou a Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a través do seu título XIII, proporciona ás universidades españolas o marco xurídico para o desenvolvemento e implantación do novo modelo de ensino superior en adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES).

A Lei 4/2007 aposta decididamente pola harmonización dos sistemas educativos superiores no marco do EEES e asume a necesidade dunha profunda reforma na estrutura e na organización das ensinanzas, que se organizarán en títulos de graduado, máster e doutor. A reforma está guiada pola vontade de potenciar a autonomía das universidades, á vez que se incrementa a exixencia de render contas sobre o cumprimento das súas funcións. Este principio é impulsado pola Unión Europea apoiando a modernización das universidades europeas co fin de convertelas en axentes activos para a transformación de Europa nunha economía plenamente integrada na sociedade do coñecemento. A autonomía é a principal característica que as universidades teñen para responder con flexibilidade e rapidez ás cambiantes necesidades que a sociedade require.

A mencionada autonomía, así como a supresión do catálogo de títulos efectuado pola nova lei no seu artigo 34, e a proposta dun novo procedemento para o establecemento do carácter oficial dos títulos e a súa inclusión no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos, require poñer a énfase dos plans de estudo non só no contido dos títulos senón tamén nas condicións necesarias para o seu recoñecemento. Estas condicións supoñen un maior compromiso das universidades no contido dos proxectos de plans de estudo que deben elaborar.

Neste proceso, que conclúe no ano 2010, é decisiva a participación e colaboración de todas as administracións públicas, xeral do Estado, da Xunta de Galicia e as propias universidades galegas, destinatarias finais do proceso de innovación do sistema universitario galego.

Por parte da Administración xeral do Estado, este impulso traduciuse nun conxunto de disposicións normativas e nun esforzo orzamentario iniciado xa no ano 2006, mediante a Orde ECI/2790/2006, do 8 de setembro (BOE do 12 de setembro), tendo a súa continuación durante o ano 2007 na Orde ECI/3008/2007, do 12 de setembro (BOE do 16 de outubro) e na Orde CIN/2941/2008, do 8 de outubro (BOE do 15 de outubro) e na Resolución do 2 de xuño da Secretaría Xeral de Universidades pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros do 19 de marzo de 2010 polo que se formalizan os compromisos financeiros orixinados no Acordo da Conferencia Xeral de Política Universitaria na súa xuntanza do día 22 de febreiro de 2010 sobre os criterios de distribución territorial, así como a distribución resultante, das subvencións correspondentes ao exercicio económico 2010 para a adaptacións das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Ensino Superior (BOE do 17 de xuño).

Na Orde CIN/2941/2008 establecéronse os criterios básicos a que se deberán axustar as actividades que presentarán as universidades e as liñas prioritarias de actuación que deberán valorar os órganos competentes das comunidades autónomas á hora de distribuír as axudas e que deberían recoller nos convenios que subscriban coas universidades para tal fin, de conformidade co recollido no Acordo do Consello de Ministros do 28 de xullo de 2006, BOE do 8 de agosto.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia esta materia está regulada polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 16 de agosto) e polo Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación dos estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou doutor (DOG do 16 de abril).

En consecuencia, acordan formalizar este convenio de colaboración segundo as seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste convenio outorgar a subvención regulada no Acordo do Consello de Ministros do 19 de marzo de 2010 polo que se formalizan os compromisos financeiros orixinados no Acordo da Conferencia Xeral de Política Universitaria na súa xuntanza do día 22 de febreiro de 2010, sobre os criterios de distribución territorial, así como a distribución resultante, das subvencións correspondentes ao exercicio económico 2010 para as adaptacións das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Ensino Superior, establecendo os criterios básicos a que se deberán axustar os proxectos que realizarán as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

Segunda. Distribución da axuda.

Destinarase ao dito fin a cantidade de seiscentos corenta mil cincocentos setenta e catro euros con dezasete céntimos (640.574,17 €), que se recollen na aplicación orzamentaria 2011.09.02.422C.444.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, código de proxecto 2006 00697, que se repartirá da forma seguinte:

Universidade de Santiago de Compostela: 234.770,42 €.

Universidade da Coruña: 199.859,15 €.

Universidade de Vigo: 205.944,60 €.

Terceira. Forma de pagamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria librará ás universidades o 10% da cantidade que lles corresponde no momento da sinatura do convenio. Poderán facerse pagamentos parciais ata o 80%, logo de presentación dunha certificación do xerente da universidade correspondente en que deberán constar as accións realizadas, incluíndo un certificado do gasto realizado nos termos do artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A cantidade restante, unha vez rematado todo o proxecto, logo de presentación dunha certificación do xerente da universidade correspondente e da memoria final, tal e como prevé a normativa reguladora vixente en materia de subvencións.

Cuarta. Suxeición á Lei 9/2007.

Este convenio de colaboración ten natureza administrativa, rexéndose os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas, e polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa vixente en materia de subvencións, e no seu defecto pola normativa xeral en materia de contratos do sector público (Lei 30/2007).

Quinta. Concorrencia pública.

Debido á especificidade das entidades beneficiarias coma do obxecto do convenio, non son de aplicación os principios de publicación e concorrencia pública, xa que as universidades do Sistema Universitario de Galicia, son as encargadas de adaptar os seus plans de estudio no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Sexta. Inclusión nos rexistros oficiais.

Segundo a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, as universidades do Sistema Universitario de Galicia consenten expresamente para que a Administración inclúa e faga públicos, nos rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que puideren facer os peticionarios no sentido de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade destes nos rexistros, que en todo caso terán que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

Sétima. Requisitos básicos das actividades.

As actividades realizadas polas universidades do Sistema Universitario de Galicia deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1. Deberán ser efectuadas polo órgano competente de cada universidade .

2. Deberán contribuír á elaboración das propostas dos novos plans de estudo de cada universidade.

3. Deberán obedecer a estratexias e tarefas concretas recollidas nas liñas prioritarias a que se refire a cláusula seguinte.

4. As universidades quedarán obrigadas a realizar as actividades que fundamentan a concesión desta axuda, sen que caiba cambio ou modificación ningunha do obxecto ou finalidade para a que se concedeu.

Oitava. Liñas (actuacións) subvencionables.

As actividades que realizará cada universidade recollerán as seguintes liñas prioritarias de actuación:

1. Localización e análise de referentes externos á universidade que avalen a adecuación das propostas a criterios nacionais ou internacionais para títulos de similares características académicas.

2. Consultas externas para a elaboración do plan de estudos con profesionais, asociacións ou colexios profesionais, estudantes ou outros colectivos.

3. Deseño de sistemas de avaliación das competencias dos estudantes.

4. Deseño de sistemas de información previa á matriculación e procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso para facilitar a súa incorporación á universidade e á titulación.

5. Deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes unha vez matriculados.

6. Deseño do sistema propio da universidade para transferencia e recoñecemento de créditos.

7. Elaboración e análise de indicadores de graduación, abandono e eficiencia das actuais titulacións, co obxectivo de establecer valores estimados para os novos plans de estudo.

8. Deseño de prácticas externas e a súa avaliación.

9. Deseño de traballos de fin de grao ou máster e a súa avaliación.

10. Deseño de sistemas de garantía de calidade aplicable á titulación

11. Deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes con discapacidade.

Novena. Prazos de execución.

1. Os proxectos subvencionados deberán desenvolverse ao longo do curso académico 2010/2011 e darán lugar a unha memoria de execución por parte de cada universidade do Sistema Universitario de Galicia, que deberá ser presentada ante a Secretaría Xeral de Universidades antes do 30 de outubro de 2011, e incluirá a xustificación do gasto nos termos do artigo 28.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Con anterioridade ao 31 de decembro de 2011, a Secretaría Xeral de Universidades remitirá ao Ministerio de Educación a memoria de execución das actividades realizadas pola universidades con cargo á subvención transferida.

Décima. Comisión de seguimento.

Para o seguimento da execución deste convenio crearase unha comisión de seguimento, que estará constituída por:

Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

O secretario xeral de Universidades ou persoa en que delegue e outras dúas persoas designadas por el.

Polas universidades do Sistema Universitario de Galicia:

  • O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, ou a persoa en que delegue.
  • O reitor da Universidade da Coruña, ou a persoa en que delegue.
  • O reitor da Universidade de Vigo, ou a persoa en que delegue.

As dúbidas ou lagoas que puideren xurdir na interpretación e desenvolvemento deste convenio serán resoltas por esta comisión de seguimento.

Décimo primeira. Natureza administrativa do convenio.

Este convenio ten natureza administrativa rexéndose, en primeiro lugar, polas cláusulas que se establecen nel, e no seu defecto polas normas de dereito administrativo que lle sexan de aplicación.

As partes comprométense á resolución amigable das discrepancias que puideren xurdir respecto da interpretación, modificación, resolución e cumprimento deste convenio, que serán resoltas pola comisión de seguimento.

Das cuestións litixiosas que puideren xurdir na execución do convenio será competente a xurisdición contencioso- administrativa.

Este convenio poderá ser denunciado pola parte que considere vulnerado o seu espírito por incumprimento dalgunha das súas cláusulas. A denuncia deberá efectuarse comunicándollo á outra parte, mediante escrito fundado e cunha antelación mínima dun mes. Neste suposto, e salvo acordo expreso en contrario, deberán finalizar as accións xa iniciadas.

Décimo segunda. Período de vixencia.

Este convenio terá vixencia desde a súa sinatura ata o 30 de outubro de 2011, sen prexuízo de que se poidan atender actuacións realizadas con anterioridade á data da súa sinatura.

O que en proba de conformidade asinan as partes por cuadriplicado exemplar a un só efecto no lugar e data sinalados ut supra.

Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria; Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; José María Barja Pérez, reitor da Universidade de A Coruña; Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo.