Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Xoves, 15 de setembro de 2011 Páx. 27126

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2011 pola que se aproban as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para desenvolver no curso académico 2011-2012.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece o logro da competencia nas dúas linguas oficiais das comunidades autónomas con idioma propio como unha das finalidades da educación.

Por outra parte, os estudos máis actualizados sobre a adquisición de idiomas revelan que esta se fai en boa medida nas variadas situacións de comunicación que se producen fóra das aulas de lingua e que é imprescindible o uso do galego en diferentes contextos para acadar o seu pleno dominio.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle a obriga dos poderes públicos de garantir o uso normal do galego e de potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e formativa, así como de dispor os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento e de que a Administración educativa procure fomentar o uso da lingua propia da comunidade autónoma en distintos espazos e situacións de comunicación dos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, aposta por afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino e por reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.

Pola súa banda, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega conclúe que a nova realidade social en que nos movemos e os novos retos que nos propón demandan que o uso do galego se prolongue no contorno que rodea os centros, de xeito que os mozos e mozas galegos atopen nel espazos onde comunicarse con normalidade na lingua propia de Galicia. Así mesmo, o plan xeral anímanos a recoñecer que, dado que a nosa é unha lingua de futuro, debe ser presentada como tal, relacionándoa con ámbitos de interese para a mocidade.

Por iso, a través desta convocatoria, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento cultural que garanta unha plena competencia comunicativa neste idioma.

En consecuencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta disposición é convocar a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística e regular o procedemento para a súa selección.

Os proxectos deberán fomentar algún ou varios dos seguintes aspectos:

– O galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas.

– O achegamento á lingua e ao coñecemento da realidade sociocultural galega por parte do alumnado procedente do estranxeiro e das súas familias.

– A colaboración con entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas, así como coas empresas locais, para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social.

– A relación da lingua galega coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Artigo 2. Número de proxectos e dotación económica.

Entre todos os proxectos presentados serán seleccionados cinco, considerados como excelentes. Os seleccionados recibirán:

1. Unha dotación económica de 2.500 euros.

2. Unha xornada de asesoramento e orientación para o profesorado implicado e asesoramento durante o desenvolvemento do proxecto.

3. A difusión das experiencias a través da rede e a publicación dos materiais educativos producidos na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán participar nesta convocatoria os centros de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que desenvolvan os proxectos presentados no curso académico 2011-2012.

Artigo 4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de se publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e documentación.

1. Á solicitude, segundo o modelo que figura como anexo I desta convocatoria, deberá xuntárselle a documentación que se indica a seguir:

a) Unha copia das actas das reunións do claustro e do consello escolar do centro en que conste que estes organismos foron informados do proxecto.

b) O proxecto, cunha extensión máxima de 33.000 caracteres (espazos incluídos), do que se presentará unha copia en papel e outra copia en soporte óptico.

2. As solicitudes e demais documentación presentaranse no Rexistro da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida selala e facer constar a data antes de certificala.

3. Unha vez presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vai acompañada da preceptiva documentación. En caso contrario, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e os datos que deben achegarse e advertiráselle que, de non facelo así, se considerará que desistiu da súa petición e esta será arquivada, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A xestión desta convocatoria realizaraa a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este departamento poderalles requirir aos solicitantes cantos documentos e aclaracións considere necesarios para tramitar o expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Artigo 6. Estrutura do proxecto e requisitos do centro.

1. Cando menos, os proxectos deberán incluír os seguintes puntos:

a) Xustificación do proxecto a partir da situación sociolingüística de partida do centro.

b) Obxectivos que, a curto e longo prazo, se pretenden alcanzar.

c) Desenvolvemento do proxecto en que se reflicta o eixe que o vertebra, actuacións estruturadas temporalmente e unha proposta metodolóxica.

d) A utilización e o grao de implicación dos recursos humanos e materiais existentes no centro en beneficio do proxecto.

e) A colaboración con institucións do contorno e outros centros educativos.

f) O plan de avaliación con especial atención ao grao de incidencia do proxecto na mellora do uso da lingua galega por parte da comunidade educativa.

g) As medidas que se pensan tomar para difundir o proxecto entre o alumnado, as familias e a comunidade educativa, para fomentar a súa participación e aproveitamento.

2. Requisitos.

Os centros que desexen participar nesta convocatoria deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Presentar copia das actas das reunións do claustro e do consello escolar do centro en que conste que estes organismos foron informados do proxecto.

– Presentar un proxecto educativo que implique o maior número posible de alumnado do centro.

– Contar co compromiso dunha porcentaxe significativa do profesorado do centro para desenvolver o proxecto e para participar nas actividades de formación que se organicen para levalo a cabo.

– Contar coa participación do equipo de dinamización da lingua galega.

– Deberá prestarse unha atención especial á presentación, redacción e á corrección lingüística do proxecto presentado.

Artigo 7. Comisión e criterios de selección dos proxectos.

1. Comisión de selección. Para a selección dos proxectos que concorran á convocatoria, crearase unha comisión de selección que estará presidida pola subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, ou persoa en quen delegue, e integrada polos seguintes membros:

– O subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, ou persoa en quen delegue.

– A xefa do servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

– O xefe de servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa.

– Un asesor ou asesora técnica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Un membro da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles proxectos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras técnicos da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. Os membros da comisión e da subcomisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Criterios de valoración.

Valoraranse os proxectos atendendo aos seguintes criterios:

a) Interese educativo do proxecto (60%):

– O seu carácter innovador e a súa integración no proxecto educativo.

– Os obxectivos que persegue e a súa adecuación ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega; a proposta metodolóxica e a formulación de actividades, escolares e extraescolares coa súa periodización; o tratamento dos contidos que se van desenvolver e o sistema de seguimento e avaliación.

– A adecuación do proxecto á proposta de organización e dotación material e humana existentes no centro.

– A súa contribución á eliminación dos prexuízos lingüísticos ou de cantas outras trabas impidan o uso habitual do galego por parte do profesorado e alumnado do centro, tanto dentro coma fóra das aulas.

– A súa contribución á posta en relación do galego cunha cultura de interese para a mocidade e con proxección de futuro.

– O acceso de alumnos e alumnas en igualdade de condicións e o fomento dos valores democráticos.

– As propostas de tratamento da diversidade, a atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo e as medidas para fomentar a igualdade.

– A proposta de medidas realizada para a participación da comunidade educativa.

b) Viabilidade do proxecto (40%):

– A implicación en actividades a través das cales a comunidade educativa se compromete no desenvolvemento do proxecto e na mellora das prácticas escolares como garantía para a súa continuidade.

– O compromiso do profesorado coa lingua galega e coa realización de actuacións de formación que poidan organizarse durante o desenvolvemento do proxecto.

– A utilización de recursos existentes no centro.

– A garantía de continuidade do proxecto, atendendo ao compromiso do claustro para levalo a cabo, á súa estabilidade e á proposta de seguimento e desenvolvemento deste.

Artigo 8. Resolución.

A comisión de selección, unha vez estudadas as solicitudes presentadas, emitirá a proposta de resolución dirixida ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá.

A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/ e no portal educativo http://www.edu.xunta.es no prazo máximo de tres meses, contados desde a publicación desta convocatoria; de non facerse así, as persoas solicitantes deberán entender que se desestimaron as súas solicitudes.

Artigo 9. Pagamento.

A cantidade destinada aos cinco proxectos excelentes é de 12.500 euros. O importe transferiráselles aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2011. O seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.151A.640.1 dos orzamentos do 2011, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 10. Coordinación dos proxectos.

A dirección do centro designará a persoa coordinadora do proxecto de innovación en dinamización lingüística entre os membros do claustro, preferentemente con destino definitivo no centro, coa finalidade de garantir a continuidade deste en cursos sucesivos e que estea involucrado activamente no proxecto. A designación terá efecto para o curso escolar e, se a dispoñibilidade horaria o permite, coa asignación de horas, dentro do seu horario, en número suficiente para as funcións propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado.

As funcións do coordinador ou coordinadora do proxecto son:

a) Asesorar o profesorado do centro durante o desenvolvemento do proxecto.

b) Establecer canles para a difusión da experiencia e para o intercambio de información entre a comunidade educativa e con outros centros e/ou outras entidades.

c) Impulsar actuacións tendentes á ampliación e mellora do proxecto.

d) Orientar o profesorado do centro sobre os recursos dispoñibles.

e) Fomentar a creación de contidos educativos, especialmente os de tipo audiovisual e informático, por parte do profesorado do centro e a súa difusión a toda a comunidade educativa.

f) Actuar de enlace coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 11. Memoria de realización dos proxectos.

Antes do 30 de xuño de 2012, a persoa coordinadora do proxecto elaborará unha memoria das actuacións levadas a cabo para a posta en marcha do proxecto que se enviará no prazo arriba indicado, co visto e prace da dirección do centro, e incluirase, ademais, na memoria final do curso que se lle remite á Inspección educativa.

Esta memoria deberá observar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, as actividades desenvolvidas, o grao de implicación do centro e da comunidade educativa, as actividades de formación, a produción de materiais, a avaliación realizada e as previsións de futuro.

O incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión ou o non achegar a memoria suporá a obriga de reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido.

Artigo 12. Asesoramento e seguimento.

Os coordinadores territoriais de dinamización lingüística, sen prexuízo da colaboración que poidan prestar outras institucións ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento tanto na fase de elaboración dos proxectos coma na do seu desenvolvemento. Desempeñarán, así mesmo, funcións de seguimento dos proxectos nos centros da súa área de influencia.

Artigo 13. Seguimento do proxecto.

Con independencia do exposto no artigo anterior, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levarán a cabo o seguimento dos proxectos, co fin de verificar a súa realización e os resultados logrados.

Artigo 14. Recoñecemento da participación.

A participación do profesorado implicado nos proxectos que resulten seleccionados acreditarase cunha certificación como participantes nunha actividade de innovación educativa. Así mesmo, farase constar nela a equivalencia a 30 horas de formación permanente do profesorado. Á persoa que desenvolva funcións de coordinación faráselle constar ese particular na súa certificación.

Artigo 15. Difusión das experiencias e materiais elaborados.

Os proxectos seleccionados serán publicados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística na súa páxina web http://www.xunta.es/linguagalega/ e no portal educativo http://www.edu.xunta.es

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos seleccionados, a colaboración nesta ou noutras accións de difusión que se organicen, así como a cesión dos dereitos de edición a favor do organismo que convoca.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria