Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Venres, 7 de outubro de 2011 Páx. 29654

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2011, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións para a constitución do Consello Escolar en centros escolares de nova creación e outros sostidos con fondos públicos.

No punto 6 do artigo 126 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), establécese que corresponde ás administracións educativas determinar o número total de membros do Consello Escolar e regular o proceso de elección, polo que, ao abeiro do establecido na disposición transitoria décimo primeira da LOE e dado que este precepto remite a ulteriores disposicións regulamentarias que aínda non foron ditadas, son de aplicación as normas dese rango que o viñan sendo na data de entrada en vigor da LOE, sempre que non se opoñan ao disposto nela.

Pola súa parte, o Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril e os decretos 324/1996, do 26 de xullo, 374/1996, do 17 de outubro, e 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen as condicións de celebración das eleccións dos membros dos consellos escolares nos centros docentes.

A Orde do 21 de outubro de 1996, pola que se determinan aspectos para a elección dos membros do Consello Escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, establece o procedemento de integración no Consello Escolar do profesorado, do alumnado e dos pais e nais do alumnado do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que cursen estudos nun centro de primaria, e determina a composición dos consellos escolares dos institutos de educación secundaria con menos de oito unidades.

A Orde do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados, establece que este procedemento se realizará de acordo co regulado nesa orde e que nos aspectos non previstos nela haberá que aterse ao establecido para os centros públicos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, modificado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo.

Dado que no derradeiro trimestre do ano 2010 correspondeu a renovación de todos os consellos escolares no ámbito da comunidade autónoma, neste ano é preciso proceder á constitución do Consello Escolar por primeira vez nos centros creados con posterioridade á citada renovación, ao tempo que se regulariza a situación daqueles centros que, por razóns de diversa índole, non realizasen as eleccións no citado proceso do ano 2010.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Artigo 1.

O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no Consello Escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos que inician o seu funcionamento no curso 2011/2012, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.

Artigo 2.

As eleccións para a primeira constitución do Consello Escolar nos centros escolares sostidos con fondos públicos, a que se refire o artigo anterior, celebraranse entre os días 7 e 11 de novembro de 2011, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes, de acordo co procedemento establecido:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, na Orde desta consellería do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22 de outubro).

b) Para os centros públicos integrados, no artigo 11 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26 de xaneiro).

c) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, na Orde desta consellería do 29 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro. Corrección de erros: DOG do 15 de novembro).

d) Para os centros privados concertados, na Orde desta consellería do 28 de agosto de 1996 (DOG do 26 de setembro).

Artigo 3.

1. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 10 e 14 de outubro de 2011.

2. De conformidade co establecido no artigo 31.b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidaturas non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 4.

Ás persoas integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e aos electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 70.2.º da Lei 4/1988, do 26 de maio (DOG do 1 de maio), da función pública de Galicia. Non obstante, os días en que se celebren as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Artigo 5.

A primeira renovación do Consello Escolar dos centros a que se refire o artigo 1 desta resolución producirase no ano 2012, coincidindo coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da comunidade autónoma, de conformidade co establecido na normativa vixente.

Artigo 6.

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, a que se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro, como presidencia da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos e candidatas electos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral á xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Logo da constitución do Consello Escolar, a que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro remitirá á xefatura territorial, antes do 30 de novembro de 2011, o formulario que se publica como anexo II a esta resolución.

Disposición adicional primeira.

Os centros que na convocatoria do ano 2010 deberían ter realizada a primeira constitución ou a renovación parcial do Consello Escolar, e que por calquera circunstancia non o fixeron, deberán regularizar a súa situación levando a cabo o proceso electoral de acordo co calendario e coas normas previstos nesta resolución.

Disposición adicional segunda.

No caso de renovación parcial terase en conta que:

1. Os centros modificarán o número de membros do Consello Escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

2. Nos centros regulados polos decretos 324/1996 e 374/1996, para determinar os membros do Consello Escolar que deben ser renovados, procederase de conformidade co establecido no punto 1 da disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, que modifica o artigo 40 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e o artigo 41 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Disposición adicional terceira.

Os centros a que se refire a disposición adicional primeira desta resolución realizarán a renovación do Consello Escolar no ano 2012, coincidindo coa do resto dos consellos escolares no ámbito da comunidade autónoma, de conformidade co establecido nos artigos 49 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente; no artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, e no punto 11. 2. da Orde desta consellería do 28 de agosto de 1996.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2011.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file