Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 15 de xullo de 2011 Páx. 19860

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 6 de xullo de 2011 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) n.º 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece no punto 1 da alínea A do capítulo II, que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente, como pertencentes á clase A, B ou C, consonte o Regulamento (CE) nº 854/2004 do Parlamento e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen as normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

Por tanto, a localización e os límites das zonas de produción e de reinstalación clasificadas correspóndenlle á Consellería do Mar.

A Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, foi modificada pola Orde do 19 de xullo de 2010 como consecuencia dunha profunda revisión dos resultados das análises e controis efectuados nas diferentes zonas de produción e, recentemente pola Orde do 14 de marzo de 2011. Os anteditos controis, para garantir a idoneidade dos produtos extraídos delas, son realizados pola Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

O artigo 6 desta orde establece que, cando as análises e controis efectuados nas zonas de produción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de todos os parámetros exixidos durante os períodos establecidos, a Consellería do Mar procederá a revisar a clasificación da devandita zona. Igualmente, poderá establecer novas zonas ou subzonas de produción, se se comproba que as medidas de mellora establecidas provocan a redución da contaminación ou ben que novos impactos provocan un aumento desta, e as análises realizadas en distintas áreas desa zona de produción presentan niveis de E. coli que permitan establecer novas clasificacións dentro da zona de produción.

Nos resultados dos controis realizados nas distintas zonas de produción detectouse que hai niveis de E. coli que ofrecen resultados diferentes aos que determinaron a clasificación e a delimitación das zonas establecidas no anexo I e representadas nos mapas do anexo II da Orde do 19 de xullo de 2010, que modifica a Orde do 8 de setembro de 2006.

En virtude do exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 8 de setembro de 2006, pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O anexo I (moluscos bivalvos), no que se refire aos límites e clasificación da zona de produción GAL 02/03-2 Esteiro do río Baleo, queda redactado do seguinte xeito:

Clave

Área de produción

Límites da zona

Coordenadas

UTM (ED-50)

Clase

Comentario

GAL 02

GAL 02/03-2

Esteiro do río Baleo (agás o banco da Comboa)

Esteiro do río Baleo, delimitado pola liña imaxinaria que une a punta da barra da praia de Morouzos coa baixada ao peirao de Ladrido (na marxe de en fronte), agás o banco da Comboa

(594435, 4839755)

(594715, 4839725)

B

Provisional

Dous. O anexo I (moluscos bivalvos), no que se refire aos límites e clasificación dunha nova zona de produción: GAL 02/03-3 Banco da Comboa, que queda redactado como segue:

Clave

Área de produción

Límites da zona

Coordenadas

UTM (ED-50)

Clase

Comentario

GAL 02

GAL 02/03-3

Banco da Comboa

Zona comprendida entre a liña imaxinaria que une o peirao do Ladrido co extremo sur da ponte do ferrocarril

(594925, 4839530)

(595795, 4839165)

B

Estacional, cambio a C de abril a setembro

Tres. O anexo II no que se refire aos mapas para as zonas de produción GAL-02/03-2 e GAL-02/03-3, queda tal e como se indica nos mapas que se xuntan a esta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file