Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 29 de xullo de 2011 Páx. 21687

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 14 de xullo de 2011 pola que se convocan prazas de residencia e de manutención nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol para o curso académico 2011-2012.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, nos artigos 9.2 b) e 24, fai referencia á prestación de servizos complementarios polos centros, ao sistema de acceso dos alumnos a estes e ás axudas, e, na súa disposición derradeira, faculta a Consellería do Mar para o desenvolvemento e execución do disposto nel.

O Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensino náutico-pesqueiro.

Co obxecto de fomentar e potenciar a formación da poboación mariñeira, é necesario artellar as accións que faciliten o acceso á formación náutico e marítimo-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos e ciclos formativos de grao medio e superior.

Polo exposto, a Consellería do Mar, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é a convocatoria de prazas de aloxamento e manutención durante os días lectivos do curso escolar 2011-2012, nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, dependentes da Consellería do Mar.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das prazas de aloxamento e manutención todos os alumnos que durante o curso académico 2011/2012, realicen os seguintes estudos:

a) Marítimo-pesqueiros.

Ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica da familia profesional marítimo-pesqueira.

b) Náutico-pesqueiros.

Capitán de pesca, patrón costeiro polivalente, patrón local de pesca e mariñeiro pescador.

Artigo 3. Clases de prazas.

As prazas poderán outorgarse nas seguintes dúas modalidades:

a) En réxime de aloxamento e manutención.

b) En réxime de manutención nos comedores dos centros residenciais docentes.

Artigo 4. Prazas en réxime de aloxamento e manutención.

Esta modalidade supón a utilización gratuíta dos servizos residenciais do centro.

Para optar á praza en réxime de aloxamento e manutención, requirirase que o solicitante acredite documentalmente cumprir as condicións xerais establecidas no artigo 2 e, ademais, a imposibilidade de trasladarse ao seu domicilio diariamente, en razón da distancia e tempo investido, cando polos medios habituais de transporte público sexa superior a 60 minutos en cada un dos traxectos ou por razón de incapacidade física do solicitante, que faga que resulte penoso o transporte diario ao centro docente.

Os residentes poderán desfrutar da praza de residencia unicamente durante os días lectivos do curso escolar solicitado, e coa excepción da pernoita na véspera de días non lectivos.

Artigo 5. Prazas en réxime de manutención.

A praza en réxime de manutención defínese como a utilización gratuíta dos servizos de comedor do centro.

Poderán solicitar praza en réxime de manutención os alumnos/as que acrediten documentalmente cumprir as condicións xerais establecidas no artigo 2 e, ademais, ter o seu domicilio habitual a unha distancia superior a 15 km do centro docente, ou ben que, aínda sendo menor, acrediten a súa imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

Artigo 6. Requisitos dos aspirantes.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde os alumnos que cursen os estudos sinalados no artigo 2 no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, e que reúnan os seguintes requisitos:

– Ser cidadáns de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

– Non ser repetidor, considerando alumno repetidor, para estes efectos, aqueles que teñan pendentes algún modulo do ciclo que estean cursando.

– Estar matriculados no curso académico 2011/2012 nun curso completo dos establecidos no artigo 2.

– Ter presentada a documentación correspondente para as validacións a que tivese dereito.

– No caso de alumnos que realicen estudos náutico-pesqueiros, ter cumpridos 16 anos, como mínimo, no ano 2011.

Artigo 7. Solicitudes.

1. Os alumnos/as que inicien ou promocionen dentro dun mesmo ciclo só terán que realizar a reserva de praza, segundo o modelo que se recolle no anexo desta orde, ante a secretaría do centro con anterioridade ao 1 de outubro de 2011.

2. Todos os alumnos/as que soliciten praza para os estudos establecidos no artigo 2 b) desta orde, deberán cubrir o impreso oficial dispoñible no centro, segundo o modelo que se recolle no anexo desta orde, e presentalo 15 días antes do inicio do curso a que opta.

Artigo 8. Criterios de adxudicación das prazas.

1. A adxudicación das axudas farase segundo un baremo no cal se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico e outras circunstancias familiares tal e como se deduce dos seguintes puntos deste precepto.

A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a orde de adxudicación. Non terán dereito á percepción de axuda ao abeiro desta orde os solicitantes que superen o limite de 18.000,01 euros da renda per cápita establecida segundo o punto 8 b.6) deste artigo.

2. No caso de que os solicitantes obteñan o mesmo coeficiente, terán preferencia os que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector, e dentro destes, terán preferencia os de menor renda familiar.

a) Rendemento académico do último curso realizado.

– Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

– Nota media de notable: 3 puntos.

– Nota media de ben: 2 puntos.

– Nota media de suficiente: 1 punto.

– Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas en que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das materias cursadas, obterase a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan de 1 a 10, seguiranse as equivalencias que a continuación sinalamos:

9-10: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

b) Renda familiar.

1 b) Renda familiar per cápita.

b.1) A renda familiar per cápita é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites da axuda a partir das táboas de baremación. O seu importe é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano 2009 por todos os membros da dita unidade. Este extremo acreditarase mediante a declaración do IRPF, presentada por cada un dos ditos membros.

b.2) Para a determinación da renda familiar sumarase o importe íntegro das retribucións en concepto de rendementos de traballo obtidos durante o exercicio 2009 por todos os membros da unidade familiar.

b.3) Membros computables.

Considéranse membros da unidade familiar os pais, os irmáns solteiros menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado municipal de empadroamento.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o cónxuxe ou, se é o caso, a persoa a que estea unida por análoga relación, de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

b.4) No caso de divorcio ou separación legal dos pais non se considerará membro computable quen non conviva co/a solicitante.

b.5) Nos casos en que o solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar fidedignamente que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia así como a titularidade ou o aluguer da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo de renda e patrimonio familiar para efectos de bolsa, computaranse os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o punto b.3).

b.6) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

1. Ata 6.000 euros: 7 puntos.

2. De 6.000,01 ata 9.500 euros: 5 puntos.

3. De 9.500,01 ata 13.000 euros: 3 puntos.

4. De 13.000,01 ata 15.000 euros: 1 puntos.

5. De 15.000,01 ata 18.000 euros: 0 puntos.

6. A partir de 18.000,01 euros non se terá dereito á percepción de axuda segundo se establece no artigo 8.1.º.

c) Circunstancias familiares.

c.1) Aos solicitantes que teñan irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselle 2 puntos polo primeiro, e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

c.2) Aos aspirantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c.3) Aos aspirantes membros de familia numerosa de 1.ª clase, 1 punto; de 2.ª clase e honra, 2 puntos.

c.4) Aos aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade, 2 puntos.

Todas as epígrafes referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 9. Comisión de avaliación.

1. Para o estudo das solicitudes presentadas e selección de posibles adxudicatarios, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o xefe/a territorial correspondente, ou persoa en quen delegue.

Secretario: o secretario/a do centro, que actuará como secretario da comisión.

Vogais:

O director/a do centro.

O xefe/a de estudos do centro.

O xefe/a do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, ou persoa en quen delegue.

2. Das reunións realizadas polas comisións a que se refire o punto anterior, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 10. Procedemento de adxudicación.

1. A comisión de avaliación (en diante, a comisión), reunirase para facer a proposta de resolución provisional motivada ao órgano encargado de resolver, en que figurará a relación provisional de beneficiarios que reúnen as condicións exixidas e de excluídos, con expresa mención motivada á causa da súa denegación.

2. Publicada a dita resolución provisional no taboleiro de anuncios do centro, e das xefaturas territoriais do seu ámbito, os/as solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles para presentar as alegacións que consideren oportunas.

3. Transcorrido o dito prazo, a comisión reunirase de novo para resolver as alegacións presentadas, de ser o caso, e elaborar a proposta de resolución definitiva, que será remitida á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 11. Resolución de concesión e modificación.

1. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta da comisión, resolverá por delegación expresa da conselleira do Mar, a listaxe definitiva de adxudicatarios/as en función das prazas dispoñibles, que se exporán no taboleiro de anuncios do centro.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostren estes extremos, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran nesta situación, e, polo tanto, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 12. Duración do procedemento.

O prazo máximo para ditar a resolución da concesión das axudas será de seis meses contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 13. Incorporación dos/as alumnos/as ás residencias.

1. Os alumnos incorporaranse á residencia ao inicio do curso. Non obstante, esta incorporación non é definitiva, e quedará condicionada ao que se deduza da adxudicación definitiva.

2. As persoas incorporadas quedarán suxeitas ás normas de réxime interno do centro.

3. No momento de incorporación ao centro, o residente acreditará documentalmente o seu estado de saúde mediante certificado médico, e deberá permitir o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

Artigo 14. Perda do dereito á residencia.

1. Os residentes que non se incorporen ao centro residencial nas datas sinaladas para o inicio do curso, non poderán facer uso da praza de residencia, e perderán os seus dereitos agás nos casos de forza maior.

2. A perda da condición de alumno/a do centro onde debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza, determinará a perda desta e, asemade, da condición de residente do centro residencial docente.

3. Igualmente, cesarán no uso das prazas en réxime de aloxamento e manutención como consecuencia de sanción disciplinaria ou cando o alumno/a non acuda con regularidade ás clases lectivas e, logo dun informe e a pedimento do director do centro.

Artigo 15. Alumnos con praza na residencia que realicen a formación en centros de traballo (FCT).

Os/as alumnos/as con praza na residencia que se incorporen á FCT en empresas situadas nun raio de 5 km de distancia ao centro, poderán seguir usando a residencia ata o remate da FCT na dita empresa.

Artigo 16. Concorrencia con outras axudas.

O desfrute dalgunha das axudas reguladas nesta orde é incompatible co desfrute de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade e dentro do mesmo período temporal, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Artigo 17. Obrigas do/a beneficiario/a.

1. O/a beneficiario/a está obrigado/a ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostren estes extremos, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran nesta situación, e, polo tanto, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 18. Reintegro.

Procederá o reintegro da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia e a través do procedemento regulado nos artigos 37 e seguintes da mesma lei.

Artigo 19. Réxime de recursos.

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos.

2. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante os órganos desta xurisdición no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo iso sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Disposición adicional primeira.

Esta orde seguirá aberta á posibilidade de solicitude de prazas de residencia nos centros residenciais docentes do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol sempre que existan prazas dispoñibles, segundo a programación aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para os cursos de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

Disposición adicional segunda.

De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios das axudas de residencia concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web.

Disposición adicional terceira.

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file