Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 8 de agosto de 2011 Páx. 22695

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se determinan os prazos de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan programas de cualificación profesional inicial e se ditan instrucións para o seu desenvolvemento no curso académico 2011-2012.

A Orde do 13 de xullo de 2011 regula os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira primeira desta orde autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditan as disposicións que cumpran para a súa aplicación e o seu desenvolvemento.

En virtude do anterior, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Prazo de presentación de solicitudes de admisión e documentación.

1. O prazo de presentación de solicitudes para cursar o primeiro ou o segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial será o abranguido entre o 6 e o 15 de setembro, ambos os dous incluídos.

2. A documentación que debe presentar o alumnado na secretaría do centro que ofreza o programa é a establecida no artigo 17 da Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con independencia do anterior e para os efectos de aplicación do criterio de prioridade establecido no artigo 18.2 b) da citada Orde do 13 de xullo de 2011, o alumnado solicitante poderá presentar unha certificación de escolarización do centro de procedencia no curso académico anterior.

3. A matrícula no primeiro e segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial poderá formalizarse nalgún dos centros autorizados na oferta de programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2011-2012.

Segundo. Procedemento de admisión e matrícula.

1. De acordo co establecido no artigo 15.4 do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a incorporación a un programa de cualificación profesional inicial do alumnado escolarizado no curso anterior non requirirá un novo procedemento de admisión, agás que coincida cun cambio de centro.

Para estes efectos, o alumnado dos centros asociados nas modalidades B terá a mesma consideración que o alumnado do propio centro en que se formalice a matrícula.

2. Consonte o anterior, para a adxudicación de prazas terá prioridade o alumnado matriculado no curso anterior no centro e, se non existen prazas suficientes para atender todas as solicitudes, o procedemento de adxudicación realizarase conforme o establecido no artigo 18 da citada Orde do 13 de xullo de 2011.

O sorteo público para resolver a adxudicación de prazas, segundo se determina no artigo 18.2 d) da citada Orde do 13 de xullo de 2011, aterase ao disposto na Resolución do 1 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o artigo 34.3 da Orde do 17 de marzo de 2007. Conforme o resultado do sorteo, será a letra V a letra de prioridade que afecte o primeiro apelido e, de ser o caso, igualmente a letra V a que afecte o segundo apelido, para os efectos de resolución do desempate na orde de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos no curso 2011-2012.

3. Os centros educativos farán pública a listaxe de alumnado admitido en cada un dos programas ofrecidos o día 16 de setembro.

4. O prazo de matriculación para o alumnado adxudicado no programa solicitado será do 16 ao 21 de setembro, ambos os dous incluídos.

Terceiro. Realización do módulo de FCT nas modalidades A e B.

1. Con carácter xeral, o período de realización do módulo de FCT en período ordinario será o mes de xuño, e poderá iniciarse no mes de maio, tendo en conta que a sesión de avaliación final do alumnado do primeiro curso de programas de cualificación profesional inicial se realizará a partir do 22 de xuño, consonte o disposto no punto 3.1 do artigo 12 da Orde do 24 de maio de 2011 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2011-2012, nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

2. Con carácter xeral, o período de realización do módulo de FCT en período extraordinario será o mes de setembro. Ao seu remate celebrarase a sesión de avaliación final extraordinaria de módulos do primeiro curso.

Cuarto. Celebración das sesións de avaliación na modalidade B.

As sesións de avaliación na modalidade B realizaranse no centro en que figure matriculado o alumnado do programa. Para tal fin, as xefaturas de estudos dos centros implicados coordinarán as datas e os horarios de avaliación.

Quinto. Convenios específicos de colaboración na modalidade C mixta.

Para a sinatura de convenios específicos de colaboración para a realización dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta, así como para a posible rescisión destes, aplicarase o establecido na disposición cuarta da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexto. Programación dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta. Plan individualizado.

1. A realización dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta exixirá a elaboración polo titor ou a titora do programa dun plan individualizado de formación, consistente nun conxunto de actividades formativo-produtivas de referencia en relación cos resultados de aprendizaxe recollidos no perfil do programa, que o alumnado terá que realizar nos centros de traballo durante as horas e os períodos establecidos para tal fin.

2. De xeito excepcional, cando se constate que nalgunhas zonas ou nalgúns sectores o posto formativo ofrecido por un centro de traballo sexa insuficiente para alcanzar todos os resultados de aprendizaxe necesarios para a consecución da competencia profesional recollida no perfil do programa, o titor ou a titora poderán seleccionar un segundo centro de traballo que permita completar a formación requirida. Nese caso, formalizarase un plan individualizado de formación específico para cada empresa ou centro de traballo.

O anterior será de aplicación en caso de que o horario produtivo dunha empresa ou dun centro de traballo sexa insuficiente para completar o número total de horas de formación correspondentes aos módulos específicos profesionais.

Sétimo. Seguimento dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta.

1. O titor ou a titora do centro educativo establecerán canles de comunicación coa persoa designada para realizar as tarefas de titoría e seguimento do centro de traballo que garantan o seguimento e a avaliación do alumnado do programa. Establecerán un calendario de visitas aos centros de traballo que incluirá, ademais das previas para a xestión, un mínimo dunha visita mensual de seguimento para observar directamente as actividades que o alumnado realice e rexistrar o seu propio seguimento, co fin de verificar a consecución das competencias profesionais propias da cualificación profesional.

2. Ademais das visitas aos centros de traballo, a hora de titoría semanal no centro educativo aproveitarase para realizar actividades de seguimento, asesoramento e apoio.

3. Para a compensación dos gastos derivados do seguimento dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta observarase o disposto nos puntos 3, 4, 5 e 6 da disposición sétima da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo profesional de formación en centros de traballo da formación profesional inicial, para o alumnado matriculado en centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O profesorado encargado do seguimento dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta terá dereito a unha redución de ata tres períodos lectivos, consonte se establece para a titoría de ciclos formativos no artigo 84 da Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e o seu funcionamento.

Oitavo. Renuncia ao módulo de formación en centros de traballo nos programas de cualificación profesional inicial.

1. Logo de iniciado o módulo de formación en centros de traballo, poderase renunciar a el sempre que se dea algunha das circunstancias recollidas no artigo 22.1 da Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O alumnado procedente de renuncia nas modalidades A e B poderá realizar, por unha soa vez, o módulo de FCT en período extraordinario no mes de setembro, e non se terán en conta as xornadas realizadas antes de solicitar a renuncia.

Noveno. Rescisión de convenios.

1. O centro procederá á baixa de oficio do alumnado excluído dun convenio para a realización dos módulos específicos profesionais na modalidade C mixta, ou do módulo de FCT no resto das modalidades, nos casos recollidos no punto 3 da disposición cuarta da citada Orde do 28 de febreiro de 2007.

Non procederá a baixa de oficio con respecto ao alumnado incorporado ao programa en idade de escolarización obrigatoria, que poderá ser reincorporado ao nivel de educación secundaria obrigatoria de procedencia, consonte o establecido nos artigos 23.6 e 24 da citada Orde do 13 de xullo de 2011.

2. A Administración educativa garantirá un novo posto formativo nos casos en que as causas de rescisión do convenio non sexan imputables ao alumnado.

Décimo. Horario do profesorado de centros públicos previo á avaliación final.

En tanto o alumnado do programa de cualificación profesional inicial estea a realizar o módulo profesional de formación en centros de traballo, e logo de realizada a terceira avaliación parcial de módulos do primeiro curso no réxime integrado para o período a que se refire o artigo 34.1 da citada Orde do 12 de xullo de 2011, manterase o horario previsto no centro educativo para os módulos, ata a sesión de avaliación final de módulos correspondente, consonte o establecido nos artigos 30.5, 34.4 e 36.5 da citada Orde do 13 de xullo de 2011. Durante este período, o profesorado con atribución docente no programa de cualificación profesional inicial realizará, entre outras, as seguintes actividades:

a) Impartición e avaliación de actividades de recuperación ao alumnado que teña pendente de superar algún módulo.

b) Realización de actividades de preparación para as probas de acceso a ciclos de grao medio e/ou de iniciación aos módulos do segundo curso do programa e/ou de reforzo dos módulos profesionais, de ser o caso.

c) Apoio e reforzo naqueles módulos con alumnado repetidor, pertencentes ás ensinanzas de formación profesional inicial da mesma familia profesional, para os cales se teña atribución docente segundo figura nos correspondentes currículos.

d) Apoio á titoría do programa, e á coordinación e ao seguimento da FCT.

e) Realización voluntaria de operacións programadas polo departamento para a mellora das instalacións onde se imparta o programa de cualificación profesional inicial.

f) Outras que a dirección do centro lle encomende, dentro do seu ámbito de competencias.

Décimo primeiro. Módulos profesionais de oferta de centro no réxime integrado.

Os centros autorizados para ofrecer o primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial polo réxime integrado seleccionarán, doutro perfil profesional, un módulo profesional de oferta de centro dos que se recollen no anexo desta resolución, de acordo co establecido no artigo 12.2 b) da Orde do 13 de xullo de 2011 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO
Módulos profesionais de oferta de centro autorizados para o réxime integrado

Familia profesional

Código
do perfil

Denominación do perfil

Código

Módulo profesional

Actividades físicas e deportivas

PAFD01

PCPI de asistencia en actividades e en instalacións deportivas

ME0116

Asistencia a técnicos deportivos na organización de espazos, actividades e material

ME0117

Operacións preventivas de seguridade e asistencia en caso de emerxencia

Administración e xestión

PADG01

PCPI de servizos

administrativos

ME0021

Operacións administrativas e de comunicación

ME0022

Arquivo e reprografía

Agraria

PAGA03

PCPI de arranxos florais

ME0050

Operacións auxiliares de mantemento de instalacións, maquinaria, equipamentos e ferramentas de floraría

ME0051

Recepción e acondicionamento de materias primas e materiais de floraría

ME0053

Servizos básicos de floraría e atención ao público

Artes gráficas

PARG01

PCPI de reprografía

ME0092

Recepción e despacho de traballos

PARG02

PCPI de operacións en industrias gráficas

ME0123

Equipamentos informáticos e periféricos en industrias gráficas

ME0124

Empaquetaxe, amoreamento e paletización en industrias gráficas

ME0125

Manipulación de cargas con carretas elevadoras

Comercio e márquetin

PCOM01

PCPI de comercio

ME0084

Preparación de pedidos

ME0086

Atención básica á clientela

Edificación e obra civil

PEOC01

PCPI de albanelaría

ME0059

Labores auxiliares de obra

ME0060

Pastas, morteiros, adhesivos e formigóns

ME0061

Obras de fábrica para revestir

ME0062

Vertentes de cubricións

PEOC02

PCPI de revestimentos de obra

ME0059

Labores auxiliares de obra

ME0060

Pastas, morteiros, adhesivos e formigóns

ME0079

Tratamento dos soportes para revestimentos na construción

ME0080

Revocaduras e gornecementos

ME0081

Pintura e materiais de imprimación e protectores na

construción

ME0059

Labores auxiliares de obra

Hostalaría e turismo

PHOT01

PCPI de cociña

ME0039

Aprovisionamento, seguridade e hixiene

PHOT02

PCPI de servizos

de restauración

ME0039

Aprovisionamento, seguridade e hixiene

Imaxe persoal

PIMP01

PCPI de estética

ME0025

Coidados estéticos básicos de uñas

ME0026

Depilación mecánica e descoloración da peluxe

ME0027

Maquillaxe social

PIMP02

PCPI de peiteado

ME0025

Coidados estéticos básicos de uñas

ME0029

Hixiene e asepsia aplicadas ao peiteado

ME0030

Montaxes para cambios de forma e inicio do peiteado

ME0031

Aplicación de cosméticos para os cambios de cor do cabelo

Industrias extractivas

PIEX01

PCPI de pedra natural

ME0127

Manipulación de bloques, bolos e rachóns

ME0129

Manipulación de cargas con carretas elevadoras

Informática

e comunicacións

PIFC01

PCPI de informática

ME0009

Mantemento de sistemas microinformáticos

Madeira, moble e cortiza

PMAM01

PCPI de carpintaría

ME0014

Instalación e embalaxe

Marítimo-pesqueira

PMAP01

PCPI de pesca e transporte marítimo

ME0073

Manobra e mantemento do buque

ME0074

Garda de navegación e goberno do buque

ME0076

Garda de navegación na cámara de máquinas e operacións auxiliares

ME0077

Seguridade, primeiros auxilios e respecto polo medio

Servizos socioculturais e á comunidade

PSSC01

PCPI de emprego doméstico

ME0088

Limpeza doméstica

PSSC02

PCPI de limpeza de

edificios, locais e moblaxe

ME0099

Limpeza, tratamento e mantemento de chans, paredes e teitos

ME0100

Limpeza de moblaxe interior

Téxtil, confección e pel

PTCP01

PCPI de costura

ME0055

Atención ao cliente

ME0056

Materiais, ferramentas, máquinas e equipamentos

de confección

PTCP02

PCPI de reparación de calzado e marroquinaría

ME0107

Materiais e servizos en reparación de calzado

e marroquinaría

ME0108

Reparación de artigos de marroquinaría

PTCP03

PCPI de tapizaría

ME0111

Materiais e servizos en tapizaría

ME0113

Enteado de paredes e tapizado de paneis murais

PTCP04

PCPI de cortinaxe e complementos de decoración

ME0132

Iniciación en materiais, produtos e procesos téxtiles

PTCP05

PCPI de lavandaría

ME0136

Materiais e artigos téxtiles

ME0137

Lavado acuoso de roupa

ME0138

Lavado en seco de roupa

Mantemento de vehículos autopropulsados

PTMV01

PCPI de mantemento de vehículos

ME0016

Mecanizado básico

PTMV02

PCPI de mantemento estrutural e superficial de embarcacións

ME0143

Reparación de elementos de plástico reforzado con fibra

Vidro e cerámica

PVIC01

PCPI de cerámica

ME0064

Coadura e reprodución

ME0066

Esmaltación e decoración manual

ME0067

Cocción