Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 29 de xullo de 2011 Páx. 21672

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de xullo de 2011 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2010-2011.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade na súa repartición. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal e o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos e ao desenvolvemento da creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que a dita etapa se organiza de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e que as medidas que se establezan neste ámbito estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa, e non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facendo uso das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei  9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para convocar e regular as bases dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Convócanse en Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2010-2011 co obxecto de dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios.

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribúe con 7 500 € con cargo á aplicación 09.04.423A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. Novacaixagalicia contribúe con 7.500 € segundo o disposto no convenio entre a Xunta de Galicia e Novacaixagalicia de data 5 de abril de 2011.

3. A dotación económica de cada premio extraordinario é de 750 €.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción.

Artigo 3. Requisitos de participación.

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter cursado durante o curso 2010-2011 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. A media das cualificacións dos alumnos e alumnas solicitantes debe ser igual ou superior a 9 puntos. Esta nota media será a media aritmética das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da etapa. A media aritmética das cualificacións da etapa expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e deberá reflectirse na certificación académica á que se fai referencia no artigo 4.3.a) da presente orde.

a. Segundo o establecido nas disposicións adicionais do Decreto 133/2007 polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria, para a obtención da nota media non se terá en conta a área de relixión.

b. As áreas validadas ou exentas non serán tidas en conta para o cálculo da nota media.

4. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros galardóns.

5. Cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Documentación.

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios nesta modalidade, deberá solicitalo na secretaría do centro educativo en que estea o seu expediente académico.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a. Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b. Declaración responsable de ter ou non ter percibido ou solicitado outras axudas ou premios convocados co mesmo fin polas administracións públicas competentes segundo o modelo do anexo II desta orde, co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previamente ao último pagamento, no caso de non producirse variación.

3. O/a secretario/a dos centros públicos, ou quen desempeñe as súas funcións nos centros privados, elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que de seguido se relacionan:

a. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicte a cualificación final media, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro educativo en que estea o expediente académico.

b. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premioseso.

4. Os centros educativos introducirán os datos na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premioseso no prazo de presentación das solicitudes e remitirán a documentación, por correo urxente, ata os tres días seguintes á finalización do prazo de presentación das solicitudes, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781, Santiago de Compostela.

5. Sen prexuízo do anterior, o alumnado poderá presentar a documentación indicada nos números 2 e 3 deste artigo, na forma prevista no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude non reune os requisitos precisos requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e indicaráselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición, e se arquivará esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42.1 da citada lei.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.

O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2010-2011, poderá solicitalo ata o 26 de setembro de 2011.

Artigo 6. Publicación das candidaturas.

1. A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de solicitude no portal educativo da Xunta de Galicia www.edu.xunta.es/portal. Os interesados poderán presentar contra esta as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez días hábiles a partir da data de publicación.

2. O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo www.edu.xunta.es/portal, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude.

Artigo 7. Celebración da proba para obtención do premio.

1. Os aspirantes aos premios extraordinarios ao rendemento académico deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes que valorarán os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, e constará de diversas cuestións con que deberá mostrar o grao de consecución das competencias social e cidadá, en comunicación lingüística e matemática. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións de tres materias do currículo de cuarto curso: ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía e latín.

2. Para poder aspirar ao premio deberase obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias da proba.

3. As materias cualificaranse entre 1 e 10 puntos e só se poderá utilizar un decimal. O resultado de cada parte obterase mediante a suma da cualificación das materias que a compoñen, no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura só computará na primeira parte da proba as cualificacións de lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira. No cálculo da nota final, cada parte suporá un 50% desta.

4. Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, en caso de empate darase preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.4; despois, á cualificación da primeira parte da proba e finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, a comisión de selección procederá a realizar un sorteo.

5. O tribunal poderá declarar deserto algún dos premios.

6. As probas realizaranse nos lugares e datas que se publicarán oportunamente no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Tribunal.

1. O tribunal encargado de elaborar, supervisar e avaliar as probas estará presidido pola persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en que delegue. Ademais do presidente/a estará constituído pola persoa responsable do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, por especialistas nas distintas materias procedentes dos corpos de inspectores de educación e/ou do corpo de catedráticos e/ou do corpo de profesorado de ensino secundario, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Para os efectos de colaboración no disposto no parágrafo anterior, poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros da comisión a que se fai referencia no punto anterior e outras persoas especialistas.

3. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 9. Resolución provisional da concesión dos premios.

1. O tribunal fará pública a relación provisional de persoas propostas para premio no portal educativo www.edu.xunta.es/portal

2. Contra esta poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do tribunal, presentándoa no Rexistro Único da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano de Santiago de Compostela, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

Artigo 10. Resolución definitiva.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.

2. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta, feita polo tribunal, ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. Contra a devandita orde de adxudicación dos premios poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Artigo 11. Obriga dos/as gañadores/as.

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos de comprobación competentes, para o que achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007.

2. O alumnado premiado presentará certificación de titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos en que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indica o artigo 14 j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo. 12. Información aos/ás interesados/as.

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo http://www.edu.xunta.es/portal, na páxina de inicio da aplicación http://www.edu.xunta.es/premioseso e na Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación ou resolución no premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 14. Transparencia das prácticas da administración.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnala directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file