Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Xoves, 1 de setembro de 2011 Páx. 26111

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de xullo de 2011 pola que se fai pública a convocatoria de trinta prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.

Sendo necesario para o normal funcionamento dos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo a colaboración en todas as tarefas de orde interna e actividades de residencia, relacionadas con desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes; e en uso das facultades que ten conferidas esta consellería,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. Convócanse 30 prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, dependentes da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da forma que a seguir se relaciona:

CRD da Coruña: 18 prazas.

CRD de Ourense: 6 prazas.

CRD de Vigo: 6 prazas.

2. A duración da praza concedida comprenderá o período correspondente ao curso escolar 2011/12.

3. O beneficiario da praza de bolseiro non poderá realizar, mentres a goce, ningún tipo de traballo remunerado, aínda que poderá facela compatible con outras axudas.

Segundo. Para optar á praza será preciso que concurran ou se acrediten, se é o caso, os seguintes requisitos:

a) Ser español, nacional dun pais membro da Unión Europea ou estranxeiro residente en España no momento de asinar a súa solicitude.

b) Non estar en posesión do título académico que habilita para actividades profesionais, a menos que este título supoña un nivel ou grao inferior ao dos estudios que pretende realizar.

c) Ter cumpridos, como mínimo, dezaoito anos.

d) Estar inscrito ou matriculado no curso 2011/12, nun centro oficial universitario. A distancia do centro universitario ao centro residencial docente no que deberá residir, e os medios de comunicación entre ambos os dous deberalle permitir ao bolseiro o normal cumprimento das súas obrigas.

e) O estado de saúde do colaborador bolseiro deberá permitir o normal desenvolvemento na vida docente da residencia.

Terceiro.

1. Os aspirantes deberán presentar os seguintes documentos:

a) Instancia dirixida á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, segundo modelo que figura no anexo a esta orde.

b) Unha fotografía tamaño carné.

c) Documento acreditativo de estar inscrito ou matriculado como alumno oficial de facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario.

d) Curriculum vitae do aspirante, con especial mención ás actividades educativas nas que participou.

e) Declaración ou declaracións da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio económico 2010.

f) Certificación de notas correspondente ao curso escolar 2010/11.

2. Os aspirantes presentarán as súas solicitudes, xunto coa documentación correspondente, no centro residencial docente, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez recibidas as solicitudes, e se é o caso, de acordo co establecido no artigo 71 de Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que no prazo de dez días emende os erros ou complemente a documentación.

Cuarto.

1. Concluído o prazo anterior, constituirase no centro residencial docente, unha comisión de valoración que estará integrada polo director do devandito centro, como presidente, e como vogais o xefe de residencias, un educador ou profesor de actividades actuando como secretariocomo secretario, un funcionario administrativo do centro.

2. As comisións de valoración ordenarán as súas solicitudes segundo os méritos reflectidos nestas, tendo en conta especialmente as aptitudes do/a candidato/a para o desenvolvemento de tarefas formativas, a vinculación con centros residenciais docentes e o seu expediente académico.

Unha vez concluída a fase de valoración, elevarase proposta á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que procederá a conceder as axudas e fará chegar ós que resulten beneficiarios definitivamente as correspondentes credenciais.

Quinto.

1. A resolución da solicitude seralle comunicada ao interesado, que disporá dun prazo de reclamación de quince días. A concesión da praza terá carácter de provisionalidade en canto non se formalice a matrícula.

2. As reclamacións resolveranse no prazo dun mes, contado desde a súa interposición, e consideraranse desestimadas de non seren resoltas nese prazo.

3. A resolución expresa ou presunta das reclamacións formuladas dará carácter definitivo ás adxudicacións.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes entenderánse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de 2 meses, contados a partir da data de publicación desta convocatoria.

Sexto. Os colaboradores bolseiros terán os seguintes dereitos:

a) Exención do pagamento dos servizos residenciais durante o período de funcionamento destes para os alumnos do centro.

b) Recoñecemento da súa condición de colaborador bolseiro, ante o resto dos residentes.

c) Asistencia sanitaria ordinaria, por parte dos servizos médicos do centro.

Sétimo. Os colaboradores bolseiros terán as seguintes obrigas:

a) Someterse a recoñecemento médico previo, nos servizos facultativos do centro.

b) Seguir con aproveitamento os estudos para os que se matricula.

c) Residir no centro residencial docente.

d) Cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro.

e) Colaborar na residencia en todas as tarefas e cometidos de orde interna e actividades de residencia que lle poida encomendar a dirección do centro, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes.

Oitavo.

1. A condición de colaborador bolseiro perderase por algunha das seguintes causas:

a) Non cumprir os requisitos necesarios para a súa adxudicación.

b) Ocultar ou falsear os datos.

c) Sanción disciplinaria imposta conforme as normas que resulten de aplicación.

Para os casos comprendidos nas letras a) e b) a perda será inmediata sexa cal sexa o momento en que se constate.

2. O director do centro poderá propoñer á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que cese como colaborador bolseiro por deficiencia notoria no cumprimento das súas obrigas, en calquera momento despois de rematadas as actividades lectivas do primeiro trimestre, logo do informe motivado da xunta de residencias, e sempre que fose advertido expresamente con anterioridade pola mesma causa, e logo da audiencia do interesado.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file