Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Martes, 12 de xullo de 2011 Páx. 19181

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2011, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26 de maio de 2011, relativa ao proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, na Costa da Morte (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26 de maio de 2011, relativa ao proxecto sectorial do parque arqueolóxico do Megalitismo, na Costa da Morte (A Coruña), clave: 2010/0061, promovido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2011.

José Manuel Rey Pichel
Director xeral do Patrimonio Cultural

(Anexo DIA)

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en data 26 de maio de 2011, relativa ao proxecto sectorial do parque arqueolóxico do Megalitismo, na Costa da Morte (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo. Clave: 2010/0061.

Antecedentes.

Con data do 17 de febreiro de 2009, a entón Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, órgano competente na materia, resolveu a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica o Proxecto Sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, na Costa da Morte (A Coruña), en aplicación da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, que integra o procedemento de avaliación ambiental estratéxica establecido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, co procedemento de aprobación dos instrumentos de planeamento urbanístico recollido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do día 11 de febreiro de 2010, declarar o proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, na Costa da Morte (A Coruña), promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Dado o carácter de supramunicipalidad do proxecto, resultará de aplicación o artigo 10.j do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, que establece a obrigatoriedade de que o proxecto sectorial conteña, entre outros, o seguinte documento «avaliación do impacto ambiental da infraestrutura, dotación ou instalación que se prevé executar, de conformidade co disposto pola Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e a normativa que a desenvolve». Consecuentemente, procédese á tramitación desta declaración de impacto ambiental.

Mediante Resolución do 26 de marzo de 2010, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, publicada no DOG n.º 68, do 13 de abril, someteuse a información pública o proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, na costa da Morte (A Coruña), declarado de incidencia supramunicipal polo acordo do Consello da Xunta do 11 de febreiro de 2010, constando durante o período de exposición pública a presentación de alegacións por parte dos concellos de Carballo, Vimianzo, Dumbría, Mazaricos e A Laracha, así como de dúas alegacións de particulares veciños do Concello de Vimianzo, que carecen de contido ambiental.

Con data do 14 de marzo de 2011 recíbese na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, como órgano substantivo por razón da materia, que contén os resultados de información pública (anuncios e certificados de exposición ao público e copia das alegación presentadas) e os informes das direccións xerais do patrimonio cultural, de infraestruturas, de montes, de sostibilidade e paisaxe, ademais dos emitidos pola Subdirección Xeral de Programación e Proxectos do organismo Augas de Galicia, pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e pola Deputación da Coruña. Non consta emisión de informe por parte da Dirección Xeral de Turismo, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, nin dos concellos de Laxe, Malpica nin Zas.

O expediente contén ademais os documentos titulados Proxecto Sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, na Costa da Morte (A Coruña), formado xunto co Estudo de Impacto Ambiental polos seguintes volumes: Memoria e Planos de Información, Memoria e Planos de Ordenación.

Con posterioridade a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remite o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza que completa o antedito expediente.

Formalizada a tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, formula, para os sós efectos ambientais, a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto sectorial do Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte (A Coruña), nos concellos de Carballo, Laxe, Malpica, Mazaricos, Vimianzo, Dumbría e Zas (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo.

No anexo I desta declaración inclúese un resumo das actuacións do proxecto e do medio e no anexo II un esquema da situación de cada un dos xacementos que conforman o parque.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta Secretaría Xeral.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva ao proxecto sectorial que ten como finalidade determinar a organización territorial e as actuacións necesarias para a creación do Parque Sectorial do Megalitismo, na Costa da Morte, definindo propostas arqueolóxicas e arquitectónicas de actuacións determinadas, no ámbito de cada xacemento que conformará o Parque. As actuación xerais que se proxectan en cada xacemento son:

– Acondicionamento do contorno do xacemento.

– Construción de aparcadoiros.

– Sinalización, incluíndo información e outros elementos delimitadores do contorno inmediato do xacemento, nalgúns casos inclúese a plantación de frondosas na contorna do xacemento.

– Dotación de mobiliario e adecuación e apertura de sendeiros, así como consolidación de noiros.

– Actuacións arqueolóxicas de cara a facilitar a súa visita e proceder á súa restauración.

O parque estenderase no ámbito territorial da Costa da Morte (provincia da Coruña), e estará formado por 14 xacementos localizados da seguinte maneira: concello de Carballo: Pedra Moura de Aldemunde (GA15019009); concellos de Dumbría - Vimianzo: Casa dos Mouros (GA15092009); concello de Laxe: A Fornella dos Mouros (GA15040002); concello de Malpica: Pedra da Arca (GA15043004); concello de Mazaricos: Mina da Parxubeira (GA15045033); concello de Vimianzo: Pedra Moura de Monte Carnio (GA15092001), Pedra Cuberta (GA15092002), Casota de Berdoias (GA15092003), Arquiña de Vilaseco (GA15092004), Pedra da Lebre ou de Serramo (GA15092005), Mina de Recesindes (GA15092006), e Rabós (GA15092042); concello de Zas: Pedra Vixía (GA15093006) e Arca da Piosa (GA15093023).

As localización dos xacementos e as instalacións asociadas serán as reflectidas nos planos de ordenación do proxecto sectorial titulados «Proposta. Situación».

2. Protección da atmosfera.

1. Cumprirase co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e cumprirase co Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que desenvolve a Lei 37/2007, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas. Así como, no caso de que se dispoñan delas nas ordenanzas municipais.

2. Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera durante as fases de obra, os camións de transporte de terras ou outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar. A maquinaria de obra cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, realizando un uso e mantemento axeitado desta co fin de reducir ao máximo os niveis sonoros e as emisións de partículas. Os labores de mantemento e reparación realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de contaminación por derramas accidentais.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

1. Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na súa zona de servidume e policía así como captacións ou verteduras, se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do Organismo de Conca (Augas de Galicia).

Deberán terse en conta en todo momento as limitacións e demais prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e no Regulamento do dominio público hidráulico (R.D. 849/1986, do 11 de abril, e posteriores modificacións), así como na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais e demais normativa que resulte de aplicación. Así mesmo, o proxecto deberá axustarse ás prescricións establecidas no Plan hidrolóxico de Galicia - Costa.

2. Evitaranse en todo momento as verteduras á rede fluvial (superficial ou subterránea), e no caso de producirse, deberán contar coa autorización expresa do Organismo de Conca. Neste sentido, extremaranse as precaucións na execución de obras en zonas nas que se poida afectar a rede hidrolóxica ou zonas hidromorfas, especialmente no contorno dos seguintes ríos: río de Maroñas ou de Sta. Mariña, río de Berdoias, rego de Magro, rego de Touzás ou de Sta. Comba, río Zas e rego de Budoira, adoptando todas as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa preservación ademais das indicadas no estudo de impacto ambiental.

Prestarase especial atención ao balizamento das ditas zonas para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

3. En xeral non se modificarán os leitos nin as marxes dos ríos. Calquera afección que se poida producir sobre os sistemas fluviais e o seu contorno debe ser eliminada de modo que se garanta a súa protección e consideración. A este respecto, ademais das proteccións derivadas das lexislación de pesca e augas continentais, hai que engadir que a Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, conservación e a mellora dos ríos galegos, declara como prioridade xeral na Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, influíndo a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico - cultural relacionado.

4. Non se provocará ningunha modificación da calidade das augas durante a realización das obras, e presentaranse medidas para garantir a ausencia de afeccións na fase de explotación.

5. A superficie afectada polas obras quedará desprotexida e exposta ás inclemencias do tempo ata a súa restauración, polo que as escorregas poden ocasionar arrastres de materiais que van parar aos cursos fluviais e poden provocar a contaminación das augas. Por este motivo propugnaranse medidas de protección das augas, tales como barreiras de retención de sedimentos durante a fase de construción das obras e balsas de decantación para a fase de explotación.

6. Para previr a achega de terras e materiais ás canles e danos edáficos por erosión, evitarase o arrastre de biomasa en todo o posible e a realización das obras en época chuviosa ou en terreos encharcados.

7. Non se producirán alteracións de liñas de drenaxe naturais ou áreas enchoupadas como as existentes nos xacementos de Arca da Piosa (Zas) ou Mina da Parxubeira (Mazaricos).

8. Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais ou en zonas de forte pendente próximas a estes, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de chuvias, cheas ou escorregamento superficial. Recoméndase que as obras sexan realizadas o máis afastadas posible da marxe dos ríos.

9. Non se afectarán, ou de ser o caso terán que ser repostas na súa totalidade, as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que se atopan na área de influencia das obras. Deberán solicitarse os pertinentes permisos para actuacións relacionadas coas ditas redes.

10. Calquera operación de formigonado próxima aos leitos dos ríos deberase realizar en condicións que eviten a derrama de formigón e a contaminación das augas. A este respecto evitarase a súa elaboración na propia obra, adquiríndoo xa preparado en plantas que conten coas debidas autorizacións.

11. Evitaranse as verteduras accidentais de aceites da maquinaria que poderían provocar envelenamentos á fauna e contaminación das augas continentais. Ademais, non está permitido o lavado de maquinaria e ferramenta nos cursos de auga.

12. Nas zonas verdes públicas ou comúns de uso público empregaranse sistemas eficaces de rega e de baixo consumo hídrico, co obxecto de facer un uso racional da auga.

4. Protección do solo.

1. Realizarase unha delimitación das zonas de obra, que se axustarán ao establecido nesta DIA, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos. A circulación de maquinaria restrinxirase aos accesos.

2. Nos terreos de pronunciada pendente utilizaranse mallas antiescorregamento ou calquera outra medida adecuada para evitar arrastres de materiais ladeira abaixo.

3. Dada a importancia da terra vexetal, por conter as características propias da zona, e tal e como xa se recolle no estudo de impacto ambiental, a terra vexetal retirada utilizarase na recuperación de zonas degradas do ámbito de cada monumento ou, de non ser posible, no contorno deste.

4. Para a localización das zonas destinadas ao amoreamento de materiais, parque de maquinaria, casetas de obra, almacenamento de residuos, etcétera, seleccionaranse lugares de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastados de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica.

5. Definiranse as posibles zonas para o almacenamento de terras, tanto se é para reempregar posteriormente como se é para o seu depósito definitivo. A selección destas zonas realizarase con criterios ambientais e tendo en conta que, no caso de que existan no contorno ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa tecnicamente e economicamente viable e non se atopen naturalizados e integrados no contorno.

Se houber sobrantes procedentes de movementos de terras, previamente ao seu depósito nos lugares seleccionados, deberase contar cos correspondentes permisos.

6. No caso de deterioración de estradas, camiños, pistas ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido ás actuacións do proxecto, deberán restituírse ao estado previo ao inicio das obras.

7. A realización do proxecto deberá respectar a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, no que se refire ao uso e defensa destas (realización de cruzamentos, distancias dos apoios ás arestas de explanación…). O proxecto deberá ser autorizado polo Servizo Provincial de Estradas da Coruña, no tocante ás afeccións ás estradas autonómicas, ademais da autorización da Deputación da Coruña, para as estradas provinciais dependentes deste organismo.

8. Os afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

5. Xestión de residuos.

1. Todos os residuos que se xeren como consecuencia das actuacións do proxecto, tanto na fase de obras como na de explotación, deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

2. O almacenamento temporal de residuos ata a súa entrega a xestor autorizado poderá realizarse nunha zona acondicionada para tal fin sinalizando claramente a presenza dos residuos e cumprindo coas normas de almacenamento establecidas na lexislación vixente.

3. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima in situ destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

4. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

Atendendo ao punto 3 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, relativo ás medidas necesarias para evitar a deterioración ou a contaminación dos hábitats fóra da Rede Natura 2000, deberanse adoptar as medidas precisas coa finalidade de realizar as obras coas mínimas afeccións ambientais sobre os hábitats de interese comunitario, entre elas, as que figuran no estudo de impacto ambiental e as establecidas ao longo desta DIA.

En relación coa presenza de hábitats naturais prioritarios, tomaranse as precaucións oportunas para evitar calquera deterioración directa ou indirecta sobre os hábitats que estean protexidos pola lexislación vixente ou sobre calquera especie que desempeñe figuras legais de protección ou apareza recollida en listaxes como no Catálogo galego de especies ameazadas. En particular, no desenvolvemento do proxecto terase en conta as seguintes medidas:

– Na roza e limpeza de terreos evitarase a eliminación das Uceiras húmedas atlánticas de Erica ciliaris e Erica tetralix (hábitat prioritario 4020) existentes no xacementos de Arca da Piosa (Zas).

– Ademais, dado que o proxecto afectará a vexetación de ribeira como no caso dos xacementos de Arca da Piosa (Zas) e Pedra Vixía (Zas), e estando esta declarada de interese xeral pola Lei 7/1992 de pesca fluvial de Galicia, cómpre non cortar, nin modificar, nin destruír a vexetación acuícola e de ribeira.

2. Respectarase ao máximo posible a vexetación arbórea existente na área de implantación das instalacións do Parque, en especial as formacións de frondosas autóctonas, así como a vexetación de ribeira.

3. As especies arbóreas autóctonas que vaian ser afectadas e que se atopen en boas condicións sanitarias e fisiolóxicas terán que ser transplantadas a outras zonas sempre que sexa posible, ben para o seu uso nos labores de restauración e revexetación, ben como enriquecemento das asociacións existentes. Os transplantes realizaranse fóra do período vexetativo e adoptando as medidas necesarias (tanto no relativo á elección do lugar de asentamento como aos tratamentos culturais) para que a árbore poida arraigar e prosperar.

4. Porase especial coidado en delimitar o terreo a ocupar polas obras e polas vías de acceso e tránsito de maquinaria co fin de minimizar a alteración das formacións vexetais existentes.

5. En relación coa corta e eliminación da vexetación:

– A eliminación de vexetación reducirase ao estritamente necesario para a execución das obras, empregando sistemas de roza no caso da matogueira. Non se fará uso do lume nin fitocidas nestas tarefas.

– As rozas non poderán chegar a menos de 10 metros do borde da canle se esta ten unha largura maior de 1 metro, ou a menos de 5 metros se a largura da canle é menor.

– Co obxectivo de evitar riscos fitosanitarios, na eliminación de vexetación arbórea terán prioridade os exemplares mortos, defectuosos ou en mal estado de conservación, o apeo de pés danados e a retirada de residuos sobre todo no período activo dos perforadores (inicios de primavera principios do verán), e logo de solicitude da autorización correspondente.

– En calquera caso, previamente á corta de arboredo terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes e demais normativa de aplicación. No caso de necesidade xustificada de corta de vexetación de ribeira, haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente de aplicación, téndose que solicitar os correspondentes permisos.

6. En relación coa época para realizar as operacións de despexe e roza, deberanse realizar estes traballos fóra da época de floración e cría da herpetofauna e avifauna (abril a agosto).

7. No acondicionado de zonas verdes e noiros prohíbese a utilización de plantas consideradas como invasoras e deberase ter especial celo na eliminación das xa existentes ou que puidesen aparecer conforme co recollido no artigo 52.2 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, primando a plantación de especies autóctonas seriais.

8. Disporanse as medidas necesarias para eliminar riscos de incendios tanto na fase de obras como na de explotación.

7. Protección do patrimonio cultural.

Non se establecen medidas adicionais con respecto a protección do patrimonio cultural.

8. Integración paisaxística e restauración.

1. Todas as superficies alteradas ou deterioradas pola execución das obras deberán ser restauradas e revexetadas en función do tipo de terreo do que se trate, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Para tal fin, levaranse a cabo as actuacións de restauración e revexetación propostas no estudo de impacto ambiental, coas seguintes consideracións:

– Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse, na medida do posible, conforme as distintas superficies a restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de favorecer a súa integración paisaxística o máis pronto posible.

– Todas as especies que se van empregar na restauración deberán ser autóctonas e existentes na zona, compatibles co hábitat no que se vaian implantar e compatibles entre si, co obxecto de maximizar o éxito da restauración.

– No caso de precisar achegas externas de terra vexetal por non ser suficiente a retirada previamente á execución das obras, esta non se poderá extraer de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio, debendo proceder de amoreamentos ou zonas debidamente autorizadas.

– Garantirase o mantemento da revexetación ao longo do tempo, para o que se efectuará un seguimento da súa efectividade e se adoptarán as medidas correctoras oportunas no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da revexetación.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

9.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior.

Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo de impacto ambiental, coas modificacións xurdidas do cumprimento desta DIA. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

– Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta DIA, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control desta, notificando o seu nomeamento ao órgano substantivo.

– Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

– As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

– Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

– No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.2. Aspectos específicos.

9.2.1. En relación co control do nivel de ruído, teranse en conta as seguintes consideracións respecto ao seguimento:

– O plan elaborarase ao abeiro do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Entre os puntos máis significativos, debería considerarse as vivendas existentes máis próximas as zonas de actuación recollidas no proxecto e que poderían resultar afectadas.

– Levarase a cabo unha medición preoperacional do nivel de ruído de fondo existente nos puntos de control, incluíndo os resultados nos sucesivos informes de seguimento, co obxecto de comparar os resultados.

9.2.2. En relación co control da calidade das augas e das estruturas de drenaxe:

– Será aplicable tanto á fase de obras, como posteriormente ata o momento en que se constate ausencia de afeccións. Indicarase metodoloxía, periodicidade e límites a que se impoñerán aos diferentes parámetros e seleccionaranse puntos de tomas de mostras augas arriba e augas abaixo de cada unha das zonas afectadas. Consideraranse, como mínimo, os seguintes parámetros: pH, temperatura, sólidos, osíxeno disolto, condutividade e presenza de aceites e hidrocarburos.

– Conforme o indicado no Estudo, para a avaliación da incidencia das obras na calidade das augas, tomaranse mostras de auga en situación preoperacional. Deste xeito marcarase a calidade mínima exixible tras a finalización das obras e durante a fase de explotación, na busca duns niveis óptimos de calidade.

– Ademais observarase con especial detalle as posibles alteración derivadas da modificación do caudal circulante sobre o ecosistema fluvial ou os cambios que se puideran producir nas características físico – químicas das augas.

– Realizaranse labores de vixilancia do funcionamento das estruturas de drenaxe e do mantemento do réxime hidrolóxico preexistente.

9.2.3. Ademais, realizarase un seguimento da correcta utilización por parte dos visitantes, dos accesos peonís e zonas de aparcamento, co obxecto de que non se afecte o contorno dos monumentos pola utilización de accesos alternativos non previstos, realizando un adecuado mantemento destes, así como do resto do mobiliario que conformará o contorno de cada xacemento.

9.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes que se orixinen como consecuencia do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, a quen lle corresponde o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da Declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se é o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.

Un exemplar en soporte dixital de todos os informes emitidos deberá ser remitido ao órgano ambiental para a súa constancia no expediente.

10. Outras condicións.

1. O promotor deberá comunicar a esta Secretaría Xeral, a través do órgano substantivo, a data de inicio de obras.

Así mesmo, conforme o indicado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza no seu informe, deberá comunicarse ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza da Coruña a data de inicio das obras, así como a programación prevista para o desenvolvemento destas.

2. Calquera cambio no proxecto respecto do recollido nesta DIA deberá ser notificado previamente a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, se é o caso, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2011.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación ambiental

ANEXO I
Resumo do proxecto e do medio natural

O proxecto ten como finalidade determinar a organización territorial e as actuacións necesarias para a creación do Parque Arqueolóxico do Megalitismo, definindo propostas arqueolóxicas e arquitectónicas de actuacións determinadas, no ámbito de cada xacemento que conformará o Parque. As actuación xerais que se proxectan en cada xacemento son:

– Acondicionamento do contorno do xacemento: roza e limpeza do terreo, limpeza do camiño (retirando vexetación arbustiva, maleza, entullos, lixo…) que serán transportados ata un vertedoiro autorizado.

– Construción de aparcadoiros.

– Sinalización.

Incluíndo os elementos de sinalización e información en forma de carteis, ademais de elementos delimitadores do contorno inmediato dos xacemento, empregando materiais como madeira, aceiro ou pedra. Nalgúns casos inclúese a plantación de frondosas no contorno do xacemento con nogueiras, castiñeiros ou carballos.

– Dotación de mobiliario e adecuación e apertura de sendeiros. Instalación de bolardos, papeleiras, etc. Así como consolidación de noiros mediante a plantación de especies arbustivas autóctonas.

– Actuacións arqueolóxicas.

De cara a facilitar á súa visita e proceder a súa restauración unha vez inauguradas as instalacións.

O Parque estenderase no ámbito territorial da Costa da Morte (provincia da Coruña) e estará formado por 14 xacementos localizados da seguinte maneira:

– Concello de Carballo: Pedra Moura de Aldemunde (GA15019009).

– Concellos de Dumbría - Vimianzo: Casa dos Mouros (GA15092009).

– Concello de Laxe: A Fornella dos Mouros (GA15040002).

– Concello de Malpica: Pedra da Arca (GA15043004).

– Concello de Mazaricos: Mina da Parxubeira (GA15045033).

– Concello de Vimianzo: Pedra Moura de Monte Carnio (GA15092001), Pedra Cuberta (GA15092002), Casota de Berdoias (GA15092003), Arquiña de Vilaseco (GA15092004), Pedra da Lebre ou de Serramo (GA15092005), Mina de Recesindes (GA15092006) e Rabós (GA15092042).

– Concello de Zas: Pedra Vixía (GA15093006) e Arca da Piosa (GA15093023).

A amplitude do seu ámbito e o carácter deslocalizado imposibilita a definición dun límite físico para o Parque. Empregarase a dotación de aparcadoiros nas inmediacións de cada un dos xacementos, como elemento unificador e identificador do territorio do Parque.

Ademais de carácter vertebrador, o proxecto busca incidir positivamente no desenvolvemento sustentable e no equilibrio territorial das comarcas afectadas. As actuacións darán servizo aos xacementos e reverterá nunha mellora das condicións ambientais do territorio no que se desenvolven.

A orografía do sector de estudo sintetízase nunha sucesión de superficies aplanadas de carácter antigo, sobre as que o relevo actual foise retocando, situadas entre os 100, 200, 300 e 400 metros.

A zona pertence na súa totalidade á Demarcación Hidrográfica de Galicia - Costa. As cuncas hidrográficas fundamentais das tres comarcas nas que se circunscriben os xacementos son o río Grande que constitúe a principal arteria hídrica do sector afectando aos xacementos das parroquias de Nande (Laxe), Treos, Serramo, Vimianzo, Cambida e Carantoña (Vimianzo), Lamas (Zas), o río Anllóns que afecta a zona de Pedra da Arca (Malpica) e o río Xallas que compón o límite sur dos xacementos de Arca da Piosa (Zas) e Mina da Parxubeira (Mazaricos), outros cursos relevantes son o río Baa que drena os terreos onde se localiza a Pedra da Arca (Malpica), e o río Castro que rega o sector de Berdoias (Vimianzo).

A vexetación do contorno dos xacementos non é moi variada, mostrándose en xeral unha clara tendencia cara aos terreos dedicados a pasto e ás repoboación de piñeiro e eucalipto que nalgunhas zonas concretas están a invadir antigos terreos de labrado e pastos. Na zona de estudo reflíctese a existencia dunha serie de comunidades vexetais prioritarias incluídas: lagoas costeiras (1150); uceiras húmidas atlánticas de E. ciliaris e E. tetralix (4020); Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (91E0); bosques naturais das 1ª fases de sucesión de áreas emerxidas costeiras (9230).

Existe na zona unha diversidade de ambientes no contorno próximo aos xacementos estudados, así como a proximidade de espazos costeiros, que fai que exista unha variedade de biotopos para o establecemento de especies de fauna. Así, entre as especies que se poden atopar no contorno próximo aos xacementos, destaca pola súa importancia en canto á conservación Lutra Lutra (londra). Dentro da avifauna, destaca a presenza de Circus pigargus, Milvus migrans, Pernis apivorus, Sylvia undata, Caprimulgus europaeus e Alcedo atthis. Ademais algunhas especies como Miliaria calandra presentan unha cobertura espacial restrinxida a certos puntos concretos da área de estudo como os terreos interiores de Malpica.

Ademais existen endemismos da herpetofauna ibérica como Lissotriton boscai (pintafontes común) ou Lancerta schreiberi (Lagarto das silvas), Lissotriton helveticus (pintafontes palmado), Natrix natrix (cobra de colar), Discoglossus galganoi (sapiño pinto) e tamén endemismos galaicos como Podarcis bocagei (lagarta galega).

ANEXO II
Situación dos xacementos

A localización dos xacemento que conforman o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, son os que figuran no plano seguinte, a excepción do Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) xa que a súa ordenación e conservación conta co seu propio Plan Director quedando excluído do ámbito do Proxecto Sectorial.

Xacemento

Código

Coordenadas UTM

Concello de Carballo

01 Pedra Moura de Aldemunde

GA15019009

532.370; 4.777.465

Concellos de Dumbría - Vimianzo

02 Casa dos Mouros

GA15092009

498.949; 4.762.136

Concello de Laxe

03 A Fornella dos Mouros

GA15040002

499.536; 4.779.648

Concello de Malpica

04 Pedra da Arca

GA15043004

514.907; 4.793.981

Concello de Mazaricos

05 Mina da Parxubeira

GA15045033

505.306; 4.754.378

Concello de Vimianzo

06 Pedra Moura de Monte Carnio

GA15092001

501.931; 4.770.063

07 Pedra Cuberta

GA15092002

501.402; 4.770.988

08 Casota de Berdoias

GA15092003

493.093; 4.766.347

09 Arquiña de Vilaseco

GA15092004

494.043; 4.769.283

10 Pedra da Lebre

GA15082005

501.429; 4.768.795

11 Mina de Recesindes

GA15092006

494.157; 4.777.434

12 Rabós

GA15092042

498.490; 4.765.195

Concello de Zas

13 Pedra Vixía

GA15093006

504.658; 4.777.088

14 Arca da Piosa

GA15093023

501.703; 4.766.083

ANEXO II
Situación dos xacementos

A localización dos xacemento que conforman o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, son os que figuran no plano seguinte, a excepción do Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) xa que a súa ordenación e conservación conta co seu propio Plan Director quedando excluído do ámbito do Proxecto Sectorial.

missing image file

Xacemento

Código

Coordenadas UTM

Concello de Carballo

01 Pedra Moura de Aldemunde

GA15019009

532.370; 4.777.465

Concellos de Dumbría - Vimianzo

02 Casa dos Mouros

GA15092009

498.949; 4.762.136

Concello de Laxe

03 A Fornella dos Mouros

GA15040002

499.536; 4.779.648

Concello de Malpica

04 Pedra da Arca

GA15043004

514.907; 4.793.981

Concello de Mazaricos

05 Mina da Parxubeira

GA15045033

505.306; 4.754.378

Concello de Vimianzo

06 Pedra Moura de Monte Carnio

GA15092001

501.931; 4.770.063

07 Pedra Cuberta

GA15092002

501.402; 4.770.988

08 Casota de Berdoias

GA15092003

493.093; 4.766.347

09 Arquiña de Vilaseco

GA15092004

494.043; 4.769.283

10 Pedra da Lebre

GA15082005

501.429; 4.768.795

11 Mina de Recesindes

GA15092006

494.157; 4.777.434

12 Rabós

GA15092042

498.490; 4.765.195

Concello de Zas

13 Pedra Vixía

GA15093006

504.658; 4.777.088

14 Arca da Piosa

GA15093023

501.703; 4.766.083