Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 13 de xullo de 2011 Páx. 19376

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis Celga e de extensión cultural, para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

O artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia establece o galego como lingua propia de Galicia. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia garantirán o seu uso normal e oficial e potenciarán o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

O artigo 7 do estatuto establece que as comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poderán solicitar, como tales, o recoñecemento da súa galeguidade entendida como o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o artigo 27 do estatuto, a Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva na promoción e no ensino da lingua galega.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece no artigo 21 que o Goberno galego fará uso dos recursos necesarios para que os galegos residentes no exterior poidan dispor de servizos culturais e lingüísticos no idioma propio de Galicia.

O artigo 6 c) da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, establece que o recoñecemento da galeguidade das comunidades galegas implica, na orde cultural, o dereito a colaborar no impulso das actividades culturais e espectáculos orientados a preservar e fomentar o uso da lingua, cultura e tradicións galegas, e o artigo 7.2 desta lei establece a obriga de facilitar ás comunidades galegas a organización de cursos de lingua e cultura galega.

De acordo coas funcións establecidas á Secretaría Xeral da Emigración no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como o disposto no Decreto 332/2009, do 11 de xuño, de estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Orde do 3 de agosto de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 7 de agosto), de delegación na Secretaría Xeral de Política Lingüística, ambas as secretarías convocan, mediante esta resolución conxunta, cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e cursos de extensión cultural dirixidos ás entidades galegas do exterior, así como a persoas interesadas na nosa cultura aínda que non estean vinculadas coas ditas entidades.

Esta convocatoria ten carácter plurianual, coa finalidade de que as entidades galegas poidan organizar cursos que se desenvolvan durante todo o ano, podéndose adaptar aos calendarios de convocatorias de exame para os distintos niveis Celga na súa área de actuación.

Por iso, consonte o establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no uso das funcións que a Secretaría Xeral da Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen atribuídas,

Dispoñen:

Primeiro. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e de extensión cultural, que se realizarán nos centros galegos do exterior e nas cidades onde exista unha importante demanda no coñecemento da lingua galega.

Segundo. Modalidades e solicitantes.

Os cursos convocados son os seguintes:

a) Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural, dirixidos aos centros galegos radicados fóra de Galicia interesados no coñecemento da lingua e cultura galega.

b) Galego na túa cidade. Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga, dirixidos a persoas residentes no exterior que estean interesadas no coñecemento da lingua galega.

c) Cursos en liña. Cursos preparatorios para as probas Celga nivel 1, impartidos a través da rede e convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da súa páxina web (www.xunta.es/linguagalega)

Solicitantes:

  • Cursos de lingua galega preparatorios para as probas CELGA e de extensión cultural. Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teña recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades legalmente constituída, que teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión da cultura galega, que contribúa a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior.

As entidades ás cales se lles conceda o curso comprométense na súa solicitude a facilitar as instalacións axeitadas para a realización do curso no lugar onde se desenvolva.

  • Cursos de galego na túa cidade. Poderán solicitar a súa inscrición no programa os cidadáns galegos residentes no exterior, os seus descendentes e calquera outra persoa interesada no estudo e coñecemento da lingua galega. Os solicitantes poderán preinscribirse a través do formulario que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com

Realizaranse cursos presenciais de lingua galega naquelas cidades onde exista o número mínimo de alumnos preinscritos a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com

  • Cursos en liña. Poderán inscribirse persoas interesadas no coñecemento da lingua galega nas condicións previstas para a correspondente convocatoria na páxina web (www.xunta.es/linguagalega)

Terceiro. Características comúns de cursos presenciais.

a) Estes cursos van dirixidos, preferentemente, aos galegos residentes no exterior e aos seus descendentes, aínda que poderán participar tamén outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

b) O número mínimo de asistentes para cada curso será de 20 persoas e o máximo de 30, agás casos excepcionais debidamente xustificados. Se durante a realización dos cursos o número de asistentes non acadase un mínimo significativo, a Secretaría Xeral da Emigración, conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, poderá acordar a cancelación do curso.

c) Os cursos terán unha duración de 75 horas.

d) A inscrición e participación nos cursos será gratuíta para todos os participantes, sen que os beneficiarios teñan que aboar cantidade ningunha por ningún concepto.

e) Estes cursos realizaranse, ordinariamente, con carácter intensivo (4/5 horas día). Non obstante, o horario das clases axustarase no posible ás necesidades dos solicitantes. O curso terá unha duración ordinaria dun mes. Excepcionalmente, poderá estenderse ata cuatro meses nos casos seguintes:

  • Cando existan profesores de galego xa desprazados nos lugares en que se impartan.
  • Cando se concedan dous ou máis cursos a entidades radicadas na mesma cidade, sempre que coincidan nas mesmas datas.

f) Os cursos terán lugar nas localidades e entidades ás cales se lles conceda mediante resolución conxunta da Secretaría Xeral da Emigración e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o cal se terán en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Cuarto. Contido dos cursos convocados.

1. Cursos de formación en lingua galega preparatorios para as probas Celga.

Clasificados en catro niveis distintos de coñecemento, válidos para a obtención dos certificados de lingua galega 1 (Celga 1), lingua galega 2 (Celga 2), lingua galega 3 (Celga 3) e lingua galega 4 (Celga 4).

O certificado de lingua galega 1 (Celga 1) acredita unha competencia no uso da lingua que permite satisfacer as necesidades de comunicación máis básicas.

O certificado de lingua galega 2 (Celga 2) acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para intervir nun conxunto variado de situacións de comunicación con relativa seguridade e eficacia.

O certificado de lingua galega 3 (Celga 3) acredita unha competencia no uso da lingua que permite empregala cun grao importante de corrección normativa sobre temas diversos.

O certificado de lingua galega 4 (Celga 4) acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para expresarse con fluidez e espontaneidade na maior parte das situacións comunicativas.

O programa e contido dos cursos de lingua galega, preparatorios para as probas Celga, serán os regulados na Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia n.º 146, do 30 de xullo, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) e as probas para obtelos.

Os cursos deben axustarse aos obxectivos da referida orde, así como ao programa e ao contido curricular establecido no seu anexo III.

Para conseguir o adecuado rendemento e aproveitamento destes cursos cómpre garantir a homoxeneidade de coñecementos do alumnado participante. Tanto os particulares como as entidades, ao formularen as solicitudes, deberán ter en conta a definición de contidos previstos na norma anterior.

En todo caso, será o profesor o que, no momento de iniciar o curso, valorará os coñecementos previos dos alumnos e decidirá o nivel Celga máis aconsellable para os seus coñecementos.

Non se expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia. Para obteren a acreditación do nivel de coñecemento e dominio de lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística. As probas correspondentes para esta convocatoria realizaranse no mes de xuño para o ámbito xeográfico España-Europa e no mes de outubro no ámbito de América. As datas e os lugares concretos onde se realizarán as citadas probas serán fixados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e serán publicadas na súa páxina web www.xunta.es/linguagalega

2. Cursos de extensión cultural, para persoas interesadas en manter o achegamento a Galicia, á súa realidade cultural actual, á súa historia, literatura, lingua e resto de expresións sociais e culturais da nosa terra.

O contido e programa dos cursos de extensión cultural serán os sinalados na Orde do 1 de abril de 2005, publicada no Diario Oficial de Galicia n.º 71, do 14 de abril, complementándose con novos contidos que proporcionen unha visión da historia e da actualidade de Galicia nos seus aspectos socioeconómicos e culturais.

Ao remate destes cursos, as persoas que obteñan a cualificación de apto recibirán o diploma correspondente. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso para optar á cualificación de apto.

Quinto. Financiamento dos cursos.

Esta resolución será de carácter plurianual e financiarase do seguinte xeito:

1. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes custos:

a) Do custo do desprazamento do profesorado, unicamente ida e volta, desde o seu lugar de residencia ata o lugar de realización do curso. Se o profesor se tivese que desprazar diariamente ou días alternos ao lugar de realización do curso, farase cargo dos gastos de desprazamento diarios, en transporte público colectivo, ata un máximo de 1.000 euros, logo de xustificación. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0,19 euros por quilómetro ata o máximo previsto.

b) No caso de que o profesor se tivese que desprazar e aloxar diariamente no lugar de realización do curso, concederáselle unha cantidade de 1.500 euros como máximo para gastos de aloxamento e manutención que serán aboados logo de xustificación do profesor. Esta cantidade poderá incrementarse en casos xustificados e sempre coa autorización previa da Secretaría Xeral da Emigración e atendendo ao establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

De o profesor se aloxar no lugar de realización do curso días alternos, aboaránselle os gastos xustificados de aloxamento e manutención, ata un máximo de 1.000 euros.

c) Custo do material para a realización do curso e do seu envío.

Estes gastos financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.226.07 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 e 2012 da Secretaría Xeral da Emigración. O importe destinado para este fin será de cincuenta mil euros (50.000 €), coa seguinte distribución: vinte mil euros (20.000 €) para o ano 2011 e trinta mil euros (30.000 €) para o primeiro semestre do ano 2012. Esta cantidade podería incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Serán por conta da Secretaría Xeral de Política Lingüística o nomeamento e o custo do profesorado ocasionado pola impartición destes cursos, que aboará directamente a cada profesor con cargo á partida orzamentaria 09.03.151A.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 e 2012. O importe destinado para este fin será de vinte e sete mil euros (27.000 €) para o ano 2011 e de vinte e sete mil euros (27.000 €) para o ano 2012.

O módulo fixado para cada curso é de tres mil euros (3.000 €), a razón de corenta euros hora (40 €/h). De se acordar a cancelación dun curso por falta de asistentes, o profesor será retribuído de acordo coas horas impartidas máis cen euros (100 €) en concepto de indemnización.

Os custos relacionados nos parágrafos anteriores serán aboados polas respectivas secretarías xerais ao remate do curso, logo de presentación do correspondente informe e xustificación. No caso de cursos iniciados no ano 2011 e que rematen despois do 15 de decembro ou en 2012, estes custos imputaranse á anualidade de 2012.

Sexto. Solicitudes e forma de presentación.

1. Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural:

Para entidades galegas solicitantes, agrupacións ou federacións solicitantes dos cursos de lingua galega e extensión cultural e entidades sen ánimo de lucro, a documentación necesaria será:

a) Solicitude da entidade segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos na cal constarán: apelidos e nome, idade, número do DNI ou do pasaporte e grao de ascendencia galega, se é o caso.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rua Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (República Arxentina), na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai) ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de que a documentación presentada for incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá o interesado para que, no prazo de dez días, emende a súa solicitude, indicándolle que, se non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na solicitude da entidade deberanse indicar as datas, o lugar e os horarios do curso.

Será preceptivo que a entidade ou conxunto de entidades solicitantes designen unha persoa que coordine as xestións desta actividade coa secretaría; deberá indicar o seu nome e apelidos, número de teléfono e horario de localización.

2. Cursos de galego na túa cidade:

Para cursos de galego na túa cidade, formalizarase a solicitude a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración da seguinte maneira:

O modelo de solicitude segundo o anexo II desta resolución estará á disposición de todos os interesados e interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (www.galiciaaberta.com), ao premer na icona Cursos de lingua galega na túa cidade (Celga). Despois de premer na modalidade elixida, as persoas solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen na pantalla e, a seguir, validalos e confirmalos.

As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán asinalas os solicitantes e remitilas á Secretaría Xeral da Emigración, sita nos Basquiños, número 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña. A remisión efectuarase preferentemente mediante correo electrónico ao enderezo acción.cultural.em.sc@xunta.es ou vía fax (00 34 981/54 72 95). Tamén poderán ser presentadas na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina), na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai), ou mediante calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre os cales se atopan as oficinas de Correos.

3. Cursos en liña. Para inscribirse nestes cursos observarase o disposto na correspondente convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web da Secretaría Xeral da Emigración (www.galiciaaberta.com) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega)

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes e remate dos cursos.

  • O prazo de presentación de solicitudes para as modalidades de cursos presenciais estará aberto ata o 31 de marzo de 2012. Os cursos que rematen no ano 2011 finalizarán antes do 15 de decembro e os que rematen no ano 2012 finalizarán antes do 1 de xullo dese ano.
  • O prazo de presentación de solicitudes e remate dos cursos en liña figuran na convocatoria de cada un dos cursos.

Oitavo. Tramitación e resolución.

1. Cursos nos centros galegos e federacións:

1.1. Os cursos que se realizarán nos centros galegos concederanse mediante resolución da Secretaría Xeral da Emigración e da Secretaría Xeral de Política Lingüística segundo a orde de presentación de solicitudes ata o límite da dotación orzamentaria prevista para cada ano, sempre que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e exista profesor para impartilos.

Tendo en conta os períodos previstos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para a realización das probas Celga nos distintos ámbitos xeográficos, terán preferencia para ser impartidos durante o segundo semestre de 2011 as solicitudes de cursos a impartir no ámbito de América. Para os cursos impartidos durante o primeiro semestre de 2012, terán preferencia aquelas solicitudes de cursos que se desenvolvan no ámbito de España-Europa.

Recibidas as solicitudes, a Secretaría Xeral da Emigración comprobará o cumprimento dos requisitos e documentación presentada por cada solicitante e remitirá a Secretaría Xeral de Política Lingüística informe para asignación de profesor. Á vista do anterior, e tendo en conta as posibilidades orzamentarias, será ditado a correspondente resolución de concesión por ambas as secretarías, na cal se recollerán as características propias para o desenvolvemento de cada un dos cursos (modalidade, duración, profesor, etc.).

As resolucións de concesión dos cursos notificaránselles ás entidades adxudicatarias e serán publicadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com. Os cursos concedidos publicaranse tamén na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega) coa indicación de quedaren prazas vacantes, poidan ser completados por persoas interesadas.

1.2. No caso de que a entidade galega solicitante teña un número de alumnos inferior ao número máximo, a Secretaría Xeral da Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán incluír alumnos residentes na mesma cidade preinscritos a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com.

1.3. O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de presentación da correspondente solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

1.4. O feito de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística organice directamente cursos fóra de Galicia, non impedirá que os centros radicados na cidade onde se realicen poidan solicitar cursos para os seus socios ao abeiro desta resolución.

2. Galego na túa cidade. Para os cursos de galego na túa cidade os criterios de selección para a relación de admitidos son os seguintes:

Acadado o número mínimo de solicitantes, mediante resolución da Secretaría Xeral da Emigración e da Secretaría Xeral de Política Lingüística fixaranse os lugares e as datas de realización do curso, que se lles comunicarán mediante correo electrónico aos alumnos interesados.

No caso de que exista un número de alumnos preinscritos superior ao de prazas, seguiranse os seguintes criterios:

-Como criterio de selección terase en conta a data, a hora e o minuto en que o alumno ou alumna realizou a súa preinscrición a través da páxina web e terán prioridade as persoas que a realizasen en primeiro lugar.

-En caso de empate, desfarase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, empezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra que resulte do sorteo que terá lugar en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011 e publicado na Resolución do 9 de febreiro de 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 25, do 7 de febreiro).

Os alumnos non seleccionados pasarán a unha lista de reserva para cubriren as posibles baixas.

3. Cursos en liña. A inscrición será libre e a concesión farase por orde de matrícula e limitada ao número de participantes previstos na correspondente convocatoria.

4. Concesión. A concesión dos cursos quedará condicionada á existencia de profesorado habilitado pola Secretaría Xeral de Política Lingüistica que poida impartilos e á existencia de crédito suficiente nos orzamentos previstos e nas respectivas anualidades en cada unha das dúas secretarías xerais segundo o establecido na cláusula quinta desta resolución de convocatoria referida ao financiamento dos cursos.

Noveno. Seguimento.

1. A Secretaría Xeral da Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán adoptar cantas medidas consideren oportunas para o seguimento e control do cumprimento da finalidade que motivou a concesión do curso, de conformidade coa normativa aplicable na materia.

2. A solicitude do curso supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística efectúen as comprobacións que consideren necesarias para asegurar o cumprimento do contido e as condicións deste.

3. O incumprimento por parte das entidades adxudicatarias dos cursos e dos participantes, das condicións impostas con motivo da concesión, comportará a imposibilidade de ser beneficiario deste tipo de programas durante as dúas seguintes convocatorias.

4. Ao remate do curso, a entidade e o profesor encargado de impartilo remitiranlle á Secretaría Xeral da Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

Décimo. Recursos.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso das resolucións expresas, e no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2011.

Anxo Manuel Lorenzo Suárez J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral de Política Lingüística Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file